20 de xuño de 2016

O alcalde rexeita viaxar de balde -1927

Estamos nun momento no que a política polariza sentimentos. No que a corrupción presenta a súa cara máis descarnada. Onde os cantos de serea arrastran ao fondo da nada ás ilusións de milleiros de persoas e, o que aínda é peor, levando tras de si a esperanza,  o futuro das novas xeracións.
Se se puidera apostatar deste mundo inxusto moitos o pensaríamos. Hai quen prefire esperar a ver se se ‘para o mundo para baixarse’[1]; e outros, por sorte os menos, non esperan e tíranse con el en marcha. 
 A pesar deste panorama hai quen como estrelas de luz refulxen dende que comezou o luscofusco que nos leva á escuridade. Persoas que dende calquera posición da nosa sociedade fan do respecto, da solidariedade, do esforzo, da honradez... principio da súa ética cotiá.
Quixera rescatar do horizonte unha afastada estrela que nos servira de contraposición ás noticias que a diario nos dan os medios de comunicación (E menos mal que a dan! Pois aínda así....) pero a brétema non me deixa ver ben... Polo menos quero resaltar un pequeno-gran feito ocorrido en Bueu:   
No xaneiro de 1927 recíbese na alcaldía unha carta acompañada por unha tarxeta-bono como unha demostración de distinción persoal para viaxar gratuitamente no transporte que facía Pontevedra-Bueu-Cangas, por parte da empresa concesionaria da liña.
A resposta do alcalde foi rápida, contundente e con doses de amabilidade:
Moi Sr. Meu: Devólvolle a Vd. adxunto a Tarxeta de abonado que en nome da empresa ‘Transporte Automóbiles’ tiveron a bondade de remitirme.
Sinto non poder aceptar a distinción que me propoñía...”
Nota: Logo de escribir o que antecede busco o nome do personaxe protagonista e  comprobo que é o alcalde de Bueu era Camilo Davila Davila. Alcalde que, entre outras cousas abriu a Biblioteca Popular (7-10-1927)[2] e logo creou o cargo de Bibliotecaria[3]; alcalde que creou de forma definitiva a Escola do Pósito de Pescadores (outubro 1929)[4]; alcalde que prohibiu aos coches circular polo centro de Bueu a máis de 10 km/h para "conseguir seguridade e tranquilidade nas rúas do pobo[5]; nomeado alcalde dúas veces[6]; primeiro Delegado de Orden  Público no 1936; alcalde que foi amentado e sinalado por iso e que, ao non soportar acusacións que el consideraba inxustificadas, autoexiliouse en Santiago de Compostela onde faleceu no nadal de 1982.


[1] Frase atribuída a Groucho Marx “Que pare o mundo que me baixo”. Outros a poñen en boca de Mafalda,... eu a mirara nunha pintada do “Maio francés do 68”.
[4] Revista Os Galos nº 9: https://db.tt/Wql89wrd
[6] http://acidras.blogspot.com.es/2012/10/nomearono-alcalde-duas-veces.html

12 de xuño de 2016

Padroado San Xosé -VI

A Igrexa de San Xosé: Diferencias do proxecto inicial e agora.  
O que puido ser e non foi...
A igrexa proxectada polos arquitectos Francisco Castro e Pedro Alonso tiña unhas características suntuosas como pode comprobarse pola súa memoria e planos:
A xustificación dunha igrexa tan grande é a de “dotar non só a este grupo, senón tamén á barriada, deste servicio relixioso, pola grande distancia que se atopa a parroquial”.
Un amplo atrio da igrexa estaría á altura da estrada Pontevedra-Cangas e a súa intercesión con Pazos Fontenla. Dende a entrada exterior do atrio ata a porta da igrexa había un lixeiro desnivel. Pretendíase “aproveitar a maior elevación do terreo para destacar a súa máxima xerarquía, ao propio tempo que presentala como amparadora do grupo escolar”.
Coa torre situada na parte máis avanzada onde a “igrexa ten un fronte de 12,80 m. e unha lonxitude de 31,60 m. sen incluír a ábsida. Ten un primeiro corpo de acceso ao nártice[1]a cuxo lado dereito está situado a torre, na que se desenvolve unha escala de subida ao coro e ao campanario. No lado esquerdo hai unha dependencia que pode ser o baptisterio[2].

