27 de set. de 2015

Unha gaita de Beluso pioneira na Armada Española


No ano 1939 créase en Cartagena (Murcia) a primeira banda de “gaitas galegas” na Infantería de Mariña Española. A “culpable” de que se constituíse esta, e de que nos actos da Armada Española houbese “representación da música galega”, foi dunha gaita de Beluso e do seu dono Manolo Barros Comedeiro, naquel tempo infante de mariña.
Conformaban a banda 32 gaitas mercadas nun establecemento da rúa Velázquez Moreno de Vigo. O encargado de recollelas e transportalas ata Cartagena foi o mesmo Manuel Comedeiro. Os compoñentes eran case que todos galegos e mallorquinos; e a primeira peza que tocaron fora “Baila, miña Maruxa”. Participaron no “Desfile da Victoria” dese ano e ese foi o empurrón para que se consolidara a ”banda de gaitas na Infantería de Mariña”.
Pero se queredes coñecer as reviravoltas polas que se chegou a iso teredes que ler o relatorio  do profesor Staffan Mörling, “A gaita galega nas bandas de música da Infantería de Mariña Española” no libro titulado “Albeites, compoñedor@s e menciñeir@s” que conten uns 20 artigos coordinados por Antón Patiño[1], ou, de non poder facerse con el, atoparédelo neste enderezo:  https://bit.ly/2kZmgej ou neste outro da revista Aunios nº 12:   https://bit.ly/2sSLIpr

[1] Libraría Librouro de Vigo, editora do libro.

15 de set. de 2015

Festa dos mozos en Beluso

Tal como recolle La Correspondencia Gallega do 26 de setembro de 1907 na súa páx. 2  houbera, o domingo 22 dese mes unha festa cívico relixiosa, baixo a advocación da Virxe do Carme. Hai unha descrición a polo miúdo o que nos serve para ter unha idea do transcorrer dese evento:
Houbo bo fogo de artificio e de aire confeccionado polo pirotécnico Iglesias de Bueu; as vésperas estiveron moi animadas e concorridas, amenizando as festas as músicas de “La Lira” de Ribadavia y el “Eco de Moaña”; dúas bandas mellores que a mellor charanga ben organizada”. Logo fala da misa solemne con orquestras e coros e do sermón do P.Silos, Capuchino do convento de Vigo.
O artigo remata comentando o “tráxico remate” destas festas cun “homicidio frustrado dun mozo de Cela, ocorrido ás dúas da madrugada do luns na taberna coñecida co nome de ‘Pepa Sabela’ establecemento no que víñanse celebrando os bailes dominicais, con que os xoves obsequiaban ás familias e cuxos produtos constituían uns dos emolumentos para sufragar as dúas ou tres mil pesetas que lle custan estas celebérrimas festas”.  

1 de set. de 2015

O pobo de Bueu non ten aceite

Ante a carencia absoluta de aceite por parte da poboación civil do concello de Bueu a Alcaldía-Delegación local pide á casa “Massó Hermanos S.A.”, fabricantes de conservas, o faciliten para repartir entre os conveciños.
Atendendo á petición dun dos seus membros[1] a familia Massó fai entrega ao concello, o catro de abril de 1951, da cantidade de 2.500 kg de aceite de oliva.
Desta entrega hai constancia posterior nunha certificación asinada polo tenente de alcalde do concello bueuense.


Nota: Grazas a Manuel Aldao por facilitar a información.



[1] Alcalde José Mª Massó García

22 de ago. de 2015

Procesión marítima na illa de Ons - 1930

Hoxe e mañá están a celebrarse as na Illa de Ons as festas na honra de San Xoaquín. Vou a pór o cartel anunciador das mesmas para facilitar ao que desexe achegarse ata a illa este fin de semana o faga coñecendo algunhas das actividades que se realizaran nestas festas 2015.
O domingo, día 23 hai unha misa cantada pola Coral Polifónica de Beluso e  procesión ao peirao.

