Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Riobó. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Riobó. Amosar todas as publicacións

3 de abr. de 2020

Crises médicas en xeral. Illa de Ons - 1884-87 - Epidemia-II

Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace de Facebook  para que, o que o desexe, poida ver as imaxes: 

Nesta II Entrada seguirei sen falar das enfermidades en si, senón dos aspectos xerais sobre a chegada das mesmas, e para iso comezarei transcribindo unha pequena nota aparecida no xornal Diario de avisos de La Coruña, o 27 de setembro de 1884 páxina 3 que nos da unha primeira idea ante a chegada dunha enfermidade descoñecida: “Hai quen afirma que a enfermidade que hoxe angustia en Francia, Italia, España e que ameaza por estenderse á Portugal, no é o cólera senón unha epidemia completamente descoñecida en Europa e que presenta os mesmos síntomas que aquel, se ben non é tan mortal. Os que tal din baséanse na razón lóxica de que o hospede asiático non avanzaría con tanta lentitude causando tan poucas vítimas e corroboran seu aserto cos exemplos que o pasado lles brinda.”
 A historia ensínanos que enfrontar crises médicas deste tipo é unha tarefa bastante difícil. Moitas veces as epidemias dobregaron aos pobos que as padeceron. Tanto é así que non é raro que a impotencia ante a adversidade, ou as crenzas, leven a algúns a invocar ao divino ou a algún santo protector:  Varias señoras desta cidade proxectan a celebración dunha novena a S. Roque, para que coa súa intercesión nos vexamos libres da epidemia.[1]
Outros, máis que poñer remedios abondosos, o que fan é mitigar un pouco as carencias que lle deron pulo á enfermidade como ocorreu na epidemia tífica de 1887 na illa de Ons: “... o tifos causa horrorosas vítimas nos humildes habitantes da illa de Ons, habendo elevado estes ao Gobernador unha instancia en solicitude de facultativo, medicinas e roupas. O Gobernador Sr. Fragoso ordenou, vaia a dito punto un médico da capital que estudie as causas do mal e propoña as medidas hixiénicas que poidan contribuír a cortalo[2]. E en contestación a este reclamo a actuación do poder central é a de: “Polo Ministerio da Gobernación, foron concedidas 1500 pesetas para remediar en parte a aflitiva situación dos habitantes da illa de Ons[3].

Descoñezo ao médico que foi enviado a Ons. Anos despois, primeiros do s. XX, outra vez por tifos lle foi pedido que acudise á illa, ao que co tempo sería dono de Ons, o Dr. Manuel Riobó, recen chegado de Filipinas onde durante un par de décadas fixo fronte con éxito a distintas epidemias (disentería, variólica, febres palúdicas, etc.). Aquí en Ons, xa dobregada a enfermidade, recibiu unha carta de recoñecemento do alcalde de Bueu e os parabén dos seus veciños.



[1] Na epidemia de cólera en Vigo. Diario de avisos de La Coruña do 12 de setembro de 1884.
[2] El lucense do 5 setembro de 1887.  
[3] Crónica de Pontevedra do 8 outubro de 1887.

22 de dec. de 2018

Catro Alcaldes de Barrio renuncian ao cargo por "razóns médicas"

