1 de maio de 2023

Bueu: Récod de alcaldes

 Comezamos hoxe o mes de maio; día no que o fiúncho e os pampullos comparte protagonismo co día do Traballo. Mes este, que rematará cunhas eleccións municipais e estas, en stricto sensu,  coa constitución dunha nova corporación.

Pois ben, este evento electoral sérvenme de escusa para compartir outro segredo que o pasado de Bueu agochaba no saco do esquecemento.

Voulles falar dun pequeno feixe de alcaldes que presidiron Bueu nun pequeno espazo de tempo.  Estou remontándome a 1868, ano no que o Sufraxio censatario[1] foi substituído polo Sufraxio Universal (de homes), da revolución “Gloriosa” ou do Pronunciamento de Prim que daría coa fin do reinado de Isabel II, co goberno provisional de Amadeo I de Saboya etc.

Todo isto tivo as súas consecuencias no concello de Bueu...

Pero comecemos un ano antes... O primeiro de xaneiro de 1867 o alcalde saínte, Gabriel Estévez, toma xuramento do cargo como novo alcalde a Manuel González Plá[2]. Fíxose con toda normalidade a toma de posesión para o bienio 1867-68, a mesma que presidiu algo máis de ano e medio, do que sería o segundo mandato deste.

Mais chegados os sucesos do mes de setembro de 1868, coa sublevación militar, axudados por civís, moitas cousas cambiaron. Nas principais cidades do país constituíronse Xuntas para organizar a vida civil e tomar as rendas do poder. En Bueu, nos primeiros días de outubro o alcalde Manuel González Plá foi substituído por un militar, o Axudante de Marina, e Xefe da Xunta Local, Juan Medina Reina, que estivo exercendo como tal ata o día 6 en que o Gobernador, como presidente da Xunta Provincial, nomeou a Juan Domenech González.

Aos 15 días xa había outro Gobernador que, aínda que Interino. enviou un escrito ao concello de Bueu nomeando como novo alcalde a Juan Vergés Coll. Este acata a orde, pero solicita sexa relevado por ter xa 68 anos[3];  mentres tanto exerce e asina como tal.

Días despois,  aceptada a dimisión, noméase para substituílo, antes de finalizar o mes de outubro, a Manuel Antonio Bares Fariña[4] que estaría ata primeiros do 1869, ano que foi nomeado mestre da escola incompleta de nenos de Cela.

 Todo un récord de alcaldes para un curto período de tempo. E, ata onde coñecemos Único!... e como di Fernando Miranda ... en Bueu, onde ía ser?

Alcaldes de Bueu no mes de outubro de 1868

Manuel González Plá

Dende 1-1-1867 ata o 1-10-1868

Juan Medina Reina

Do 1 ao 6 de outubro

Juan Domenech González

Do 7 ao 23 de outubro

Juan Vergés Coll

Do 24 ao 31 de outubro

Manuel Antonio Bares Fariña

Dende 31 de outubro ata 1-1-1869




[1] Simplificando co Sufraxio censitario só podían votar aqueles homes que cumprían certas condicións económicas (‘maiores contribuíntes’) ou con ‘capacidade’ (médicos, curas, Mestres, xuíces etc.)   

[2] Manuel González Plá foi alcalde en catro ocasión: 1863-64, 1867-68, 1873-77 e 1887-90.

[3] Por Lei podíase renunciar a calquera cargo público a partir dos 60 anos.

[4] Pai de Matilde Bares, Manuel A. Bares, Francisco e Ramón Bares Giráldez.

1 de abr. de 2023

A bandeira na escola de Orientación Marítima de Bueu - 1936

Logo da toma de poder en Galicia das autoridades franquistas no 1936, toda una batería de ordes e contraordes chegaban a todas as institucións municipais ou non. As veces a realidade impedía cumprilas e o medo e a incerteza deixaba pegada no que tería que ser o axente executor.

A linguaxe cambia, as contradicións afloran e as vidas submisas serven para seguir vivindo.

Esclarecedora das premisas mencionadas, pode ser a carta do mestre de Orientación Marítima de Bueu, Ricardo Touza escrita, en novembro de 1936 ao Presidente do Consello Escolar de 1ª Ensinanza:

Arquivo M. de Bueu Ca. 1357/20
“Recibín da Inspección de 1ª Ensinanza de Pontevedra, onde dita normas de ensinanza, que os mestres deben cumprir con todo celo, xa que se trata dunha renovación na vida das escolas encamiñada a facer que sexa centro onde se ame e se respecte a España espertando ao mesmo tempo ese amor patrio e relixioso de que estaban ausentes as almas infantís.