A raíz disto que lembrar que noutros tempos, anos trinta do século pasado, a procesión tamén era marítima.  Constancia gráfica disto o temos, da man do fotógrafo Ocaña, na hemeroteca de El Pueblo Gallego do venres 22 de agosto de 1930 na súa páxina 8.


13 de ago. de 2015

Biblioteca O Progreso -1938

A Sociedade de Agricultores de Beluso solicitou a o Patronato das Misíons Pedagóxicas unha Biblioteca. Para que sexa informado polo concellos a Inspección de 1ª Ensinaza solicita un informe á Xunta Local de Educación de Bueu. Esta informa favorablemente “fundándose en que concedéndolle a dita Biblioteca poderá difundir a cultura entre os seus asociados e servirá para levar o mellor termo moitos dos actos culturais que nela se organizan”.

4 de ago. de 2015

A festa dos mozos, Bueu 1905

As festas dos mozos[1] de Bueu non foron patrimonio das nosas parroquias xa que noutras da contorna tamén víñanse a celebrar e ata perduraron máis no tempo. A data exacta do inicio da Festa dos Mozos en Bueu non consta documentalmente pero si pode dicirse que foi entre 1888 e 1895 cando se puxeron de acordo, para tratar de unir ás súas mocidades, os curas de Bueu e Beluso, D. Cándido Alvarellos Arjomil[2] e José Antonio Ferro Baliño[3].
Por sorte, para documentar estas autorías quedounos un artigo de Luís Dueñas no diario pontevedrés La Correspondencia Gallega  no setembro do 1905 que a continuación transcribo:         
“A festa dos mozos”
“Así se chama a que, a inspiracións dos Curas párrocos de Bueu e Beluso, Sres. Alvarellos, de grata memoria, e Ferro, de xerais simpatías, fundouse hai algúns anos nestas parroquias, e que agora, despois dunha curta, inxustificada interrupción, volve celebrarse nesta vila, con maior animación e entusiasmo, grazas á actividade dos mozos solteiros, á cooperación do Liceo de Artesáns, e á subscrición popular, xenerosamente apoiada por estes veciños.
Estas festas de Xullo, como o dixo La Correspondencia Galega, foron fermosas manifestacións de entusiasmo popular e social, con esfumados perfís, de movemento relixioso, a animación non decaeu un momento durante o tres días; e de todos os números do festival, como se dicía antigamente, foi admirablemente cumprido o das regatas marítimas, sorprendente espectáculo, que deixará indeleble recordo e grata memoria neste país. Eu que afago probar coa infalible estatística do número, tomei ao oído a cifra de catro mil pesetas,  que se gastaron nestas festas, é dicir; tanto como en Vigo e Pontevedra nas do Cristo ou da Peregrina.
 Podemos asegurar, e desde logo predicímolo, que a mocidade e o Liceo de Artesáns de Bueu sinalarán con pedra branca, como fausto acontecemento, este ensaio de rexeneración no fermoso chan que encerran e dominan os montes de Udra, A Esculca e Liboreiro.



[1] Esclarecedor, documentado, complementario e imprescindíbel para entender estas festas é o artigo “As festas dos mozos na parroquia de Bueu” de Xosé Manuel Cerviño Meira na revista Pontenova nº 3, páxinas 11-20, editada pola Deputación de Pontevedra no 1998.
[2] De 1884 ata decembro de 1896.  O 14-4-1988 foi nomeado alcipreste interino do partido do Morrazo. No 1896 marcha para Betanzos. O motivo do seu concurso para outra parroquia foi o forte enfrontamento cós mozos da parroquia pola organización da festa da xuventude. A división no pobo foi moi grande que se viu reflectida na petición ao Arcebispo, por parte do concello, para que non o trasladara.
[3] Natural de Cesures. Estivo en Beluso do 1-6-1888 ata o seu falecemento, o 17-1-1917.

25 de xul. de 2015

Nace en Bueu o equipo Corredoiras F. C.

