Amosando publicacións coa etiqueta 1901. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1901. Amosar todas as publicacións

22 de feb. de 2024

A casa dos Ferrer en Loureiro

 Quizais debería nomear á familia do último propietario salgadoiro, José Fazzina Ambroggio, e así moitos saberíades mellor dos espazos dos que imos a tratar.

Pero para ser xustos, o que mandou construír, un lustro antes do s. XX, a fábrica de salga na extrema de poñente da praia de Loureiro-Bueu foi Francisco Ferrer Casellas, natural do Caramiñal.

Pouco despois, dous dos seus fillos, Francisco e Mamerto, fanse cargo da salga. Ao precisar outra vivenda o maior, Francisco Ferrer Ferrer, envía a mediados de abril de 1901 unha instancia ao alcalde Miguel Nogueira para que lle concedesen licencia para construíla nun terreo recentemente adquirido lindeiro coa salga e coa estrada Pontevedra-Cangas, no mesmo lugar de Loureiro.

Pola súa localización na zona marítima derívase a petición á axudantía militar de mariña que respondeu ao pouco tempo afirmativamente. Tiveron que presentar un plano de obra[1] e así comezou a mesma a toda presa, coa fatalidade que unha parte colapsou sepultando ao salgadoiro que se salvou de ‘milagre’, (Entrada do blog en agosto de 2014: A Virxe do Perpetuo Socorro salva a un salgadeiro en Loureiro[2]).

Tras este accidente paralízase a construción e tardaranse 4 anos en presentar outros planos, esta vez máis elaborados, para construír a vivenda. Tras repetirse os procedementos esta levántase con lixeiras modificacións como pode comprobarse na actualidade. 

 

Nota: Da salga e vivenda primixenia non se conserva case nada pois hai no seu lugar un bloque de apartamentos.

 


Ano 1952

Na actualidade

 



[1] Feito polo mestre de obra Ventura García.

[2] http://acidras.blogspot.com/2014/08/a-virxe-do-perpetuo-socorro-salva-un.html

2 de ago. de 2014

A Virxe do Perpetuo Socorro salva a un salgadeiro en Loureiro

O xornal católico de Pontevedra El Áncora de 1 de agosto de 1901, nas súas páxinas 2-3 hai un artigo titulado “Una manifestación en Bueu” no que fala do exemplo que deu a xente de Bueu pola procesión e bendición da imaxe da virxe do Perpetuo Socorro. Di que a invocación a esta virxe por parte do industrial-fomentador Francisco Ferrer[1] lle devolveu a vida xa que caira na obra de construcción da súa salgadeira polo que este e a súa familia doaron a imaxe.

Ás seis da tarde chega a Loureiro, á casa-salgadeira do doante, a cruz parroquial o clero de Bueu e Beluso e fregueses. A longa procesión ía encabezada polo estandarte branco e bordado en ouro, coa imaxe da Santísima Virxe do Socorro que portaba o médico de Bueu Pérez Lapido e recollendo as borlas os señores Riobó e Massó. A continuación sae a imaxe, xa bendecida, no cumio dunha pirámide de flores.Todo bordeado por dúas grandes filas con velas encendidas, as congregacións das Fillas de María, do sagrado Corazón...
Ao longo do traxecto as casas, expecialmente as da Praia, lucian estandartes e colgaduras. De todas elas destacaban as do Doctor Manuel Riobó polos “riquísimos tapices de terciopelo rocamados de ouro e de delicadas sedas”.
Tras dúas horas de procesión chega ao templo parroquial de san Martiño onde coroouse a “grande manifestación relixiosa coa improvisada exhortación, que de maneira marabillosa e con grande fogo e unión dirixiu ao fregueses o seu queridísimo párroco Sr. Martínez Casamande…”
Extenso artigo que asina “JAPON”



[1] Tiña a salgadeira na de Fazzina, en Loureiro, hoxe unha fila de apartamentos na praia.

22 de feb. de 2014

Dende Bueu sentencian: O Liberalismo é pecado

Comezaba o ano 1901 e España tiña coma monarca Rexente a María Cristina de Habsburgo-Lorena e coma Presidente do Consello de Ministros ao conservador Marcelo Azcárraga. En Bueu o alcalde era Miguel Nogueira Fraguas e o xuíz de Paz o avogado Joaquín Pimentel dono do Pazo de Sta. Cruz. E como que a historia dos últimos séculos está salpicada de episodios máis ou menos virulentos na que a relixión está no epicentro da loita política polarizada, ao arredor destas datas, entre o conservadorismo[1] e liberalismo[2].
Calquera ocasión, calquera medio era aproveitado para a confrontación dialéctica e moito máis se estaban preto dunhas Eleccións Xerais como a que acabou co triunfo liberal de Sagasta (1901) e que en Bueu acendeu aos máis integristas[3] que arroupados baixo as ideas de Cándido Nocedal e a revista El Siglo Futuro fan públicas, neste último medio, as súas ideas máis “clericais” e conservadoras tal como podemos ler facendo bandeira como máxima do título do libro de Sardá “El Liberalismo es pecado”:


[1] Tendencia política ou ideolóxica que defende a orde social, as ideas, os valores e as institucións tradicionais (RAG)
[2] Conxunto de doutrinas ou ideas que tenden a asegurar a liberdade política e de conciencia fronte ao poder do Estado (RAG)
[3] Xa dende finais do reinado de Isabel II.