1 de dec. de 2019

Abusos a unha obreira en Beluso

Hai uns días, o 25 de novembro, estívose a reivindicar a Eliminación de Todas as Formas de Violencia contra as Mulleres, veña de onde veña. Fundamentalmente s esta violencia ten connotacións sexuais e é exercida por elementos do xénero masculino, pois así o avalan os datos estatísticos, xudiciais, a voz da rúa, etc. Certo é que, aínda que porcentaxemente irrelevante, tamén dáse da man do mesmo xénero.
A pesar de que son remiso a dar calquera tipo de información que poida ser mal interpretada, e menos cualificala, poño por diante a solidariedade coas persoas que nalgún momento sufriron, sofren ou sufrirán calquera tipo de violencia.   
Co que se describe na noticia que presento hoxe hai que ser cauto nas cualificacións e conclusións pois descoñecemos (senón o poría) a sentenza xudicial ou resolución final da denuncia. Uns, como a prensa da época, din que é abuso, outros diriamos violación, agresión sexual, etc.
Pero quero introducir un elemento que non está contemplado na narración do feito, e que podería servir como unha variable máis para a reflexión. Tal é que puidera ser o resultado de compoñentes atávicos en resposta a unha enfermidade, a epilepsia, que na cultura popular aínda nesa época a consideraban “demoníaca” ou como unha “enfermidade da cabeza” que, segundo a idade e o sexo do paciente, tiña uns remedios ou outros.
Se a que a padecía era unha rapaza moza, como foi o caso, aparte da posible utilización de sortilexios e amuletos, apócemas, e rituais máis ou menos .... pensaban que “dado que sofren cambios que se cumpre no útero ... no mesmo acceso hai que sacar sangue da vea ...” e cando haxa actuado a “cacoquimia, a obstrución” hai que provocar o vómito...    
Mais deixémonos de especular e coñezamos os feitos cando menos da man do correspondente de prensa:

Un caso de salvaxismo”

Na praia de Beluso cometeuse un feito, que por las circunstancias que o rodean está sendo obxecto dos máis duros comentarios e que ao ser coñecido aquí, produciu xeral indignación.

Traballadores e familia de Clemente Lago - Beluso
Segundo puidemos investigar, o sucedido é o seguinte:

Carmen P.F. é unha agraciada moza duns 17 anos de idade, que traballa como operaria na fábrica de salgas e conservas que don Clemente Lago posúe en Beluso.

O venres último, mentres se dedicaba ás súas habituais faenas en dita fábrica, sufriu un ataque epiléptico, e foi conducida a un departamento próximo, onde quedou ao coidado de catro compañeiras para que a suxeitaran e atenderan.

Nada más se soubo aquel día, despois de ter recobrado o coñecemento a paciente, pois esta nada manifestou á súa familia ao observar certas sinais no seu corpo, unhas por producirlle vergoña e outras por crer que eran ocasionadas polos golpes conseguintes ao ataque sufrido; pero o sábado foi vítima dun segundo ataque na mesma fábrica e ao atendela debidamente, quedaron ao descuberto algunhas pegadas de ter sido maltratada.

Desde aquel momento, as suposicións que se fixeron sinalaban como causantes das lesións ás catro obreiras que asistiron o día anterior á infeliz rapaza e os rumores fóronse estendendo e tomando corpo ata chegar a oídos da tía de Carmen. Josefa F., veciña do lugar de Sar, Beluso, a que veu a denunciar o caso ao Xulgado municipal.

O digno xuíz señor Prieto García, ordenou inmediatamente á Garda civil deste posto, a detención de oito obreiras, entre as que se supoñía se atoparían as autoras. Esta detención levouse a efecto na mañá de onte, polo cabo señor Mondino e o garda señor Rodríguez Conde.

Das primeiras declaracións prestadas polas detidas decretouse a liberdade de Ramona F., Herminia M., María O., unha tal Consuelo e Isolina C., sobre as que non apareceu cargo algún, quedando detidas e a disposición do xuíz de Instrución do Partido, Teresa M., como autora das lesións e abusos deshonestos, Carmen D. e Rosario O., como cómplices, todas veciñas de Beluso.

Nos arredores do Depósito Municipal aglomerouse numeroso xentío que condenaban acremente este insólito e repugnante feito, pedindo ao mesmo tempo un castigo exemplar para estes seres; vergoña dun pobo culto.”
El Pueblo gallego, 27 agosto 1925 páx. 5
Diario de Pontevedra do 27 de agosto de 1925 páx. 2



1 de nov. de 2019

5 regateiras de Bueu morren afogadas

Estamos en Santos e lembramos, cadaquén aos seus seres queridos que se foron...

O outro día o mar cobrouse o que uns chaman “seu tributo”, o que ven ser unha vida máis...
Falando destas cousas comentáballe a uns amigos algunhas desas mortes que se leva o mar e que me deixaron pegada. E iso é o que me decidín compartir con todos vos, polo menos unha desas historias...
 


A morte de 5 regateiras de Bueu (1 de abril de 1879): 



Dende Marín saíron, nun bote de remos, dous mariñeiros e 5 regateiras que volvían á súa casa logo de vender o peixe. Chegados á illa do Santo un golpe de mar anegoulles o barco e lanzounos contra un baixos que alí había. Caeron todos á auga. O patrón puido agarrarse ao bote.
Vistos dende terra por un home e dúas mulleres, arriscando ás súas vidas, saíron estes noutro bote dende a praia do Santo para rescatalos. Só puideron salvar ao patrón. Aos demais non os atoparon ata que ao día seguinte apareceron 3 dos afogados na praia.
A noticia conmocionou a toda a xente dos pobos da Ría pero a dor incrementouse ao darse a circunstancia de que o mariñeiro afogado e unha das mulleres eran matrimonio que deixaban orfos a cinco fillos pequenos. 




Aclarar que de todas as mortes das que somos, ou non, coñecedores deixan un baleiro. Séntense como se houbera un circuíto social localizado que borra para sempre unha parte dese “disco duro” gravado de vivencias, coñecementos  e un longo etc. que nunca máis recuperaremos.