A igrexa é dunha soa nave con contrafortes resaltados interiormente deixando espazos laterais que serán destinados á instalación de altares e confesionarios [...] Nun deses espazos laterais colócase o púlpito  [...]. Ao fondo o altar maior, no nivel máis elevado, no centro dun ábsida de forma poligonal, e separado da nave pola balaustrada e gradas do comungatorio. Á esquerda desta ábsida está a sancristía [...]
Os contrafortes irán enlazados con arcos e bóvedas rebaixados, quedando así definidos claramente os nichos dos altares laterais. E por enriba destes arcos arrincará a bóveda da igrexa que é de canón rebaixado, con arcos faxóns coincidindo cos contrafortes.
Na planta baixa distribuíuse a vivenda do cura, baixo a ábsida da igrexa e o almacén, lavadoiros e demais servicios da Comunidade.”

A nova capela quedouse en:

Ao esgotarse a posibilidade de facer a igrexa anteriormente descrita o Padroado solicitou permisos para modificar con algún tipo de separación (portas corredoiras, biombos,...) as aulas e vestíbulo centrais para que, ao igual que se había feito ao longo de case medio século na capela vella, puidesen abrir nos momentos que se quixera celebrar algún oficio relixioso e así ter polo menos un espazo de culto no recinto escolar. Polo arquitecto do ISM non puxo impedimento algún pois non afectaba á capacidade escolar. Iso si, os gastos da modificación correrían a cargo do Padroado ou do Concello. Máis cando puxéronse mans á obra optaron, coa conivencia de todas administracións implicadas, por delimitar ese espazo central e o que ía ser vestíbulo, súas salas de profesores, salón de exposicións de traballos escolares, dous servicios, dúas aulas completas e parte doutras dúas transformalo nunha pequena capela de algo menos de dous centos metros cadrados.
Para manter a idea primixenia seguiu baixo a advocación de San Xosé coa mesma imaxe, doada por Jerónimo Bolíbar, presidindo o altar. Capela á que se lle deu uns pequenos ‘toques’ mariñeiros no seu mobiliario e ambientación.


[1] Vestíbulo propio das basílicas paleocristiás, situado ao ancho da fachada.
[2] Lugar dunha igrexa onde se atopa a pía bautismal.

