Amosando publicacións coa etiqueta Muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Muller. Amosar todas as publicacións

11 de mar. de 2021

Día internacional da muller. Cousas polas que loitar.

Comezarei a entrada de hoxe por considerar os feitos que nela mostrarei cos cualificativos máis negativos e reprobacións máis enérxicas, como algo ferinte á condición humana. E senón lean e xulguen vostedes mesmos:

16 de novembro de 1934: Un tal Manuel.........., mariñeiro de 50 anos, compadece ante o 1º tenente de alcalde, en funcións de alcalde, Luís Jesús Prieto García, asistido do Secretario Municipal, para manifestarlle que a súa muller .................... “marcháralle” da casa conxugal a casa dunha familiar no barrio das Castiñáns. Que fora “na súa busca negándoselle a seguilo ao domicilio conxugal.

Como queira que non ten medios para obrigala a cumprir seus deberes como tal muller casada, senón as que autorizan as leis, interesa da Autoridade municipal dispoña que polos axentes a súas ordes ou Garda Civil sexa retida e se me entregue.

O alcalde en funcións resposta o mesmo día que como non ten gardas municipais oficioulle ao comandante do posto da Garda Civil para que practique o servizo.

Dous días despois, logo de ser entregada pola garda civil, o mesmo alcalde fixo entrega da esposa ao reclamante Manuel........ Este faise cargo dela e asina co alcalde a entrega.

Nota: Quixera que tiveran en consideración que ocorre o narrado en novembro do 1934 cando se levaba, na política española, case un ano no período coñecido por Bienio Negro ou Conservador da 2ª República. Simplificando, dicir que nestas datas chegaran ao poder o parido de Alejandro Lerroux (apoiado, entre outros, pola CEDA e Partido agrario -integrado por propietarios expropiados) polo que supuxo un freo, cando non un retroceso, para a todos os cambios que ían emanando da Constitución, que España se dera no 1º período da 2ª República, coñecido como Reformista. Nela atopábanse innovacións que nos achegaban á Europa máis avanzada: como a división de poderes, separación igrexa-estado, liberdades individuais (de conciencia, prensa, movementos, etc.),... e dos que emanaron leis como a Lei de divorcio,... e Reformas como a agraria, relixiosa, etc. 




1 de maio de 2019

A Asociación Unión Rexional de Dereitas en Bueu

En xullo de 1933 o Gobernador Civil comunícalle ao alcalde de Bueu que ante unha instancia recibida da presidenta da Asociación Unión Rexional de Dereitas (URD) en Bueu, e feitas as oportunas investigacións, non consta no Libro-Rexistro de
Sociedades unha con esa denominación polo que “considérase a dita Entidade como Non funcionando”.
O que si coñecía o gobernador era que estas agrupacións locais eran apéndices dun partido político URD (Unión Rexional de Dereitas ) fundado o ano anterior[1].
Sen haber constancia no concello da legalización ou entrega de estatutos con posterioridade a esa comunicación recíbese, meses despois, unha solicitude asinada pola presidenta da URD requirindo autorización para celebrar unha Xunta Xeral, o domingo 5 de novembro de 1933 que sería presidida por unha dirixente provincial da dita Asociación, a Sta. Carmen Blanco Linares[2], coa seguinte Orde do Día:
-Lectura del acta anterior.


-Lectura de contas. 
-Explicación da Lei electoral vixente.

Este último punto era de moito interese para coñecer o marco legal dos comicios Xerais que se ían celebrar o 19 dese mesmo mes[3] e na que as mulleres exercerían por vez primeira o seu dereito a voto.

Nota: Dentro desta liña quero lembrar outra entrada (31-5-2018) na que se fala do movemento asociativo de mulleres no noso concello en 1937 como as “Mulleres ao Servicio de España”. Para ir a esa entrada premer aquí.


[1] E que en 1933 pasaría a integrarse na CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas).
[2] Carmen Blanco Linares foi dirixente Provincial desa Asociación U. Rexional de Dereitas. Logo na Guerra Mundial pertenceu ao coñecido como “Grupo 250 de Sanidade” da División Azul.
[3] Primeira volta das segundas Eleccións Xerais da II República Española.