19 de xan. de 2016

Suspendido o partido de fútbol entre Bueu e Beluso

A rivalidade interparroquial foi unha evidencia ao longo do tempo en moitos dos concellos. E como non, no noso tamén. Rivalidade que tiña, sobre todo, o seu afloramento máis negativo nas festas[1] e competicións deportivas.
No tempo houbo competicións de fútbol ex profeso para enfrontarse equipos como os de Bueu e Beluso para así irmandarse xogadores e afeccións.
As veces eses intentos quedaron desbaratados polos mesmos rexedores dos clubs tal como ocorreu o domingo 16 de setembro de 1928 no que se ía disputar “o anunciado partido das medallas ‘Paraíso’ entre os equipos de Bueu e Beluso” e que non puido celebrarse “motivado a sensibles desavinzas entre as directivas de ambos clubs”.  
Diario de Pontevedra 18-09-1928 p. 2

6 de xan. de 2016

O alcalde de Bueu prohibe “aprender a montar en bicicleta”...



Rapaces! Sabede que se os Reis Magos, Papa Noel ou os pais regaláronvos unha bicicleta ou unha pelota teredes que ir ao monte ou a algún sitio afastado para poder aprender a montar nela ou xogar co balón. Senón mirade o Bando-Aviso que promulgou o alcalde de Bueu no 1929:
 Que eu saiba aínda non está derrogado. As veces habería que aplicar aos políticos aquel slogan do maio do 1968 “Prohibido prohibir”. Pero non todo é negativo pois a intención e a finalidade do mesmo creo que todos poderíamos subscribilo xa que o respecto aos demais é fundamento de convivencia:” [evitar] realizar calquera clase de actos que dificulten a circulación ou cause molestias aos veciños ou transeúntes”. 
Hoxe, gozade dos agasallos e mantede a ilusión que ninguén vos dirá nada...                        

1 de xan. de 2016

A empresa Massó reclama a un obreiro portugués expulsado de España

Non é normal que unha empresa poña todos os mecanismos de presión ante a maquinaria do Estado na defensa dun dos seus traballadores e máis difícil que isto se dea en momentos convulsos de guerra e da postguerra.

Pois na empresa Massó Hermanos isto deuse cun obreiro de orixe portugués[1] chamado Manuel Da Cunha.
Ao citado obreiro acusábaselle de seren Vicepresidente da “Sociedade de canteiros e similares”, cargo para o que fora nomeado sen a “súa presenza nin consentimento, pero é notorio que dito cargo non chegou a desempeñalo, a pesar das ameazas para impedirlle a seguir traballando e contra a súa integridade persoal.[2]
A pesar de que o obreiro Manuel dende o primeiro momento adheriuse á “Revolución Nacional Sindicalista” [3] foi decretada unha orde de expulsión do territorio español por figurar no seu expediente policial “haber sido nomeado vicepresidente dunha Sociedade obreira sendo súbdito estranxeiro”.
Contra esa orde recorreu a empresa Massó ante o Gobernador Civil que autorizou a volta a España do obreiro (1939). Orde que foi revocada posteriormente polo Ministerio de Traballo. Ante este longo proceso e devir os responsables da empresa Massó deciden acudir directamente ao ministro de Asuntos Exteriores explicándolle todo e “declarando solemnemente que é un bo obreiro e traballador excelente, que xamais deu motivo á máis pequena reprensión, sendo os seus servizos moi necesarios, xa que figuraba ultimamente como capataz de obras, moi difícil de substituír nun pobo tan pequeno como Bueu, e das 1.500 persoas que ten actualmente ao seu servizo, figuraba entre os máis capacitados e de absoluta confianza”. 


 Fontes de información: Manuel Aldao e oficios alcaldía 1939



[1] De Vila de Punhe, Barruzelas (Distrito de Viana de Castelo)
[2] Por todo o cal habíaselle imposto unha multa de 500 pesetas o ano 1936, da que levaba pagado 10 pesetas cando comezou a guerra.
[3] Sendo militante da C.O.N.S. dende o 12 de febreiro de 1937