16 de dec. de 2017

A primeira borrasca con nome propio, ‘Ana’, pasou por Bueu


Á noitiña do día 10 deste mes de decembro, en plena actuación da borrasca Ana con rachas de vento moi forte e choiva arreo tróuxome á memoria distintas imaxes[1] nas que as augas inundaban rúas e casas de Bueu, sobre todo da Banda do Río. Asolagamentos onde a desgraza dos afectados as veces tense mesturado co humor, como no caso de Berto Barreiro en piragua polo cruce de Alexandre Bóveda con Pazos Fontenla.
  Ía eu cara a Praza Massó con esa teima e, ao pasar por onde o río Bispo atravesa P. Fontenla, decátome da presencia do alcalde e dous policías municipais[2] que estaban no lavadoiro de Amieiras[3] enfaenados a inspeccionar o canle do Bispo para así evitar que puidera provocar anegamentos[4].  
   Logo dunhas breves palabras con eles nas que aproveitei para preguntar se houbera moitas ou poucas incidencias e así saciar de paso a curiosidade[5] marchei, ‘mollado coma un pito’, lembrándome dunha carta que polo ano 1923 os veciños de Bueu escribiran ao Presidente de Obras do Porto de Pontevedra para solicitarlle a realización de obras que evitara os danos que as reiteradas inundacións lle provocaban.
Eran tempos en que o alcalde era Miguel Nogueira Fraguas ao que lle deron unha copia da mesma e que poño aquí transcrita para vos a coñezades tamén:
Ilmo. Sr. Presidente da Xunta Administrativa de Obras do Porto.  Pontevedra -
Os que subscriben, veciños do Concº de Bueu, propietarios uns, e outros pescadores; maiores de idade, a Vd. Atenta  respectuosamente, expoñen:
Que por consecuencia de canalizarse as augas do arroio que existe na praia desta vila e punto denominado Banda do Río, por medio dun tubo que as dirixe ao mar, sucede nalgunha frecuencia, especialmente cando teñen lugar as mareas equinocciais, obstrúese aquel reténdose as augas, que ascenden de tal maneira do seu nivel ordinario que chega a formarse un lago que non soamente inutiliza por completo os predios superiores e contiguos a arroio, senón que tamén inunda as casas, ata o extremo de ter que saír seus donos en embarcacións, como así sucedeu no día oito do actual[6].
Que o exposto é un feito verídico pode ser comprobado polo persoal facultativo que teña a ben designar; e co fin de evitar continúen sucedéndose tanto dano como orixinou, non soamente nesta ocasión si que igualmente en anos anteriores, a S. I- Suplican sírvase dispor o conveniente ao obxecto de realizar as obras de ampliación ou reforma que sexan necesarias, no cal administrarei un acto de recoñecida xustiza e necesidade que ordene por elo esta veciñanza manifesta  súplicas
Bueu 10 de febreiro de 1923
Siguen 12 sinaturas

 







[1] Como as das fotografías.
[2] Para mais señas, veciños nosos…
[3] Noutros documentos Amiriras. Para todos, o que está preto do Colexio das Monxas.
[4] Dias antes vira na Praia maquinaria limpando a desembocadura do río.
[5] Caída de árbores, de chapas, etc. pero nada de gravidade.
[6] Referido ao xoves, 8 de febreiro de 1923 que houbo un grande temporal na costa atlántica da península con bastantes mortos no mar, sobre todo en Portugal e como podedes ler na nota de prensa, tamén morreu en Area de Bon unha muller cando recollía algas para abono (Galicia, 10-02-1993p2).

