Aínda que radicalmente distinta na época, na temática e na
cor, quero presentarvos outra quenda de cromos vinculados con Bueu. Se os
anteriores estaban relacionados coa paisaxe, os de hoxe teñen en común o
Deporte.
Este primeiro ven do mundo da vela. Atópase en España
Deportiva, álbum publicado en 1965 pola editorial catalá Crosal onde, como
reza na portada, están “todos os campións de España”.
O cromo (6 x 7 cm) é o número 180 do apartado Vela. Nel poden
verse na terraza do Náutico de Vigo a Fernando Massó e ao seu primo Tomás
Massó, que se proclamaran, facía pouco, campións de Europa de Snipe co seu
barco “Norte”.
Pero falar de deporte e de cromos en Bueu o que acapara a
maior cantidade ao longo do tempo é Amador Lorenzo Lemos[1]
consecuencia da súa traxectoria na elite do fútbol español.
Como poden observarse nas fotografías expostas moitas van ser
as editoriais (FHER, Este, Lisel, Cano, Panini, El Periódico de Barcelona,
etc.) que sacarán cromos da Liga nos anos en que militaba Amador como porteiro de
equipos de primeira división, coma o Real Madrid, Hércules, Barcelona ou Real
Murcia.
Outra colección interesantísima de cromos coa temática
deportiva é o magnífico álbum Colección Oficial 2019-2020 que este ano sacou o ADFS
BUEU (Agrupación Deportiva Fútbol Sala Bueu) no que aparecen os cromos dos
compoñentes de todas as categorías pertencentes ao club.
Como último exemplo de cromos de Bueu o temos no Colexio A
Pedra. Trátase dun fermoso álbum que
entregaron as profesoras, Cristina e María, ao seu alumnado con todas as
fotografías deles e dos momentos de interese dos dous cursos da etapa infantil
que agora rematan.
Nota: De seguro que haberá máis
cromos de Bueu xa sexan de Amador, doutras persoas, paisaxes, patrimonio, etc.
pero non as posúo ou teño referencia. Por se hai suxestións, lembrar que este
blog sempre está aberto para ser ampliado, cambiado, etc.
[1]
Amador Lorenzo Lemos: A súa biografía,
entrevistas, traxectoria, etc. pode verse na miña web: https://descubrobueu.wixsite.com/bueu/amadorlorenzo (ou de forma
curta: http://xurl.es/amador1) ou no folleto “50 aniversario Club Deportivo Bueu”
(tamén na web) http://bueu.esy.es/Folletos/DeportivoBueu/DeportivoBueu_20_Biografia_Amador.pdf (de forma curta https://xurl.es/amador2 ).