27 de dec. de 2015

Estrutura metálica da Fábrica de Massó-Bueu

No ano 1925 falar da “Nova Fábrica” de Massó en Bueu é falar en realidade dunha grande e importante ampliación[1] que grazas aos materiais empregados e ás posibilidades estruturais dos mesmos permiten unha reestruturación espacial que da prioridade ao lugar de produción.
Polo dito podemos intuír a relevancia da estrutura metálica que permitiu unha arquitectura con grandes espazos en substitución dos voluminosos muros de carga orixinais que fixeron desta un elemento interesante a conservar dentro do noso Patrimonio Industrial.
Pero como moitas cousas na nosa contorna foron esvaecéndose por mor dos remuíños da política, da crise, do pensamento acultural, do ‘deixa que xa’...
 O que agora quero é facer unha lembranza dos “ferros da fábrica” ao través do primeiro presuposto[2] da Compañía Anónima Basconia para a construción e montaxe dos mesmos.

Datos finais tendo en conta o Plano de armadura e columnas para a fábrica:
Peso aproximado da estrutura: 91.000 kg.
Prezo do material pintado de minio: 81.445 pesetas
Montaxe: 9.100 pesetas
Tempo de construción en talleres: 12 semanas
Tempo de montaxe: 8 semanas
Prezo total da obra: 90.545 pesetas


Nota: Grazas a Manuel Aldao por facilitarme os dous cocumentos

[1] A primeira relevantes desde a construción da fábrica vella. A segunda ampliación foi unha segunda nave aínda maior que a primeira.
[2] O segundo presuposto, e definitivo,  rebaixa o número de semanas, de 35 a 20, para construción e montaxe.

13 de dec. de 2015

Pontes e rampla do Pazo do Casal de Bueu

Falar da Casa-Torre do Casal, ou Pazo do Casal, “dos Picos” ou da Graña é falar das antigas fidalguías baixomedievais na comarca do Morrazo.
Atribúeselle a súa fundación, no século XV, á familia dos Fernández Aldao cuxos descendentes serían propietarios do mesmo ata o ano 1914[1].
A estrutura da casa-pazo variou dende os seus inicios que foran coma “torre grande con troneiras e ameas e outros instrumentos para a súa defensa e un foso”. No mesmo documento[2] onde aparece a descrición anterior fala de que todo fora derrubado polos señores da Torre de Meira e Darbo.
Posteriormente foi levantada a estrutura principal, sobre a base do que fora a torre. A casa seguiu a sufrir modificacións ao longo do tempo: fundouse unha capela[3] agora integrada na casa principal, engadíuselle a ampla terraza que da ao poñente,...
Mais hoxe o que quero sinalar son algunhas notas acerca duns elementos actualmente  desaparecidos que aínda están na memoria dalgúns: As pontes que unían as dependencias superiores da casa coa estrada Bueu-Cangas e rampla que daba á mesma estrada.
En canto a unha Ponte de pedra:
No 1883, Don Joaquin Aldao Sarmiento[4] demanda a Benito Quinteiro, mestre de cantería de Meiro, para que devolva 40 pesetas que se lle anticipou por conta da pedra para a construción da Ponte de entrada na dita torre que tiña encargado o Sr. Aldao. Tamén lle pide que lle pague 2000 reais (500 pesetas) que lle costou ao Sr. Aldao o almorzo e xantar co que tivo que dar a 22 “labregos distinguidos” que levaron a pedra desde o monte Borrallido á casa Torre como á Benito Quinteiro e outro canteiro.
Reclámalle que retire a dita pedra por non reunir as condicións legais e moito menos as estipuladas, inútiles para a construción da devandita ponte.
Esta ponte pode referirse ao que hoxe é parte da terraza posterior e que no seu momento tiña unhas escalas que servían de entrada nobre ou principal desde a parte interior do circundado.
En canto a rampla de entrada á finca:
No 1929 o propietario Miguel Costas pide autorización, ao través da alcaldía, a Obras Públicas de Pontevedra para que lle sexa autorizado “construír unha rampla de acceso dende a súa casa do Casal, á estrada de Pontevedra a Cangas no seu quilómetro 19 hectómetro 7, marxe dereito”.
En canto ás Pontes de ladrillo e cemento:
Realizadas nos anos trinta do século pasado polo mestre albanel Baltasar Buceta. Eran dúas pontes ou pasos elevados feitos de ladrillo e cemento. Localízanse na fachada leste do edificio permitindo o paso, directamente, dende a estrada Pontevedra-Cangas ata o primeiro andar do pazo. Ambos elementos permaneceron operativos ata os anos setenta do século pasado.
Ponte –A: Con balaustrada de ferro forxado e estrutura algo abovedada. Chegaba a unha porta que había no lugar que agora ten a segunda ventá, comezando pola dereita. Accedíase ás dependencias principais da casa-torre.
Ponte –B: Con balaustrada de cemento. Situada na estrema esquerda da torre ameada, correspondéndose coa zona da actual última ventá. Daba a unha porta pola que se accedía a unha pequena estancia que tiña uns pasos de escala que permitían o acceso á tenda-comercio[5] que ocupaba o que fora no seu tempo capela.
Da parte dereita da balaustrada, xunto á porta de entrada, baixaban unhas escadas cara a finca.




[1] Foi da familia Aldao ata que o 18-1-1914 foi mercado por Miguel Costas Acuña, logo herdouna seu sobriño Jesús Fernández Gutierrez, tamén viviría nela Julia Fernández co seu fillo Xulio Formoso Fernández (músico, pintor, xornalista,... desde inicio dos anos cincuenta ata 1965 que marcharon para Venezuela),…e logo sería adquirido polo médico Manuel Otero García. Sinalar que tamén viviu, durante uns poucos anos (ata o 1972) a familia de Agustín Gutierrez.
Os usos do pazo foron fundamentalmente residenciais pero ao longo do tempo tamén complementouse con outros: no 1905 estaba alugado ao concello que o utilizou durante un período curto coma xulgado municipal; alugado como “casa rural” como no verán do 1925; tamén houbo tenda; no 1930 tiña un local a banda de música (pois lle retirara o que tiña o concello),...
[2] Dilixencias previas para a executoria de fidalguía de Jerónimo Fernández de Aldao (1670)
[3] Alonso González de Moaña levantou a capela no ano 1473.
[4] Tío-avó do ilustre escritor Victor Said Armesto (que pasaba tempadas nesta casa cós seus avós)
[5] Aberta a primeiros do mes de xaneiro de 1930 coma “comercio de viños e comestibles” e nalgún tempo o Sr. Miguel tamén despachaba “materiais de construcción” que almacenaba na finca do pazo. Os últimos que rexentaron esta tenda foi a familia de Ramón Blanco e Antonia Barreal.

1 de dec. de 2015

Intento de extorsión a un industrial da Praia de Beluso

Poida que moitos de vostedes nunca ouvisen falar de Darío Lameiro.
Darío Lameiro Sarachaga (1849-1928) era un empresario vigués que tivo tamén dúas fábricas-almacén de salga na praia de Beluso -finais do s. XIX e primeiros anos do s. XX-, outra en Balea (Cangas),...[1]
Certo día, a mediados do mes de xuño do ano 1900 recibiu unha carta anónima que lle esixía 25.000 pesetas a cambio de non “queimarlle as entrañas logo de queimarlle as fábricas”. A cantidade debía depositala ao pé dun grande pino que había preto do camiño (hoxe estrada) que vai de Bueu a Beluso.
Avisada a Garda Civil esta aconselloulle seguir as instrucións da nota pero non sen antes apostarse catro gardas civís en distintos puntos para vixiar a recollida da caixa cós cartos. Efectivamente, foi sorprendido “in fraganti” o suposto extorsionador. Que veu sendo un pai de familia –tiña catro fillos-, veciño de Bueu que, desesperado polas penurias familiares, levouno a maquinar tal delito.  
O Sr. Lameiro coñecendo as circunstancias que condicionaban ao autor deste malfeito quixo perdoarlle e que foxe liberado pero a Garda Civil non o consentiu e o puxo a disposición do xuíz municipal de Cangas.


[1] Mercara a casa-salga en Beluso da familia Roura para venderlla aos Prieto e logo tamén era propietario da fábrica de salga na Roiba.