1 de dec. de 2017

Bueu e o Pergamiño Vindel

Dende o pasado 26 de setembro temos entre nós, e ata o 4 de marzo,  o coñecido Pergamiño Vindel. Esta peza clave da literatura galaico-portuguesa é unha copia realizada entre os s. XIII-XIV na que aparecen con pentagramas musicais sete ‘cantigas de amigo’ do trobador da ría de Vigo, Martín Codax.
Recibe o nome de Vindel na honra do seu descubridor, o libreiro Pedro Vindel Álvarez.
Nestes días unha morea de actividades, artigos na prensa, publicación dun extenso catálogo, conferencias[1], etc. dan idea da relevancia do evento e da importancia do manuscrito.
Aínda que hai máis de cinco anos que aparecen nas fichas de libros da miña web lles quero significar, aproveitando este interese polo Pergamiño Vindel, a relación de Bueu co mesmo. Interesante paréceme pór de manifesto que no único lugar onde se fai transcrición musicada[2] dunha parte destas cantigas, realizadas polo Freire Luís Mª Fernández Espinosa a partires da copia facilitada pola familia Vindel é no libro “Canto popular gallego” e que ten como editores e patrocinadores á familia Massó (Gaspar e José Mª Massó García):
“Y pues se trata de Galicia, es también modelo curioso el del trovador gallego (de Vigo, del siglo XIII, Martín Codax), cuyo reciente descubrimiento da más interés a este precioso trozo, tal vez de lo más antiguo que en España se conoce en canto popular regional, y que el autor llamó "Las siete canciones de la enamorada". No nos ha sido posible reconstruir más que los dos números que transcribimos, pues el manuscrito primitivo auténtico está, desgraciadamente, muy deteriorado. La Casa Vindel ha hecho una copia muy acertada de esta curiosa obra.”

Chegados a este punto sinalar que o fillo de Pedro Vindel[3], Francisco Vindel Angulo é autor, entre outras obras, de dous libros relacionadas co patrimonio bibliográfico da familia Massó (hoxe en día co Museo Massó). O título do libros son:




[1] O día 18 de novembro deste ano houbo en Bueu "Un vermú por Vindel" consistente nunha interesantísima charla a cargo da doutora en Filoloxía e experta en literatura medieval Mariña Albor. A presentación a fixo, pola librería Miranda, o seu propietario Fernando Miranda. Estivo organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
[2] Que eu coñeza.
[3] Descubridor do Pergamiño. Xa que tamén tivo un fillo libreiro chamado Pedro Vindel Angulo.

9 de nov. de 2017

Festa de San Martiño

A historia da celebración da Festa de San Martiño en Bueu, pese a que era un dos eventos máis importantes da vila[1] ao longo do ano, non sempre foi doado celebralo con toda clase de facilidades. Houbo momentos en que a sona da festa transcendía aos medios de comunicación con grande aporte gráfico e de artigos. Proba disto poden lerse no que publiquei na revista O Candil nº 3, 7 e 11 en novembro dos anos 1994, 1995 e 1996 no que recollía a contribución na promoción das Festas de San Martiño.
Seguindo nesa liña, e aproveitando que tamén este ano houbo dificultades para que unha Comisión de Festas puidera facer con garantías a festa do patrón, tivo que tomar as rendas da mesma o concello de Bueu. Isto lembroume unha pequena entrevista publicada en El pueblo gallego do 10 de novembro de 1960 ao presidente da Comisión de festas dese ano Perfecto García Lemos[2] que a continuación transcribo:
Diálogo con D. Perfecto García Lemos Presidente da Comisión de Festas
-Se non fora polo entusiasmo dunha peña de amigos, non se celebrarían este ano as festas na honra de San Martiño -díxonos don Perfecto García Lemos, presidente da comisión festeira de Bueu.
- Son verdadeiramente interesantes?
-Eu creo que si. Sobre todo, pola súa tradición e porque son datas nas que todos os fillos de Bueu xúntanse pese a atoparse na distancia.
- Ocasionan moito prexuízo económico?
-Nin prexuízo nin beneficio. O comercio e a industria local encárganse de sufragar os moitos gastos que a organización destas festas ocasionan.
- Diga vostede -engadiu o Perfecto- que o verdadeiro peso da comisión de festas o levan outros señores: Antonio Cerviño e Isolino Liméns e as comisións que por barrios compuxéronse. Son os que verdadeiramente se preocupan de que teñan éxito. Porque as Festas de San Martiño son totalmente necesarias. Case sempre acoden aqueles que desde fai tempo están lonxe. Son algo así como as Navidades.
- Dos alicientes festeiros, Cal é o máis importante?
-Este año os fogos serán algo frouxos. O fútbol quizais sexa o máis destacado do programa. Espero que polo menos se iguale a categoría festeira de anos anteriores. Este ano incluso haberá un día máis de festa. Comezarán hoxe dez do actual e finalizarán o trece domingo.
Como dicía Perfecto García, o fútbol é un dos alicientes máis destacados. No mesmo xornal aparece o presidente, adestrador, directiva e xogadores dos dous equipos do Bueu o xuvenil e o de maiores.

