Amosando publicacións coa etiqueta 1903. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1903. Amosar todas as publicacións

9 de out. de 2023

O Desencravo

 Vou tratar de explicar[1] o que ao longo dos anos as xentes de Bueu entendían cando falaban do Desencravo.

Para os nosos mariñeiros o Desencravo non era falar da Semana Santa, da dor da Pasión, dun Cristo articulado ao que se baixaba da cruz como en moitas vilas galegas[2] e do centro e sur de España, onde o veneran e procesionan por esas datas.

Para os mariñeiros de Bueu O Desencravo  era unha celebración anual que comezaba na tarde-noite do día 1 de febreiro de cada ano e duraba case toda a noite. Costume antiga motivada polo comezo da veda e peche da colleita da pesca da sardiña.

O Desencravo é unha metáfora da separación por un tempo dos compañeiros que compartiron traballo no barco, pero tamén de reconstrución de esperanzas  futuras de novos e mellores tempos.

Consistía nun compartir caldeirada e viño nas tabernas como as de Claudio Agulla,  Alejandro López, Miguel Nogueira, Ruperto Rajoy, Antonio Domínguez... ou no dicir do xornalista: do Capelán, do Rabuxo, da Mundina ou a de A Lera.



[1] No 1903 o correspondente en Bueu, L.D., do xornal La correspondencia Gallega tamén o citaba entre outras noticias (1-2-1903 páx. 2).

[2] Lembro o asombro, dun neno que era, de ver cravar e desencravar un Cristo na capela da Encarnación de Celanova que logo baixaban a San Rosendo.

11 de mar. de 2023

Bueu: capador asasinado

Na entrada anterior sobre os ‘Capadores en Ons’ mencionei o asasinato dun capador e, como hai amigos que me están a preguntar pola noticia, fago un relato do que sae nos medios de comunicación que se fixeron eco deste lutuoso feito ocorrido en Bueu no mes de abril de 1903.

Taberna-salga Pescadoira
Un venres, 17 de abril de 1903, coincidiron na mesma taberna, e xa é casualidade, tres capadores ou castradores que viñeran a ofrecer os seus servizos polas aldeas de Bueu. A taberna, na baixada a Pescadoira, era a de Francisco Rúa Pazó, avó materno dos que foran donos de “A Víuda”, Rosa e Luís Rúa.  


Un dos castradores, era un veciño Moaña chamado Antonio Andrade, de 58 anos de idade, casado, cunha filla, persoa de complexión forte e coñecido na zona por ter vido outras veces por Bueu. Os outros dous viñan á compañía, e eran de fóra da zona, ninguén os coñecía.

Ao advertir uns e outros a competencia para conseguir traballo ese día, foron elevando o ton da discusión que rematou coa invitación do taberneiro a abandonar o local; cousa que fixeron cada un polo seu sitio.

Lugar onde morreu o castrador
A casualidade fixo que sobre as dúas da tarde se atopasen na estrada que do Ramal dos Galos vai ata igrexa parroquial de S. Martiño, á altura do cruceiro que mandara facer o xastre das Meáns, Juan García Carballo[1].

Sen mediar discusión algunha (xa se dirían de todo pola mañá!) sacaron os seus revólveres e escoitouse un só disparo. Bala que penetrou no peito do capador Antonio Andrade que, caendo esborrallado, morreu case no acto. Os outros dous asustáronse e tiraron a pistola ao chan (con 5 balas)  e, con disimulo, sen precipitarse moito marcharon.

Pronto desapareceron da escena deixando estupefactos a uns veciños que estaban a traballar as veigas próximas.

A garda civil fíxose cargo da investigación sen dar co paradoiro dos dous capadores fuxidos. Apareceu a xustiza para Instruír e levantar Acta do ocorrido como o xuíz de 1ª Instancia, Prudencio Landín na compaña de Ortega Villar, Tenente Fisca da Audiencia así como o actuario (secretario xudicial) Sr. Buceta. A autopsia a fixeron os tres médicos de Bueu: López Castro, Pérez Lapido e Massó.