Agora ben; para o cumprimento dalgunhas destas normas, existe, claro está, certas dificultades, que por estar na súa vontade súa máis fácil resolución, é polo que acudo a vostede, para que me axude na medida das súas posibilidades.

Unha das normas a seguir que dita a circular, é a que se refire a colocación da bandeira nacional na fachada do edificio. Vostede comprenderá facilmente que isto non é posible sen antes ter, bandeira, hasta e os sostén metálicos da hasta.

Se ben na escola existe unha bandeira tricolor que pertencía a este centro antes, do glorioso movemento, aínda que se reforme cambiando a terceira cor, serviría para o que a circular ordena, pois o seu uso e pequeno tamaño, a fan inservibles.

Así é que lle pido que interceda na Corporación que tan dignamente preside, a favor da Escola de Orientación Marítima polo que como mestre da mesma, quedarei altamente agradecido.”

Dias despois a Xestora que dirixe o concello lle resposta: “...acórdase desestimar tal petición porque dada a penuria do presuposto, non é posible atendela polo momento”

 

11 de mar. de 2023

Bueu: capador asasinado

Na entrada anterior sobre os ‘Capadores en Ons’ mencionei o asasinato dun capador e, como hai amigos que me están a preguntar pola noticia, fago un relato do que sae nos medios de comunicación que se fixeron eco deste lutuoso feito ocorrido en Bueu no mes de abril de 1903.

Taberna-salga Pescadoira
Un venres, 17 de abril de 1903, coincidiron na mesma taberna, e xa é casualidade, tres capadores ou castradores que viñeran a ofrecer os seus servizos polas aldeas de Bueu. A taberna, na baixada a Pescadoira, era a de Francisco Rúa Pazó, avó materno dos que foran donos de “A Víuda”, Rosa e Luís Rúa.  


Un dos castradores, era un veciño Moaña chamado Antonio Andrade, de 58 anos de idade, casado, cunha filla, persoa de complexión forte e coñecido na zona por ter vido outras veces por Bueu. Os outros dous viñan á compañía, e eran de fóra da zona, ninguén os coñecía.

Ao advertir uns e outros a competencia para conseguir traballo ese día, foron elevando o ton da discusión que rematou coa invitación do taberneiro a abandonar o local; cousa que fixeron cada un polo seu sitio.

Lugar onde morreu o castrador
A casualidade fixo que sobre as dúas da tarde se atopasen na estrada que do Ramal dos Galos vai ata igrexa parroquial de S. Martiño, á altura do cruceiro que mandara facer o xastre das Meáns, Juan García Carballo[1].

Sen mediar discusión algunha (xa se dirían de todo pola mañá!) sacaron os seus revólveres e escoitouse un só disparo. Bala que penetrou no peito do capador Antonio Andrade que, caendo esborrallado, morreu case no acto. Os outros dous asustáronse e tiraron a pistola ao chan (con 5 balas)  e, con disimulo, sen precipitarse moito marcharon.

Pronto desapareceron da escena deixando estupefactos a uns veciños que estaban a traballar as veigas próximas.

A garda civil fíxose cargo da investigación sen dar co paradoiro dos dous capadores fuxidos. Apareceu a xustiza para Instruír e levantar Acta do ocorrido como o xuíz de 1ª Instancia, Prudencio Landín na compaña de Ortega Villar, Tenente Fisca da Audiencia así como o actuario (secretario xudicial) Sr. Buceta. A autopsia a fixeron os tres médicos de Bueu: López Castro, Pérez Lapido e Massó.

Pasados quince meses volve a aparecer a noticia na prensa xa que os dous capadores, naturais de Forcarei, coñecidos por ‘Os Picheles’ facía uns días que se presentaran no Xulgado de 1ª Instancia dicindo “Sabemos que nos buscan por unha morte de Bueu e aquí estamos”. De aí ingresaron no cárcere.

Ele explicaron que fuxiran a Portugal e logo a América de onde regresaron hai uns meses. E con respecto ao asasinato negaron toda participación no feito dicindo que se matara o mesmo Antonio Andrade ao ser suxeito polo puño para que non disparara sobre os outros dous.

Navalla-estancador utilizada polos castradores

 A competencia entre os capadores/castradores era moita, mais non só cinguíase entre eles, senón entre albeites[2], menciñeiros[3] e de todos estes, cos mesmos veterinarios. Tense dado o caso en lugares gandeiros que, instalado o veterinario, pasado un tempo este tiña que marcharse a outras zonas pola competencia destes “profesionais do común” e a reticencia dos gandeiros ao servizos regulados e máis caros.



