1 de out. de 2021

José Mª Estévez Castro-outras cousas

  Delegación do Padroado “Rosalía de Castro” en Bueu

José Mª Estévez estando en Caldas de Reis, terra da súa muller María Mosquera, co amigo Rodríguez Buján, nesas datas Coordinador do Padroado Rosalía de Castro, este lle manifesta a utilidade de que en Bueu houbera unha delegación do mesmo.


Nada máis chegar a Bueu contactou con Juan Cestay, Manolo Ríos, Pepe Santos e Rosendo Corral e xuntos constituíron un núcleo do que el era o Delegado.

En carta (imaxe-1) de xuño de 1971 ao Presidente do Padroado, José Mª expón razón e persoas que conforman o grupo de Bueu. Días despois recibe carta (imaxe-2) do Secretario da institución, Oscar Fernández Refoxo, dándolles a benvida e que contaban con eles “pra os feitos do padroado, encamiñados todos a “mentalizar” na idea do que Galicia debe ser, a todos os galegos”.

  

José Mª Estevez, libreiro

Dende hai uns anos que merquei unha tarxeta enviada polo bueués José Mª Estévez á Editorial

Ruíz Romero en setembro de 1935. O facía para encargar algúns dos libros que se utilizaban por esas datas nas escolas: “Preparatorio” e “2ª Grado” da editorial mencionada

Para min o relevante era  o selo da Librería de José Mª Estévez (pois descoñecía, ata facía pouco, ese dato). Aínda que algún amigo me di que o importante é José Mª Estévez con selo republicano...  Gañas de marealo conto!


1 de set. de 2021

Morte de Matilde Bares

Ata non hai moito tempo pouco se sabía dos últimos anos da mestra Matilde Bares Giráldez. Imos
dar un pouco de luz, aínda que sexa intermitente, dende os actos da homenaxe do pobo de Bueu á insigne profesora ata o seu pasamento.

Ás 9:30 horas do 16 de marzo de 1932 celebrouse, no Salón Paraíso de Bueu, a Homenaxe a Dona Matilde Bares, cunha Función Benéfica a cargo da Compañía de teatro «Agrupación Madrid» con unha Orquestra, representación dun drama e dun xoguete cómico e exhibicións de baile de salón. O día 11 de novembro, día de S. Martiño, patrón de Bueu, descubriuse a placa da fachada principal da súa casa.

Sabemos que en 1933, xa octoxenaria, vivía na planta superior e decidira alugar o baixo da casa para o que puxo un anuncio, como moito curioso, pois alugaba un amplo baixo na rúa Matilde Bares e para informarse había que facelo coa súa propietaria, Matilde Bares.

   Nese mesmo ano, como remate dos actos de agasallo a Dona Matilde, e coincidindo coa onomástica da profesora (Sta. Matilde é o 14 de abril), acudiron á súa casa o gobernador, autoridades locais e provinciais así como ex-alumnos para entregarlle un álbum asinado por moitos destes. A sinatura do álbum levaba parella a aportación dunha cantidade, a vontade, de cartos.

A 11 de abril de 1935 asina en Cangas ante o notario Hipólito Hermida Ouviña a venda da casa ao médico Luís Pimentel Gil. Ela xa non vive en Bueu, uns dicían que marchara a Vigo, outros para “fóra” (sen aclarar), que estaba nunha residencia (tamén sen achegar ningún dato), etc.

Asilo do Camiño Novo-Santiago 1980

O que si podemos aportar agora é que en 1938 levaba un tempo na casa “Asilo das Irmás de anciáns desamparados” do Camiño Novo (actual Avda. Rosalía de Castro) de Santiago de Compostela e que faleceu nese establecemento asistencial ás catro da mañá do día 29 de xuño, a idade de 85 anos.

O seu cadáver recibiu posterior sepultura no Cemiterio Xeral compostelá (actual Parque-cemiterio de Bonaval).

Como bueuesa e muller relevante que foi, descansa preto do Panteón dos Galegos Ilustres. D.E.P.

 

 

Cemiterio de Bonavan no 1980

 

26 de ago. de 2021

«Onde dixen digo, digo Diego» sobre a Exposición de Londres-1914

 O 11 de maio de 2014 fixen unha entrada neste Blog titulada “O Alcalde de Bueu
encarga fotos para unha Exposición en Londres
”. Nela aportaba hemeroteca pola que o alcalde encargaba ao fotógrafo Pintos unha reportaxe fotográfica de Bueu para a dita Exposición.
 

