Por pensar en socialismo ou
por militar en organizacións mariñeiras quitóuselle a libreta de pesca[1].
E, entre outras cousas, non podía traballar no mar, fonte do sustento familiar.
Non é de estrañar que se lle agreara o carácter...
Á muller, costureira, por facer unhas
camisas de encargo foi seriamente amoestada e estivo a piques de ser rapada... Esquecíame, as
camisas eran da cor das xuventudes socialistas.
E a pesar de todo...
Agochada detrás dun cadro no
que os avós, coma mudos notarios, levitaban coa mirada perdida no recordo
estaba a imaxe mais prezada. Imaxe que representaba liberdade. Unha liberade
que lles custara moitos sufrimentos a eles e aos seus fillos. Transixiu en
moito pero non se desfixo da foto pois servíalle de ancora e facho de
dignidade. O risco valía a pena!
Nin cando chegou a
“democracia” os medos deixaron vela faciana da ‘República’. A dor e o segredo
perdéronse na memoria e leváronse á tumba.
Tempo despois foi rescatada
pola man amiga da familia. Pero xa non di nada, ou, se o di, non se entende,
fala noutra linguaxe. Unha linguaxe cicelada polo medo onde as palabras
modificaron o seu significado como: a “liberdade
de expresión” que trocou a “Pasou a
censura”; onde “república” de “cousa ou interese público dunha comunidade”
cambia, ironicamente, a “lugar onde reina
o desorde”; “anarquía” pasa de “doutrina que propugna a supresión do estado” a
“desconcerto, incoherencia, barullo”, etc.
Non sei se me gusta que a
xente se envolva en bandeiras pero respecto se o fan. Por iso desempoo a mesma foto que iste veciño tiña agochada
para que recupere a liberdade e a luz. E grite, se así o dexesa, o que gustaba de pensar ao seu
dono, e que ten gravado ao pé coma lema: Viva España! Viva a República!
Ningún comentario:
Publicar un comentario