Amosando publicacións coa etiqueta medallas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta medallas. Amosar todas as publicacións

4 de abr. de 2019

Outra de Medallas... I

Unha vez máis presento a persoas que por motivos diversos tiveron medallas ou diplomas concedidas por institución militares ou políticas. 
Hoxe porei tres breves notas que fan referencia a tres bueueses que recibiron medallas en momentos moi distintos e por motivos tamén diferentes.
1º.-  Comezaremos na afastada Filipinas  a finais do século XIX cando con data de 19 de marzo de 1876 (Real Orde de 28-6-1880)  concedéuselle a Cruz de Prata da Orde do Mérito Militar ao bueués José Fazanes Costas para premiar os servizos prestados coma clase de tropa.
José Fazanes era artilleiro do Rexemento de Artillería Peninsular do Exército de Filipinas.  
A condecoración levaba parella unha contía económica de dúas pesetas con cincuenta céntimos mensuais.


2º.- Por Real Orde 10 del novembro de 1927 (Diario Ministerio de Marina 12/11/1927) concédeselle a Cruz de Prata con distintivo branco, pensionada con 300 pesetas anuais, durante o seu tempo de servizo, ao condestable  José Estévez Ferradás, de Beluso, destinado en Marín, polo salvamento de dous mariñeiros que caeran ao compartimento do dique de proa do cruceiro Blas de Lezo, o día 4 de maio do ano 1926, mentres estaba reparándose na cidade de Ferrol.


 .- Na conmemoración do 18 de xullo de 1954 e a proposta da Xefatura Provincial do Movemento foille concedido o ingreso na Orde de Cisneros entre outros, con Cruz de cabaleiro ao alcalde de Bueu, José Mª Massó García.
Anos despois a primeiros de xuño de 1965 o Ministerio da Gobernación concédelle a Encomenda da Orde do Mérito Civil coa categoría de encomenda sinxela, a seis alcaldes e dous secretarios da provincia de Pontevedra. Un deses alcaldes condecorados foi José Mª Massó García.

23 de xuño de 2018

Todo un heroe! De Beluso…

Galicia, e Vigo como referente, dende o mes de xaneiro ata este mes está a homenaxear ao intrépido mariño Blas de Lezo (1689-1741). O fixo no seu momento coa exposición na Casa de América co título «Blas de Lezo y la Guerra del Asiento»[1] que xa fora inaugurada polo Rei Felipe VI en Cartaxena de Indias no 2016 e que ao longo deste ano segue a percorrer España.
Na lembranza deste ilustre mariño púxoselle o seu nome a un cruceiro lixeiro[2] (1925 a 1932) que acabaría afundíndose nunhas manobras navais a cinco millas da costa de Fisterra e, por sorte, salvándose toda a tripulación.
Será neste cruceiro no que un 4 de maio de 1926, cando estaba en reparación no porto de Ferrol, a desgraza estivo a piques de segar a vida de dous mariñeiros do buque que caeran ao compartimento do dique[3] de proa de non ser pola afortunada intervención de bueués José Estévez Ferradás.
Por esas datas, José Estévez, de 1926 estaba en Ferrol rematando o ano de prácticas como Técnico Auxiliar da Armada[4]. Por mor da súa valentía outorgóuselle ao ano seguinte a Cruz de prata ao Mérito Naval con distintivo branco pensionada con 25 pesetas mensuais.
Todo un heroe! De Beluso…



Outros datos do segundo Condestable[5] José Estévez Ferradás:
Naceu en Bon, parroquia de Beluso.
A primeiros de decembro de 1932 sendo Auxiliar 2º foi trasbordado da cañoneira ‘Dato’ ao buque de transporte ‘Contramaestre Casado’.
No mes de abril de 1934 aparece na publicación ferrolá da Armada =Memorial Técnico del Auxiliar de la Armada” un artigo seu titulado «Distancias y estadías». En xuño deste mesmo ano é destinado coma Auxiliar 2º á Escola Janer de Marín.
No 1937 era Auxiliar 1º de Artillería.


[1] Exposición que estivo aberta en Vigo do 25 de xaneiro ata o 16 de marzo. Neste mes de xuño estamos a mirar polas rúas de Vigo exhibicións de duelos de espadas do s. XVIII na honra de Blas de Lezo.
[2] Dende decembro do 2004 a Armada Española ten unha fragata (F-103) que leva o nome de Blas de Lezo.
[3] Obra de construción que permite poñer os barcos en seco para reparalos, pintalos etc.
[4] Remataría o 1-6-1926
[5] Suboficial na artillaría de mariña.