1 de xuño de 2016

Padroado San Xosé – V

Chegados a 1950 o equipo que rexe o Padroado San Xosé deu en loitar para manter a Capela grande pois esta non sería só “para as atencións relixiosas escolares” senón tamén para os veciños en xeral. De non conseguilo, tratar de que a última proposta do ISM sexa para esta construción o máis grande posíbel e para iso a empresa Massó axuda na obra co transporte de materiais.
Pero as dificultades para a construción prevista comezan a
medrar a pesar de que no 1953 a Obra Social do Movemento concede unha subvención de 196.000 pesetas para a Capela-escola. Estas dificultades poñen ao Padroado ante a evidencia de que non é posíbel levantar a capela incluída no proxecto ni tan sequera con menor volume. E o 19 de marzo do 1954 escríbenlle ao arquitecto Sr Francisco Echenique para que lle permita á empresa construtora póidanse adaptar as aulas da escola para ser transformadas en capela os días festivos mediante portas corredizas ou outro procedemento. O ISM autoriza as modificacións pero os gastos serían costeados polo Padroado.
Xa co proxecto inicial sen a capela grande, reducido o número de aulas, sen comedor,... o Padroado consegue outras modificación como foi a eliminación de dúas aulas, a sala de traballos manuais e de experiencias e dous despachos de mestres para construir no seu lugar unha pequena capela (que é a que hai na actualidade).
E así chegamos ao mércores, día 15 de agosto de 1956 no que se fai o traslado do mobiliario e obxectos de culto da ‘Capela-salón San Xosé’ (Capela Vella) á ‘Capela-escola S. Xosé da Praia de Bueu’ (‘A Capilla’). Ese mesmo día o coadxutor, Desiderio Gradin Moreira, oficia a primeira misa e o cura párroco, Ángel Rama Lestón[1], bendice as mesmas e entrega as chaves da “Capela Vella” a súa propietaria, Carmen Rúa Catani[2], dándolle “a gratitude da igrexa pola súa xenerosidade”.
A pesar da inauguración a obra non estaba de todo rematada pois hai documentación na que o cardeal Quiroga “bota unha man” solicitándolle ao Director do Instituto da Vivenda axude a que este Padroado e aporte as 500.000 pesetas prometidas xa que axudarían moito a completar o total da obra.
O novo curso iniciouse cunha Escola de Orientación Marítima que rexentaba Manuel Aboy Gándara.
O Concello solicita (20-9-1962) que lle sexa cedida a Capela-escola construída polo ISM e esta pase a depender integramente del xa que o sostemento[3] e conservación corren a cargo do concello que tamén habilitou a capela e os locais-escola. De ser así comprométese este a crear unha nova escola de Orientación Marítima.
No 1963 o ISM responde ao Concello que no pode acceder á petición por carecer de fondos para a amortización polo que a Confraría terá que seguir pagando 2.406 pesetas mensuais. Ou que se poña de acordo co Concello que é o beneficiado xa que “a amortización do edificio como a obra social cultural e asistencia relixiosa son cargo da Confraría e no seu caso do Concello”.
E así chegamos ao ano 1972[4] onde créase nesas instalacións a Escola de Formación Marítimo-Pesqueira que logo sería (1974-94) Centro de Formación Profesional de 1º Grao na Rama Marítimo–Pesqueira que a partires de 2006 pasará a depender da Xunta de Galicia[5].

[1] Da capela encargaríase o coadxutor Jaime García Rodríguez.
[2] Ao través do seu representante no Padroado, Gaspar Massó.
[3] Isto o fai tamén porque ese mesmo ano reclámanselle 192.558 pesetas á Confraría e a Hermanos Massó pola cota de amortización do grupo escolar S. Xosé. A Confraría está de acordo coa cesión pois non pode facerse cargo da amortización, que lle corresponde, do edificio nin manter o mesmo.
[4] O alumnado que había nela pasou ao Colexio Público de Bueu (hoxe CEIP A Pedra) que fora inaugurado no curso 1971-72
[5] Traspasado polo ISM o 1 de xullo de 2006. Para maior información deste período poder verse en http://www.concellodebueu.org/src/instalacions/docs/nautica.pdf

23 de maio de 2016

Cela: A procesión de Corpus máis longa

Agora que os xornais dan a noticia de que “As alfombras do Corpus regresan a Cela tras unha ausencia de cinco anos” faime lembrar o día 2 de xullo de 1911 onde a celebración do Corpus de Cela tivo unha relevancia especial pois partiu, á tardiña, dende a igrexa de Cela ata á de Ermelo. Nesas datas o alcalde, que era de O Burgo-Cela, participou nela para darlle relevancia institucional e o fixo acompañado por outro concelleiro tamén de Cela.
Esta noticia a coñecemos grazas ao xornal “El Eco de Galicia”, editado en A Coruña, que tiña como director a Zenitram (José Gómez Martínez)[1], sobriño do párroco de Bueu, Juan Martínez Casamande.
A transcrición da pequena nota que pode verse na imaxe é:
“-En Cela (Bueu), expúxose o Santísimo e logo dos exercicios vespertinos saíu baixo palio ata a igrexa de Ermelo, filial de Cela.
Na procesión, que foi moi concorrida, figuraron o alcalde de Bueu, D. Agustín García Parada e o concelleiro D. Daniel García. 
O viril foi levado polo ecónomo D. José Buesas Leis, quen antes de dar a bendición deu ao pobo as grazas pola súa cooperación a dito acto.


[1] Que no 1914 sería ‘castigado’ a vir como coadxutor para Bueu por airear ‘chanchullos’ do arcebispo (ver entrada no blog http://acidras.blogspot.com.es/2012/03/zenitramen-bueu.html ).

8 de maio de 2016

127 anos do xornal El Relámpago

O día 7 de maio de 1889 D. Salvador Avilleira[1] Estévez, natural de Cela, lle escribe un oficio ao alcalde de Bueu, Manuel González Plá, indicándolle que a partires do día 12 dese mesmo “mes comezará baixo a súa dirección a publicación dun xornal titulado El Relámpagoo cal defenderá os intereses da provincia e moi especialmente os desta Vila”. Na mesma lle pide que avise ao Gobernador Civil e que ordene o selo autorización da alcaldía nos dous números que marca a lei.
O alcalde remite o oficio ao Gobernador civil para que este lle indique as normas que debe seguir para autorizar a publicación do xornal. Este o remite á Gaceta do 30 de xullo de 1883[2].
Seis días despois (21-5-1889) Salvador Avilleira particípalle ao alcalde que o “vindeiro domingo 26 do que rexe [maio] mirará a luz pública neste pobo un xornal semanal domingueiro, titulado ‘El Relámpago’  do que son dono e director, e o cal só defenderá os intereses xerais da provincia e moi especialmente os desta vila: alleo por completo a toda clase de política”. Tamén lle notifica, axuntándolle un recibo da contribución, que se imprimirá no establecemento tipográfico de D. Luís Carragal.
 Nota: Só editou o primeiro exemplar polo que o seu nome da fe do seu paso efémero polo mundo da prensa. Que saibamos non se conserva ningún orixinal.


[1] Outras referencias que temos del: Nado en Murráns-Cela o 1-4-1865. Fillo de Manuel Avilleira Freire e Josefa Estévez Guimeráns. Seu pai era practicante. El, coma cirurxián en Cela, notifica ao Rexistro do Xulgado o falecemento de José Joaquín Aldao y Sarmiento o 6 de maio de 1896.  O 13 de agosto de 1897 coma Síndico do concello de Bueu acompaña ao alcalde Miguel Nogueira e a os tenentes, Narciso Galup e Tomás García comisionados polo concello nos funerais polo Señor Cánovas na cidade de Pontevedra…
[2] Refírese á Lei de Imprenta do Ministerio da Gobernación, que apareceu publicada na Gaceta de Madrid nº 211 nás páx. 189-190. Pode lerse en https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1883/211/A00189-00190.pdf

