Amosando publicacións coa etiqueta República. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta República. Amosar todas as publicacións

14 de abr. de 2021

Proclamación da República: Bueu no 14 de abril de 1931

 As alegrías, os medos, as esperanzas, as alarmas, as ilusións, os desenganos, etc. danse simultaneamente en case todos os eventos de tipo social e político.

Unha sociedade que maioritariamente tiña moito que gañar e moi pouco que perder, pois pouco posuía, acolleu nos primeiros meses do 1931, a chegada do novo cambio político cunhas expectativas difíciles de acadar en pouco tempo xa que subverter séculos de miseria e imposición, tarefa descomunal e case imposible. O tren da modernidade, do progreso, da democracia, etc. estaba lonxe pero había que intentar collelo.

Polo que non é de estrañar que pobos, por todo o territorio español, se lanzasen ás rúa a manifestar a súa esperanza na recente proclamada República. Bueu non foi unha excepción e a pequena recensión do correspondente de El Pueblo Gallego así no lo confirma:

A noticia de ter proclamada a República en toda España foi acollida nesta localidade con satisfacción xeral.

Grupos numerosos, entusiasmados pola boa nova, non cesaban de aclamar á República.

Disparáronse bombas ao tempo que en medio dos grupos xurdían bandeiras tricolor que eran paseadas en triunfo.

Formáronse manifestacións que recorreron as rúas do pobo, abundando os vítores e aclamacións e os aplausos do xentío que presenciaba seu paso.

O discurso pronunciado en Madrid polo señor Alcalá Zamora foi oído pola radio en casinos e casas particulares.

A impresión no pobo é en xeral excelente, imperando o comentario favorable ao novo réxime.” 

Dicir que nunha desas manifestacións ía de abandeirado un rapaz, que había pouco chegara a Bueu, chamado Gonzalo Torrente Ballester. Aí o puideron ver por vez primeira moitas rapazas de Bueu, entre elas estaban Mª Eugenia Bolíbar e una tal Josefa Malvido coa que un tempo despois casaría.

14 de abr. de 2018

A Garda Civil de Bueu quere unha bandeira republicana

A Garda civil de Bueu quere poñerse ‘legal’ ante a nova realidade política e colocar unha bandeira republicana na fachada do cuartel.
A menos dunha semana despois da instauración da República no ano 1931 o comandante de posto da Garda Civil de Bueu envía un oficio ao alcalde para que este lle facilite “unha bandeira lexítima Republicana” xa que mentres tanto fíxolle un apaño á monárquica que posuían. E o fai nos seguintes termos tal como transcribo:


Ao crearse este Posto foi dotado dunha bandeira monárquica costeada polo Concello desta Vila que na actualidade V. ten a honra de presidir, e como queira que á chegada da nacente República, carécese de bandeira nesta Casa-Cuartel, espero merecer da digna autoridade de V. se facilite a este Posto unha bandeira lexítima Republicana confeccionada con acordo ás disposicións vixentes, segundo me interesa a superioridade; significándolle que no comercio de Don Camilo Davila comprei no día de onte tres metros de xénero morado para arranxar a que na actualidade posuímos e podela izar por agora ata que se me facilite a que na presente lle intereso se así o acorda esa xunta municipal.
Deus que a V. m. a.
Bueu 19 de abril de 1931
O Comandante posto P.A
José García Villanueva