O día de Santiago do ano 1929 xógase o partido-presentación, no campo do BUEU F.C., do novo equipo infantil de Bueu: o CORREDOIRAS F. C. Partido que o enfronta ao PETIS F.C.
O seus comezos tiveron acollida na prensa, como no caso do xornal El Pueblo Gallego, que ata pon a aliñación dos “futuros ases”:
Teodoro, Javier, Cubano, Pico, Pedro, Pandilla, Quico, Chuco, Borete, Félix e Tomás.

Moitos deles seguiron a despuntar e chegaron a xogar no club dos maiores, o Bueu F.C.

19 de xul. de 2015

Clases de comercio e idiomas no Bueu de 1902

No 1902 houbo unha subscrición de a 25 pesetas/acción para montar un centro de ensinanza para clases de Comercio e Idiomas.
A idea xurdiu “dalgúns entusiastas fillos do país” relacionados cos curas párrocos de Bueu, Beluso e Cela. Para falar diso convocouse unha “reunión a todos os que representan algo en Bueu”. Feita esta todos os asistentes aprobaron unha serie de bases do proxecto (expostas por Martínez Casamande, cura de Bueu) e, para levala a cabo, nomeouse unha “xunta provisional ou comisión xestora presidida polo médico Sr. Massó e composta  dos Sres. Dr. Riobó, farmacéutico Prieto, Garrido, Lago e o Sr. Sánchez, párroco de Cela, coma secretario levando a presidencia de honra o veterano médico titular querido no país señor Pérez Lapido”.
Como tantos e tantos proxectos deste nunca máis se soubo.
La Correspondencia Gallega 29-11-1922 páx. 2


1 de xul. de 2015

Biblioteca Popular - III

A Biblioteca Popular de Bueu dende aquel 7 de outubro do 1927 que comezou a súa andaina nos baixos do concello recibiu, sobre todo nos primeiros anos, grandes aportacións de material bibliográfico, e doutro tipo, de persoas “desexosas de fomentar o poderoso medio da cultura que as Bibliotecas populares representan” para un achegamento desta ao pobo.

Aos cincocentos volumes iniciais logo sumáronselle moitos máis da man de donantes como Manuel A. Bares[1] e Erasmo Buceta… aos que habería que engadirlles algúns máis entre os que destacan os mestres Higinio Pérez García que doou máis de 150 libros (Unha enormidade para a época!) ou José Monje Otero; José Martínez Pastoriza[2], Sofía Gómez Buceta[3], Julia Adelaida Carrillo[4], Rafael Areses[5], tamén a familia Massó da man de Gaspar Massó García que amén dunha “máquina de contar… doa mesa e cadeira para ela”, dun Diccionario Enciclopédico Hispano-Americano[6] e doa tamén un “rótulo de azulexo, orixinal de Manises, cun coste de 240 ptas, sen portes, que se destina á Biblioteca Popular” que aínda figura no lateral do concello.
  Ante a gran demanda para utilizar a biblioteca por parte das xentes de Bueu  o alcalde en 1929 era aínda Camilo Davila presenta o nove de setembro dese mesmo ano a necesidade de crear un posto fixo para a Biblioteca Popular. Pero non será ata a sesión do 23 de febreiro de 1931, baixo a presidencia de Perfecto García Nogueira, cando se decida contratar como encargada de todos os servicios da biblioteca a Sofía Gómez Buceta por 2,50 ptas de xornal (pagaranlle por trimestre). Sofía sería a única bibliotecaria que tería a Biblioteca Popular xa que coa súa xubilación non se cobriría esa praza.

[1] Dos seus libros: Delenda est Germania!, “La nación española y el nacionalismo vasco” e unha subscrición á revista arxentina “El hogar”.
[2] Un exemplar da novela “El triunfo de la vida”
[3] Un exemplar de “La hermana San Sulpicio”
[4] Tres tomos de “La vie des animaus”
[5] Seis folletos escritos por el de “Los incendios en los montes públicos”
[6] E por coincidir o día da inauguración coa Festa do Libro doa 4º exemplares da obra “El alma de Cervantes” para distribuír entre as escolas do concello para que premien ao alumnado máis aplicado.