2 de maio de 2016

Padroado San Xosé – IV


Coma primeiro acordo do novo Padroado San Xosé foi que se encargaran os Proxectos técnicos da Capela-escola. Neste caso foi aos arquitectos Francisco Castro e Pedro Alonso. 
 Posteriormente o Padroado reúnense para estudar o proxecto presentado o 9-1-1948 e, na mesma sesión, o aproban e deciden remitirllo á Confraría de Pescadores para o seu estudo e ao Concello, para que este o faga seu e realice os trámites precisos.
Como xa mencionamos cunha finca que pertencía a Carmen de la Rúa Catani e foi doada[1] pola mesma para o uso exclusivo de Capela e escolas comezouse un Expediente para expropiación de terreos coñecidos por Chan de Barca ou Silveiras, do barrio da Praia, que contou con seis fincas, todas elas de labradío, cunha superficie de 1.407 m2 polas que se pagaron 20 pesetas/m2 cun aumento do 3% coma prezo de afección. O que dou un montante de 28.984,20 pesetas[2].
Na reunión do Padroado do día 2 de outubro de 1948, Gaspar Massó doaba, no nome da empresa Massó Hns,  65.000 pesetas[3] que puña desde ese momento a disposición do Padroado.
Ao ser conscientes de que aínda con eses cartos e coas previsíbeis novas aportación sería imposíbel facer frote ao total da obra é polo que autorízase a cesión do proxecto ao Instituto Social da Mariña[4]. Para todo o cal entraron en xogo todo o potencial de influenzas dos irmáns Gaspar e José Mª Massó. Obxecto que conseguiron o 3 de marzo de 1949.
Houbo dúas Sesións do Concello[5] para autorizar e confirmar datos no Rexistro da propiedade, exención de cargas para antigos propietarios, cesión das mesmas, etc.
Logo tamén houbo dúas relevantes Sesión da Permanente do Concello para poder ofertar aos organismos estatais os proxectos:

  • A Permanente de 9 de marzo de 1949 para vela Actas polas que se interesa os pagos das parcelas expropiadas e autorizar se liberen inmediatamente as sumas correspondentes para facer o pago das mesmas e para o outorgamento das escritura.
  • Na Permanente do 1 de xuño de 1949, cos terreos pagados[6], autorízase o outorgamento de escritura en favor do Instituto Social da Mariña, representado polo Axudante de Mariña de Bueu, Gonzalo Torrente Piñón.

Interesa grandemente ao concello de Bueu, eminentemente pesqueiro con 2.000 mariñeiros, na súa maioría cabezas de familia, poder contar cunha barriada para os traballadores do mar, e cunha Capela-Escola que lle permita o cumprimento dos seus deberes relixiosos, atendendo á vez a ensinanza dos seus fillos xa que disponse de terreos próximos á praia para a barriada de que se trata, distante uns 500 metros dos da Capela-escola, contigua á estrada e con amplitude para deportes e campos de experimentación”.
Estes terreos foron cedidos oficialmente, cos destinados para o “Poboado de pescadores”, ao Instituto Social da Mariña (ISM)[7] o 18-7-1949.
Gaspar Massó segue (1951) na busca de conseguir cada vez máis adhesións e recursos para esta grande obra como cando pon ao Arcebispo Fernando[8] en situación do Padroado, obras, presupostos, entidades participantes, donantes,... e lle solicita as 57.700 pesetas máis os intereses acumulados, do mandato testamentario de Visitación Estrada Galup (viúva de Herrerín) depositadas no arcebispado, que segundo vontade da testadora debían aplicarse en escolas en Bueu. Ou como as insistentes peticións ao Instituto Nacional da Vivenda para que cumpran a promesa realizada polo seu máis alto rexedor, de 500.000 pesetas
A Confraría de Pescadores de Bueu pídelle, por esas datas, ao ISM que teña en conta as necesidades de Bueu e constrúa, polo menos, unha capela e unha escola de tres clases e tres vivendas para mestres. A partir deste momento o I. S. da Mariña comprométese á construción do grupo de escolas, pero recoñece que “organismos á súa vez superiores vétanlle a construción da Capela nas dimensións presentadas nos planos do proxecto, xa que consideran que as actuacións relixiosas do grupo escolar quedarían satisfeitas cunha capela máis modesta”.
Para o seguimento das obras e xestión das mesmas o Padroado constituíao nestas datas: Ángel Rama Lestón (cura de Bueu, como delegado do arcebispo[9]), Gaspar Massó García (pola empresa Massó Hnos e pola propietaria Carmen de la Rúa), Gonzalo Torrente Piñón (polo Instituto Social da Mariña), José Juncal Freire e José Cerqueiro Malvido (polo concello).
(Continuará)





