Antonio Cidrás Piñeiro |
Salvador Vilas Iglesias |
Recordo
que cando a néboa pechaba a ría, as sirenas dos barcos e as voces dos mariñeiros
anunciando a “cala”, facía que as xentes, conscientes do perigo, achegásense á
praia para gritar, ou na noite, con lumes e así avisar da situación, as rocas ou
dos baixos…
Recordo
por escoitalo unha vez a miña nai, polas hemerotecas e pola documentación que me achegou o meu amigo
Ramón Vilas, que a tal hora de hai 84 anos tamén había néboa na mar, tamén era
domingo e, curiosamente, o meu avó e o seu avó estaban uno fronte ao outro no
mar de Lagos. O un nun penedo como náufrago, o outro, en compañía da súa irmá,
como rescatador:
Era
o día 14 de xullo de 1929, ás tres mañá, os irmáns María e Salvador Vilas
Igrexas, de 27 e 23 anos, fillos do caseiro da vivenda que a familia Massó ten
preto da praia de Lagos-Beluso, levantáronse sobresaltados ao ouvir os toques
de alarma da sirena dun barco próximo á costa. Baixaron á praia a ver o que
ocorría. Segundo di o expediente, que eles mesmos asinaron, “…ouviron voces de
auxilio dos tripulantes, e postos á fala con eles, tranquilizáronos dicíndolles
o lugar en que se achaban…”
Circunstancias
do naufraxio: O buque estaba a facer probas de mar. Saíra de Marín cara a Ons
e, buscando porto debido á espesa cerrazón de néboa, foi quedar varado nuns
baixos rochosos chamados Cons a uns 200 metros da Praia de Lagos.
Os tripulantes botaron a auga a chalana de a bordo e con ela tenderon o
rizón pola popa para ver se con este e a máquina do barco podían polo á flotación.
O rizón rompeu, inclinouse o barco e abriuse unha vía de auga. Ante a imposibilidade
de facerse co barco decidiron coa mesma chalana trasladar a todos os mariñeiros
a unha rocha próxima. A pesar de que o mar estaba en calma non tardou máis de 20
minutos en afundirse. Comezaron a trasladar aos mariñeiros á praia logo de advertirlles
os irmáns Vilas que estaban na Praia de Lagos. Salvador Vilas pediu que alguén
axudáselle a baixar a súa chalana que tiña na praia. Un mariñeiro veu a nado e
tras baixala puideron traer 6 ou 7 homes máis.
Ao
día seguinte o patrón e o maquinista cun lanchón e un mergullador tentaron
sacar o barco pero unha forte marusía do noroeste impediuno. O casco rompeu e
parece que puido recuperase a máquina.
Tras saír a noticia na prensa local e nacional o
Presidente do Consello de Ministros, Marqués de la Estrella, solicitou
información ao Gobernador Civíl e este a o alcalde Sr. Camilo Davila coa
intención de que, de ser certos os feitos, darlle algunha distinción. A distinción
sería a Cruz da Orde Civíl de Beneficencia. Aínda que a heroicidade foi recoñecida a medalla...
Ficha:
- Barco
afundido: Vapor “Florentina” de 15 m de quilla, da matrícula de Marín
- Patrón-Armador:
Antonio Cidrás Piñeiro “O Conexo” da Praia de Loira. Fora patrón dunha lancha
da arte desde moi novo. Este era o primeiro barco que conseguise construír e,
para maior desgraza, aínda non tiña seguro. Posteriormente puido refacerse e
construír a motora “Río de Loira”, o “Conexo”,
- Maquinista-armador:
Manuel Loira Campelo “Follato”
- Mariñeiros:
30. Todos da Praia de Loira e arredores.