Amosando publicacións coa etiqueta Illa de Ons. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Illa de Ons. Amosar todas as publicacións

16 de xan. de 2019

A Illa de Ons aluméase con catro farois de acetileno de refugallo

Se nos achegamos á sesión plenaria do 21 de febreiro de 1924 que «A proposta da presidencia e en atención ao citado deterioro no que están os once farois do antigo alumeado por acetileno propiedade deste Concello, que están depositados na Consistorial, a Corporación acorda proceder á súa adxudicación mediante concurso..
Anunciado oportunamente durante un período de quince días só se recibe no Concello unha solicitude para facerse cos farois, e non por todos senón por catro. A petición ven dende a Illa de Ons, da man de Didio Riobó Bustelo, xestor e fillo do dono da mesma. Didio oferta pagar por cada un dos farois 4 pesetas.
O 20 de marzo de 1924 o alcalde Jesús Prieto tramita, á proposta da Corporación, o expediente de adxudicación de «farois deteriorados» ao único que participou na poxa, Dídio Riobó Bustelo.
E así é como os farois foron a parar á casa-almacén que a familia Riobó posuía na súa illa, Ons.
Pero se seguimos o rastro deses farois retrocedendo no tempo chegaríamos a xaneiro do ano 1906 en que no segundo pleno[1] despois de tomar posesión da alcaldía de Bueu, Laureano Piñeiro Domínguez[2] expón a petición dos veciños do Príncipe (actual rúa Eduardo Vincenti) para que se poñan uns farois na súa rúa e o fixeron nos seguintes termos: «... interesando da Corporación que tendo en conta a necesidade que se sinte duns farois na dita rúa e a precaria situación do erario público municipal, se instale por conta dos fondos seis farois cos seus depósitos para producir gas acetileno[3] ofrecéndose os reclamantes a soster o alumeado durante o ano actual...».
Farola na Praia de Beluso
Na sesión plenaria do 20 de xaneiro dáse conta, na mesma liña, de dúas instancias de veciños da praia de Beluso e da Ribeira (actual Montero Ríos) que desexan farois como os da rúa do Príncipe.
O Concello encarga á mesma comisión que tiña que resolver a necesidade dos puntos de luz no Príncipe, incorporando ao salgadoiro Clemente Lago, o faga tamén para Beluso e na Ribeira.
Aínda que na sesión ordinaria do 4 de febreiro de 1906 a Corporación informouse dunha comunicación do Gobernador Civil de que non procedía a concesión de transferencia de crédito para os seis farois que o concello pensaba mercar para a rúa do Príncipe, non será ata o día 12 dese mesmo mes cando se trate do ditame da comisión encargada sobre os farois incluíndo os 5 a poñer na Banda do Río, Ribeira e Praia de Figueirón. O «Concello resolveu que se adquiriran os nove farois de que se trata con todos os seus accesorios e se coloquen nos lugares designados satisfacéndose todos os gastos que con tal motivo se orixinen con cargo ao capíto de Inconvenientes; en cuxo acordo non conveu o 1º Tenente D. Tomás García por non haber cantidade sinalada para este fin no presuposto e necesitarase para outros Inconvenientes».
Como pode comprobarse que non foron 5, nin 6 nin 9 os farois que tiveron algunhas rúas e lugares de Bueu, senón 11.


[1] Sesión ordinaria do día 14 de xaneiro de 1906.
[2] Tomou posesión o 1 de xaneiro de 1906.
[3] Xerado a partires de carburo calcio.