Pasados quince meses volve a aparecer a noticia na prensa xa que os dous capadores, naturais de Forcarei, coñecidos por ‘Os Picheles’ facía uns días que se presentaran no Xulgado de 1ª Instancia dicindo “Sabemos que nos buscan por unha morte de Bueu e aquí estamos”. De aí ingresaron no cárcere.

Ele explicaron que fuxiran a Portugal e logo a América de onde regresaron hai uns meses. E con respecto ao asasinato negaron toda participación no feito dicindo que se matara o mesmo Antonio Andrade ao ser suxeito polo puño para que non disparara sobre os outros dous.

Navalla-estancador utilizada polos castradores

 A competencia entre os capadores/castradores era moita, mais non só cinguíase entre eles, senón entre albeites[2], menciñeiros[3] e de todos estes, cos mesmos veterinarios. Tense dado o caso en lugares gandeiros que, instalado o veterinario, pasado un tempo este tiña que marcharse a outras zonas pola competencia destes “profesionais do común” e a reticencia dos gandeiros ao servizos regulados e máis caros.



[1] Está actualmente no parque de Ramal dos Galos e naquel momento, a pouco máis de 200 metros, na estrada Ramón Bares.

[2] Persoa que cura as enfermidades do gando sen ter o título de veterinario. RAG

[3] Persoa que se dedica a curar a xente ou o gando, sen ser nin médico nin veterinario. RAG

 

13 de abr. de 2015

Falando da República na Cela do 1903

 
No xornal “Las Dominicales del libre pensamiento” publica unha “Curiosa conversación” o día 3/7/1903 na súa páx. 2 que polo de Curiosa imos transcibir:
“Un republicano manda á La Lucha  de Vigo este relato  da conversación mantida á porta da igrexa de Santa María de Cela, e que seica ouviu.
Falan un músico e dous mordomos da función do Corpus, e preséntase un estudante irmán dun cura, dicindo:
-Boas noites, señores. Parece que están vostedes falando da República.
Músico.- Si señor.
Estudante.-Alegraríame ouvir falar das ideas republicanas, e sinto non estar no mitin celebrado o outro día.
Músico.- Seguramente que non lle gustaría a vostede o que alí se dixo.
Estudante.Entón vostede cre que para nós é mala a República. A nós gustaríanos moito esa forma de goberno; pero antes de que iso sexa, teña vostede presente que correrá moito sangue, e aínda así non se conseguirá.
Músico.Quen sabe se se establecerá sen que se derrame nin unha pinga de sangue.
Estudante.-Non sexa vostede parvo, home. Se vostede non sabe aínda que quere dicir República.
Músico.- Non señor, non sei; pero polo que ouvín aos oradores que falaron no mitin, España podería adiantar moito dedicando a servizos verdadeiramente útiles e necesarios os miles de pesos que se gastan na Igrexa e o clero.
(Neste momento asusteime ao ver un vulto negro que se achegaba á reunión. Era o cura, que chegou feito unha fera e comezou a insultar ao músico chamándolle parvo, animaliño e outras cousas que non debían ser pronunciados por un sacerdote).
Devandito presbítero falaba con tal coraxe e en voz alta, que chamou a atención das persoas que había nas tabernas. Aquel, ao ver que se formou un grupo regular, dixo dirixíndose ao músico:
Cura.- Vaia, que non é vostede capaz de dicir Viva a República!
Músico.Non señor, porque non estou a propósito, pero se fora noutro lugar o diría cen veces.
Cura.Cale vostede torpe, que está a enganar aos meus fregueses. Amigos meus, non vos deixedes enganar, que está aquí dicindo que o clero ten a culpa do atraso de España, cando o clero non saca nada do Estado (se quería vostede que sacase máis!) Cobra só o que é seu, e aínda non lle pagan. Está o párroco de Cela gañando catro mil reais anuais, que non é nada.
- Xa lle direi eu ao señor cura de Bueu que vostede non ten relixión, que é un ateo, un herexe e un home animal sen alma.

-E vostede, debeu replicarlle o músico – non debera andar entre persoas.