|
De O Candil nº 20
|
Dende hai anos, moitos cidadáns viron
con pena a desaparición ou desfeita de elementos pertencentes ao patrimonio de
todos. Os por que? que isto xera son moitos, pero case que nunca contestados e,
co gravame, de que o tempo os oculta da memoria colectiva.
Por poñer un exemplo de Bueu,
fixarémonos no Viacrucis ou camiño con cruces que no seu día, finais do século
XVII, mandara facer o abade de Bueu Fernando de la Rúa Freire e Andrade que ía
dende a igrexa de San Martiño ata a de Santa Cruz. Das dezaseis cruces que o
conformaban só queda o cruceiro que está fronte a capela de Sta. Cruz e algún
que outro mastro (fuste ou columna) e algún baseamento (plataforma) ou pedestal.
Todos os demais elementos desapareceron; a última cruz non hai moitos anos.
Pero que pasou? Cando e quen é o
responsable? A estas e outras preguntas atopamos resposta no oficio que en 1881
o abade de Bueu, Manuel González, lle envía ao alcalde Narciso Galup Vergés e
que a continuación transcribo:
“Sr. Alcalde Constitucional de Bueu: O que subscribe, rexente
eclesiástico de Bueu, pon en coñecemento da superior ilustración de Vd. que habendo
chegado ao seu coñecemento, que un demente da supra dita parroquia, despois de ter
derribado varios cruceiros ou crucifixos da casa titulada Sta. Cruz, destruíu o
dez e nove del presente mes de xaneiro o que estaba na estrada que parte da Praia
a esta igrexa do meu cargo e sendo un deber de todo bo cidadán poñelos en coñecemento
das autoridades competentes, o poño en coñecemento de Vd. A fin de que ese
demente chamado Manuel del Río (alias o Choyo) non ocasione no sucesivo danos
que haxa que deplorar. Deus garde a Vd. moitos anos para ben deste distrito. Xaneiro
24 do ano de 1881==
Asina: Manuel González”
Graza a isto tamén coñecemos que no
cruce do camiño da Igrexa coa estrada a Aldán (actuais rúas Alexandre Bóveda e
Pazos Fontenla) houbo un cruceiro. Cruceiro este que o tempo fixo de novo,
cambiando a situación, na barriada de Pescadores.
Referencia á desfeita do viacrucis a
podemos ver de novo case setenta anos despois (1948) cando outro párroco de
Bueu, Ángel Rama Lestón lle envía unha carta ao alcalde José Mª Massó para
agradecerlle que este lle comunicara o proxecto de construír unha nova “capela-ermida na mesma paraxe na que estivo emprazada a
anterior dos Santos Reis e baixo a mesma advocación titular” que
fundara Fernando de la Rúa. Da capela vella lle di que “de cuxos vestixios só quedou o recordo flotando no
ambiente [...] abrigo a esperanza de que haberá de quedar resgardada para
sempre de toda incuria e espírito demoledor, que parece cebouse nas obras
públicas realizadas polo D. Fernando nesta parroquia; cal aconteceu tamén cos
cruceiros das estacións do Viacrucis erixidos por el en 1681 desde o templo
parroquial desta vila ata a capela-ermida de Sta Cruz, fundada ase mesmo por el
en 1671, e dos cales só queda en pé o que
está fronte ao portal exterior desta capela, e tal vez o do Enleito, e algunhas
varas doutros, pero tronchadas, como se quedaran para testemuñas dalgún furor
iconoclasta que pasou pola localidade”.