Por mor do espazo omito a arquitectura popular
presentada como tal en libros como “Ons, a arquitectura dunha comunidade
desaparecida” de Pedro de Llano, “Bueu: o seus canteiros e os seus
reloxos de sol” de Jozef Van Linthoudt, “Inventario de arquitectura
industrial” de Iria Sobrino e
Rai Calviño, etc.
Sen pretender facer unha relación exhaustiva cito
algunhas mostras arquitectónicas que por mor do momento, das tendencias, do
recoñecemento,… foron premiadas ou recollidas como senlleiras en libros
especializados.
1º Casa de Molezún na Roiba (Beluso). Feita entre 1967-69 como casa de verán por e para o
arquitecto madrileño Ramón Vázquez Molezún, Premio Nacional de Arquitectura
1954. Trátase da remodelación dunha antiga salgadeira á que se lle engadiron
elementos estruturais e materiais novos pero mantendo recunchos e estancias
antigas. Cítase
en, polo menos, dous libros: “Casa
por casa” de Jorge Torres Cueco. 2009. Na páx. 92 e “Casas atlánticas:
Galicia y norte de Portugal” de Antonio Armesto. 1996. Na páx.
48.
2º Mercado e lonxa
municipais de Bueu (1971-1973) Proxecto dos arquitectos César Portela
(Premio
Nacional de Arquitectura 1999) e Pascuala Campos. Foi a lonxa que
dende principios dos 70 estivo ata que se fixo o Centro Social do Mar e a Praza
actuais. Levou un premio, entre outros, ao recoñecemento á utilización nova das
pranchas de filón translúcido (coñecémolas coma “uralita
translúcida”).
3º Pavillón
Polideportivo de Bueu. Do arquitecto Agustín Miguel Pouseu
Loira, fillo de bueuenses, que con esta obra gañou o III Concurso Nacional
Ferrogres-Arquitectura 1995.
A
súa traxectoria como arquitecto de prestixio (foi
Presidente del Colegio Oficial de Arquitectos de Pontevedra)
está acompañada pola creación poética (“El bosque de ‘Acivro’”) e
plástica (pintura, escultura, debuxo, plumiña,…)
4º Conxunto
Residencial “Mazá Massó” de Bueu. Os autores do proxecto técnico son
os arquitectos Jerónimo Junquera, Liliana Obal e Teodoro de Francisco Antes e
promovida pola empresa Cuarteirón. Recibiron o primeiro premio do Colexio
Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en Planificación, 2011.
Tamén poderíamos dicir:
… que a actuación dos arquitéctos Irisarri e Piñera no
porto de Beluso tamén sae en revistas especializadas…
… que Bueu ten un feixe selecto de arquitectos/as xoves
que deberían ter máis oportunidades no mundo da construción…
… que hai reconstrucións de casas unifamiliares,
muíños, etc. merecedoras de recoñecemento e feitas pola experiencia e bo facer
de "mestres de obra" coma Antón e outros…
… que o Cine Avenida foi uns dos primeiros edificios
feitos en Galicia con cemento armado…
Todo iso pode que teña presenza outro ano
Ningún comentario:
Publicar un comentario