14 de xul. de 2013

Dous irmáns de Beluso, María e Salvador Vilas, heroes do mar

A néboa que hai estes días faime lembrar moitas cousas…

Antonio Cidrás Piñeiro 
Salvador Vilas Iglesias
Recordo que cando a néboa pechaba a ría, as sirenas dos barcos e as voces dos mariñeiros anunciando a “cala”, facía que as xentes, conscientes do perigo, achegásense á praia para gritar, ou na noite, con lumes e así avisar da situación, as rocas ou dos baixos…

Recordo por escoitalo unha vez a miña nai, polas hemerotecas e pola  documentación que me achegou o meu amigo Ramón Vilas, que a tal hora de hai 84 anos tamén había néboa na mar, tamén era domingo e, curiosamente, o meu avó e o seu avó estaban uno fronte ao outro no mar de Lagos. O un nun penedo como náufrago, o outro, en compañía da súa irmá, como rescatador:


Era o día 14 de xullo de 1929, ás tres mañá, os irmáns María e Salvador Vilas Igrexas, de 27 e 23 anos, fillos do caseiro da vivenda que a familia Massó ten preto da praia de Lagos-Beluso, levantáronse sobresaltados ao ouvir os toques de alarma da sirena dun barco próximo á costa. Baixaron á praia a ver o que ocorría. Segundo di o expediente, que eles mesmos asinaron, “…ouviron voces de auxilio dos tripulantes, e postos á fala con eles, tranquilizáronos dicíndolles o lugar en que se achaban…”

Circunstancias do naufraxio: O buque estaba a facer probas de mar. Saíra de Marín cara a Ons e, buscando porto debido á espesa cerrazón de néboa, foi quedar varado nuns baixos rochosos chamados Cons a uns 200 metros da Praia de Lagos.  Os tripulantes botaron a auga a chalana de a bordo e con ela tenderon o rizón pola popa para ver se con este e a máquina do barco podían polo á flotación. O rizón rompeu, inclinouse o barco e abriuse unha vía de auga. Ante a imposibilidade de facerse co barco decidiron coa mesma chalana trasladar a todos os mariñeiros a unha rocha próxima. A pesar de que o mar estaba en calma non tardou máis de 20 minutos en afundirse. Comezaron a trasladar aos mariñeiros á praia logo de advertirlles os irmáns Vilas que estaban na Praia de Lagos. Salvador Vilas pediu que alguén axudáselle a baixar a súa chalana que tiña na praia. Un mariñeiro veu a nado e tras baixala puideron traer 6 ou 7 homes máis.
Ao día seguinte o patrón e o maquinista cun lanchón e un mergullador tentaron sacar o barco pero unha forte marusía do noroeste impediuno. O casco rompeu e parece que puido recuperase a máquina.

Tras saír a noticia na prensa local e nacional o Presidente do Consello de Ministros, Marqués de la Estrella, solicitou información ao Gobernador Civíl e este a o alcalde Sr. Camilo Davila coa intención de que, de ser certos os feitos, darlle algunha distinción. A distinción sería a Cruz da Orde Civíl de Beneficencia. Aínda que a heroicidade foi recoñecida a medalla...

Ficha:
- Barco afundido: Vapor “Florentina” de 15 m de quilla, da matrícula de Marín
- Patrón-Armador: Antonio Cidrás Piñeiro “O Conexo” da Praia de Loira. Fora patrón dunha lancha da arte desde moi novo. Este era o primeiro barco que conseguise construír e, para maior desgraza, aínda non tiña seguro. Posteriormente puido refacerse e construír a motora “Río de Loira”, o “Conexo”,
- Maquinista-armador: Manuel Loira Campelo “Follato”
- Mariñeiros: 30. Todos da Praia de Loira e arredores.

21 de xan. de 2013

María Mundín - María "a Mondina"