18 de out. de 2018

O poema da igrexa nova de Ons

Dende hai moitos anos o segredo da igrexa nova da illa de Ons non é segredo, cando menos para un reducido grupo de persoas. Parte do mesmo apareceu publicado nunha páxina de Facebook[1] pero non tivo a repercusión que penso que debería ter.
Unha visita ás illas fai poucos días rachou o silencio que ao longo dos anos impuña a ‘modestia’ do protagonista deste segredo e da igrexa nova: A autoría do poema que pode lerse no fronte da capela.
 Sen mencionar o nome do autor, voulles comentar algunha cousa arredor do poema e de como este chegou alí.
Autor ante a obra
A mediado dos anos sesenta do século pasado, cando a igrexa e o poboado de Curro en Ons eran algo máis que proxecto do Instituto de Colonización, propuxéronlle ao profesorado de Bueu que fixeran un especie de concurso de poesía sobre a illa de Ons. Os rapaces, sen saber a finalidade do mesmo, levaron o labor coma tarefa para casa sendo a entrega do mesma voluntaria. O noso protagonista escribiu un pequeno poema pero logo decidiu non entregalo pois, por ser moi esixente consigo mesmo, non lle parecía de calidade. Mais a casualidade fixo que llo ensinara a un amigo a quen lle gustou tanto que o estivo animando durante un tempo para que o entregara, como así o fixo ao mestre Manuel Omil. Nos días seguintes á entrega os rapaces estaban á espera dalgún tipo de recoñecemento ou premio pero pasou o tempo e nunca máis volveuse a falar dos poemas e pronto todos esquecéronse dos mesmos.
Bastantes anos despois, e co motivo dunha visita de lecer á illa de Ons, o noso protagonista quedou pasmado ante algo que fixera na súa adolescencia e que estaba impreso en cerámica e, para maior ‘vergoña’, exposto ás miradas de todos. Unha mestura de sensacións encontradas o perseguiu durante moito tempo. Era o mesmo poema cunha soa palabra cambiada: onde el escribira ‘isliña’ agora era ‘illiña’. Decidiu non contarllo a ninguén que non foran da súa familia ou amigos moi achegados. Foi un segredo que ao longo dos anos todos gardamos por expreso desexo do autor. Aínda que pareza paradoxo eu sigo a respectar os desexos do amigo pero tamén creo que é relevante que se saiba quen escribiu algo que miles de persoas leron dende hai algo máis de cincuenta anos.


      SANTO
      San Xaquinciño da Illa                Esta illiña gallega
      dainos un ventiño en popa         defensa da nosa Ría
      pra chegar o a noso porto          e devota a San Xaquín
      que temos a vela rota                 o pai da Virxen María.

[1] De ‘... o Morrazo’ nunha entrada do 9 de maio do 2013.

1 de maio de 2018

Botiquín para a Illa de Ons

Dende hai moitísimas décadas reivindicouse a presenza médica permanente na illa de Ons. Mais agora, nos últimos meses, vólvese a falar diso na prensa, nos despachos dos distintos organismos oficiais e nas persoas e Asociacións relacionadas coa illa.
Estes últimos de forma expresa, senón que llo pregunten a Celestino Pardellas, están a solicitar polo menos dúas cousas relacionadas con isto:   
·         Que no PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia) queden claras as competencias de cada organismo na Illa de Ons.
·         E que nas Illas de Cíes e Ons haxa xa a partires deste verán un Servizo Permanente de Primeiros Auxilios. 
Quixera ao respecto lembrar o papel dos mestres-sanitaros para o que recomendaría ler de novo o artigo: “Ons, o meu paraíso de onte (VI) ¿Mestre ou sanitario?” do mestre  Julio Santos Pena aparecido na revista Aunios nº 7.[1]
Máis nesta entrada quero aportar a información da solicitude en 1947, por parte da Rexidora Provincial de Divulgación da Sección Feminina, dun Botiquín para que a mestra da Illa de Ons puidera atender as urxencias facendo curas, poñendo inxeccións, etc.  
O curioso é que nestas datas non era o Xefe de Sanidade o que tiña que autorizalo senón que era o Gobernador Civil, a proposta dos concellos.
A continuación póñolles o oficio de solicitude deste trámite, ao alcalde de Bueu:



[1] Aunios nº 7 páx. 64-66 á que podedes acceder directamente neste enlace https://bit.ly/2JItBtK