[1] Está actualmente no parque de Ramal dos Galos e naquel momento, a pouco máis de 200 metros, na estrada Ramón Bares.

[2] Persoa que cura as enfermidades do gando sen ter o título de veterinario. RAG

[3] Persoa que se dedica a curar a xente ou o gando, sen ser nin médico nin veterinario. RAG

 

4 de mar. de 2023

Ons. Serían capadores?

Os tempos políticos a mediados do século XIX estaban a pasar momentos convulsos onde, aos problemas sucesorios (sobre todo cos sectores carlistas) sumábanselle o enfrontamento por manter ou non o Antigo Réxime e as loitas entre os partidos dominantes que deron pé a novas formacións, como foi o Partido Progresista Demócrata[1].

Todos vían inimigos en todas partes. Os mandados, por parte dos Xefes Políticos, de extremar a vixilancia nas distintas demarcacións eran constantes.

Arquivo M.Bueu-Correspondencia Ca. 135/1
Por partir dun exemplo, o alcalde de Bueu recibe un oficio con esa fin do Xefe Político da

Provincia, 16 de novembro de 1849, ao que resposta co seguinte texto: “para que se exerza activa vixilancia nos puntos da costa pr se a elas arribasen o buque de vapor el Henriette, e o Bergantín Goleta ambos pintados de negro qe conducen equipaxes pa algúns miles de homes; de cuxas disposiciós pra impedir o seu desembarco quedo decatado e redobro a vixilancia nos puntos do meu distrito...”

Con este tipo de teimas, dáse unha rocambolesca situación na que o alcalde, o 8 de marzo seguinte, escribe ao Xefe Político:

Arquivo M.Bueu-Correspondencia Ca. 135/1
“Habendo tido pr noticia qe no día de onte pasaran á Illa de Ons dous homes descoñecidos e de carácter sospeitoso, e ignorando o obxecto qe a aquel punto podían levar, mandei inmediatamte varios homes veciños nunha lancha pa qe auxiliándose do mordomo e máis indo restes naquela Illa se apoderasen das persoas dos primeiros, e mos presentasen  cal en efecto así cumprido na noite de hoxe noto qe cada un deles me presenta un pase, os mesmos qe con as súas persoas remito a V. pr ser máis distancia qe as oito legs do punto de onde sonan residtes; e ademais parecen algo inverosímil de qe pasaron a aquela Illa co só obxecto segundo din, de exercitar o seu oficio de Capadores; con obxecto sen embargo de qe aclarados estes inconvtes dispoña V.. o qe vexa oportuno.”

A dubida que algúns teñen é se os pobres capadores ían armados cunha navalla a dar un golpe de estado tomando a Illa como refén ou simplemente a traballar no seu oficio. Porque o de capar a alguén na Illa de Ons nin se contempla, sería suicida...

De asasinatos, de e por capadores, tamén temos en Bueu, pero será outra historia.

[1] Escisión do Partido Progresista que solicitaba ir moito máis aló nos dereitos e liberdades cidadás, ampliación das medidas de desamortización, sufraxio universal etc.

 

27 de feb. de 2023

Outra de Sanidade… pero carceraria 1843

 

De moitos é sabido que dende os inicios da constitución dos concellos os cidadáns, ao través destes, contribuían ao pago das Xuntas de Instrución Provinciais e nacionais, escolas Normais de mestres, de centros universitarios, de cárceres provinciais, de mantemento dos veciños na milicia, da construción de todo tipo de estradas e dun longo etc.

Arquivo M. de Bueu Ca. 132/4

Fai 180 anos de que o xulgado de 1ª Instancia de Pontevedra lle reclama a uns bueueses, por mediación da alcaldía, uns pagos por gastos médicos e por outras ...

A notificación á que me estou a referir é para que se avise a Benito M. para que pague 67 reais con 14 marabedís por ser este o importe adquirido polo recoñecemento que lle fixeron uns médicos a consecuencia da enfermidade que padeceu nunha perna estando no cárcere. Si, leron ben, estando no cárcere.

Lonxe do meu ánimo é dar ideas para a Sanidade dentro e fóra do cárceres.

E iso é só a metade do que debería pagar pois a outra metade a pagara un veciño seu, Rafael de la Torre.

Mais as cousas non quedaron niso xa que aproveitando esta notificación engádeselle unha factura de 14 reais e 24 marabedís extensible tamén, a mesma cantidade, ao mencionado Rafael de la Torre, por reclamación do Alcaide da prisión provincial polo que lles correspondía a cada un pola súa saída deste cárcere.

E como diría alguén máis sabido: “que non se queixen que se fora anos atrás tamén terían que pagar, entre outras, a comida e ata o soldo do carcereiro”.

Quen non se consola é porque non quere!

19 de nov. de 2022

Boxeo en Bueu (II)

Ismael Otero
 Manuel García Pereira, no mundo do boxeo “MachínBarrena”, no primeiro e case único sitio onde foi pelexar fóra de Bueu foi á parroquia vilagarciá de San Xens de Bamio. Foran el e Ismael Otero, cada un na súa categoría. Ismael sendo máis xove que Bobby era de categoría superior. Gañaron, cada quen na súa categoría. Bobby gañou 10 pesos (de peseta) que repartiron para pagar os guantes e material que precisaban no “club” de boxeo. Ismael, que era moi xove pero moi musculoso, era o xefe.

Onde se adestraban e boxeaban era nunha casa[1] pegada á salga da Requisa na subida a Can do Penedo (á dereita, fronte ao antigo taller do Chisco).

Local: A casa era de Cachote o vello (¿?). Onde adestraban tiñan fotografías (de xornais e revistas) de boxeadores como Uzcudum, para eles ídolos do momento. Había unha pancarta que puña “CLUB GIMNASIO BOXEO”. Tiñan unha báscula de pesar o polbo que era de Manuela Rúa Piñeiro (avoa de Miguel Loira) que lle arranxara Ismael (pois estaba estragada). Para pelexar había que pesar cunha diferencia de 5 kg máis ou menos en cada categoría. Se pesabas 60 non podías pelexar cos de máis de 65 kg.

Manuel García 'Machínbarrena'

Eramos afeccionados. Facíamos como ‘pachangas’.       

Dos que participaban boxeando:

Xefe: Ismael Otero ‘O Chisco’

2º xefe: Manuel García Pereira.

Xuíz: Agustín González, de Nacidas

Outros:

- Pepe Méndez Gallego  (da Graña):  “era forte”

- Jaime Portela Bravo ‘Carraxón’ “era alto e limpo pegando, moi fino” (levaba a contabilidade na oficina de Apolinar). Pelexou con Bobby

- Jaime Blanco González ‘O Isleño’

- Servilio Buceta

Un día do Carme estaba programado un combate na Boca da Vereda (cruce Montero Ríos-Eduardo Vincenti) pero morreu D. Ramón Otero, pai de Ismael o día antes, polo que se suspendeu. No enterro foi unha banda de música.

Boxeador de Beluso
 Aos combates ía moito Misina a vella... Tiña dous barcos, un deles co nome do boxeador Maxbaer[2].

A xente pagaba a vontade para ver as veladas de boxeo. Cando a puxemos a 3 pesetas non foi ninguén.

Fóra do boxeo: Os Carreteiros de Beluso retaron un día a Ismael Otero “Ese matón que veña para acá”, e levaron unha tunda

Ring…. As veces como o chan era de sabre escavaban ao redor  para que o centro quedara un medio metro máis alto e así podía mirarse mellor.

Guantes e sacos de boxeo... comprábaos Ismael. Co que se sacaba, pagábanse.

O fillo de Cerviño, Toñito, irmán de Suso, era alto y rubio, y quería aprender a boxear. Pelexaron e como era dos Cans da Praia[3] o Bobby doulle unha tunda que o deixou marcado. Bobby tiña 16 anos e el tres ou catro menos. A consecuencia do cal o pai reclamaba “Ese fillo de Barrena, non ten corazón,…”

Logo meteuse a federación, veulle mirar as instalacións, pero había que pagar para federarse e o único que seguiu foi Ismael. Tivo un combate en Vigo que perdeu e en Pontevedra que gañou.

Bobby deixou porque foi para a Marina. Aínda que tamén boxeou unha vez, cando facía instrución na armada, cun rapaz de Canarias ao que gañou.

Segundo me conta Bobby, pelexaba moito pola fame... Na casa de Ismael tiñan pan de broa...

Casa - clube de boxeo na Banda do Río
 

 

 

Nota: Información obtida nunha charla que o 30 de marzo deste ano tivemos na da Viúda co amigo Manuel García Pereira “MachínBarrena”, hoxe coñecido como Bobby e a que agradezo a súa disposición para contar...



[1] Onde hoxe en día están os pisos de Can do Penedo, lindando co parque infantil da Banda do Río.

[2] Max Baer, campión de Peso Completo. Nados en Nebraska  co nome de Maximilian Adelbert. De talante simpático pero de grande agresividade no ring.

[3] Denominación que lle daban áos rapaces que vivían dende o río Bispo (a de Gabriel, hoxe hotel Incamar) ata comezar Pescadoira .