Amosando publicacións coa etiqueta mariñeiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mariñeiros. Amosar todas as publicacións

25 de xul. de 2016

De Carballeira a Castelao - Conflito do mar

No marzo de 1936 foi o mes no que en Bueu toma posesión como Alcalde José Gómez de la Cueva (Johán Carballeira)[1] e en Madrid tamén toman posesión dos seus cargos coma deputados[2] Castelao, Santiago Casares Quiroga, Armando Peñamaría, Ramón Suárez Picallo, etc.

Neses mesmos meses o panorama político e económico anda revolto. O mesmo ocorre co mar e no só polo rebulir da abundancia de sardiña senón, e tamén, polo baixos prezos da mesma; así como pola loita fratricida que estes prezos, baixo o control arbitrario da industria conserveira, provocan entre mariñeiros e armadores. Consecuencia de todo isto a flota está en terra e os mariñeiros en paro. E a fame aniñaba en moitas familias da beiramar o que non é de estrañar que as primeiras propostas que Carballeira fai como alcalde[3] son para abrir unha subscrición pública para axudar ás familias necesitadas aportando, por parte do concello, 1000 pesetas; negociar cos panadeiros unha baixada do prezo do pan; e o que era relevante para axudar a solucionar o conflito da pesca, negociar que se contratasen as caixas de medida do peixe cun prezo unitario mínimo así como que houbera un soldo mínimo para o traballo no mar que compensara tanto aos mariñeiros coma armadores.
Nunha editorial de El Pueblo Gallego[4] titulada “O concello de Bueu acorda dirixirse ao goberno” da conta das xestións, a petición do sindicato de mariñeiros e do alcalde, directamente realizadas ante o goberno e parlamentarios en Madrid. Pon a transcrición do texto que coincide exactamente coa nota para o telegrama enviado a Castelao e que reproducimos na fotografía.
“Paro absoluto flota pesqueira este porto e demais rías galegas a causa depreciación sardiña, urxe celebración asemblea pesca para volta normalidade e mentres tanto indispensábel declarar subsistente pacto fabricantes e mariñeiros, finalizado 5 actual. Encarézolle active xestión vitalísima cuestión que afecta importantísimo número familias ameazadas miseria. Saúdalle, alcalde, Carballeira.”




[1] Na sesión do 10 de marzo de 1936.
[2] No que sería o último Congreso de Deputados anterior á Guerra Civil.
[3] Na sesión do 21-3-1936.
[4] El Pueblo Gallego do 12-6-1936 páx. 1

24 de xuño de 2014

Coa crise os mariñeiros de Bueu asócianse

A mediados do ano 1819  nunha España na que o Absolutismo de Fernando VII volvera a tomar as rendas (1814-1819) do país, os mariñeiros da nosa comarca víanse supeditados polas condicións que estaban a impoñer os donos das fábricas de salga, á súa vez armadores da maior parte das embarcación de pesca. Ante esta tesitura algúns destes mariñeiros matriculados, veciños de Bueu, deciden xuntarse para formar compañía de pesca.
Tal é o caso de José Piñeiro, Francisco de los Santos, Bartolomé de la Rúa, Benito de la Rúa, Francisco Agulla de Ranmorta e outros que forman contrata de asociación para a pesca, cunha serie de cláusulas ás que se comprometen cumprir.
Os motivos que aducen para chegar a facer esta contrata son:
'co xornal que lles daban os armadores non podían vivir e acordaron facerse cos aparellos, embarcacións… para que, como donos recaían en eles todos os beneficios…..' E así o asinan ante o escribán que vivía en Meiro José Benito de Arís.