1 de dec. de 2020

Cando a salga vai mal

No maxín de moitos está que a industria da salga foi durante anos unha industria florecente na que o traballo non faltaba, tanto na terra como no mar. A idealización deste tipo de actividade ven dada pola grande cantidade de xente que empregaba directa e indirectamente, polas salgas e outras construcións de tipo suntuario  e, sobre todo, polo estilo de vida e status social dos seus propietarios.

A realidade foi máis diversa, e houbo de todo en todas as épocas onde era habitual esta actividade (s. XVIII ao XX). A dependencia da presencia ou non do peixe, fundamentalmente da sardiña, na nosa costa; a liberdade de movemento do transporte marítimo, dificultado polas guerras ou pola actividade corsaria, ou pola irrupción de novas técnicas de conservación dos produtos farán máis visibles eses altibaixos.

A Roiba-1920

Por mencionar dificultades no mundo da salga en Bueu porei, a modo de mostra, tres exemplos:

-          Juan Domenech, para facer fronte aos gastos ocasionados pola fábrica de salga que posuía no Porto de Figueirón (Beluso) ten que pedir un crédito hipotecario  de 7.500 pesetas á sociedade “Salvador Massó e Hijos”. Ao non podelo satisfacer queda sen a salga, ano de 1888.

-          Tomás e Narciso Galup con varias salgas en Bueu e Beluso precisan un préstamo hipotecario sobre o almacén na praia de Bueu (Pescadoira) ante Ramón de Castro e Josefa Patiño da parroquia de Alba. Ao non redimilo quedaron sen el, ano de 1845. No 1850 pasaría, por venda dos Castro Patiño, a mans de Francisco Tapias.

-         


Escribán Benito de Aris

   Pedro Pastoriza, construtor da Roiba, xa comezara con mal pé a obra desta fábrica de salga pois fora denunciado (1811) ao considerar os veciños que edificara parte da mesma en monte comunal. Para sobrevivir, por causas das perdas, a partir de 1814 ten que alugala. Pero en 1817 os seus empregados de terra (salga) e de mar (lanchas da arte) preitean no xulgado Ordinario de Cangas para reclamarlle os xornais que lle deben. Anulado ese xulgado temos, en Xulgados de Pontevedra, aos traballadores en 1821 coas mesmas reclamacións dos seus salarios de 1817. De cobrar, o cobrarían avogados e xuíces?.  No poder que os traballadores lle dan a uns procuradores para que os representen no xulgado, acalaranlles que de gañar o xuízo cobrarían 1/3 do reclamado e no caso de perdelo, nada.