30 de xuño de 2023

Barraca para apestados en Agrelo e na Caberteña

Entrada á Praia de Agrelo-Bueu 1940 - Deputación Pontevedra
 A partires de 1837 instaláronse lazaretos ou zonas de corentena en lugares preto dos portos a onde arribaban os barcos que chegaban de distintas partes do mundo; exemplo disto os houbo, na nosa contorna, nas illas como Tambo ou San Simón. Tamén se instalaron sanatorios para enfermos contaxiosos como o da Lanzada.

Pois ben imos lembrar que en Bueu, a pequena escala, houbo un momento que as autoridades decidiron previr as consecuencias dunha posible epidemia de peste. Para o cal, igual que noutros momentos o control era nas  vivendas ás que caleaban e desinfectaban a fondo cando o inquilinos enfermos morrían.

No 1899, ante o posible paso da fronteira portuguesa da peste bubónica decidiron, de ser preciso, tomar medidas... e así na Sesión plenaria do 21 de agosto de 1899 o concello acordou o lugar do illamento dos infectados:

Seguidamente polo devandito Sr. Presidente deuse conta de acordo da Xunta local de Sanidade tomado na sesión de dez e oito do corrente respecto da instalación no punto de Agrelo dunha caseta ou barraca de madeira para o illamento de atacados se chegase a desenvolverse neste termo a peste Bubónica reinante en Portugal respecto dos procedentes das parroquias de Bueu e Cela, e outra no monte dá Cabritiña para os de Beluso”.

1 de xuño de 2023

Bebedoiro macabro

 A utilización de elementos para fins distintos para os que foron concibidos é algo bastante habitual no mundo en constantes cambios en que vivimos; e se a isto lle engadimos a natureza precaria das sociedades, sobre todo rurais, como o caso de Bueu, que potencian á reutilización.

Mais o que pode chamar a atención é mesturar o ‘sagrado’ co ‘profano’, o ‘repouso eterno’ co ‘sosego reparador’, o ‘transcendente’ co ‘banal’ etc.

Se nos remontamos á vella igrexa románica de San Martiño de Bueu atopariámonos coa orientación cambiada, con capelas e advocacións distintas a que agora hai, con tumbas dentro da igrexa e arredor do adro, ... pero cunha paisaxe da contorna cun esbozo bastante parecido ao actual.

Unha desas pezas na zona sería a fonte que de manancial saía do leste da casa reitoral. Pero grazas á documentación parroquial podemos coñecer un ‘adorno’ que alá polo 1651 había á beira da fonte e do camiño, hoxe estrada, que permitía o acceso á igrexa e a O Valado. Era unha grande pía ou cunca, para bebedoiro dos cabalos e bestas que pasaran polo lugar. Pero se nos fixaramos ben era un sartego onde antigamente xacera un crego ou unha persoa fidalga da zona. Visión esta que non escapou ao Visitador do bispado que ordenou se trouxera de novo para a súa localización inicial no adro:

Item, hallo sum(risimamente) que una piedra de un sepulcro está anexa en el camino junto a la fuente que sale de la cassa rrectoral que fue informado que algunas perssonas leavian sacado para pessebre de Cavallos.= Portanto mando sum(risimamente) que el cura haga quesetrayga y restituya a dcho sepulcro al atrio”.

Recreación fonte e bebedoiro