12 de out. de 2013

San Xoaquín, patrón de Ons por...


Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 

  
[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

3 de out. de 2013

Jenaro Pérez Villaamil debuxa Bueu


Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854), o grande paisaxísta romántico e debuxante, nunha viaxe en barco pola banda sur da ría de Pontevedra no setembro do ano 1849 na compaña dun grupo de amig@s plasmou  nun debuxo a lápiz titulado “Playa de Bueu”, hoxe no Museo de Pontevedra, unha escena que o mesmo autor da obra describe nunhas inscricións autógrafas no ángulo inferior, central e dereito do debuxo:
         “Bueu. Ría de Pontevedra  
          cerca de Marín
         “Playa de Bueu: en el acto de recoger el pescado
          Salida del bote cargado
          colocar y recoger el aparejo y aparejo a tierra.
                         Ría de Pontevedra
                    18 Sbre. 49
A continuación realiza unha serie de acotacións toponímicas, paisaxísticas, ambientais,…dende o monte Sobareiro (Loira) ata Cela:
da Cova – Luz – Moza – bosque -10 – tono azulado – árboles bosque – Cela – blanca curva norte
O salientábel deste debuxo é que reflicte unha escena de pesca na que poden observarse a uns dezaoito mariñeiros tocados coa “barretina” típica do traxe catalán de mariñeiros e campesiños.
Pero o que moitos descoñecen ou lembran é que no reverso hai unhas incrición dos seus acompañantes e amigos, feitas ao pouco de debuxalo:…
 En Bueu 18 de Septiembre 1849
Recuerdo amistoso al Pintor de S.M. Dn. Genaro Perez de Villamil.
Amalia Fontenla[1]
Recuerdo al Sr Villaamil la satisfación de tenerlo en la casa en Bueu su affmº. Juan Fontenla
Luís Patiño Buceta
ruega al Sr. Villamil recuerde la chillona gabiota que tumbó el arcabucero
dn. Luís Patiño, su apasionado
“Al recuerdo del animado cuadro que hoy ofrece Bueu hirá siempre unida pª. mi la grata memoria del Sr, Villamil, del artista eminente. 
            Antº Valcárcel”
“Recuerda al ayudante, tu amigo 
            Perfecto Valdés Argüelles”
“Enrique A. Braña”
“Francisco Sancho Gutiérrez”
“Jacinto Pazo (?)
 A man do artista tamén plasmou a Bueu noutro debuxo tal como nos lembra o profesor Filgueira Valverde: “Pérez Villamil tamén fixo un debuxo da “Fábrica de Salazón en Bueu” cun alprende e traballadores” que está nunha colección particular.

[1] Amalia Fontenla Plá (+15-5-1896), filla de Teresa Plá Avalle e José Manuel Fontenla Sotelo. Neta dos salgadeiros da praia de Beluso, Pedro Plá Refulls e Mª Rosa Avalle Pereira.