14 de set. de 2017

República Cataluña, só un rumor chegou a Bueu

A pesar da alta temperatura na que está hoxe en día a política en España co tema catalán, e sen a máis mínima intención de interferir con ningún tipo de discurso, vou plasmar nesta entrada un telegrama que hai moito tempo había fotocopiado e que a casualidade fixo que me volvera a tropezar con el e cunha pequena nota que lle axuntara. Polo que paso a transcribilos pois penso que pode ser unha información interesante ou, cando menos, curiosa:
O 15 de abril de 1931, día seguinte da proclamación da Segunda República Española, os gobernadores civís tiveron moito traballo en comunicar ao través do telégrafo esta nova a todas as alcaldías[1]. Á súa vez entre as noticias corrían rumores de todas cores e intencións acordes coas alporizadas loitas políticas e ideolóxicas que na España se estaban a vivir por esas datas.  
Unha destas azueiras ou rumores que o Ministro da Gobernación, ao través dos gobernadores provinciais, quería desmentir era o da suposta constitución da “República de Cataluña”. E o fixo ese día que nos estamos a referir, o mércores 15 de abril de 1931, nos seguintes termos como reza no telegrama recibido polo alcalde en funcións de Bueu, Ramón Domínguez Ferradás:
Para a súa satisfacción e do público xeral transmito a V. o seguinte telegrama recibido do Ministro Gobernación e que debe V. facer público en canto o reciba.
Son absolutamente falsos rumores que se espallaron acerca proclamación República Cataluña con sentimento hostilidade, nin sequera de morneza para o resto das rexións e a totalidade do Estado, polo contrario, o presidente goberno república celebrou co Sr. Macía e personaxes significados de igual tendencia cordialísimas e efusivas e conmovedoras conferencias nas que valorou ao par que unha mutua confianza para satisfacción das aspiracións de Cataluña e Grandeza España os máis nobres e elevados sentimentos. Segundo comunicaron as mesmas persoas proclamárase a República [Española] entre o entusiasmo do pobo que daba as súas vivas frenéticas á nova forma Estado, a Cataluña e a España.”









[1] No Arquivo Municipal hai constancia destes telegramas e do que se transcribirá aquí.

13 de abr. de 2017

Bando do alcalde de Bueu para que se celebre o día da República-1932

Co gallo da “conmemoración do establecemento do Réxime republicano” o alcalde de Bueu, Jesús Prieto García publica un Bando para que o pobo celebre como día festivo este evento o 14 de abril.
Transcrición do texto:
“DON L. JESÚS PRIETO GARCÍA, ALCALDE DO CONCELLO DE BUEU.
                   FAI SABER: Que declaro o día de mañá de festa nacional en conmemoración do establecemento do Réxime republicano, implantado pola vontade do pobo na súa función soberana do 12 de abril do pasado ano, é un deber inescusable que me dirixa aos meus conveciños, sen distinción de clases ni categorías, amantes todos do ben da Patria, para que , exteriorizando a satisfacción polo sistema que nos rexe, principio e medio de toda democracia, téñase como tal día de festa a cuxa fin, encarezo engalánense os balcóns con colgaduras das cores da ensina nacional, e se paralicen os traballos e pechen os comercios, estes desde a hora de once por darse a circunstancia de ser día de mercado.
Bueu 13 de abril de 1932

Carimbo da Alcaldía e sinatura de Jesús Prieto

 

1 de xan. de 2017

Cartón moeda de uso provisional en Bueu

Fai non moito tempo atopeime cun selo-moeda supostamente impreso para a súa utilización na contorna do concello de Bueu. Ata aquela descoñecía este tipo de moeda pero decidín facerme con ela foxe ou non verdadeira. Logo vería...
 Mentres tanto preguntaba ao meus amigos por si algún familiar, xa maior, tiña coñecemento destas moedas. As respostas duns e outros eran negativas ata que de súpeto apareceu unha, e logo outra, confirmando a utilización da mesma.