A precaución me levou a dicir que: “Probablemente as fotografía se fixeran máis non temos constancia de se chegaron ou non a ser enviadas”.A resposta de quen fixo as fotos e cales eran estas, estaban á vista de todos na revista Vida Gallega na páx. 16 do Número 58 saída o 25 de xuño dese ano de 1914.  Eu aínda tardei uns meses en decatarme que polos meus apuntes andaba a solución. Pero como “a cada porco lle chega o seu San Martiño” pasou o tempo, probablemente cebándose, e agora lle chegou o momento, sen cerimonia premeditada.

Nesa revista podemos confirmar cales foron as fotografía elixidas e cal o fotógrafo: E. Díez, e non o Pintos que indicaban outras publicacións.

Todas as fotografías son coñecidas ao través das redes, pero o relevante agora é que coñecemos, como valor engadido, que estas foron como expositor cara o mundo das marabillas dunha vila coma Bueu.  

8 de ago. de 2021

Mancomunidade do Morrazo-1904

 Puidera pensarse, de forma xeneralizada, que nos tempos pasados carecían de moitas cousas que agora posuímos. Certo é pero menos do que, polo menos eu, supoñía. Basta dar un paseo polas hemerotecas para comprobar que as noticias, anuncios e inquedanzas seméllanse máis do esperado cos tempos que nos tocou vivir.

Unha desas noticias que cría era cousa dos nosos tempos era a Mancomunidade de municipios. Como era fácil supoñer, estaba equivocado. Cal sería a miña sorpresa estudando á familia Riobó, donos de Ons, atoparme na Acta da sesión ordinaria do 2 de setembro de 1904 que reunidos os concelleiros relacionados ao marxe (entre eles Manuel Riobó) baixo a presidencia do alcalde José Rodríguez Estévez este fixo presente:

que en virtude de invitación do de Moaña, concorreu á este punto onte domingo e reunidos co de Cangas e adhesión do de Marín deliberaron asociarse en nome dos seus respectivos municipios para todos os fins que redunden en ben xeral da colectividade das citadas entidades e que ao efecto empregarán mancomunadamente todos os medios de que poidan dispor para solicitar dos poderes públicos todo aquilo que máis necesite cada termo municipal; quedando en ir unha comisión de cada concello para o sábado próximo ao objeto de presentarse ao noso Digno Deputado Dn, Eduardo Vincenti e relatarlle o convido…”

Logo nomeouse unha comisión, que representaría ao concello de Bueu, formada por Manuel Riobó, Daniel García Lis e Heriberto García Martínez.

Actualmente a Mancomunidade do Morrazo (así se chama) o forman os municipios de Bueu, Moaña e Cangas, xa que Marín está asociado só para algunhas cousas.

A finalidade hoxe e onte coinciden no obxectivo de xestión comunitaria de certos servizos. Hoxe centrados nalgúns como a xestión de residuos (Planta da Portela), Parque de Bombeiros de Castiñeiras (este forma parte do Consorcio Provincial),  etc.

1 de xuño de 2021

Fábrica de chocolate en Bueu

  Fai un tempo, no Facebook o Sr. Joaquín Pimentel Lalinde escribía as súas impresiónssobre a casa “Matilde Bares”, vivenda que fora tamén da súa familia. Na descrición que dela facía engadiulle: “El patio exterior a la izquierda lindaba con las ruinas de una antigua fábrica de chocolates (allí había maquinaria oxidada y todo abandonado). Si claro, en los años 20 en Bueu teníamos una famosa Fábrica de Chocolates”.

Como é normal nestes casos a moita xente lle estrañou, pois nunca ouvira falar de tal fábrica. Algúns me preguntaban, e lles respondía co pouco que sabía, e xa que aínda de cando en vez me seguen a preguntar vou mencionar algunhas cousas relacionadas con ela e co empresario que a puxo.

Ata onde sabemos no ano 1896 xa estaba afincado en Bueu un reloxeiro santiagués, chamado Juan González Raíces, que casara cunha rapaza de Santa Mª de Cobres-Vilaboa.

A mediados de febreiro de 1897 tiveron o seu primeiro fillo nado en Bueu (Juan Edmundo) e en anos sucesivos nacéronlles aquí catro máis  (Mª Rosa -1899-, Juan Miguel -1901-, José Ramón -1903- e María -1908-).

Juan González Raíces era un emprendedor nato. Á parte de montar unha reloxaría, que era o seu oficio, primeiro en aluguer no barrio da Praia e logo, 1903, na rúa do Príncipe. Nos dous lugares dou en explorar o mundo do chocolate, moi demandado na época. Para iso na traseira da reloxaría instalou unha serie de máquinas que lle permitirían desde triturar e tostar cacao ata completar o proceso da confección de chocolate.

Como o negocio ía moi ben mercou un solar pegado á casa en construción da mestra Matilde Bares e solicita autorización, 1906, para construír unha casa no mesmo. Nela instala no baixo, preto da rúa, a reloxaría e na parte de atrás a fábrica de chocolate.

