29 de dec. de 2013

Concelleiro de Bueu analfabeto e non paga impostos

Como é lóxico pensar non se trata de ningún dos concelleiros habidos no último século. Resaltar que durante este tempo accederon ao noso concello, de forma electa, persoas cada vez mellor preparadas.
Con todo o xornal A Unión Católica do 14/12/1889 na súa páxina 3 citando ao O Anunciador, de Pontevedra dá a noticia da existencia dun concelleiro de Bueu que, a parte de ser analfabeto, non paga os impostos a Facenda. Faio nos seguintes termos:

Di  El Anunciador, de Pontevedra, que en Bueu, hai un concelleiro que non sabe ler nin escribir, que asiste puntualmente ás sesións nos dous anos que é concelleiro e que non paga contribución algunha ao Estado, faltándolle aínda dous anos para cesar no seu cargo”.

23 de dec. de 2013

A Lotería de Nadal toca en Beluso

Na lotería de Nadal do ano 1918 deixou un premio 5.000 pesetas en Beluso. O número agraciado con 25.000 pesetas foi o  8.791. Vendido na Administración de Loterías da rúa madrileña de Preciados.

Dous destes décimos lévaos abonado o Sr. Rogelio Val Barros, médico de Beluso. Tamén un décimo dese número o tiña abonado un de Cangas.
A noticia aparece na páx. 3 en El Día (“Diario de la noche”). Pero aínda máis relevante é o tratamento que lle da aos premios (un 50 % do xornal) mesturando a información coa política. Así vemos que comeza logo dos titulares: “Díxose moitas veces que España é unha nación ingobernable. Non o creades. Ese é un tópico que inventaron os políticos, esporeados pola mesquiña condición humana de achacar cada cal aos demais a culpa dos seus propios desacertos. España é o pobo máis dócil, máis condutible da terra. O que ocorre é que non se sabe conducir…”  e así segue con frases máis ou menos patrioteiras poñendo a “caldo” ata o que considera “lotería para ricos”.  Cando fala de cando saíu o Segundo Premio faino nos seguintes termos: “O número 53.084 foi agraciado con tres millóns que apenas saído do bombo declarouse autonomista, integral, sinalagmático e até bilateral e fóillenos a Barcelona.  - Non hai dereito! Isto é para contentar a Cambó!- óuvese dicir no público”.

1 de dec. de 2013

Manuel A. Bares recibido polo xeneral Primo de Rivera

Tal como recolle o xornal El Imparcial do 6 de decembro do 1929 páx. 8, o Xefe de Goberno, xeneral Miguel Primo de Rivera recibiu na casa da Presidencia, o xoves 5, de 7-9 ½ da noite, a acostumada audiencia diplomática.

O mesmo Primo de Rivera dou referencias das audiencias, ao remate destas,  a un grupo de xornalistas: embaixadores de Francia e de Inglaterra, ministro de Santo Domingo, encargado de negocios de Chile, etc. e entre unha poucas persoas máis atopamos ao Bueuense, Manuel Antonio Bares Giráldez que, en verbas atribuídas ao Presidente: “é unha das figuras españolas máis interesantes en América; de gran corazón e entendemento, pensa, traballa e sinte a pesar dos seus moitos anos, e non se declarou en folga contra a vida nacional nin contra a humanidade”.
Sirva  esta audiencia e gabanzas do personaxe, como algo a ter en conta na biografía deste escritor, xornalista, banqueiro, etc. de renome na Arxentina, seu país de acollida; e bastante descoñecido no seu pobo natal: Bue

22 de nov. de 2013

Bueu e a "Violencia de xénero"

Ante o 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia de xénero” que se conmemoran dende 1999 avalado pola ONU[1]  Quero aportar, a título de exemplo,  evidencias desta lacra no Bueu do pasado, que espero non ilustren o presente, e mostrar a valentía para afrontar o problema dalgunhas mulleres a pesar de vivir nunha sociedade machista. 

Para comezar a petición de divorcio (saída natural)  que a todo transo está disposta a enervar ante calquera Tribunal competente xa que non quere e “non pode por mais tempo vir soportando o maltrato frecuente que na súa casa recibe” por parte do seu marido, sogra e cuñada[2]. Esta decisión, sempre difícil, vese complicada pola posición social da demandante e polas datas da que estamos a falar: verán do 1868 e muller de salgadeiros (con varios almacéns ou fábricas de salga en Marín, Bueu e Beluso).