No primeiro caso era de “Chita” que de rapaza vivía no barrio de Petís. Certo día súa nai Benita mandouna a mercar a unha tenda coñecida por “A de Cristina” próxima á súa casa. Entregoulle para pagar, un selo pegado a un cartón redondo. A nena non quería ir cun cartón semellando cartos pois dicía que aquilo non servía e que se rirían dela. A súa nai insistiulle que non tivera medo que si lle valerían. Como así foi.
Cando lle ensinei o cartón moeda polo lado do selo iluminóuselle a cara ao lembrar algo que lle resultou coñecido. Non así cando lle amosei o reverso, non lle dicía nada, pois non se lembraba de como era.
O outro caso relatado por Consuelo ou “Telo” (coa súa irmá Emilia tiñan a carnicería na rúa Eduardo Vincenti), a súa neta Mari Carmen. Contáballe que cando ía a mercar gando para carne levaba os cartos nun segundo peto que tiña debaixo do escote. E tamén levaba unhas tesoiras para marcar o gando e de paso, “como era muller”, defenderse se fora preciso. Ela dicía que houbo unha época que levaba unha chea de moedas de cartón e billetes para os pagos...

Resumo do Selo-Moeda ou Cartón-moeda de uso provisional
Por mor da guerra o metal comezou a escasear e o goberno da República fixo provisión de metais (cobre, níquel, bronce, ouro, prata,...) tan necesarios para mercar ou utilizar no armamento. Pronto a xente quedouse sen moeda pequena para as transaccións diarias e o goberno tivo que recuar e acuñar nova moeda de valores fraccionarios pero esta seguía a estar escasa. Algúns concellos, colectividades obreiras, organizacións sindicais, etc. españois chegaron a emitir tamén moeda con valores por debaixo dos 50 céntimos. Sobre todo, pero non só, nas zonas de influenza republicana autorízase[1] a circulación transitoria de timbres e selos adheridos a discos de cartón ata que se puidera acuñar toda a moeda necesaria.
Adoitaban ter no reverso normalmente un escudo constitucional ou local e no anverso un selo de correos que indicaba o valor. Dimensións: 35 mm de diámetro e 0,5 g de peso.
Ao final da guerra foi cando o goberno de Franco ilegalizou as emisións de moedas republicanas.





[1] 24 de febreiro de 1938, aínda que xa circulaban con anterioridade.

10 de abr. de 2016

Lembrando a uns veciños de Bueu...

Por pensar en socialismo ou por militar en organizacións mariñeiras quitóuselle a libreta de pesca[1]. E, entre outras cousas, non podía traballar no mar, fonte do sustento familiar. Non é de estrañar que se lle agreara o carácter...
Á muller, costureira, por facer unhas camisas de encargo foi seriamente amoestada e estivo  a piques de ser rapada... Esquecíame, as camisas eran da cor das xuventudes socialistas.
E a pesar de todo...
Agochada detrás dun cadro no que os avós, coma mudos notarios, levitaban coa mirada perdida no recordo estaba a imaxe mais prezada. Imaxe que representaba liberdade. Unha liberade que lles custara moitos sufrimentos a eles e aos seus fillos. Transixiu en moito pero non se desfixo da foto pois servíalle de ancora e facho de dignidade. O risco valía a pena!
Nin cando chegou a “democracia” os medos deixaron vela faciana da ‘República’. A dor e o segredo perdéronse na memoria e leváronse á tumba.
Tempo despois foi rescatada pola man amiga da familia. Pero xa non di nada, ou, se o di, non se entende, fala noutra linguaxe. Unha linguaxe cicelada polo medo onde as palabras modificaron o seu significado como: a “liberdade de expresión” que trocou a “Pasou a censura”; onde “república de “cousa ou interese público dunha comunidade” cambia, ironicamente, a “lugar onde reina o desorde”; “anarquía” pasa de “doutrina que propugna a supresión do estado” a “desconcerto, incoherencia, barullo”,  etc.
Non sei se me gusta que a xente se envolva en bandeiras pero respecto se o fan. Por iso desempoo a mesma foto que iste veciño tiña agochada para que recupere a liberdade e a luz. E grite, se así o dexesa, o que gustaba de pensar ao seu dono, e que ten gravado ao pé coma lema: Viva España! Viva a República! 


[1] Tras un tempo puido recuperala grazas á amizade con Gaspar Massó.