1 de nov. de 2017

A Illa de Ons punto de encontro internacional na Guerra de Independencia

Juan José Caamaño Pardo
O día 1 de marzo de 1809, vinte sete días antes da liberación de Vigo do exército francés, o Conde de Maceda, Juan José Caamaño Pardo[1], reúnese co comandante inglés Jorge Me Kinley en augas de Ons. O fixeron a bordo da fragata Lively[2] que levaba un tempo nas augas insulares á espera de obter información da actividade da resistencia galega contra as tropas francesas.  
E segundo recolle a acta da reunión esta foi moi esclarecedora para o goberno inglés xa que recibían de primeira man información da situación e intencións do exercito que tentaba Reconquistar o Reino de Galicia. Consecuencia desta xuntanza foi a correspondencia e intercambio dunha constante información entre ambos exércitos.


Certificado orixinal, e Copia de tradución ao idioma español, do documento honorífico, do Comandante da Fragata de S. M. Británica Lively á favor de S.E. o Conde de Maceda, na gloriosa causa de S. M. o Señor D. Fernando VII, e Reconquista do Reino de Galicia. Maio 19 de 1809.
Tradución dun Certificado en Inglés entregado á S. E. o Conde de Maceda polo honorable Jorge Mª Kinley Comandante da Fragata de S. M. B. Lively, estando fondeada no Porto de Vigo desde a reconquista de dita Praza[3], e seus Castelos, polas armas de S. M. o Señor D. Fernando VII, e é do tenor seguinte:
Fragata S.M. Británica Lively fronte a Ons
No primeiro día de Marzo de 1809 veu á bordo da Fragata de S. M. B. Lively baixo meu mando na Illa de Ons; a súa Excelencia o Señor Don Juan Josef Caamaño, Conde de Maceda cos planos de operacións para a dirección dos Patriotas Galegos, os que, en varios lugares, alzaran as armas contra a opresión dos franceses, que posuían as principais Cidades e Fortalezas do Reino, e foi S. E. o Sr. Conde de Maceda a Primeira Persoa que me deu as mellores informacións de todo o Estado dos Pobos, de maneira que foi tan celoso na causa de Fernando VII, que foi o móbil de liberar o seu País del xugo do vil usurpador Bonaparte; que inmediatamente mandei pregos para meu Goberno, e tiven a honra de continuar a corresponderme desde entón coa S. E.; do cal resultou que a causa Patriótica foi en aumento: estou tamén certo por meu propio coñecemento que nin fatiga de corpo, nin de espírito foi omitida en moitas críticas, e perigosas situacións que rodearon á S. E. na causa gloriosa.= Dado da miña man e selo a bordo da Fragata de S. M. B. Lively.= Vigo 19 de Maio de 1809.= Jorge Me Kinley.



[1] Juan José Caamaño Pardo (Ferrol 1761-Madrid 1819). Membro da Xunta de Defensa do chamado “Reyno de Galicia”. Defensor destacado das ideas e institucións do Antigo Réxime. Belixerante contra as tropas francesas, contra os “afrancesados” e contra os liberais...
[2] Este mesmo barco, na compañía doutros tres, atacaron o 5 de outubro de 1804 a unha pequena escuadra de catro embarcacións españolas que viñan cargadas de ouro e prata de terras americanas. Curiosamente por esas datas as mariñas inglesa e española non estaban en guerra. Consecuencia deste ataque afundiuse unha fragata española (Mercedes) fronte ao Cabo de Stª María (Portugal) e as outras tres foron apresadas.
[3] 28 de marzo de 1809 día en que derrotados os franceses abandonan pola Porta de Gamboa a cidade de Vigo.

