A Biblioteca Popular de Bueu
dende aquel 7 de outubro do 1927 que comezou a súa andaina nos baixos do
concello recibiu, sobre todo nos primeiros anos, grandes aportacións de
material bibliográfico, e doutro tipo, de persoas “desexosas de fomentar o
poderoso medio da cultura que as Bibliotecas populares representan” para un
achegamento desta ao pobo.
Aos cincocentos volumes iniciais
logo sumáronselle moitos máis da man de donantes como Manuel A. Bares[1] e Erasmo
Buceta… aos que habería que engadirlles algúns máis entre os que destacan os
mestres Higinio Pérez García que doou máis de 150 libros (Unha enormidade para
a época!) ou José Monje Otero; José Martínez Pastoriza[2], Sofía
Gómez Buceta[3],
Julia Adelaida Carrillo[4], Rafael
Areses[5], tamén a
familia Massó da man de Gaspar Massó García que amén dunha “máquina de
contar… doa mesa e cadeira para ela”, dun Diccionario Enciclopédico
Hispano-Americano[6]
e doa tamén un “rótulo de azulexo, orixinal de Manises, cun coste de 240
ptas, sen portes, que se destina á Biblioteca Popular” que aínda figura no
lateral do concello.
Ante a gran demanda para utilizar a biblioteca por parte das xentes de
Bueu o alcalde en 1929 era aínda Camilo
Davila presenta o nove de setembro dese mesmo ano a necesidade de crear un
posto fixo para a Biblioteca Popular. Pero non será ata a sesión do 23 de
febreiro de 1931, baixo a presidencia de Perfecto García Nogueira, cando se
decida contratar como encargada de todos os servicios da biblioteca a Sofía
Gómez Buceta por 2,50 ptas de xornal (pagaranlle por trimestre). Sofía sería a
única bibliotecaria que tería a Biblioteca Popular xa que coa súa xubilación
non se cobriría esa praza.
[1] Dos seus libros: Delenda est Germania!, “La nación española y el
nacionalismo vasco” e unha subscrición á revista arxentina “El hogar”.
[2] Un exemplar da novela “El triunfo de la vida”
[3] Un exemplar de “La hermana San Sulpicio”
[4] Tres tomos de “La vie des animaus”
[5] Seis folletos escritos por el de “Los incendios en los montes
públicos”
[6] E por coincidir o día da inauguración coa Festa do Libro doa 4º
exemplares da obra “El alma de Cervantes” para distribuír entre as escolas do
concello para que premien ao alumnado máis aplicado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario