No libro que publicamos no ano 2022 co título “Bueu. Biografías-I” aparece nas primeiras páxinas José de la Torre López “José de Rafael”. Carpinteiro de ribeira e vítima da represión[1]. Nesas páxinas glosaba unha pequena biografía deste culto carpinteiro de ribeira da praia de Beluso.
Agora, e para ter en conta para posibles ampliacións biográficas, nomearei datos que, aínda que algúns sexan coñecidos, aparecen incompletos.
![]() |
| Efigenia de la Torre |
O primeiro ten que ver co seu bisavó paterno, Rafael de la Torre, tamén carpinteiro de ribeira que no libro “Os infinitos «onte» da palabra «hoxe»[2] o cito como boa persoa, axudando a un veciño nos pagos por gastos médicos no cárcere.
O segundo permite corrixir un erro aparecido no primeiro libro. Nel dise que José de la Torre e Carmen López Regueira tiñan unha filla chamada Efigenia. Pois ben, e segundo recolle Carme Hermida[3] tiveron tres fillas: “Ifigenia, Carmen e Rosa”. Nel narra a peripecia de Efigenia que cando tiña 8 anos tivo que poñerse a servir en Bueu e, como non a trataban ben marchou, con outra familia de Bueu, á Ermida de Cascofés, onde integrouse moi ben. Co tempo emigrou a Venezuela onde casou e tivo dous fillos: Francisco e José.
E, por rizar o rizo, xa se decatarían da coincidencia (só no nome) de que José de la Torre apareceu morto, “paseado” o 25-9-1936 nunha cuneta do lugar da Ermida-Marcón e a súa filla Efigenia de la Torre apareceu na nosa memoria, fuxindo da fame, no lugar da Ermida (de Cascofés).
[1] https://designrr.page/?id=220007&token=842967705&type=FP&h=6240 Páx.11-22. Concello de Bueu, 2022.
[2] https://designrr.page/?id=453375&token=3303570827&type=FP&h=2178 Páx. 251, Concello de Bueu, 2025.
[3] Carme Hermida Gulías, “A Ermida de Cascofés. Casos e cousas” Páx. 231‑233. Agradecer a autora Carme a recolleitas da memoria das xentes nas páxinas do libro e ao amigo Xosé Vilas por achegarme a elas.