Varias máis son as demandas de separación e divorcio e todas elas precedidas de execrables vivencias por parte das mulleres que as presentan. Tal é o caso tamén de Pilar X. X. que no novembro do 1885 acusa[3] ao seu marido Antonio Z.Z. “por ser público e notorio lle prodiga constantemente maltrato de obra e de palabra máis cruel a ameaza con frecuencia de privarlle da vida…”.  Describindo a continuación actos vandálicos por parte do seu marido que de non mediar outras persoas poderían haber acabado coa súa vida. Nos feitos denunciados expóñense ata máis de sete ocasións de maltrato e de perigo para a súa vida na que había testemuñas que impediron o fatal desenlace. E como non podía ser doutro xeito (xa que se da en case  todos os casos) o marido di “que sempre a tratou con consideración e cariño non habendo mediado máis diferenzas entre os dous que esas pasaxeiras e insignificantes que ocorren en todos os matrimonios e que deron marxe ao adaxio aquel ’que no hay casa mantenida que no sea reñida’ Polo tanto o expoñente non pode recoñecer na súa muller dereito algún para separarse del, posto que non existe motivo de ningunha clase para caso tan extremo e lonxe, diso chame neste momento á súa muller ao orde para que cese de promover actos desta natureza que teñen que redundar en prexuízo dela e tamén dos fillos… ”. 
Vaia elemento!

E, como un exemplo máis das múltiples casuísticas, dicir que se da o caso[4] de acusación ao seu marido por insultos e imputacións falsas de incesto. Chegado o  momento conciliatorio previo a entaboar querela criminal para a solicitude de divorcio ámbalas dúas partes recoñecen a súa culpa e provocacións. O que “ambas partes manifestan que se perdoan reciprocamente” facendo no mesmo acto, en documento[5] extraxudicial, o reparto equitativo dos seus bens[6].

Quero expresar a miña solidariedade con todas as mulleres que sofren violencia de calquera tipo!


[1] Xa que dende xullo de 1981 o 25 de novembro fora declarado día “Internacional contra a Violencia cara a muller” no 1º Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá (Colombia).
[2] Destas últimas, a parte do maltrato, “ata o extremo de escasearlle o alimento e ter que mendigalo fora da casa
[3] Antes de interpoñer demanda de divorcio no Tribunal Eclesiástico da cidade de Santiago
[4] Como o ocorrido na parroquia de Cela nos primeiros días do ano 1911.
[5] Facéndoo por duplicado e levando cada un copia do mesmo.
[6] Tanto parafernais e outros da muller como da Sociedade conxugal

9 de nov. de 2013

Sociedade "Unidos de Bueu" - 2

Aquí temos a portada do folleto que se repartiu para o Xantar da sociedade “Unidos del ayuntamiento de Bueu (nun principio  “Hijos de Bueu en América”) . Dicir que o debuxo da portada do folleto que aparece na imaxe pertence ao publ
icista Federico Ribas, nese momento (1938) nomeado Presidente Honorífico da Sociedade.  Quero pór en valor as necesidades de manter, lonxe do “terruño” unha identidade de pobo, de festexar a festa do patrón para aproveitar a reunirse ó redor da mesa alomenos unha vez ao ano,  poñer mecanismos de axuda,…
Pero quen mellor definen os seus obxectivos son os Estatutos da Sociedade. Vexamos os primeiros artigos destes…

ESTATUTOS
Nome e obxecto da Sociedade
Artigo 1º.- Con domicilio en Bos Aires, Capital da República Arxentina, constitúese unha Institución que se denominase “Hijos de Bueu en América” prol fomento do progreso; fundada o día once de Novembro do ano mil novecentos vinte e tres, por iniciativa de trinta e tres fillos do Concello de Bueu, Provincia de Pontevedra (España).
Artigo 2º.- Un dos principais fins da Sociedade é fomentar o espírito de asociación e unión entre os fillos do Concello de Bueu, residentes en América.
Artigo 3º.- A Sociedade será instrutiva e recreativa e practicase a axuda mutua entre os seus asociados establecendo estes ou outros servizos que encadren dentro da cultura e bos costumes a medida que os seu recursos llo permitan. A Comisión Directiva encargarase de rexer estes servizos mediante Regulamentos especiais sancionados pola Asemblea.
Artigo 4º.- Subvencionar e instalar por conta da Sociedade, escolas de ensino primario, mesmo artes e oficios dentro do Municipio de Bueu, por iso proveraas dos libros necesarios adoptados polos Consellos Escolares das Repúblicas Hispano-Americanas, a fin de preparar alumnos que ao vir a estes continentes sexan útiles para si mesmos como igualmente ao país onde han de empregar as súas actividades.
Artigo 5º.- A Sociedade encargásese de protexer aos recentemente chegados ao país, que non conten con familia ou medio propios para iniciarse, procurando empregalos, socorréndoos en caso necesario con anticipos de pequenas cantidades para as súas máis urxentes necesidades coa obrigación expresa de devolver o anticipado á Sociedade axiña que como lles sexa posible; como garantía dos devanditos anticipos deberán presentar os seus documentos persoais que acrediten a súa boa conduta e ademais deberá ser presentado por dous socios que se fagan responsables das sumas que se lle entreguen.
Artigo 6º.- A Sociedade encargarase da repatriación dos socios que por enfermidade se visen obrigados por prescrición médica a regresar ao seu país natal, e non dispoñan dos medios necesario, facilitándolles a pasaxe e cincuenta pesos en efectivo, sempre que os fondos da Caixa social excedan dun mil pesos moeda nacional de curso legal.
Para ter dereito a estes beneficios requírese a antigüidade de dous anos de socio e estar ao día no pago das súas cotas.
Artigo 7º.- Organizaranse veladas científicas e literarias; festivais, excursións deportivas e todo canto a xuízo da C.D. poida servir de recreo aos socios e beneficie aos intereses da Sociedade, ben sexa moral ou materialmente.
………

1 de nov. de 2013

Fotógrafo de Bueu 2º Premio nacional en 1921

Moita xente de Bueu sabe da afección e bo facer no campo da fotografía do conserveiro Attilio Gaggero. O que case todos descoñecíamos era que esta “paixón“ tamén a compartía o seu amigo Salvador Lago. E non o debía facer nada mal pois Salvador Lago Carballal, de 23 anos, fillo dos salgadeiros da praia de Beluso, Clemente Lago e Eduarda Carballal, aparece na páxina 22 do xornal ABC do 7 de novembro de 1921 como gañador do 2º premio nacional de fotografía convocado pola empresa estadounidense KODAK baixo o lema “Escenas del veraneo”.
A parte do premio, en efectivo de 500 pesetas (Unha cantidade moi importante neses anos e para que teñamos referencia comparativa dicir que supón o soldo de dous meses dun catedrático de universidade ou o soldo de máis de seis meses dun obreiro) a súa fotografía gañadora estivo exposta nunha galería, na Avda. do Conde de Peñalver en Madrid.
Da bágoa pensar que puidera perderse toda a súa obra fotográfica... Esperamos que no fora así e que algún día a poidamos ver... 

O cura de Ermelo demanda a fregués pola “alma da súa xogra”

En San Martiño de Bueu a catorce días do mes de outubro de 1845 celebrouse un acto ante o alcalde D. Manuel Guimeráns, por unha parte, o demandante, Joaquín Suarez, cura párroco de Ermelo e, como demandado, o seu fregués José Martínez. Os motivos da demanda: Non completar os funerais prescritos, “segundo a súa clase”, así como que tamén lle faltaban por aplicarlle as misas afeitas “polo ben da” alma da súa sogra que vivira na súa casa e había falecido facía seis meses. José Martínez negábase a pagar o importe de tales actos.
O cura lle pedía ao alcalde que lle impuxese pagar a contía de cincocentos cincuenta reais, importe das misas e dereitos,  xa que estaba “obrigado en conciencia”.
O José Martínez deféndese dicindo de xa que a súa sogra morreu sen “disposición algunha testamentaria” só obrígase a pagar 120 rs que se corresponderían co importe de sesenta misas.
Como resolución do Alcalde, e tras o ditame dos “homes bos” de ambas partes en litixio, “providénciase” que o demandado pague antes de seis días o “total do importe dos dereitos funerarios, segundo estea en costume na súa parroquia, e das misas que deben aplicarse polo ben da alma da súa defunta sogra igual en esta á que se executara coa do marido da mesma...”.

Parece ser que o demandado seguiu nas súas... 
Descoñecemos se ao final  a sogra, o cura e o fregués díscolo descansaron “en paz”.

