Amosando publicacións coa etiqueta 1886. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1886. Amosar todas as publicacións

1 de xan. de 2020

O primeiro xornal de Bueu: «El Pronóstico» - 1886

Rematamos un ano e comezamos outro… por todo o cal desexarvos a todos un esperanzado 2020 afastado de riscos e incertezas.
Como última e primeira noticia desta noite, a cabalo de dous anos, é para presentarvos un novo xornal do que ata hai uns meses descoñecía ata o nome.
Chamouse ou pretendían chamarlle «El Pronóstico». E, aínda así, o único que sabemos é que no mes de xuño e agosto de 1886 anunciábase a súa aparición e a súa tendencia “xornal satírico”. O problema é que non chegou a nós máis referencia que as dúas mencionadas (en La Gaceta de Galicia e El Correo gallego) polo que só nos queda esperar que o destino preservara algún exemplar agochado nalgún recuncho.
O mesmo quixeramos para outros xornais bueueses como «El Relámpago», «La Voz de Bueu», etc.
Vou facer unha breve lembranza dos xornais de Bueu ao longo da historia poñendo os enlaces onde poder velos ou ler algo dos mesmos:

«El Relámpago»:
Xa en maio de 2016 fixera unha entrada titulada «127 anos do xornal El Relámpago» xornal que viu a luz o 26 de maio de 1889 publicado e estaba dirixido por Salvador Avilleira que segundo decía “só defenderá os intereses xerais da provincia e moi especialmente os desta vila: alleo por completo a toda clase de política”. E como lústrego que foi só se publicou un exemplar.
http://acidras.blogspot.com/2016/05/127-anos-do-xornal-el-relampago.html

 
«La Voz de Bueu»:

LA VOZ DE BUEU, xornal que aparece do 14 de febreiro de 1904 ata o 26 de maio de 1906 (120 números), definíndose así mesmo como "Semanario defensor de los intereses generales". Estaba administrado por Francisco Pardo e dirixido por Ramón Galup Maneiro. Na actualidade soamente se conserva un exemplar orixinal no Museo de Pontevedra, por canto a colección completa encadernada que existía nos fondos do Concello foi extraviada (=”alguén a ten”). Por tal motivo, do resto dos exemplares tan só se poden mirar fotocopias parciais ou ler resumos citados no libro de José Mª Estévez, RECONOCER BUEU.

«El Adelanto»:  
Sae á rúa o 11-8-1912 definíndose coma "Periódico quincenal independiente". Dirixido por RICARDO PORTELA PAZOS co seguinte equipo de redacción: Claudiano García Santaclara.- Cesáreo Ferradas Dominguez.- Rogelio Val.- Jesús Domínguez.- Luis Bolibar.- Ignacio Lis.- Amancio de la Cueva.- José García.- Ventura García.
A súa información era especificamente local e política. Consérvanse, recuperados pola Asc. Amigos da Biblioteca y Pin Cabanillas, os 34 primeiros números (ata ó 16 de novembro de 1913) de catro páxinas cada un, estando a última dedicada á publicidade local.
http://villadebueu.blogspot.com/2012/11/hace-100-anos-el-adelanto.html

«La Esquina»:

Xornal-mural de Bueu 1967-1968.

«O Tinteiro de Papirus»: 
Aínda que podería cualificarse coma revista escolar o poño aquí por ter saído (5 números, de marzo de 2008 a xuño de 2009) con formato habitual nos xornais (A3).

17 de out. de 2017

Beluso: As forzas da natureza asáñanse coas campás da igrexa

Curiosamente o mal tempo cebouse, en distintos momentos da historia dos últimos 150 anos, coa igrexa de Beluso e máis concretamente coas campás.
O primeiro desastre que nos chega[1] ten como data o ano 1803 no que por mor da desfeita dunha tempestade (ciclón) tense que  repoñer a vidreira da igrexa da capela maior.
Case que trinta anos despois, no 1831, volve a haber danos na igrexa. Esta vez na campá maior.
Os veciños e cura ecónomo de Beluso escriben ao arcebispado para solicitar axuda para refundir a campá estragada.
Posteriormente o Secretario da Cámara do Arcebispado de Santiago escribe ao cura párroco de Bueu pedíndolle un informe dos danos e prioridade das necesidades da parroquia veciña. Este lle resposta cunha carta na que confirma as necesidades da parroquia de Beluso:
“S. refundir unha Campá
En data 25 de maio próximo pasado informei a V. S. o que sigue =
En contestación ao oficio de V.S. data 1os do que rexe, por o que de Orde do E. el Arcebispo meu señor se me prevén, diga se é certo o que expresa o cura ecónomo e veciños de Stª Mª de Beluso de haberse roto e posto inservible a Campá Maior quedando soamente unha pequena que non se oe en toda a parroquia e que ditos veciños pola escaseza dos tempos non teñen con que costear a fundición doutra campá capaz: Debo manifestar ao V. S. que todo canto ditos veciños representan é a pura verdade e que case todo, ou a maior parte a lo menos están bastante miserables, sen ter quen lles socorra nas súas necesidades por non ter cura párroco e estar vacante aquela parroquia fai moi cerca de catro anos. Tamén é certo haber cobrado da Conta  vacante os 3.433 rrs por as cales razóns me parece ser xusta a súa pretensión; só sei de que a campá sexa do mesmo peso que a que está inservible […] É verdade que o retablo do Altar Maior áchase un pouco vello sen embargo de que me parece aínda subsiste decente por algún tempo; ademais de que a metade da herdanza do defunto cura, despois de que de toda ela se paguen os danos ao vindeiro, que deben ser poucos, deixouna para dita Fábrica, e con seu impte (importe) sempre que fora necesario, se poida reparar o referido retablo.
É Todo o que podo informar….
19 de xuño 1831
Andrés Pérez Lapido
  Pasados pouco máis de 50 anos, concretamente o 15 de decembro do ano 1886, un ciclón tira o campanario, teito e tribuna da igrexa. Racha a campá, esta vez a menor, e dous confesionarios. Dana parcialmente as paredes laterais e o arco toral (no presbiterio). A reparación ascende a 2.741 pesetas (cantidade moi elevada para a época).
E o azar volveu a asañarse coa parroquial de Beluso. Foi no 1926 cando un raio estragou a campá e parte da fachada.



[1] Da man de Carlos Vázquez Marinelli na súa “Guía didáctica da arte no Morrazo”