Alégrome de que os medios de comunicación e representantes municipais se fagan eco de noticias acaecidas no tempo e que implican recoñecemento a persoas que co seu traballo facilitaron a vida doutras moitas. Tamén me alegro de que unha desas persoas sexa a mandadeira María Mundín... En este blog tíña reservado no apartado “Bueu consegue medallas” que saíu no mes de agosto do pasado ano un espazo para María Mundín pero decidiu deixalo para o mes de abril deste ano, data do aniversario... e agora cítase para reforzar a estela informativa .
Non vou reproducir o texto preparado daquela xa que nestes días poden lerse no Faro de Vigo e Diario de Pontevedra amplos e moi bos reportaxes.
Confesar que descoñecía a noticia do Faro de Vigo de 05-04-932 xa que a información que manexei sobre este acto dende 1981, viña da revista “Vida Gallega” de 20-04-1932. Mencionar o erro no apelido de María Múndín xa que a nomean como “María Molina”. Sinalar tamén que, a parte da relación citada na prensa, encabezada polo alcalde Jesús Prieto, poden verse a mestra de Beluso Carmen Pastoriza, a Manuel Ventura,...
Noraboa aos seus familiares!
Transcrición do texto da lenda para lelo mellor: "Bueu.-Entrega de la Medalla del Trabajo a la anciana María Molina (¿?), que actuó 53 años de recadera entre Bueu y Vigo, cruzando la bahía cerca de doce mil veces. Foto Pacheco.-" en "Vida Gallega" 20-04-1932
Aurora Pazos Garrido e a súa nora
Se María “a Mondina”, e logo a súa filla Rosa, ían cos seus mandados cara a Vigo tamén facía ese mesmo percorrido (mércores e sábados) Dolores Currás “a Currasa”. Na memoria de moitos tamén está Aurora Pazos Garrido "A Fenta" de Loureiro que ía andando a Pontevedra para facer os encargos ata os anos cincuenta do século pasado. Logo, tamén ao longo de moitos anos fixo, no coche do "Pico", encomendas cara Pontevedra, Victoria Pereira Agulla coñecida cariñosamente como Victoria “a Torera”. O seu labor era recoñecido por veciños e por comerciantes da ruta a Pontevedra e ata polos empregados de institucións bancarias (xa que facía de transporte de documentación e ata de cartos). Pero de todas as mandadeiras coñecidas a máis antiga documentada é Mª Cira Otero Vázquez que ía a Pontevedra ata pouco antes de 1920.

8 de dec. de 2012

Bueu consegue medallas-1

Pavillón español en Londres 1883
Se alguén está no cumio bueuense do palmarés das medallas é a Fábrica de Massó de Bueu que acadou, entre outras:
·        Primeiro Premio na Exposición Internacional de Pesca que fora inagurada o 12 de maio de 1883 en Londres.
     Expositor español: 63 m de longo por 9 m de anchura. A exposición pola noite estaba alumeada por lámpadas de arco voltaico e luz incandescente. A delegación española con 9 lámpadas de arco voltaico.

Exposición de Amberes 1885

  • ·        Na “Exposición Universal de Amberes” celebrada no ano 1885 consegue unha medalla de Ouro.
  • ·        Na “Exposición Internacional de Toulouse” do ano 1887 obtén unha medalla de Ouro.
    Na “Exposición Internacional de Barcelona” do ano 1888 obtén unha medalla de Ouro.
  • ·        E na “Exposición Universal de París” de 1889 unha medalla de Bronce. Nesta exposición ían asociados como Massó-Domingo Dargentón e Cía. Participaron na Clase 70: “Conservas alimenticias”.

Bueu consegue medallas-2

Na “Exposición Xeral de Agricultura” celebrada en Madrid no ano 1857 o bueuense JOSÉ REGUEIRA consegue a medalla de Bronce na modalidade de “Liños, cánabos, algodón, esparto e pita” Presentouse con “liño rastrillado” de Bueu. Quen dicía que non tiñamos liño? Habíao e do mellorciño de todo o estado…
Máis aí non quedou a nosa representación no palmarés xa que AGUSTÍN PLÁ AVALLE, da praia de Beluso, presentouse con centeo, con feixón canelillos grandes e con millo co que acadou unha Mención Honorífica.
Con estes dous gañadores tamén expuxeron os conveciños Benito Pastoriza con “patata colorada” e Benito Fazanes con “feixóns aplastados”.

Haberá quen pense que este ano foi un “foguete nunha festa”. Pois non! Coma exemplo ver que dez anos despois deste evento o mesmo Agustín Plá Aballe, fillo dos importantes salgadeiros da praia de Beluso Rosa Mª Aballe e Pedro Plá presentouse, nada menos, que na “Exposición Universal dos Productos Agrícolas e Industriai” celebrada en Paris o 1-5-1867.
Participou no capítulo de “Legumes e froitas” co número de expositor 154 presentou para a súa venda “feixóns” a un prezo de 0,140 escudos o quilo1.

Como podemos comprobar todo un "canto" á agricultura competitiva e de calidade dun concello con boas terras, auga e saber facer dos nosos maiores… Pero nestes tempos de “alegrías” e “abundancia” vense, con tristura, hortas e campos ermos ou a monte… Como para pensalo!


Nota: as moedas de ½  céntimo escudo acuñáronse no reinado de Isabel II (1833-1868). E nese ano e 1868 eran de cobre, e as do 1869-70 eran de 5 gr. de prata.