Amosando publicacións coa etiqueta Nadal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nadal. Amosar todas as publicacións

21 de dec. de 2014

Nadal en Ons… pero inaugurado en Pontevedra

Navidades craras na illa de Ons!
Que a luz eléctrica non é algo que estea permanentemente presente nas noites da illa de Ons é algo que todo mundo o sabe. Que as noites sen luz ao longo de meses tamén o coñecen os insulares de Ons. Que a veces os políticos crearon ilusións que o tempo ou o “temporal” desbarataron ou simplemente deixaron no esquecemento… tamén o coñecen.
Unha desas veces na que por fín na illa comezaban a ver que se facía algo de “luz” e non meras promesas foi cando o 9 de decembro de 1958 achegáronse ata Ons, para preparar o transporte dun grupo electróxeno, Pedro Ruibal Sabio Inxeñeiro-xefe da Delegación de Industria, o Perito Industrial Teodoro Gradín, con dous oficiais montadores e Diego Pazó, con personal dos seus talleres.
A súa inauguración ía ser fixada para o “día solemne da Noiteboa” e así lograr “a altamente social e cristiá iniciativa de electrificar Ons”. Mais “ao tratar seguidamente do embarque da maquinaria e materiais atopámonos con que, non só o temporal de auga e mar impedían toda comunicación marítima coa illa, senón que os dous montadores alí desprazados quedaron nela aillados” e xa era o día 21 e aínda seguía o porto pechado,  polo que decidiron montalas nun local de Pontevedra “ para que se poñan en marcha como se estiveran funcionando na illa e sexan bendecidas nun acto que terá lugar o día 24”.
Características do grupo electróxeno:
·        Un motor a gasoil de 40 cabalos
·        Un alternador de 2º KVA (preto de 30 cabalos)
·        Un transformador de 3º KVA
·        Un baño de aceite illante (para elevar a tensión da rede e protexer o alternador)
·        Dous cadros de mandos (para alternador e rede de distribución)
·        2.500 m. de liñas xerais (fora posta dende setembro)
·        Todo tivo un presuposto de 450.000 ptas.

22 de dec. de 2012

Parte do 2º Premio da Loteria de Nadal tocou en Bueu

Veciño de Bueu reclama a conveciños parte do 2º premio da Lotería de Nadal
O 2º premio da Lotería de Nadal do 22 de decembro de 1927 caíu no nº 50.153.  Número ao que lle correspondía 10.000.000 de pesetas.
 Curiosamente o número completo foi mercado, na administración de lotería situada no nº 6 da rúa Urzáiz de Vigo, polo apoderado da Casa Llorente (axente navieiro e comerciante).  O billete repartiuse entre os dependentes e clientes tanto da axencia navieira como os do almacén de paquetería. Pode verse na prensa da época que os agraciados, máis de cinco mil, repartíronse por todo Vigo, pobos limítrofes e ata entre a maioría dos doucentos emigrantes do buque “General Belgrano” que embarcaran con destino a Bos Aires e Montevideo.

No noso concello tamén tocoulle unha participación á señora María M. G.
Pero a “boa fortuna” non foi plena. Pronto lle apareceu unha denuncia dun comerciante de Bueu que lles reclamaba 2.500 pesetas por unha participación de 50 céntimos de peseta. A agraciada, non dando crédito, dicía ante el juez que o veciño (P.L.A.) quería aproveitarse facéndolle unha“ ...injusta, infundada e inverosímil reclamación...”.
Non hai constancia documentada de como quedou a reclamación pero, polo que sei, todo apunta a que quedou en nada...


Espero que rematedes o ano sendo agraciados coa Lotería dos desexos cumpridos, de atoparvos cun cambio favorable na sociedade actual, cun novo repuntar dos valores e das ilusións... De ser así contade que vos reclamaremos, cando menos, a máis pequena que haxa para repartir entre todos os que o queiran ser felices...
Unha aperta