[1] De 2.350 m2 e valorada en 48.000 pesetas.
[2] Ao que houbo que engadirlle 6.396,40 pesetas dos Dereitos Reais do documento notarial (26-10-1949) e de 340,50 pesetas polo conxunto no Rexistro da propiedade.
[3] O dobre do que conseguirán pola venda da Fábrica de salga da Roiba (Beluso).
[4] Tamén habería que ter en conta as realizadas co Instituto Nacional da Vivenda pois no “paquete” incluíuse 50 vivendas para pescadores.
[5] Unha o 25-11-1948 e 30-12-1948.
[6] Coa excepción dunha parcela por “resistencia do interesado á cesión”.
[7] Ante o notario de Marín, Hipólito Hermida Oubiña. E dunha parcela que faltaba o 26 de xuño de 1951.
[8] Tamén acudiu a el para que influíra ante organismos estatais para conseguir axudas.
[9] O 4 de xuño de 1949 foi nomeado arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios. No 1952 investido cardeal.

25 de abr. de 2016

Padroado San Xosé – III

O obxectivo dalgúns destacados bueuense, de acadar a construción dunha capela e escolas para os fillos dos mariñeiros en Bueu víase lonxe, e mesmo utópico. Os proxectos estaban estancados e para comezar tiveron que buscar acubillo; e este atopouse provisionalmente, grazas á xenerosidade dos propietarios Dn. Antonio Nores e Dna Carmen de la Rúa, na ‘capela vella”.
Por iso e coa intención de  promover os traballos precisos para chegar conseguir unha gran ‘Capela-escola’ que Bueu precisaba, creouse o antigo Padroado San Xosé para xestionar este patrimonio. As actividades funcionaban con múltiples carencias de espazo, hixiene, etc., que polo 1946 víase agravado pola existencia no baixo da Escola dun taller de mecánica ou carpintaría polo que “resultaron sempre dificultosos e ata irrespectuosos ambos servicios da fundación”.

Entre os vogais que se foron incorporando estaba Gaspar Massó que no verán de 1946 decidiu tomar as rendas ao ver que o Padroado carecía da autoridade necesaria para o labor, que con urxencia precisábase, de tentar construír dunha vez por todas un centro educativo e unha capela. Para o cal decidiron refúndanse como Padroado e dando entrada a un representante do concello, outro da casa Massó Hermanos e outro en representación da mecenas Carmen de la Rúa Catani[1], ademais do que designaran o Arcebispo e o Instituto Social da Mariña (ISM).
Os medios económicos cos que contaban para presentarse ante os posíbeis Patróns da nova Fundación (7-10-1946), eran:

  • Os fondos pro-capela na casa Massó Hnos.
  •  Os fondos da  manda testamentaria de Dª Visitación Estrada (viúva de Galup) en poder do Arcebispo.
  • Os da Fundación Manuela Fraguas.
  • Doazón de Massó Hnos: Importe da cesión da fábrica “Roiba” á dirección de Turismo[2].
  • Segunda doazón de Massó Hnos de dar froito a operación anterior.
  • A disposición dos actuais propietarios dos terreos, Dª Carmen de la Rúa Catani e o seu esposo D. José Mª Mora Ruíz, de doar os terreos precisos para o emprazamento.
  •  Compromiso da Casa Massó dunha subvención anual de 6.000 pesetas para o sostemento, a partires da inauguración da obra.
  • (E como suxestión ao Concello) Todas as mostras de peixe poxado na Lonxa pasase a beneficiar á comunidade relixiosa[3] que se fixera cargo da ensinanza