A época máis puxante da Chocolatería sería o primeiro decenio do s. XX e a partires de 1913, co falecemento da súa muller, foi pouco a pouco abandonado esta actividade e centrándose na reloxaría e na procura dos seus fillos: Primitiva, Isolina, Rosa, Juan, José Ramón e María.

 "El Adelanto" 1912-1913

"El Adelanto" 1912-1913

Nesa mesmas datas a súa proxección pública ven da man dos seus amigos como o director do xornal local «El Adelanto», Ricardo Portela Pazos, e o amplo equipo de redacción Claudiano García, Cesáreo Ferradas, Rogelio Val, Jesús Domínguez, Luis Bolibar, Ignacio Lis, Amancio de la Cueva, José García e Ventura García. Non é raro atopalo mencionado nas páxinas do xornal en pugnas co mestre Manuel Sotelo Rey, ou a reloxaría como lugar onde contemplar os regalos que o xornal sorteaba entre os subscritores ou anunciando a Reloxaría e a Chocolatería.

 

Nota: Quero aclarar, para algunhas persoas que así mo demandan, que a pesar de coincidir o primeiro apelido e ter as vivendas na mesma zona non se deben confundir as actividades do reloxeiro/chocolateiro Juan González coas da panadaría Alfredo González. Este último de Marín que casou en 1943 con Segunda, filla dun panadeiro de Celanova, afincado en Bueu, chamado Camilo Fernández. Os establecementos eran coñecidos como “A do relojero” ou “A de Rosita a Relojera” o de Juan González (tamén foi de Eugenio Piñeiro Carballo, Julio Rodríguez Portela, etc.) localizado á esquerda da de “Matilde Bares”. E, un pouco máis abaixo, a de Camilo González, logo “Panadaría de Alfredo” ou “Bar Codia” (do que todos gaban os famosos cacahuetes que no seu forno se torraban).

17 de maio de 2021

Bombas tamén en Bueu

 Nestes días, no que o zoar dos mísiles e de todo tipo de bombas rematan o seu camiño segando vidas, moitas delas nenos, ponse de manifesto que a vacina contra o horror funciona. Insensibilízanos contra a dor afastada.

A comunidade internacional axusta o campo de visión ao seu embigo e o sufrimento silenciado está servido.

Aínda que a súa existencia sexa allea aos “conflitos”, “disputas”, “enfrontamentos”, etc. serán os máis débiles os que leven case sempre o selo de “vítimas colaterais”.

O xogo vai ser o compás que os faga felices e que os guíe no camiño de medrar, pero as veces ese camiño acaba no cemiterio palestino, israelí, de Bueu...

Tamén sabido é que non fai falla que haxa guerra para morrer pola guerra senón que llo pregunten aos nenos Gaspar González Trigo e ao seu compañeiro Ramón Chaves Núñez, de 10 e 8 anos respectivamente, que estando a xogar no monte de Bueu, o 30 de outubro de 1938, atoparon “unha bomba en forma de piña” e tirárona contra unha pedra. Explotou!  Ramón con “extensas feridas na cara interior e exterior de ambas coxas, antebrazo dereito e cara”. Gaspar “sufriu feridas nas extremidades superiores e inferiores con perda da man esquerda e fractura con afundimento e saída de masa encefálica na rexión frontal” a consecuencia das que morreu ao día seguinte no Hospital provincial.

  Hai quen me di que non sempre ocorre así, que outras veces teñen sorte e poden avisar para desactivalas, como cando no marzo do 2018 apareceu un proxectil da Guerra Civil no soto dunha vivenda en obras en Ons...

Certo! E menos mal!

Pero as que zoan no aire ou camiñan en silencio seguen a matar! 

E nós ao noso...

9 de maio de 2021

𝐈𝐧 𝐦𝐞𝐦ó𝐫𝐢𝐚𝐦 𝐝𝐞 𝐉𝐨𝐬é 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥 𝐂𝐚𝐛𝐚𝐥𝐥𝐞𝐫𝐨 𝐁𝐨𝐧𝐚𝐥𝐝

 Sempre que cae unha páxina dese grande libro en construción que é a LITERATURA, a paisaxe da beleza escóndese abrazada polas bágoas da brétema para chorar en solitario. Nese silencio sen retorno camiña agora un artesán da palabra, José Manuel Caballero Bonald, levando na memoria un recuncho de Bueu.

Quero lembrar aquí a amizade e a simbioses de C. Bonald coa contorna de Bueu e non tanto ao Premio Nacional de Poesía, ao Premio Cervantes, ao Premio Francisco Umbral, nin ao longo etcétera de títulos que como poeta, novelista ou ensaísta aportan aureolas de recoñecemento a un labor excepcional, tarefa que deixo para os estudosos e divulgadores da cultura en xeral e da literatura en particular.   

O médico José Luís Barros Malvar amigo persoal de Caballero Bonald serviu coma imán para que este se achegase a gozar en repetidas ocasións da súa casa de Pedrón (Udra-Beluso). A  súa afección polo mar levouno a estudar tamén náutica e astronomía pero, sobre todo, a gozar do contacto co el a través da navegación. Aquí navegou e aquí tamén creou. Quen queira ler entre liñas nalgunhas da obras de Caballero Bonald atoparase coa a amizade do galeno e co mar calmo da ría.

Pero tamén Bueu de forma explícita na súa obra como en «Entreguerras»  (“... aquel tránsito brusco de Madrid a Sanlúcar de Barcelona a Praga de la Habana a Sevilla de Bueu a Jerez de París a Palma de Mallorca...”) ou en «Mar adentro» onde na páxina 31 fala dun “... anciano patrón de pesca gallego de Bueu, desembarcado estancado cerca de Barbate,...”. Na páxina 92: "...Compartir con esos marineros sus modestas faenas en la costa balear de Andraitx o en pontevedresa Bueu..." e na páxina 196 cita a Carlos Casares “... que un marinero de Bueu al que llaman Capitán Lobo Negro, antiguo pescador de ballenas, murió del trallazo que le asestó a la embarcación donde iba un pulpo gigante...

Quixera deixar constancia de que as areas de Pedrón ao igual que a escuma da ría hai tempo que choran a túa ausencia. DEP

 

Nota: Aconsello reler o artigo que no 2017 escribira en Periodistas en español.com o bueués Francisco Rodríguez Pastoriza «Caballero Bonald nos descubre genios, ingenios yotros especímenes».  De aí é a caricatura de Caballero Bonald feita por Xulio Formoso

1 de maio de 2021

O primeiro Capitán de Pesca español era de Cela: José Loira García

Fai tempo que desexaba poñer de manifesto a algunha persoa relacionada co mar. Entre os que barallaba estaba José Loira, veciño meu moito tempo e pai de amigos. Gratitude que tamén lle debía polo seu facer.

José Loira García naceu en Castrelo-Cela ás cinco da tarde do domingo dous de agosto de 1925 e, uns días despois de cumprir os 91 anos, faleceu en Seixo (Marín) o 27-8-2016.

Na súa Cela natal era dos de “Curro”, por parte do pai e “mariñeiros de toda a vida”.

1928-Escola de José García Hermida-Cela

O seu primeiro contacto coa escola foi en Parapía-Cela, que desde 1927 rexentaba nese lugar, José García Hermida. Este mestre o marcou positivamente xa que era unha persoa moi activa non só no ámbito da escola senón como dinamizador do colectivo do profesorado. No 1936 e logo no 1940 foi suspendido do cargo e posteriormente, como tantos outros, desterrado ao lugar de Barreiros en Salvaterra. O mesmo José Loira nunha entrevista conta como anécdota que un cuarto de século despois atopou ao seu antigo mestre e este lle fixo entrega dun caderno de exercicios, corrixidos e asinados, de cando estaba na escola con 11 anos.

O seu futuro gustaríalle que fose coma médico, quizais para emular a outros veciños, coma Manuel Riobó que ata chegara a mercar a Illa de Ons, pero a realidade económica da familia púxolle os pés nunha chalana da rapeta aos 13 anos. Durante un tempo traballou en barcos de baixura, de aí pasou a outros que pescaban sardiña para a fábrica de Massó.

Desde 1942, e durante moitos anos, traballa na Casa MAR (acrónimo de Motopesqueros de Altura Reunidos). Con aspiracións de postos máis relevantes decide estudar para ingresar na Escola de Pesca de Vigo. Para o cal queda uns días, antes dos exames, a preparar estes na escola do Pósito de Bueu que levaba D. José Martínez. Sinalásenos que foi o único da zona que aprobou dito ingreso. Tras un curso na Escola segue a traballar na mesma compañía. Saca, con 19 anos, o título de Patrón de Pesca de Gran Altura.  E co paso do tempo decidiu facer o bacharelato e, en 1963, o temos co número 1 da recen creada titulación de Capitán de Pesca.  Pero José Loira non contento con iso cinco anos despois sacou o título de Capitán da Marina Mercante.  

José Loira García

Como puidemos comprobar na súa traxectoria académica, como pescador acadou as máis altas cotas, tamén foi armador, e o seu paso polo traballo duro dos mares tamén o describe a súa libreta de mar: dende a costa galega e portuguesa, Gran Sol, Canarias, Sudáfrica ata recalar definitivamente polo continente norteamericano en Groenlandia, Boston, Canadá e, como non, polo mundo do bacallau en Terranova, de onde se retirou en 1989.