12 de out. de 2013

San Xoaquín, patrón de Ons por...


Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 

  
[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

3 de out. de 2013

Jenaro Pérez Villaamil debuxa Bueu


Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854), o grande paisaxísta romántico e debuxante, nunha viaxe en barco pola banda sur da ría de Pontevedra no setembro do ano 1849 na compaña dun grupo de amig@s plasmou  nun debuxo a lápiz titulado “Playa de Bueu”, hoxe no Museo de Pontevedra, unha escena que o mesmo autor da obra describe nunhas inscricións autógrafas no ángulo inferior, central e dereito do debuxo:
         “Bueu. Ría de Pontevedra  
          cerca de Marín
         “Playa de Bueu: en el acto de recoger el pescado
          Salida del bote cargado
          colocar y recoger el aparejo y aparejo a tierra.
                         Ría de Pontevedra
                    18 Sbre. 49
A continuación realiza unha serie de acotacións toponímicas, paisaxísticas, ambientais,…dende o monte Sobareiro (Loira) ata Cela:
da Cova – Luz – Moza – bosque -10 – tono azulado – árboles bosque – Cela – blanca curva norte
O salientábel deste debuxo é que reflicte unha escena de pesca na que poden observarse a uns dezaoito mariñeiros tocados coa “barretina” típica do traxe catalán de mariñeiros e campesiños.
Pero o que moitos descoñecen ou lembran é que no reverso hai unhas incrición dos seus acompañantes e amigos, feitas ao pouco de debuxalo:…
 En Bueu 18 de Septiembre 1849
Recuerdo amistoso al Pintor de S.M. Dn. Genaro Perez de Villamil.
Amalia Fontenla[1]
Recuerdo al Sr Villaamil la satisfación de tenerlo en la casa en Bueu su affmº. Juan Fontenla
Luís Patiño Buceta
ruega al Sr. Villamil recuerde la chillona gabiota que tumbó el arcabucero
dn. Luís Patiño, su apasionado
“Al recuerdo del animado cuadro que hoy ofrece Bueu hirá siempre unida pª. mi la grata memoria del Sr, Villamil, del artista eminente. 
            Antº Valcárcel”
“Recuerda al ayudante, tu amigo 
            Perfecto Valdés Argüelles”
“Enrique A. Braña”
“Francisco Sancho Gutiérrez”
“Jacinto Pazo (?)
 A man do artista tamén plasmou a Bueu noutro debuxo tal como nos lembra o profesor Filgueira Valverde: “Pérez Villamil tamén fixo un debuxo da “Fábrica de Salazón en Bueu” cun alprende e traballadores” que está nunha colección particular.

[1] Amalia Fontenla Plá (+15-5-1896), filla de Teresa Plá Avalle e José Manuel Fontenla Sotelo. Neta dos salgadeiros da praia de Beluso, Pedro Plá Refulls e Mª Rosa Avalle Pereira.

19 de set. de 2013

Ons: Un tesouro que voou...

No domingo 8 de setembro de 19129 na edición da mañá do xornal madrileño ABC, páxina 42, aparece unha pequena noticia da que sacando o anecdótico e o “xocoso” atopámonos coa dura
realidade do illamento de moitas das persoas que vivían en Ons.   A transcrición literal é:
OS VOOS DAS AVES ANELADAS
 Vigo 7, 10 mañá. Francisca Patiño Pérez, de sesenta anos de idade, recolleu na illa de Ons unha pomba mensaxeira, a cal, nos seus aneis, ostentaba as seguintes inscricións: “Wahter. N. N. 4. 3. 872. U. S. A
Alguén fíxolle crer que o achado valdriale moito diñeiro, e a boa muller presentouse no pobo de Bueu, pedindo unha crecida cantidade pola pomba e negándose a entregala ás autoridades. Dáse o caso curioso de que Francisca, que non saíra da illa desde hai vinte e cinco anos, realizou agora a viaxe convencida de que posuía un tesouro.

1 de set. de 2013

Café-Fonda "Villa de Bueu" na Habana de 1896

No semanario “La Tierra Gallega[1] editado na Habana o 17 de maio de 1896 aparece publicitado o café e fonda “La villa de Bueu”. Estaba ubicado na marxe esquerda da entrada da bocana do porto da Habana, preto do castelo de San Carlos. Os seus propietarios eran os señores Mañá e Barreiro, ámbolos dous emigrados a illa de Cuba dende a nosa vila.
Á vez que se embarcaron no mundo dos negocios cun “Café e fonda” tamén o fixeron coa importación dos viños da súa terra. Como di a publicidade este viño do Morrazo é a primeira vez que se presenta na Habana. De “tan exquisito producto” son os únicos representantes e importadores.

[1] Fundado e dirixido por Curros Enríquez (1894-1896)

15 de ago. de 2013

Miscelánea ao redor do polbo de Bueu

Vendendo polbo de Ons na Lisboa do 1554 
Domingo, que naceu na illa de Ons no 1533 e que morreu en Muxía a idade de 124
anos, lle contaba ao relixioso beneditino portugués Frei Manuel Pereira de Novais que cando tiña 21 anos vivía en Lisboa: "Vendendo Polbo seco, que era a mercadoría que entón se mercanciaba desas Illas de Ons a diferentes partes,.."

O polbo e as matemáticas
Que unha ducia é conxunto de doce unidades non vai co polbo … ou que o quintal é a medida de peso que, segundo as zonas, vai de 50 aos 60 quilos[1] tampouco vai co polbo. Senón que lo pregunten á Revista de Inspección General de 1787 que cita Sáñez Reguart no seu “Diccionario histórico de las artes de pesca Nacional”:
Unha ducia componse de dezaoito polbos, e cada tres ducias  véndense por un quintal”.

Avances na conservación do polbo
No domingo do día 6 de abril do 1930, o correspondente do xornal El Pueblo Gallego, Luís Novas, escribía: “Dada a a importancia da exportación en fresco que se fai do polbo, choco e lura sabemos que dous industriais van a montar unha cámara frigorífica”.

Unha enchente de polbo na illa de Ons
Álvaro de las Casas, no 1932, logo dunha estancia dunha semana na illa de Ons, escribía: “Baixamos ao almacén onde meu grande amigo Dídio Riobó ofreceunos non sei cantas toneladas de polbo, saborosísimamente condimentado. Na miña vida vira nin comera máis polbo”. 
Un polbo dun quilo mata a un arroas de 3 metros de longo
En abril do ano 1944 a  prensa[2] titulaba: “Un inimigo pequeno …” e “Un polbo dun quilo mata a un arroas de tres metros de longo”. O arroas ata foi exposto, aos curiosos, na lonxa de Bueu.  Como podedes supoñer a morte foi por asfixia pois ao tentar comer ao polbo este agarrouse de tal xeito á boca que lla pechou por completo.

[1] O quintal métrico (Qm) é unha medida de peso que equivale a cen quilogramos. En Bueu 1 quintal = 100 libras casteláns  = 45,45 kgs
[2] El pueblo Gallego de 18-4-1944. Páx 10

1 de ago. de 2013

"Globo monstruoso" nos aires de Bueu

Un globo de papel “de colosais proporcións e 20 metros de altura, elevarase
Bueu 1919
aos inconmensurables espazos, seguidos de infinidade de globos diversos de caprichosas formas”
. Isto é o que ocorreu na tarde do domingo 13 de xullo de 1919 nas festas de verán na honra da patroa[1]. E, pola noite, "Magnífica Velada Marítima" lucindo as embarcacións milleiros de faroliños
Portada de Urbano Lugrís

Esta é a primeira vez da que se ten noticias dun evento similar no noso pobo, sobre todo, pola magnitude do globo que só está a 5 m do record do mundo que posúe o aeróstato de papel que, desde 1875, lánzase na noite da festa de San Roque no municipio de Betanzos. Para ser máis precisos nas medidas: o globo brigantiño mide 25 m de altura, 50 m de circunferencia e está realizado con 160 kg de papel.

Os pioneiros no lanzamento de globos foron os habitantes do sur de China, na fronteira con Tahilandia. O facían en épocas sinaladas como no aninovo e pensaban que canto máis subisen máis sorte ían ter os seus propietarios.

[1] Adiatáronse as festa ao fin de semana pois coincidíu que o día do Carme era mércores.

14 de xul. de 2013

Dous irmáns de Beluso, María e Salvador Vilas, heroes do mar

A néboa que hai estes días faime lembrar moitas cousas…

Antonio Cidrás Piñeiro 
Salvador Vilas Iglesias
Recordo que cando a néboa pechaba a ría, as sirenas dos barcos e as voces dos mariñeiros anunciando a “cala”, facía que as xentes, conscientes do perigo, achegásense á praia para gritar, ou na noite, con lumes e así avisar da situación, as rocas ou dos baixos…

Recordo por escoitalo unha vez a miña nai, polas hemerotecas e pola  documentación que me achegou o meu amigo Ramón Vilas, que a tal hora de hai 84 anos tamén había néboa na mar, tamén era domingo e, curiosamente, o meu avó e o seu avó estaban uno fronte ao outro no mar de Lagos. O un nun penedo como náufrago, o outro, en compañía da súa irmá, como rescatador:


Era o día 14 de xullo de 1929, ás tres mañá, os irmáns María e Salvador Vilas Igrexas, de 27 e 23 anos, fillos do caseiro da vivenda que a familia Massó ten preto da praia de Lagos-Beluso, levantáronse sobresaltados ao ouvir os toques de alarma da sirena dun barco próximo á costa. Baixaron á praia a ver o que ocorría. Segundo di o expediente, que eles mesmos asinaron, “…ouviron voces de auxilio dos tripulantes, e postos á fala con eles, tranquilizáronos dicíndolles o lugar en que se achaban…”

Circunstancias do naufraxio: O buque estaba a facer probas de mar. Saíra de Marín cara a Ons e, buscando porto debido á espesa cerrazón de néboa, foi quedar varado nuns baixos rochosos chamados Cons a uns 200 metros da Praia de Lagos.  Os tripulantes botaron a auga a chalana de a bordo e con ela tenderon o rizón pola popa para ver se con este e a máquina do barco podían polo á flotación. O rizón rompeu, inclinouse o barco e abriuse unha vía de auga. Ante a imposibilidade de facerse co barco decidiron coa mesma chalana trasladar a todos os mariñeiros a unha rocha próxima. A pesar de que o mar estaba en calma non tardou máis de 20 minutos en afundirse. Comezaron a trasladar aos mariñeiros á praia logo de advertirlles os irmáns Vilas que estaban na Praia de Lagos. Salvador Vilas pediu que alguén axudáselle a baixar a súa chalana que tiña na praia. Un mariñeiro veu a nado e tras baixala puideron traer 6 ou 7 homes máis.
Ao día seguinte o patrón e o maquinista cun lanchón e un mergullador tentaron sacar o barco pero unha forte marusía do noroeste impediuno. O casco rompeu e parece que puido recuperase a máquina.

Tras saír a noticia na prensa local e nacional o Presidente do Consello de Ministros, Marqués de la Estrella, solicitou información ao Gobernador Civíl e este a o alcalde Sr. Camilo Davila coa intención de que, de ser certos os feitos, darlle algunha distinción. A distinción sería a Cruz da Orde Civíl de Beneficencia. Aínda que a heroicidade foi recoñecida a medalla...

Ficha:
- Barco afundido: Vapor “Florentina” de 15 m de quilla, da matrícula de Marín
- Patrón-Armador: Antonio Cidrás Piñeiro “O Conexo” da Praia de Loira. Fora patrón dunha lancha da arte desde moi novo. Este era o primeiro barco que conseguise construír e, para maior desgraza, aínda non tiña seguro. Posteriormente puido refacerse e construír a motora “Río de Loira”, o “Conexo”,
- Maquinista-armador: Manuel Loira Campelo “Follato”
- Mariñeiros: 30. Todos da Praia de Loira e arredores.

12 de xul. de 2013

O capelán de Ons, nunha dorna, rescata tres náufragos

Tal e como reflicten os xornais: El Combate, Diario de Pontevedra, El Estandarte Católico,... dando a noticia "Sinistro en Marín", "Un naufragio en Marín", "Dez afogados",... 
Eran case ás 21 horas do luns tres de xuño de 1899 cando á altura da illa de Ons un refacho de vento do Norte fixo naufragar á lancha de Marín “Flor de María” na que ían 13 mariñeiros ás ordes do patrón Antonio Rodríguez Veiga. O patrón e nove mariñeiros máis lanzáronse ao mar tentando alcanzar terra. Mais despois dunha longa loita co embravecido mar foron desaparecendo un tras outro. O mesmo patrón morreu abrazado ao seu irmán Clemente. Os outros tres, que non sabían nadar, agarráronse á quilla da lancha ata que unha dorna que conducía ao capelán de Ons viu aos tres mariñeiros sobre a quilla nunha situación desesperada. Achegouse a eles e con grande traballo, recolleunos e levounos a unha praia da illa onde foron embarcados nun vapor que acababa de prestar servizo no faro, o “ Riotesa”, que os trasladou ata Marín.

1 de xul. de 2013

O cura párroco de Bueu suspendido do ministerio sacerdotal

As Visitas Pastorais son aquelas que fan polas parroquias da súa diocese o bispo, arcebispo ou
cardeal, para comprobar o estado económico, cumprimento das obrigas das misas, examinar libros, etc. e aproveitar para a confirmación dos fregueses que o precisen.
Con data de dous de xullo de 1875 queda constancia, no Libro VIII de Bautismos (ff 44v e 45 r), o rexistro da visita pastoral do arcebispo de Santiago de Compostela D. Miguel Payá y Rico. Ata aquí todo quedaría nunha visita coma calquera outra de non ser que nesa do 1875 non está o cura párroco de Bueu, D. Joaquín González; pois o prelado suspendeuno do ministerio parroquial e sacerdotal con data do día anterior e nomeou “Rexente no seu lugar ao Presbítero D. Francisco Cerviño que foi quen asistiu a todos os actos. Tamén creu conveniente S. E. Illma nomear coadxutor da expresada parroquia de Bueu ao Pbro. D. Manuel Martínez Sueiro, deixando vacante por imposibilidade a D. José Gómez: a uns e outros señores mandou S. E. Illma cumpriran os mandatos que lles deu de palabra e por escrito baixo a máis estreita responsabilidade”.
En ningunha parte do libro pon as causas de tan drástica medida como é a suspensión do ministerio parroquial e sacerdotal do cura de Bueu.

23 de xuño de 2013

S. Xoán no Bueu de fai 100 anos

A festa de S. Xoán  ou festa do solsticio de verán é a festa máxica por excelencia. É a noite das bruxas e feiticeiras. A noite dos encantamentos e rituais. A noite do lume e da auga. O imaxinario popular está repleto de lendas, historias e crenzas que teñen o seu cumio ás 12 da  noite de San Xoán.
A auga:  As fontes son lugares de prodixios e sanacións. O mar lugar de purificación e rexeneración. Na Fonte dos Tornos (en Xexide) : se se collía a flor do fento aparecía unha fermosa moza de pelo louro. Encantamento tamén se dá no “Buraco da moura” en Cela-Paralaia.
O lume como elemento purificador, de conxuro, renovación, …  Na Fonte (factor auga) de San Lourenzo de Cela (factor lume) óbrase o encantamento coa “Galiña dos pitos de ouro”
Como nos di Taboada Chivite: “En moitos pobos de Galicia alcéndese lumeiradas, fogueiras, cachelas, lumes; na praza, na rúa, nunha encrucillada, no monte ou por barrios. Báilase arredor e chóutase por cima delas con fins catárticos e propiciatorios, ás veces cun conxuro: Salto por riba do lume de San Xoán / para que non me morda nin cobra nin can.”
Como recordo do que foron as festas de S. Xoán citar o poema de Alfredo Brañas titulado:
Lembranzas!
Quén pode esquencer de vello
Os seus tempos de rapás?
Quén pode esquencer a noite,
A noitiña de San Xoán,
C’o seu séquito de bruxas,
Fogueiras, baños de mar,
Augas de rosas,parrandas,
 Troulas, bailes y aínda mais?
….
Para lembrar, lembrar como nolo presentaba a prensa local, a festa de San Juan en Bueu hai 100 anos (Transcribo o artigo traducido):
A festa do precursor San Xoán Bautista, foi este ano dobre; pois uns celebrárona o 22, segundo disposición recente de S.S. [papa Pío X] e outros, como antigamente, o 24. Nós non quitamos nin pomos festa, pero parécenos que nisto como en todo, hai que obedecer a quen manda e máxime se este é infalible.
As fogueiras, como sempre. Hóuboas na praia de Beluso , na de Bueu e rúa de Vincenti e montes circundantes ofrecendo fantástico aspecto e queimándose barrís e madeiras inservibles; para San Pedro tamén as haberá e acabaranse de queimar todos as cousas vellas que estorben.
Diante da fábrica de don Juan Tapias [onde están actualmente os pisos de Alonso en Pescadoira],  houbo, como todos os anos, verbena con fogos artificiais e baile, terminándose ás doce da noite.