21 de nov. de 2015

Xunta Local de Reformas Sociais no Bueu de 1900

En cumprimento da Lei de 13 de marzo do ano 1900 o alcalde de Bueu D. Miguel Nogueira presidiu unha reunión cós patróns e obreiros deste concello. O primeiro que fan é dar lectura á Real Orde que regula o traballo dos nenos menores de dezaoito anos e mulleres menores de vinte tres anos. Para controlar o cumprimento destas regulacións, e tal como recolle a Real Orde, ditos patróns e obreiros procederon á constitución dunha Xunta Local e nomeamento dos seus vogais que quedou como segue:
Vogais da patronal             Vogais dos obreiros
Juan Tapias Puig              Juan Cerviño González
Salvador Massó Ferrer    Emiterio Couso
Darío Lameiro                 Juan Abilleira Pousada
Francisco Prieto              Juan Martínez Barreiro
Manuel Fontáns              Manuel Gómez
 Manuel Martínez Veiga Jesús Bernardez
(En nome de José R. Curbera)
Tamén foron nomeados vogais os párrocos de Bueu, Juan Martínez Casamande, e de Beluso, José Ferro Baliña.
Remataron a sesión constitutiva da Xunta Local de Reformas Sociais coa elección de Secretario que recaeu en Juan Cerviño e, coma substituto deste, Salvador Massó.
As resolucións desta Xunta nas primeiras sesións, e pola influenza dos curas párrocos, estaban centradas na prohibición de traballar os domingos e festivos e así chegamos a 1903 e seguimos a ver “que a pesar do acordado por esta Xunta en sesións anteriores, é hoxe en día que se segue polos Fabricantes desta localidade admitindo ao traballo nos domingos e días festivos ás mulleres de todas as idades e nenos menores de dezaoito anos en oposición aberta ao último parágrafo do artigo 6º da Lei de Reformas sociais...”. Polo que se pide “impóñaselle aos patróns as multas correspondentes por tales infraccións”. Todo quedou en que se lle pasaría un aviso á patronal... e a partires de aquí o único que se constata son cambios de nomes dos vogais pero ningunha outra resolución nin a favor nin en contra dos traballadores nin da patronal.   

10 de nov. de 2015

Dúas festas de San Martiño en 1907

No ano 1907, D. Miguel Nogueira Fráguas, xuíz municipal, convocou aos veciños a unha reunión para estimulalos a participar na realización das festas patronais de San Martiño. Nesa reunión nomeáronse “comisións encargadas das subscricións e recolección de froitos como de costume, para o tal obxecto”.
A comisión da Praia pretendeu que “os festexos tivesen lugar na praza da rúa Eduardo Vincenti, e non no sitio próximo ao atrio da igrexa, onde sempre se celebraron”.  Nisto non estiveron de acordo as comisións chamadas “da aldea”, aducindo “costume inmemorial establecida polos seus antepasados”.
A comisión da Praia contratou á banda de música de Cangas dirixida por D. Fernando Costas, encargándose de iluminaras rúas e prazas durante tres días así como disparar bombas e foguetes.
La Correspondencia Gallega 8-11-1907

, as comisións “do rural, encargadas da totalidade das festas, tanto relixiosas coma cívicas, non menos celosas de manter as súas antigas costumes, contrataron á brillante banda de música que dirixe o acreditado mestre, D. Marcelino Giráldez”. E o seu programa era o seguinte:
Día 10.- Ás tres da tarde, percorrido polas rúas da citada banda saudando ás autoridades e sociedades. Ás seis da tarde solemnes vésperas con orquestra na igrexa parroquial e, rematadas estas, baile no atrio ata a noite.
Día 11.- Ás sete da mañá, salva de bombas e diana polas músicas e gaitas. Ás dez da mañá, irán as Comisións de festa, precedidas pola banda de música dende o pazo do Casal ata igrexa. Ás 11 función relixiosa na honra de San Martiño, con orquestra e voces. Ao rematar a misa, procesión xeral, onde a orquestra interpretará varios motetes alusivos ao Santo. Ás catro da tarde, salva de bombas e paseo polo atrio da igrexa , amenizado pola banda de música de Porriño. Ás seis, vésperas de San Roque, no templo, con orquestra: iluminación á veneciana e focos de luz acetileno; baile amenizado pola banda de Porriño, ata ás dez da noite.
Día 12.- Os mesmos festexos do día anterior co mesmo horario e sitio, á excepción das vésperas da igrexa.

