1 de mar. de 2017

Destituído o alcalde de Bueu por culpa dunhas copas - 1939

O día 26 de novembro de 1938, pouco despois das 9 da noite, Perfecto García Lemos achábase na compañía duns amigos nunha casa de comidas preto da súa vivenda e solicitou ao taberneiro lles servira unhas copas. Vendo isto un Axente de Policía Marítima do Distrito de Bueu llo recriminou por estar expresamente prohibido o consumo de alcol nas tabernas, bares e casas de comidas de toda a provincia, a partires da primeira hora da noite, por orde do Delegado de Orde Público. Situación que provocou un pequeno altercado entre ambos incrementado pola actitude de Perfecto García ao sentirse investido de autoridade como alcalde que era do concello de Bueu.
O incidente xerou unha denuncia ante o Gobernador Civil do Axente de Policía Marítima. Denuncia que se transformou un mes despois nunha comunicación do gobernador que “autorizado pola Superioridade”  decide cesalo no seu cargo e substituílo, como alcalde, polo Xestor da Corporación, José Mª Massó García que toma posesión do seu cargo ás 11 horas do día vinte catro de xaneiro de 1939 en detrimento do que viña exercendo como tal, Perfecto García Lemos. Na acta “Promete o D. José Mª Massó García cumprir ben e fielmente o seu cometido dándose por tomado posesión da Alcaldía e despois de cambiar frases de saúdo e mutuo afecto entre o Alcalde que cesa e o entrante...”



Ningún comentario:

Publicar un comentario