O xarampón/sarampelo é unha enfermidade contaxiosa
causada por un virus que se caracteriza pola aparición de manchas
rubias na pel, febre alta, etc. que si se complica pode causar a morte
por edema cerebral, diarreas agudas, pneumonía, ...
Por
ser unha enfermidade moi antiga adxudícanselle millóns de afectados,
cifra que se reduciu a poucos miles grazas á vacina, a partires de 1963.
Afecta principalmente aos non vacinados menores de 5 anos e adultos maiores de 30.
As epidemias de xarampón,
antes da vacina, eran recorrentes cada dous ou tres anos. En España
chegou a padecela case un 90% da poboación infantil, cun número, nesa
porcentaxe, moi pequeno de mortes.
Vendo
as estatísticas da provincia de Pontevedra dos anos 20 e 30 do século
pasado, a media de afectados sería 10 con un falecemento, nos meses
normais e con 70-250 con 2-8 defuncións ao mes, nos períodos epidémicos.
Bueu
non é unha excepción ao resto dos pobos da provincia. Para darnos unha
idea do que supuxo a enfermidade fixaremos a atención en dous momentos
da súa historia: O primeiro, no ano 1928 (así o uniremos coa anterior
entrada do blog, dedicado A Coqueluche) e logo a un episodio epidémico
de 1934.
A
finais de abril de 1928 no mesmo informe que o Inspector Municipal de
Sanidade, Dr. Ignacio Lis Lombos, lle mandara ao alcalde, Camilo Davila
Davila, para indicarlle a epidemia de coqueluche en Beluso, pode lerse: ”Tamén debo comunicarlle que onte prestei asistencia facultativa a dous nenos atacados de xarampón nesta parroquia (Beluso) e
a varios nenos máis en Bueu, o que demostra a existencia da referida
enfermidade en forma epidémica no termo municipal. [...] debo tamén
participar a V. S. que o número de casos do xarampón ao que presto
asistencia é de sete, todos eles evolucionan normalmente”.
Un
mes despois, 7 de maio, a mestra Ramona Cabanillas, que daba clase na
“Escola de nenas nº 2 de Bueu” envíalle un oficio ao alcalde constatando
outro rebrote da epidemia que “das 60 alumnas matriculadas na Escola do meu cargo, 23 atópanse atacadas de xarampón e tosferina...”. Ata
onde coñecemos, todo transcorreu con normalidade e os días que non
houbo clase nesa escola, por esas datas, o foron pola coincidencia co
traslado da mesma a outro local (Montero Ríos, 53), con mellores
condicións, que sería inaugurado o 11 de xuño.
Se o ano 1928 foi un ano con problemas epidémicos no concello de Bueu, o ano 1934 non se quedaría atrás.
Así
o 14 de marzo dese 1934 o Dr. Ignacio Lis Lombos comunica ao alcalde, o
farmacéutico Luís Jesús Prieto García, que recibira un informe do
médico de Beluso, Rogelio Val, notificándolle a morte dun neno de ano e
medio por “meninxites aguda, consecutiva do xarampón que padecera”.
E que el atende a dous nenos de xarampón que evolucionan normalmente.
Non ten constancia de máis casos nas outras parroquias o que lle indica “por se pode ser motivo suficiente para a suspensión da clase nas escolas, como pretenden exixilo os Srs. Mestres, en oficios” enviados a el como Inspección Médica Municipal.
A primeiros do mes de abril o informe é máis serio xa que “o
incremento que toma a epidemia de xarampón habendo casos nos que se
presentan complicacións bronquiais e distéricas, polo que lle prego a V.
se digne oficiar ao Consello Local de 1ª Ensinanza por se cre oportuno
continúe o peche das escolas”.
Ante
o cariz que ía tomando a situación o alcalde pasou aviso do informe de
Ignacio Lis ao Cosello Municipal de 1ª Ensinanza. Decatado disto, o
mestre Guillermo Novío en nome do Consello Local comunícalle
oficialmente ao alcalde a resolución tomada “referente
á epidemia, de xarampón, o Consello Local acordou clausurar as escolas
deste termo municipal, ata que por dito Sr. Inspector de Sanidade se
manifeste ter desaparecidas as circunstancias que obrigan a tomar a
presente determinación”.
Catro días despois, 13 abril, o Dr. Ignacio Lis asina un oficio no que constata o decrecemento da epidemia de xarampón na localidade “ata
o extremo de quedar escasamente algúns casos convalecentes de
complicacións consecutivas á mencionada afección. Considerando polo
tanto conveniente se digne ordenar a apertura das escolas deste termo
municipal”.
Constatar
que dos 214 decesos no concello de Bueu no ano 1934, catro o foron por
xarampón, dous nenos e dúas nenas, todos menores de 13 meses e de
lugares como A Praia, Banda do Río e Carrasqueira.
E así, igual que a epidemia comeza de súpeto, sen aviso; por sorte tamén vai a menos ao pouco tempo...
Ningún comentario:
Publicar un comentario