1 de nov. de 2015

Un explosivo esnaquiza o cruceiro de Castiñeiras

A petición do Gobernador Civil (BOP de 9-1-1937) para que se informe dos monumentos, obxectos, bibliotecas, etc.  considerados como artísticos que foron derrubados despois da chegada da República (14-abril-1931).



Como resposta a esta dilixencia só se mencionou como de haber sido danado o Cruceiro de Castiñeiras (ou Morouzos). E en contestación ás preguntas do cuestionario danse as seguintes respostas:
  1. Chamase cruceiro de Castiñeiras por ser este o nome do monte onde se atopa. Dista do casco da vila uns seis quilómetros e está ao pe do camiño veciñal da Portela á Praia de Lago.
  2. Seu valor máis que artístico é sentimental, estando alumeado case constantemente con lámpadas de aceite levadas alí pola devoción. Ten a seguinte inscrición: “Esta obra mandó hacer a su costa el Capitán D. José de la Rúa –La O V.- al se  te  de  ció el día 14 septiembre 1700”.
  3. Foi derrubado en setembro de 1934 por medio de explosivos sen que puidera coñecerse o autor deste delito. Quedou esnaquizada a columna e con grandes estragos as efixies do Santo Cristo e a Dolorosa.
  4. O concello no adoptou pola súa parte medida algunha para a reconstrución.
  5. Acompáñanse 3 fotografías de como se atopa na actualidade.
  6. Foi reconstruído a expensas da Casa Massó Hermanos executando o traballo Manuel Acuña, canteiro con domicilio en Bueu.
  7. Non é preciso polo momento ningún traballo máis que os que xa se fixeron.

Asina o alcalde en Bueu a 26 de abril de 1937


22 de out. de 2015

Licenza á empresa Massó de Bueu para fabricar cravos – 1927

No ano 1927 a empresa Massó Hermanos solicita autorización para “instalar na súa fábrica de conservas de peixe, unha máquina de fabricación de Puntas de París, con destino exclusivo para as súas necesidades” na fábrica que posúen en Bueu.
Ante a publicación[1] oficial de dita autorización os industriais dedicados ao ramo da fabricación de arameos e Puntas de París elevan instancia ás máis altas autoridades para que lle deneguen á empresa Massó a dita petición aducindo os seguintes motivos:
  • Porque nese momento “hai exceso de fábricas de Puntas de París que apenas traballa polo que hai unha enorme produción a prezos de coste e en cambio o consumo absorbe unha pequena parte, o que orixina un envilecemento nos prezos que é causa da grande crise que atravesa” o sector.
  • Porque son bastantes as fábricas que polas razóns anteriores tiveron que paralizar a fabricación, ou están en suspensión de pagos e quebra.
  • Porque co pretexto do “PROPIO CONSUMO móntanse subrepticiamente novas fábricas que perturban o mercado nacional xa que importan grandes cantidades de arameo estranxeiro aproveitándose das oscilacións do cambio e cotizan a ameaza, con evidente prexuízo da Economía Nacional”
A pesares de todas as queixas do sector o Presidente do Consello de Ministros, de acordo co Comité Regulador da Produción Industrial, autoriza á empresa Massó para que poida fabricar Puntas de París. O que se publica na Gaceta do día 27 de outubro de 1927.

Nota: Grazas a Manuel Aldao pola información facilitada.