20 de nov. de 2016

20 novembro

Por se alguén non se decatou hoxe é 20 de novembro. Día sinalado por algúns no panorama político do pasado onde uns lembran a morte de Franco (1975), outros a de José Antonio (1936), outros a do político anarquista Buenaventura Durruti (1936), etc. e outros exixen que se aplique a Lei de la Memoria Histórica (Lei 52/2007).
Máis o que eu quero, sen esquecer o pasado, é resaltar neste aniversario outra cousas como é felicitar a Nacións Unidas xa que tal día como hoxe no 1959 se aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno. Parabéns asociados á reclamación dun seguimento máis firme para evitar a violación sistemática contra eses dereitos que, 57 anos despois, aínda se dan no mundo.
E no ámbito de Bueu parabéns para o noso concello xa que se cumpren 172 anos da pertenza da Illas de Ons ao territorio municipal. Tal día coma hoxe de 1844 por Real Orde aceptouse a solicitude do Marqués de Valadares propietario da Illa de Ons, pola súa dona, de que se segregasen do concello de Sanxenxo (ao que pertencían dende 1837) e se adscribise ao de Bueu esgrimindo entre outras razóns: “por ser o Continente máis próximo”. Estes mesmos razoamentos foran utilizadas para unilas ao concello de Sanxenxo 7 anos antes. 
Tamén. e referido ao noso concello. un 20 de novembro de 1930 publicítase en Vida Gallega a constitución dunha sociedade recreativa en Bueu:
E xa postos a felicitar, facelo aos case que noventa nacidos neste día dende que Ons é buenense. Parabéns a todos! Dende Carmen Piñeiro E. (1844) pasando polo amigo Miguel (1954), Cesáreo (2010), etc.

30 de ago. de 2016

Festa do Pescador humilde de Ons-1952

Hai uns meses escribín un artigo para a revista Aunios nº 21[1] co título “Apuntamentos da illa de Ons e a Falanxe” onde facía unha recolleita de datos, dende 1938 a 1950, que puña, entre outras cousas, de manifesto a utilización das penurias dos habitantes de Ons por parte de institucións de Beneficencia ou mesmo gobernativas.
Remataba o artigo dicindo: “Uns anos despois, 1949-1950, Ons vai caendo no esquecemento para as institución de Beneficencia e Axuda. Así pódese constatar que nas relacións de Familias Pobres do concello de Bueu ás que se lle adxudican vales de Nadal para artigos de alimentación non aparecen ningunha da illa de Ons.
Polo visto esquecín algún “acto”[2] a partir desas datas como o que está reflectido que transcribo a continuación[3]: Con motivo da festa do pescador humilde que se celebraría o próximo domingo día 3 [de agosto] na illa de Ons, o Excmo. señor gobernador civil da provincia Dr. Palao Martialay, fixo entrega ao Gremio de Mareantes encargado da organización daquela simpática festa, de tres canistreis de roupa confeccionada pola Sección Feminina de Falanxe Española con destino a outras tantas familias de mareantes humildes.
O Gremio de Mareantes expresa a súa gratitude sinxela á primeira autoridade civil da provincia por este risco de xenerosidade co pobre home do mar.”
Queda dito!



[1] Enlace ao artigo Aunios 21: https://db.tt/7xdbF73e
[2] Aínda que non houbera moitos.
[3] Do xornal La Noche do 30 de xullo de 1952 páx.1

22 de ago. de 2015

Procesión marítima na illa de Ons - 1930

Hoxe e mañá están a celebrarse as na Illa de Ons as festas na honra de San Xoaquín. Vou a pór o cartel anunciador das mesmas para facilitar ao que desexe achegarse ata a illa este fin de semana o faga coñecendo algunhas das actividades que se realizaran nestas festas 2015.
O domingo, día 23 hai unha misa cantada pola Coral Polifónica de Beluso e  procesión ao peirao.

A raíz disto que lembrar que noutros tempos, anos trinta do século pasado, a procesión tamén era marítima.  Constancia gráfica disto o temos, da man do fotógrafo Ocaña, na hemeroteca de El Pueblo Gallego do venres 22 de agosto de 1930 na súa páxina 8.