14 de xuño de 2013

O alcalde prohibe andar polas rúas de Bueu desde as 10 da noite

Iso é do que acusa ao alcalde Miguel Nogueira Fraguas un xornalista na páxina 2 do Semanario republicano El Combate no inicio do verán do 1899. Con grande ironía, como pode verse no texto, expón unha serie de preguntas retóricas e á vez cargadas de veladas acusacións de intereses máis ou menos espurios. Para que non haxa malas interpretacións transcribo, traducido, o texto...

UN ALCALDE DESAFOGADO
É certo que V. Sr. Alcalde de Bueu, quere ser émulo do de Móstoles no das decisións enérxicas, xa que tanto se lle parece no da monteira e polaina, prohibindo aos seus conveciños paseen polas rúas despois das dez da noite?
Cre V. evitar desa maneira que o pobo indignado córtelle as cepas da súa propiedade, co que haberá menos viño e diminuirán as utilidades do imposto de consumos, no que todo o mundo sabe que ten V. intereses que defender como bo Alcalde?
É natural que trate vostede de velar polos súas viñas; o que non é natural é que os seus conveciños non saiban agradecerlle o interese que por eles se toma, Ingratos!
Continuaremos, Sr. Alcalde, continuaremos co das viñas.

1 de xuño de 2013

O Corpus en Bueu fai 100 anos

Xa estamos outra vez nas festas de Corpus, unha festa na que, coa excepción do aspecto relixioso, non sempre se manifestou de igual forma e localización. Coas súas épocas de esplendor e recesión…
 Fai hoxe 100 anos o xornal El Adelanto descríbenos con grande entusiasmo e grandilocuencia como se desenvolveu o Corpus de 1913.
Destacar que a espadana era, como ata non hai moitos anos a raíña do manto vexetal que servía de alfombras na procesión.
Vou a transcribir o artigo para que sirva de testemuña desta festa… 
O CORPUS EN BUEU
A festa por excelencia dos crentes que na Sacra Forma admiran a Deus vivo, reviste inusitado esplendor nesta fervente España que conserva, a través dos tempos e das innumerables revoltas, a fe dos seus maiores.
Flores, incensos, espadanas, son finos aromas que arrouban o espírito cara a Deus. Música e gaitas, fogos de artificio, volteo de campás son explosións de vivido entusiasmo polo amor dos amores, nos que, os ollos da fe, renden acatamento ao Pai Celestial.
Pasa a procesión solemne, maxestosa e ante a custodia todos descóbrense, todos inclínanse e axeonllan; uns con amor forte, profundo, arraigado na alma, outros con respecto.
Saudemos ao Rei de reis, exposto no sagrado viril, á adoración dos fieis, polos séculos dos séculos...
A función relixiosa foi solemne, predicando o párroco Martínez Casamande, que levaba o Santísimo na procesión e deu a bendición ao pobo.
Tivo tamén os seus encantos a festa profana; no entanto amencer un día de brumas e néboas, fóronse disipando e luciu o sol, espléndido, a súa luz cegadora e refulxente que dá vida e animación aos mortais, devandito sexa isto, con permiso dos partidarios das brumas e néboas, dos días sen sol, propios para nostálxicos, soñadores e poetas...
No atrio da igrexa houbo, pola tarde, moita animación, bailando a xente moza no eirado, deleitándose coas fermosas pezas interpretadas por unha sección da afinada música de Moaña. Tamén na reitoral festexábase o solemne día, ouvíndose desde a rúa belas cancións galegas entoadas por voz forte e ben timbrada.
Houbo no "Liceo Casino" unha petit soiree na honra da señorita Josefina Losada Caeiro, bela irmá do noso mozo amigo don Pascual, que pasaron o día coa moi estimada familia de D. Joaquín Domínguez.
E para que nada faltase ese día, estivo en Bueu (…) o vapor "Pepita Arminda" (…) con moitos excursionistas de Marín (…) desembarcaron todos dirixíndose ao "Liceo Casino" onde se bailou un bo intre…
Como se ve foi un día de Corpus ben aproveitado e a última hora, mellor dito, xa de madrugada, aínda había xente de humor cantando pola rúa.