Dende a antigüidade a lepra (gafura, laceira) é unha enfermidade que estigmatizaba e condenaba a aqueles que a padecían. Ata a primeira parte do século XX prevalecía, incluso nos medios médicos, a crenza hereditaria da mesma[1].
Hoxe en día coñecemos que a causante desa enfermidade infecciosa que se caracteriza polas úlceras na pel e mucosas, danos neurolóxicos, etc., é causada por un bacilo (ou bacteria con forma de bastón) chamada Mycobacterum leprae.Pero o aquí quero poñer de manifesto é a incidencia histórica
desta enfermidade coa illa de Ons. Dende que a poboación da illa foi aumentando
as condicións de hixiene e alimentación desta comunidade, a causa das súas limitacións
sociais, laborais e de colonato, foron deteriorándose ata situacións extremas.
Isto foi o caldo de cultivo para que esta enfermidade se asentase de forma endémica
no lugar. Ase mesmo o condicionante espacial reducido, polo illamento, permitiu
que de forma recorrente aparecesen máis casos que noutras poboacións próximas[2].
En El Pueblo Gallego do 12 de febreiro de 1933 temos a
primeira das referencias claras á lepra na Illa. É nun artigo de Álvaro de las
Casas facendo un in memoriam de Antonio Bruno, no que dicía: ”Naquela illa vergoñosa, sen médico, nin cura, nin botica;
naquela illa con máis de trescentos veciños que non teñen un palmo de terra, nin
un libro, nin un periódico, que en tanto por cento elevadísimo agonizan sumidos
pola lepra, sen man piadosa que lles axude…”
Algunha que outra vez deron en aproveitar esas circunstancias
de necesidade e enfermidade dende o mundo da política. Porei dous exemplos de
distinto signo e intencionalidade.
En 1934 o deputado a Cortes por Lugo, Manuel Becerra, do
partido Republicano Radical como subsecretario de obras públicas pasou de
inspección polo faro de Ons e “puido apreciar
persoalmente as pésimas condicións sanitarias nas que se atopan os habitantes
da citada illa, moitos deles atacados de lepra e carecendo de asistencia
facultativa...”. Falou co ministro
de Traballo, Sanidade e Previsión Social e este transmitiu ordes “ao
inspector provincial de Sanidade de Pontevedra para estudie a maneira de
subsanar esas deficiencias sanitarias, atendendo con elo a tan xustos e
humanitarios desexos”. Polo que sabemos todo quedou igual.
Baixo o lema “Ons as illas esquecidas” desembarcan a
primeiros de xullo de 1938 un grupo de Falanxe ás ordes do Xefe Provincial,
Jesús Suevos, ao que acompañaba un amplo cadro de especialistas e directivos da
organización. Reflectida esta visita en El
Pueblo gallego cun amplo artigo, coa reportaxe gráfica de Valin[3]
(que é a causa desta entrada no blog).
No que respecta aos habitantes da Illa di: “Depauperados fisioloxicamente. Non hai servizos sanitarios
nin espirituais. As enfermidades da pel constitúen unha estatística aterradora,
fomentadas polo xénero de comidas e pola [..] consanguinidade. A lepra cravou
tamén a súa garras naquela terra ingrata, sen que non se fixera nada por
aqueles desgraciados”.
[1]
Quizais influídos polos textos bíblicos coma “… a lepra de Naamán
pegaráseche a ti e á túa descendencia
para sempre…” (Reyes II 5-27)
[2]
Enfermidade que se daba tamén en moitos pobos galegos, o que fixo que en
novembro de 1907 o ministerio de Instrución enviara a Santiago, en comisión de
servizos, ao Catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Sevilla,
para que estudiara a lepra en Galicia.
[3] Fotógrafo
establecido en Vigo que se formara no estudo de Ksado.