Manuel Riobó Gimeráns, nado en Meiro o 10-3-1863 (aínda que logo viviu en Cela de onde era o seu pai e avó paterno) é coñecido como o que mercou a Illa de Ons que logo deixaría aos seus fillos. Pero do que agora quero falar e do seu papel coma médico; médico non atallando abrochos de tifos en Ons ou de cólera ou viruela en Filipina ou de forense en Vigo senón como médico asinante dos partes de baixa a catro veciños de Beluso, O Valado, O Enleito e Bueu que foran nomeados Alcaldes de Barrio e que non querían levar esa responsabilidade dende que accedera á alcaldía Agustín García Parada o 1 de xaneiro de 1910. Curioso é que tres deles o fixeron o mesmo día que un novo equipo municipal tomaba posesión. Por se sirve de pista para interpretar os datos que aparecen a continuación, dicir que o Sr. Riobó fora concelleiro co anterior alcalde, Clemente Lago, ata finais de 1809.
Partes de Baixa:
O de Beluso era Luís M., veciño de A Rosa a quen “recoñecido (27-1-1910) e examinado atópase afectado dunha Amiotrofia localizada ao membro inferior esquerdo con deformidade dos pés do mesmo lado, sostida esta afección por profunda alteración nerviosa; padecemento que ven sufrindo desde a nenez, inutilizándoo para a progresión e polo tanto para o desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”.
O de O Valado Francisco C. R. (27-1-1910) a quen despois de recoñecelo atopou “afectado dunha voluminosa hernia inguinal externa do lado dereito que lle impide todo movemento forzado e a locomoción en determinados estados obrigándolle a gardar cama con bastante frecuencia; padecimiento que le inutiliza para desempeñar el cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”
O do Enleito Benito L. L. (27-1-1910) a quen despois de recoñecelo atopouno “afectado dun reumatismo muscular crónico con exacerbacións subagudas seguidas de dores musculares que lle obrigan a gardar cama naqueles períodos; estes estados caracterizados como enfermidades a frigore manifestas, desenvólvense por arrefriamento do organismo impedíndolle dedicarse [...] ao desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”
O de Bueu era Francisco Fernández S. (22-5-1910) e este tiña, ao dicir do doutor, “unha hernia inguinal do lado dereito que lle impide en determinados estados exercitar os fundamentos da locomoción [...] polo tanto imposibilitado para o desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.” 




25 de set. de 2018

Reconto da tempada de verán

Agora que se está a dar por rematada a campaña de verán é o momento de facer balance ou pararse uns intres a reflexionar e ata de botar unha ollada atrás para comparar sobre o fenómeno turístico.
O que para uns foi boa ou excelente tempada, para outros “un desacougo pola xente”.
Non serei eu o que poña tachas a estas cavilacións xa sexan positivas ou negativas.  O que quero é amosar esa outra mirada no tempo na que aparecen as reiteradas gabanzas de Bueu como lugar que quere proxectar o seu potencial de engaiolar aos posibles visitantes para que non só tendan pontes na economía local senón que a enriquezan culturalmente facilitando o progreso en todas as direccións.
La Correspondencia Gallega_diario de Pontevedra - 29 agosto 1906 páx. 1
Como primeiro exemplo, polo de agora, preséntovos o que un correspondente facía a finais de agosto do ano 1906 no diario pontevedrés La Correspondencia, baixo a sinatura ‘X’ e co título ‘De veraneo’:
Isto das subsistencias lévame da man ao que puidera ser Bueu se non se procurasen comodidades aos forasteiros facilitando os medios de subsistencia: porque Bueu, que é verdadeiramente fermoso, con porto limpo, seguro e extenso, en exuberante e rica chaira, de atractiva paisaxe, de ceo azul en despexado e amplísimo horizonte, clima benigno, con praia de máis dun quilómetro, nunha cuncha pechada por unha cinta de bonitas edificacións, formando un lindo pobo cheo de establecementos industriais e mercantís, cuxa riqueza, si está coñecida non vai ben canleada; non ten Bueu vivendas para forasteiros, nin alicientes para os bañistas, nin sequera praza ou mercado diario […]
E logo da a súa particular visión de quen son aqueles que nos visitan e ata fai unha relación dos que considera máis relevantes:
...os forasteiros veñen aquí atraídos nada máis que por relacións de familia, ou por outras causas de amizade ou interese, que os achegue a estas praias onde están veraneando, o acreditado e coñecidísimo enxeñeiro industrial, intelixente director da notable revista “Artes-Industrias”; de Barcelona D. Gerónimo Bolívar, coa súa dona e fillos, que veu a esta praia ao lado dos seus irmáns; o ilustrado catedrático do instituto de Reus, literato e publicista Sr. Saiz Armesto, coa súa dona, sogra e fillos, que teñen aquí a súa casa de nobreza antiga dos Aldaos; a familia do señor Romero, escritor e xornalista filipino, que veu a renovar as relacións de amizade que de antigo lle unen co reputado Doctor Riobó, fillo de Bueu; e os señores de García Cobas de Pontevedra, pais políticos dos señores Massó, a cuxo lado pasan estes días. Moitísimo se podería facer para que os de fora, coñecendo este país, veñan a pasar a tempada de calor nestas praias; máis hoxe non o pedimos...”