23 de ago. de 2014

O "asunto" dos cartos para mercar a Illa de Ons

Agora que as xentes do noso país están afeitas a ver nos medios de comunicación todo tipo de “asaltos” aos cartos públicos cometidos por algúns políticos ou tramados estremeiros coa política podemos pensar que é algo puntual no tempo. Se nos informamos ben darémonos conta que é algo de todas as épocas e non por iso menos desprezábel.
Reflexións semellantes a esta me fan lembrar unhas “acusacións” sobre o intento de adquisición directa por parte do Estado da illa de Ons...,
... que xa dende finais dos anos vinte do século pasado comézase unha campaña, nos medios de comunicación e círculos políticos, de socialización e busca de alternativas á Illa de Ons apoiada por amigos e influencias da familia Riobó, propietaria da mesma[1].
Todo foi encaixando ata que no outubro do 1935 o goberno do estado decidiu, en Consello de Ministros, decretar a creación dunha casa para vagos e malfeitores en Alcalá de Henares e un campamento agrícola coa mesma finalidade na Illa de Ons.
Días despois de saír o Decreto aparecen nos xornais “El País” de Pontevedra e logo nos “La Libertad” de Madrid e “El Pueblo Gallego” a noticia do “Raro asunto da venda da Illa de Ons”, “amaños” ou “affaires”… Ata aparece o nome dalgún político implicado.



A raíz deste “escándalo” o Consello de Ministros do 6-2-1936 recúa anulando o Decreto 23/10/1935 relativo á adquisición directa da illa de Ons (Pontevedra) para a instalación da dita colonia agrícola penitenciaría de vagos e malfeitores.

Nota: Dado que a información oral recollida ao longo dos anos é contraditoria, a documentación oficial pouco aclaratoria e a cascada lutuosa dos acontecementos no panorama nacional, e en particular da illa de Ons, en momentos posteriores á anulación do decreto citado sexa relevante fai que non me decante abertamente por darlle algún dos cualificativos dos que se din nesta entrada. Pero, como cando se fala “que ninguén cre nas bruxas, pero haber...


[1] Cambeiro (novembro de 1928), Carballeira (“El problema social de la Isla de Ons”-1932 e “400 colonos isleños quieren las tierras-1933 en “El Pueblo Gallego”;  “La primera y única finca que se va a expropiar” coa reforma Agraria en Galicia – “Estampa” 1932), Joaquín Pesqueira (en 1930), etc. Dicír que todos eles son alleos a complóts directos con posíbeis “pelotazos especulativos” máis ben escriben por amizade e razóns sociais. O que non é óbice para que outros se aproveiten...

9 de ago. de 2014

Víctor Said Armesto na Illa de Ons

Fai menos dun mes que vense de conmemorar o centenario do pasamento dun insigne polígrafo[1] o “noso paisano” Víctor Said Armesto (Pontevedra, 1871 - Madrid, 1914). Ao longo dos próximos meses celebraranse unha morea de actos: Simposios, conferencias, mesas redondas, etc.  co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra, Museo do Pobo Galego e Fundación Barrié. Todo elo para sacar do inxusto esquecemento a unha figura senlleira do pasado e presente intelectual da nosa cultura.