[1] E tamén dos bueueses na emigración que adoitaban xuntarse a comer por esas datas como por exemplo facían os “Unidos de Bueu” na Arxentina: http://bit.ly/2jjDBkF  
[2] Fora rexedor municipal de 1937-1939. Hai unha entrada neste blog sobre o seu cese: http://bit.ly/2ABe7mS

1 de nov. de 2017

A Illa de Ons punto de encontro internacional na Guerra de Independencia

Juan José Caamaño Pardo
O día 1 de marzo de 1809, vinte sete días antes da liberación de Vigo do exército francés, o Conde de Maceda, Juan José Caamaño Pardo[1], reúnese co comandante inglés Jorge Me Kinley en augas de Ons. O fixeron a bordo da fragata Lively[2] que levaba un tempo nas augas insulares á espera de obter información da actividade da resistencia galega contra as tropas francesas.  
E segundo recolle a acta da reunión esta foi moi esclarecedora para o goberno inglés xa que recibían de primeira man información da situación e intencións do exercito que tentaba Reconquistar o Reino de Galicia. Consecuencia desta xuntanza foi a correspondencia e intercambio dunha constante información entre ambos exércitos.


Certificado orixinal, e Copia de tradución ao idioma español, do documento honorífico, do Comandante da Fragata de S. M. Británica Lively á favor de S.E. o Conde de Maceda, na gloriosa causa de S. M. o Señor D. Fernando VII, e Reconquista do Reino de Galicia. Maio 19 de 1809.
Tradución dun Certificado en Inglés entregado á S. E. o Conde de Maceda polo honorable Jorge Mª Kinley Comandante da Fragata de S. M. B. Lively, estando fondeada no Porto de Vigo desde a reconquista de dita Praza[3], e seus Castelos, polas armas de S. M. o Señor D. Fernando VII, e é do tenor seguinte:
Fragata S.M. Británica Lively fronte a Ons
No primeiro día de Marzo de 1809 veu á bordo da Fragata de S. M. B. Lively baixo meu mando na Illa de Ons; a súa Excelencia o Señor Don Juan Josef Caamaño, Conde de Maceda cos planos de operacións para a dirección dos Patriotas Galegos, os que, en varios lugares, alzaran as armas contra a opresión dos franceses, que posuían as principais Cidades e Fortalezas do Reino, e foi S. E. o Sr. Conde de Maceda a Primeira Persoa que me deu as mellores informacións de todo o Estado dos Pobos, de maneira que foi tan celoso na causa de Fernando VII, que foi o móbil de liberar o seu País del xugo do vil usurpador Bonaparte; que inmediatamente mandei pregos para meu Goberno, e tiven a honra de continuar a corresponderme desde entón coa S. E.; do cal resultou que a causa Patriótica foi en aumento: estou tamén certo por meu propio coñecemento que nin fatiga de corpo, nin de espírito foi omitida en moitas críticas, e perigosas situacións que rodearon á S. E. na causa gloriosa.= Dado da miña man e selo a bordo da Fragata de S. M. B. Lively.= Vigo 19 de Maio de 1809.= Jorge Me Kinley.



[1] Juan José Caamaño Pardo (Ferrol 1761-Madrid 1819). Membro da Xunta de Defensa do chamado “Reyno de Galicia”. Defensor destacado das ideas e institucións do Antigo Réxime. Belixerante contra as tropas francesas, contra os “afrancesados” e contra os liberais...
[2] Este mesmo barco, na compañía doutros tres, atacaron o 5 de outubro de 1804 a unha pequena escuadra de catro embarcacións españolas que viñan cargadas de ouro e prata de terras americanas. Curiosamente por esas datas as mariñas inglesa e española non estaban en guerra. Consecuencia deste ataque afundiuse unha fragata española (Mercedes) fronte ao Cabo de Stª María (Portugal) e as outras tres foron apresadas.
[3] 28 de marzo de 1809 día en que derrotados os franceses abandonan pola Porta de Gamboa a cidade de Vigo.

17 de out. de 2017

Beluso: As forzas da natureza asáñanse coas campás da igrexa

Curiosamente o mal tempo cebouse, en distintos momentos da historia dos últimos 150 anos, coa igrexa de Beluso e máis concretamente coas campás.
O primeiro desastre que nos chega[1] ten como data o ano 1803 no que por mor da desfeita dunha tempestade (ciclón) tense que  repoñer a vidreira da igrexa da capela maior.
Case que trinta anos despois, no 1831, volve a haber danos na igrexa. Esta vez na campá maior.
Os veciños e cura ecónomo de Beluso escriben ao arcebispado para solicitar axuda para refundir a campá estragada.
Posteriormente o Secretario da Cámara do Arcebispado de Santiago escribe ao cura párroco de Bueu pedíndolle un informe dos danos e prioridade das necesidades da parroquia veciña. Este lle resposta cunha carta na que confirma as necesidades da parroquia de Beluso:
“S. refundir unha Campá
En data 25 de maio próximo pasado informei a V. S. o que sigue =
En contestación ao oficio de V.S. data 1os do que rexe, por o que de Orde do E. el Arcebispo meu señor se me prevén, diga se é certo o que expresa o cura ecónomo e veciños de Stª Mª de Beluso de haberse roto e posto inservible a Campá Maior quedando soamente unha pequena que non se oe en toda a parroquia e que ditos veciños pola escaseza dos tempos non teñen con que costear a fundición doutra campá capaz: Debo manifestar ao V. S. que todo canto ditos veciños representan é a pura verdade e que case todo, ou a maior parte a lo menos están bastante miserables, sen ter quen lles socorra nas súas necesidades por non ter cura párroco e estar vacante aquela parroquia fai moi cerca de catro anos. Tamén é certo haber cobrado da Conta  vacante os 3.433 rrs por as cales razóns me parece ser xusta a súa pretensión; só sei de que a campá sexa do mesmo peso que a que está inservible […] É verdade que o retablo do Altar Maior áchase un pouco vello sen embargo de que me parece aínda subsiste decente por algún tempo; ademais de que a metade da herdanza do defunto cura, despois de que de toda ela se paguen os danos ao vindeiro, que deben ser poucos, deixouna para dita Fábrica, e con seu impte (importe) sempre que fora necesario, se poida reparar o referido retablo.
É Todo o que podo informar….
19 de xuño 1831
Andrés Pérez Lapido
  Pasados pouco máis de 50 anos, concretamente o 15 de decembro do ano 1886, un ciclón tira o campanario, teito e tribuna da igrexa. Racha a campá, esta vez a menor, e dous confesionarios. Dana parcialmente as paredes laterais e o arco toral (no presbiterio). A reparación ascende a 2.741 pesetas (cantidade moi elevada para a época).
E o azar volveu a asañarse coa parroquial de Beluso. Foi no 1926 cando un raio estragou a campá e parte da fachada.



[1] Da man de Carlos Vázquez Marinelli na súa “Guía didáctica da arte no Morrazo”