13 de abr. de 2015

Falando da República na Cela do 1903

 
No xornal “Las Dominicales del libre pensamiento” publica unha “Curiosa conversación” o día 3/7/1903 na súa páx. 2 que polo de Curiosa imos transcibir:
“Un republicano manda á La Lucha  de Vigo este relato  da conversación mantida á porta da igrexa de Santa María de Cela, e que seica ouviu.
Falan un músico e dous mordomos da función do Corpus, e preséntase un estudante irmán dun cura, dicindo:
-Boas noites, señores. Parece que están vostedes falando da República.
Músico.- Si señor.
Estudante.-Alegraríame ouvir falar das ideas republicanas, e sinto non estar no mitin celebrado o outro día.
Músico.- Seguramente que non lle gustaría a vostede o que alí se dixo.
Estudante.Entón vostede cre que para nós é mala a República. A nós gustaríanos moito esa forma de goberno; pero antes de que iso sexa, teña vostede presente que correrá moito sangue, e aínda así non se conseguirá.
Músico.Quen sabe se se establecerá sen que se derrame nin unha pinga de sangue.
Estudante.-Non sexa vostede parvo, home. Se vostede non sabe aínda que quere dicir República.
Músico.- Non señor, non sei; pero polo que ouvín aos oradores que falaron no mitin, España podería adiantar moito dedicando a servizos verdadeiramente útiles e necesarios os miles de pesos que se gastan na Igrexa e o clero.
(Neste momento asusteime ao ver un vulto negro que se achegaba á reunión. Era o cura, que chegou feito unha fera e comezou a insultar ao músico chamándolle parvo, animaliño e outras cousas que non debían ser pronunciados por un sacerdote).
Devandito presbítero falaba con tal coraxe e en voz alta, que chamou a atención das persoas que había nas tabernas. Aquel, ao ver que se formou un grupo regular, dixo dirixíndose ao músico:
Cura.- Vaia, que non é vostede capaz de dicir Viva a República!
Músico.Non señor, porque non estou a propósito, pero se fora noutro lugar o diría cen veces.
Cura.Cale vostede torpe, que está a enganar aos meus fregueses. Amigos meus, non vos deixedes enganar, que está aquí dicindo que o clero ten a culpa do atraso de España, cando o clero non saca nada do Estado (se quería vostede que sacase máis!) Cobra só o que é seu, e aínda non lle pagan. Está o párroco de Cela gañando catro mil reais anuais, que non é nada.
- Xa lle direi eu ao señor cura de Bueu que vostede non ten relixión, que é un ateo, un herexe e un home animal sen alma.

-E vostede, debeu replicarlle o músico – non debera andar entre persoas.

30 de nov. de 2014

Sociedade de Bueu fiel á República

No xornal ABC, cando este era “Órgano de unión republicana” aparece en primeira páxina do 21-11-1937 e baixos os titulares: “España na Arxentina - OS FIEIS Á REPÚBLICA ESPAÑOLA” un longo listado de entidades e persoas que queren mostrar a súa adhesión ao goberno de España. Entre esas entidades está a sociedade  Unidos del Ayuntamiento de Bueu”.
O texto que encabeza a listaxe e que todas asinan é o seguinte: ”Sociedades españolas que expresaron a súa adhesión ao Goberno lexítimo de España e a súa protesta contra a invasión da Patria por tropas estranxeiras

17 de abr. de 2014

Representante de Bueu na Asemblea Republicana

A finais do s. XIX, máis concretamente  no comezo da primavera do ano 1897, e dentro dun proceso movilizador por distintas provincias e pobos de España, os republicanos da Provincia de Pontevedra celebraron unha Asemblea na cal os representantes de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Ponteareas, do Campo (Marín), Mondariz e Bueu asinan os seguintes acordos: 
  • Recoñecer como órgano na prensa á “La Unión Republicana”

  • Considerar bos e necesarios todos os procedementos de loita para conseguir a máis pronta instauración da República.
O que asinou por Bueu foi Domingo A. Tomé

El Liberal 22-3-1897 páx.2