23 de mar. de 2022

Boxeo en Bueu (I)

  Hoxe pola mañá de camiño á casa escoitei falar detrás miña a dous rapaces, de boxeo, de kick boxing etc. en Bueu. Nun primeiro momento estrañoume, pero logo lembrei que a miña neta vai tamén a kick boxing e a outras artes marciais no seu lugar de residencia.

Isto tróuxome á memoria que dende hai uns anos teño un telegrama que trata dun evento de boxeo e que estaba á espera de afondar na noticia. Sempre o deixaba para mellor ocasión, e así podería quedar para sempre...

Busquei a carpeta onde o tiña, e por darlle un respiro á seca do blog dos últimos meses, causada por outros traballos, decidín poñelo agora e que poida servir para que outros retomen e amplíen o relato.

O telegrama o envía, no ano 1927, ao Alcalde de Bueu Camilo Davila o Goberno Civil de Pontevedra e que textualmente o transcribo:”Solicitud de José Custodio Costas pidiendo permiso para celebración festival boxeo en campo de deportes de esa villa no procede cursarse en tanto no se acompañe a la misma programa con el Vª Bª del delegado de la federación española de boxeo D. Gabriel Galban Mendizábal con residencia en Vigo”.

José Custodio Costas era un promotor portugués que sobre todo enfrontaba a púxiles de Portugal e España.

Está claro que tiña interese en organizar un evento puxilístico en Bueu. O novidoso da noticia é que isto ocorría dous anos antes de que este promotor capitalizara os primeiros eventos de boxeo amateur  ao aire libre nos campos pontevedreses de fútbol, o de Eiriña e o de Pasarón.

En Bueu tiña no cartel ao ídolo do boxeo no Morrazo, José Carmelino, que anos despois chegaría a campión galego.

Co paso do tempo os combates de boxeo en vilas como Bueu foron máis habituais do que as hemerotecas recollían. E todo a pesar dos impedimentos que poñían as autoridades, os trámites burocráticos e o control federativo.

 Pero iso queda para outro día...