Xa no xaneiro de 1996 demos a coñecer nun monográfico da revista O Candil do Colexio Público de Bueu[2] unha biografía de Víctor Said na que quixemos rescatar do esquecemento e pór en valor o seu legado que entre outra “axudou a dar sentido á nosa cultura”.
A súa relación con Bueu é moi ampla por razóns familiares e de longas estancias no pazo do Casal de seus avós maternos. O resumo que del fai o xornalista J. Pesqueira o define moi ben: “... grande parte do prestixio que rodea o nome e memoria de Víctor Said Armesto, reflíctese en Bueu, na bela vila de Bueu, á que tanto quería o ilustre crítico...”[3]
Pero agora quero rescatar un poema escrito, no ano 1898, na Illa de Ons onde percíbense as brétemas e as “ánimas” insulares.
A media noche[4]
A través de la neblina
desciende pálida y lenta
la claridad mortecina
de la luna, que ilumina
la llanura soñolienta.
Por su resplandor bañadas
álzanse mudas y heladas
en torno del monasterio
las tumbas desmanteladas
del trágico cementerio.
Y en las lápidas desiertas
desamparadas y yertas
sin flores, palmas, ni luces
abren sus brazos las cruces
de las esperanzas muertas.
Brotando de la neblina
recorre lenta y callada
una aparición divina
la llanura desolada
que a su paso se ilumina.
Fugaz, indecisa y leve,
su imagen pálida y breve
recuerda esas sombras vanas
sin contornos ni relieve
de las memorias lejanas.
Y por los claustros dormidos
la blanca visión se interna,
sin que aviven sus gemidos
los ecos adormecidos
de la soledad eterna.
Donde ayer libres de abrojos
brotaban las ilusiones,
hoy solo encuentran sus ojos
los olvidados despojos
de las muertas emociones.
Y sin esperanza alguna
de la niebla entre el misterio
va deshojando una a una
¡las flores del cementerio
al resplandor de la luna!
VÍCTOR SAID ARMESTO
Isla de Ons -1898


Grazas, Víctor! Penso que de ”bo nacido é ser agradecido” e estou de acordo co que dicía Murguía de Said “sei ben o que valía e canto ó perdelo perdeu Galicia


[1] Escritor, crítico literario, orador, poeta, músico, investigador, … Primeiro Catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa, impulsor da Academia Galega, …
[3] Faro de Vigo do 16-11-1927 páx.1
[4] Aparece no Diario de Pontevedra no cabo de ano do seu falecemento.

1 de xul. de 2014

O Arquivo de Galicia na Illa de Ons

No xornal La Gaceta de Galicia do 07-07-1879 primeiro e logo en El Gallego de Bós Aires (22-07-1879) reproducen o texto do discurso “Galicia en la Independencia española”  lido por D. Bernardo Barreiro V. no Centro Gallego de Bós Aires, o 8 de xuño de 1879, co gallo do 70 aniversario de batalla de Pontesampaio.
Como é de supoñer todo un discurso patriótico ante un público entregado…
Que a igrexa estaba moi preocupada no 1809 pola perda do seu status era algo que se reflectía en moitas das accións de abades e curas como aglutinantes de milicias populares contra o francés, ou concorrendo con donativos ou “á la puerta de todos los templos se colocaron  mesas peticionarias que, como altares de la pátria recojian el dinero y otras ofrendas del pueblo”. E no mesmo discurso continúa narrando que como donos que eran da illa de Ons El Cabildo de Santiago hizo construir casas y un fuerte para su defensa en la isla de Ons, y puso a salvo allí sus riquezas y el Archivo de Galicia”.

12 de out. de 2013

San Xoaquín, patrón de Ons por...


Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 

  
[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

10 de maio de 2013

UN AVIÓN MISTERIOSO... EN ONS

Ao longos dos anos escoitei falar a illeiros rapaces, e non tan rapaces, de fenómenos estraños relacionados con luces que se movían na contorna de Illa de Ons que habían visto  tanto dende terra como dende embarcacións. E case sempre acababan desaparecendo no mar. Os interlocutores sempre o relacionaban co fenómeno OVNI. Dicir que os xornais, revistas e ata algún programa de TV1 daban nesa época pulo a estes fenómenos.

Pero as noticias sobre fenómenos estraños no ceo de Ons remóntanse no tempo aínda que non sempre se relacionaron coa ufoloxía. Ese é o caso saído en “El Compostelano”, no 1930, citando ao correspondente do “Faro de Vigo”  que indicaba que os veciños do Ons lle habían manifestado o seu desacougo pola presenza dun avión cada catro ou cinco noites dende hai un mes.

