18 de out. de 2016

Símbolos nas igrexas de Bueu

Lido hoxe na prensa que o alcalde convocaba para o vindeiro xoves aos portavoces de todos os grupos políticos para consensuar unha declaración pública que se faría efectiva na vindeira sesión plenaria sobre a eliminación dos símbolos franquistas xa que, segundo di o articulista, é para facerse eco dun escrito presentado o pasado ano pola Asociación Johan Carballeira. Hasta aquí todo parece “normal” pois segue a ser un problema recorrente espallado no espazo e na xeografía dos pobos no panorama nacional, sobre todo a partires da promulgación da Lei 52/2007 de 26 de decembro coñecida como Lei da Memoria Histórica.

Invitación á Inauguración na igrexa de Cela
Pero tamén en Bueu é un asunto reiterado, pois xa en setembro de 1987 houbo unha Moción na que se dicía: “O PSdeG-PSOE cre que os falecidos na guerra civil morreron en defensa dos seus ideais, tanto os dun bando como os do outro, por iso os privilexios dalgúns deben acabar.Polo anteriormente exposto, queremos que a corporación tome o acordo de xestionar coa Igrexa para que se retiren en todas as igrexas desta vila, os nomes dos mortos na guerra civil que están nas súas fachadas.”
 A Moción foi votada favorablemente polos 7 votos do PSOE e BNG e rexeitada polos 9 votos de A. P. (Alianza Popular) que era o grupo de goberno. Na intervención previa á votación o Sr. Alcalde dixo “que entende que as decisións que se tomaran no seu momento, posiblemente por familiares, Igrexa e Estado, son decisións que se tivera que cualificalas as cualificaría de desafortunadas, pero entende que nas lápidas coas inscricións dos mortos, as únicas persoas que poden tomar decisións ao respecto, son os familiares, anunciando, por elo, o voto en contra do seu grupo”.

14 de out. de 2016

Permiso aos autobuses para pasar polo centro de Bueu

O 12 de  outubro do 1933 Antonio Alonso, como Concesionario da exclusiva de transportes de viaxeiros entre Pontevedra e Cangas, por Bueu, solicita autorización oficial ao concello de Bueu para pasar polo centro do pobo co seus coches de  Liña de Viaxeiros. E así as vantaxes para os viaxeiros serían grandes xa que de non posuír dito permiso estes veríanse precisados a trasladarse a pé dende a estrada do Estado ata o centro da vila e viceversa para tomar o coche. “Cobrando o recorrido ao prezo de concesión segundo se ven facendo nestes momentos”
O concello, catro días despois, respóndelle que concede a autorización sempre que rexan as condicións de prezos impostas na concesión de exclusiva pola mencionada estrada.


3 de out. de 2016

As caras da Casa de Cultura de Bueu

O pasado 9 de agosto a Casa de Cultura de Bueu cumpriu 25 anos dende que fora inaugurada. Vinte e cinco anos nos que a Biblioteca facilitou o acceso á Cultura a centos de rapaces e adultos do noso concello.
Eu, a parte de felicitalos quixera que as institucións municipais, e a cidadanía en xeral,  envórquense máis coa Biblioteca para que teña a posibilidade de ser un elemento importantísimo de dinamización cultural.
Por lembrarlles algo voulle pór a cara que puido ter a Casa de Cultura de ser elixido calquera outro dos proxectos presentados para a súa construción.  
Nota: Se foramos ao fondo dos proxectos veríamos que non só variaría o elemento estético senón, e iso sería o máis importante, os presupostarios e os elementos funcionais e de espazos. Moita xente sempre considerou que adoecía, entre outras cousas, do espazo necesario para actividades como a dos centros educativos ou actuacións e actos que atraen a un público numeroso ou que precisan dun escenario amplo.
Os proxectos comezaron a presentarse no ano 1983. A 7 de xuño de 1986 por Acordo Plenario encárgase da redacción do proxecto ao equipo técnico formado polo arquitecto José Miguez León, Miguel Juncal Pereira e Manuel Cerviño García.  O presuposto foi de de 26.764.291 pesetas. A aprobación do proxecto definitivo por parte do Pleno do concello foi na Sesión Ordinaria do 9 de decembro de 1986. 

Arquitecto José Miguez León, Miguel Juncal Pereira e Manuel Cerviño García

 

Arquitecto Arturo Dapena, José A. Hermo e Ignacio Hermo
Arquitecto Federico del Campo Navarro
Outro proxecto 

Como elemento de curiosidade dicir que o folleto da inauguración tivo como espello o da Casa de Cultura de Urretxua (Gipuzkoa) co distingo que este último pasou de ser de folleto inaugural a un estable de información-guía coa localización das dependencias do inmoble  e das actividades que alí se realizan.