  Días despois desta proposta (24-10-1946), na sesión do Concello valoraron positivamente o labor realizada, o estado dos traballos, ofrecemento obtidos,... pídese á Comisión de facenda informe para constituír un novo Padroado no que podería entrar o Concello. A resposta afirmativa darase na sesión Plenaria do 12-12-1946.
O proxecto era ambicioso xa que constaba dun novo edificio de capela, vivendas para unha Comunidade relixiosa, habitacións para o capelán e aulas para 500 nenos pobres, fillos de pescadores ou de xente modesta.
Con data de 26 de decembro de 1946 o Alcalde de Bueu, José Mª Massó, e demais membros da Corporación cursaron un oficio-invitación ao Arcebispo, Instituto Social da Mariña (ISM), Dna Carmen de la Rúa e a outras entidades sociais dándolles a coñecer os proxectos desta Fundación e indicándolles que sinalaran un representante propio para formar parte do novo Padroado. De todos recibiuse contestacións favorables.
Chegados a este punto constituíuse oficialmente o novo Padroado ‘Pro capela-escola San José’ o 29 de xullo de 1947 quedando como segue:
Presidente: José Mª Massó García, alcalde de Bueu
Vicepresidente: Ángel Rama Lestón[4], cura párroco de Bueu
Tesoreiro: Gaspar Massó García (membro da antiga comisión)
Vogais: Gonzalo Torrente Piñón (Axudante militar de Mariña); Américo Otero Enero, 2º Tenente de Alcalde
Secretario: José Cerqueiro Malvido, Oficial Maior do concello e membro da antiga comisión

(Continuará)

[1] Sobriña e herdeira do Sr. Antonio Nores. Gaspar Massó foi o primeiro en solicitarlles a cesións duns terreos como algo fundamental para facer realidade o proxecto Capela-Escola. Dixeron que si e que xa o habían proposto eles con anterioridade.
[2] Expediente en trámite polo Ministerio de Gobernación
[3] A familia Massó tiña en mente a creación dun centro xestionado por relixiosas. Cando isto non foi posíbel eles o propiciaron facilitando instalación e financiación do que co tempo xermolaría no actual Colexio Virxe Milagrosa de Bueu.
[4] O 4 de xullo de 1947 é nomeado, polo arcebispo Fernando Quiroga Palacios, como delegado seu no Padroado.

10 de abr. de 2016

Lembrando a uns veciños de Bueu...

Por pensar en socialismo ou por militar en organizacións mariñeiras quitóuselle a libreta de pesca[1]. E, entre outras cousas, non podía traballar no mar, fonte do sustento familiar. Non é de estrañar que se lle agreara o carácter...
Á muller, costureira, por facer unhas camisas de encargo foi seriamente amoestada e estivo  a piques de ser rapada... Esquecíame, as camisas eran da cor das xuventudes socialistas.
E a pesar de todo...
Agochada detrás dun cadro no que os avós, coma mudos notarios, levitaban coa mirada perdida no recordo estaba a imaxe mais prezada. Imaxe que representaba liberdade. Unha liberade que lles custara moitos sufrimentos a eles e aos seus fillos. Transixiu en moito pero non se desfixo da foto pois servíalle de ancora e facho de dignidade. O risco valía a pena!
Nin cando chegou a “democracia” os medos deixaron vela faciana da ‘República’. A dor e o segredo perdéronse na memoria e leváronse á tumba.
Tempo despois foi rescatada pola man amiga da familia. Pero xa non di nada, ou, se o di, non se entende, fala noutra linguaxe. Unha linguaxe cicelada polo medo onde as palabras modificaron o seu significado como: a “liberdade de expresión” que trocou a “Pasou a censura”; onde “república de “cousa ou interese público dunha comunidade” cambia, ironicamente, a “lugar onde reina o desorde”; “anarquía” pasa de “doutrina que propugna a supresión do estado” a “desconcerto, incoherencia, barullo”,  etc.
Non sei se me gusta que a xente se envolva en bandeiras pero respecto se o fan. Por iso desempoo a mesma foto que iste veciño tiña agochada para que recupere a liberdade e a luz. E grite, se así o dexesa, o que gustaba de pensar ao seu dono, e que ten gravado ao pé coma lema: Viva España! Viva a República! 


[1] Tras un tempo puido recuperala grazas á amizade con Gaspar Massó.