“... aparece no horizonte, a gran altura, un potente reflector que se achega rapidamente a terra, procedente do mar, rumbo de Oeste a Leste.
Cando o aparello chega, sempre voando alto, ás proximidades de Ons, o reflector apágase.
Durante uns minutos vibra no aire o tremer do motor ou motores do “velívolo”; pero a altura en que este navega no espazo faio invisible para os habitantes da illa.
A persistencia e a periodicidade nas súas visitas do aparello aéreo ten en tensión os nervios dos veciños de Ons, que non saben a que atribuír a presenza do avión que elixe as noites para os seus voos e que se rodea de misterio para achegarse á desembocadura das rías de Vigo e Marín.”

... e nestes tempos ata aparecen vídeos por internet como este no que se pode observar a caída dun suposto OVNI preto da illa de Ons.
Poderíamos rematar coa adaptación ao tema da ambigua, antitética e popular frase de “Eu non creo nos Ovnis, máis habelos, hainos
------------

1
.- Era a época na que “especialistas” como, por por un exemplo significativo,  Fernando Jiménez del Oso divulgaban os enigmas ao través de programas de TV como “Más allá”, “La puerta del misterio”, etc. Ou publicacións periódicas como “Más allá de la Ciencia”, “Universo Oculto”,...  Persoas coma el, que utilizaron a proxección mediática dos medios de comunicación e as súas dotes de comunicador e divulgador para “colarnos” algunhas noticias e feitos de dubidosa factura científica.
 

8 de dec. de 2012

Ons máis preto de Bueu...

Que Ons e Bueu estean unidos pola historia e polas súas xentes xa se sabe…
Que Ons e Bueu estiveron unidas polas dornas, polas gamelas, polas motoras sábeo todo aquel/a que teña unha idade e coñeza o vivír da pesca…
Que hoxe se pode viaxar en poucos minutos a Ons dende Bueu e dende a “banda do mar” todos os “turistas” e visitantes das nosas costas o coñecen (ou as axencias/internet lle informan)...
Máis o que hoxe é noticia e que por vez PRIMEIRA Ons e Bueu se uniron por mar a “caldo”, remando coas mans e propulsandose cos pés… dito doutro xeito máis claro por VEZ PRIMEIRA Bueu e Ons estiveron unidas polo esforzo e polo tesón de SUSO “O Veterinario” e TITO “O de Pepé” xa que fixeron o traxecto a nado, dende o peirao de Ons ata a Praia de Pescadoira en pouco máis de 5 horas… Un esforzo do que tiven a honra, con Miguel e Manolo, de ser testemuña...
A sensación máis grande foi a de sentir como coas súas brazadas parecían traer á Illa con eles para achegala un pouco máis a nós e aos illáns deste recuncho do Morrazo…
Bravo por eles!
Puxeron o listón moi alto… pero creo que non lles importaría que máis xente se sumen a este tipo de aventuras… pois se foran multitude entre todos achegarían aínda máis a Illa do que xa está no corazón de milleiros de persoas…

GABRIEL MIRÓ descendente de Andrés de Ons


O 27 de maio fixo 82 anos que falecía en Madrid, GABRIEL MIRÓ, escritor alacantino da xeración do 14 ou novecentismo.
Escritor de máis de dúas decenas de libros (de estampas, novelas e contos), colaborador dunha ducia de revistas e xornais españois e americanos... Amigo de Azorín... ata Valle Inclán e Pio Baroja lle fan unha homenaxe no 1908... De seguir así estaríamos a apuntar aspectos dun grande da literatura española, pero hai algo máis que me gostaría que tamén coñecérades: O seu bisavó era da Illa de Ons?.
A mediados do s. XIX, tal como recolle de entrevistas a familiares Edmund L. King "...aparece en Murcia don Andrés Ons, procedente, quizais, da illa de Ons, nome xeográfico que se convirte en apelido familiar. Deu este nome dicindo que viña de Galicia e asentouse na cercana cidade de Orihuela…".
Pequena árbore xenealóxica de Gabriel Miró: