17 de maio de 2021

Bombas tamén en Bueu

 Nestes días, no que o zoar dos mísiles e de todo tipo de bombas rematan o seu camiño segando vidas, moitas delas nenos, ponse de manifesto que a vacina contra o horror funciona. Insensibilízanos contra a dor afastada.

A comunidade internacional axusta o campo de visión ao seu embigo e o sufrimento silenciado está servido.

Aínda que a súa existencia sexa allea aos “conflitos”, “disputas”, “enfrontamentos”, etc. serán os máis débiles os que leven case sempre o selo de “vítimas colaterais”.

O xogo vai ser o compás que os faga felices e que os guíe no camiño de medrar, pero as veces ese camiño acaba no cemiterio palestino, israelí, de Bueu...

Tamén sabido é que non fai falla que haxa guerra para morrer pola guerra senón que llo pregunten aos nenos Gaspar González Trigo e ao seu compañeiro Ramón Chaves Núñez, de 10 e 8 anos respectivamente, que estando a xogar no monte de Bueu, o 30 de outubro de 1938, atoparon “unha bomba en forma de piña” e tirárona contra unha pedra. Explotou!  Ramón con “extensas feridas na cara interior e exterior de ambas coxas, antebrazo dereito e cara”. Gaspar “sufriu feridas nas extremidades superiores e inferiores con perda da man esquerda e fractura con afundimento e saída de masa encefálica na rexión frontal” a consecuencia das que morreu ao día seguinte no Hospital provincial.

  Hai quen me di que non sempre ocorre así, que outras veces teñen sorte e poden avisar para desactivalas, como cando no marzo do 2018 apareceu un proxectil da Guerra Civil no soto dunha vivenda en obras en Ons...

Certo! E menos mal!

Pero as que zoan no aire ou camiñan en silencio seguen a matar! 

E nós ao noso...

9 de maio de 2021

𝐈𝐧 𝐦𝐞𝐦ó𝐫𝐢𝐚𝐦 𝐝𝐞 𝐉𝐨𝐬é 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥 𝐂𝐚𝐛𝐚𝐥𝐥𝐞𝐫𝐨 𝐁𝐨𝐧𝐚𝐥𝐝

 Sempre que cae unha páxina dese grande libro en construción que é a LITERATURA, a paisaxe da beleza escóndese abrazada polas bágoas da brétema para chorar en solitario. Nese silencio sen retorno camiña agora un artesán da palabra, José Manuel Caballero Bonald, levando na memoria un recuncho de Bueu.

Quero lembrar aquí a amizade e a simbioses de C. Bonald coa contorna de Bueu e non tanto ao Premio Nacional de Poesía, ao Premio Cervantes, ao Premio Francisco Umbral, nin ao longo etcétera de títulos que como poeta, novelista ou ensaísta aportan aureolas de recoñecemento a un labor excepcional, tarefa que deixo para os estudosos e divulgadores da cultura en xeral e da literatura en particular.   

O médico José Luís Barros Malvar amigo persoal de Caballero Bonald serviu coma imán para que este se achegase a gozar en repetidas ocasións da súa casa de Pedrón (Udra-Beluso). A  súa afección polo mar levouno a estudar tamén náutica e astronomía pero, sobre todo, a gozar do contacto co el a través da navegación. Aquí navegou e aquí tamén creou. Quen queira ler entre liñas nalgunhas da obras de Caballero Bonald atoparase coa a amizade do galeno e co mar calmo da ría.

Pero tamén Bueu de forma explícita na súa obra como en «Entreguerras»  (“... aquel tránsito brusco de Madrid a Sanlúcar de Barcelona a Praga de la Habana a Sevilla de Bueu a Jerez de París a Palma de Mallorca...”) ou en «Mar adentro» onde na páxina 31 fala dun “... anciano patrón de pesca gallego de Bueu, desembarcado estancado cerca de Barbate,...”. Na páxina 92: "...Compartir con esos marineros sus modestas faenas en la costa balear de Andraitx o en pontevedresa Bueu..." e na páxina 196 cita a Carlos Casares “... que un marinero de Bueu al que llaman Capitán Lobo Negro, antiguo pescador de ballenas, murió del trallazo que le asestó a la embarcación donde iba un pulpo gigante...

Quixera deixar constancia de que as areas de Pedrón ao igual que a escuma da ría hai tempo que choran a túa ausencia. DEP

 

Nota: Aconsello reler o artigo que no 2017 escribira en Periodistas en español.com o bueués Francisco Rodríguez Pastoriza «Caballero Bonald nos descubre genios, ingenios yotros especímenes».  De aí é a caricatura de Caballero Bonald feita por Xulio Formoso

1 de maio de 2021

O primeiro Capitán de Pesca español era de Cela: José Loira García

Fai tempo que desexaba poñer de manifesto a algunha persoa relacionada co mar. Entre os que barallaba estaba José Loira, veciño meu moito tempo e pai de amigos. Gratitude que tamén lle debía polo seu facer.

José Loira García naceu en Castrelo-Cela ás cinco da tarde do domingo dous de agosto de 1925 e, uns días despois de cumprir os 91 anos, faleceu en Seixo (Marín) o 27-8-2016.

Na súa Cela natal era dos de “Curro”, por parte do pai e “mariñeiros de toda a vida”.

1928-Escola de José García Hermida-Cela

O seu primeiro contacto coa escola foi en Parapía-Cela, que desde 1927 rexentaba nese lugar, José García Hermida. Este mestre o marcou positivamente xa que era unha persoa moi activa non só no ámbito da escola senón como dinamizador do colectivo do profesorado. No 1936 e logo no 1940 foi suspendido do cargo e posteriormente, como tantos outros, desterrado ao lugar de Barreiros en Salvaterra. O mesmo José Loira nunha entrevista conta como anécdota que un cuarto de século despois atopou ao seu antigo mestre e este lle fixo entrega dun caderno de exercicios, corrixidos e asinados, de cando estaba na escola con 11 anos.

O seu futuro gustaríalle que fose coma médico, quizais para emular a outros veciños, coma Manuel Riobó que ata chegara a mercar a Illa de Ons, pero a realidade económica da familia púxolle os pés nunha chalana da rapeta aos 13 anos. Durante un tempo traballou en barcos de baixura, de aí pasou a outros que pescaban sardiña para a fábrica de Massó.

Desde 1942, e durante moitos anos, traballa na Casa MAR (acrónimo de Motopesqueros de Altura Reunidos). Con aspiracións de postos máis relevantes decide estudar para ingresar na Escola de Pesca de Vigo. Para o cal queda uns días, antes dos exames, a preparar estes na escola do Pósito de Bueu que levaba D. José Martínez. Sinalásenos que foi o único da zona que aprobou dito ingreso. Tras un curso na Escola segue a traballar na mesma compañía. Saca, con 19 anos, o título de Patrón de Pesca de Gran Altura.  E co paso do tempo decidiu facer o bacharelato e, en 1963, o temos co número 1 da recen creada titulación de Capitán de Pesca.  Pero José Loira non contento con iso cinco anos despois sacou o título de Capitán da Marina Mercante.  

José Loira García

Como puidemos comprobar na súa traxectoria académica, como pescador acadou as máis altas cotas, tamén foi armador, e o seu paso polo traballo duro dos mares tamén o describe a súa libreta de mar: dende a costa galega e portuguesa, Gran Sol, Canarias, Sudáfrica ata recalar definitivamente polo continente norteamericano en Groenlandia, Boston, Canadá e, como non, polo mundo do bacallau en Terranova, de onde se retirou en 1989.