[1] Gaceta de Madrid n1 155 do 4 de xuño de 1927

11 de out. de 2015

Proxecto e presuposto da igrexa San Martiño de Bueu - 1860

No expediente relacionado coas obras e proxección en planta do proxecto de igrexa parroquial en San Martiño de Bueu atopámonos coas seguintes noticias que aquí resumo:
En canto á xustificación da necesidade dunha igrexa nova:
-          Pouca capacidade da vella dada a ampla veciñanza que posúe.
-          Por estar as súas paredes agretadas e ter esborralles notábeis e socavados gran parte dos cimentos.
-          Coas madeiras que arman o tellado e teito do templo, enteiramente inútiles e con desprendementos que ameazan próxima ruína.
-          Por ser tal o estado de todo o edificio que non admite reparación algunha que o sacase da ruína.
Por todo iso o arquitecto Domingo Lareo[1] fixo o proxecto, que se adxunta, do novo templo. “Proxecto o máis sinxelo en ornato e económico no custo”. Para contratar a licitación e construción das obras do citado proxecto puxo as seguintes condicións:
-          Cimentos dun metro, termo medio, de fondura.
-          O contratista non podería comezar a facer os cimentos sen o previo recoñecemento dos mesmos polo arquitecto.
-          Feitos os cimentos e asentado o soleado trazarase o perímetro que  ocuparan o groso das paredes coa asistencia do facultativo.
-          O zócalo exterior e interior que reciben as paredes, as faixas dos esquinais, as pilastras, os estribos, doelas dos arcos, [...] a fachada e paredes que constitúen, a torre, o lousado de toda a igrexa sancristía e a súa escaleira será o cadeirado da illa de Tambo e as paredes do corpo da igrexa e sancristía de cachotaría perpiaños asentados en morteiro de cal e area , [...] O recebo e chaira que ha de cubrir as paredes de cachotaría pola parte interior e exterior do templo [...] Para as revocaduras ou brancos daranse as mans que sexan necesarias con calea de cal puro.
-          As madeiras a empregar no tellado serán de carballo e castaño e, despois de montada, daranlle unha man de alcatrán.
-          Nos vans de luz poñeranse reixas de cadrado, a excepción da reixa da fachada que será de adorno.
-          A bóveda da igrexa será de medio canón.
Coma resumo do presuposto:
Importe total da obra                              160.689,9 reais
Por valor de materias da igxexa actual   16.818,0 reais
Cantidade ofrecida pola veciñanza         10.000,0 reais
Cantidade sobre os fondos do Estado   133.871,9 reais
Pontevedra 26 de xullo de 1860

Nota: Ver artigo relacionado saído neste mesmo blog 0 3/5/2015: O Concello pecha a igrexa de Bueu.



[1] Domingo Laredo Quintela naceu en Santiago de Compostela no 1791. Un dos poucos arquitectos, con Alejo Andrade, José Mª Noya, Santiago Estévez,… que na primeira metade do século XIX tiñan título pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

1 de out. de 2015

Aparatos de radio incautados en Bueu

No mes de xullo de 1936 as autoridades requisaron, entre outras cousas, os aparatos de radio que había nas mans de particulares do concello de Bueu. Pasados os meses, e examinados os expedientes políticos dos seus donos, foron devoltos. Máis a algúns, pese a ser afectos ao Réxime, tiveron que reclamar o seu aparato. Tal foi o caso de dous industriais de A Graña. Un era dono dun aparato de radio marca Clarion, modelo 470 tipo 2  e o outro da marca Philips nº 5976 tipo 634. Logo de pedir de novo os informes ao posto da garda civil e recibidos estes de forma favorábel o alcalde decreta lle sexan devoltos case un ano despois (maio de 1937).

Clarión 470
Philips tipo 634

27 de set. de 2015

Unha gaita de Beluso pioneira na Armada Española


No ano 1939 créase en Cartagena (Murcia) a primeira banda de “gaitas galegas” na Infantería de Mariña Española. A “culpable” de que se constituíse esta, e de que nos actos da Armada Española houbese “representación da música galega”, foi dunha gaita de Beluso e do seu dono Manolo Barros Comedeiro, naquel tempo infante de mariña.
Conformaban a banda 32 gaitas mercadas nun establecemento da rúa Velázquez Moreno de Vigo. O encargado de recollelas e transportalas ata Cartagena foi o mesmo Manuel Comedeiro. Os compoñentes eran case que todos galegos e mallorquinos; e a primeira peza que tocaron fora “Baila, miña Maruxa”. Participaron no “Desfile da Victoria” dese ano e ese foi o empurrón para que se consolidara a ”banda de gaitas na Infantería de Mariña”.
Pero se queredes coñecer as reviravoltas polas que se chegou a iso teredes que ler o relatorio  do profesor Staffan Mörling, “A gaita galega nas bandas de música da Infantería de Mariña Española” no libro titulado “Albeites, compoñedor@s e menciñeir@s” que conten uns 20 artigos coordinados por Antón Patiño[1], ou, de non poder facerse con el, atoparédelo neste enderezo:  https://bit.ly/2kZmgej ou neste outro da revista Aunios nº 12:   https://bit.ly/2sSLIpr

[1] Libraría Librouro de Vigo, editora do libro.