14 de feb. de 2017

Un tecelán de Cela amigo de Ramón del Valle-Inclán

Hai anos, recompilando artigos do xornalista Joaquín Pesqueira[1] atopeime un que me chamou moito a atención pois dábame claves para entender parte da súa biografía que en ningún libro atopaba. Tratábase do artigo “De como volví una vez a mi pazo pairal” publicado en Bós Aires na revista “Caras y Caretas” nº 1.340 do 7 de xuño de 1924, páxinas 33-34.
Interesante artigo tamén porque describe escenas de 1910, das xentes do Morrazo que acudiran a un día de feira en Pontevedra. Pon en boca do cura de Cela o contar das últimas novidades acontecidas na parroquia de Cela: a morte do Sr. Ramón o ferrador e de Manuel o serrador, que se perdera a colleita da froita de oso e diminuíra moito a do millo, etc. Tamén describe a paisaxe e a posta do sol por Ons.
Pero o que agora quero resaltar é a mención que fai de “Benito, tecelán de Cela, o ladino filósofo rústico, amigo de don Ramón del Valle Inclán, xa non tecía na súa vetusta tecedora, porque as mozas e as vellas tampouco fiaban o branco liño caseiro coas súas pulidas rocas de buxo”.

[1] Nado en Pontevedra e “neto do maiorazgo de Ardán”. Xornalista afamado. Corresponsal do xornal La nación entre outros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario