Amosando publicacións coa etiqueta oficios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta oficios. Amosar todas as publicacións

20 de maio de 2017

Pans con selo incorporado-1902

A causa das xeneralizadas denuncias pola falta de peso no pan o concello de Bueu decide tomar partido e insta ao alcalde a que o resolva.
O alcalde, José Rodríguez, ese mesmo día saca unha Providencia propoñéndolles aos panadeiros adquiran un selo para poñer no pan o peso en gramos:
Providencia
       Visto o acordado polo Concello Sesión de hoxe, convóquese a esta Consistorial para as catro da tarde á os panadeiros deste Municipio e fágaselles entender que adquiran un selo para gravar no pan que elavoreney nel que consignen os gramos que pesa cada peza. Así o acordou o Sr. Alcalde Don José Rodríguez Estévez na Consistorial de Bueu á trinta de xunio de mil novecientos dous do que eu Secretºcertifico

José Rodríguez 


A continuación o Secretario convoca aos panadeiros de Bueu para informarlles da Providencia tralo cal asinou a seguinte Notificación:
Notificación
       Na Consistorial de Bueu á trinta de xunio de mil novecentos dous, eu o infrascripto Secretario tendo ante min aos Srs Don Lorenzo Barreiro Dobarro, José Fernández sen segundo e Manuel Romero sen segundo veciños os tres desta vila panadeiros con fornos de cocer pan; línlles integramente a providencia anterior; quedaron enterados e en prouba dilo asinan..."  



Cabe pensar que algún efecto tivo esta medida, polo menos nun primeiro momento, xa que en realidade non hai ningunha constancia documentada.

14 de feb. de 2017

Un tecelán de Cela amigo de Ramón del Valle-Inclán

Hai anos, recompilando artigos do xornalista Joaquín Pesqueira[1] atopeime un que me chamou moito a atención pois dábame claves para entender parte da súa biografía que en ningún libro atopaba. Tratábase do artigo “De como volví una vez a mi pazo pairal” publicado en Bós Aires na revista “Caras y Caretas” nº 1.340 do 7 de xuño de 1924, páxinas 33-34.
Interesante artigo tamén porque describe escenas de 1910, das xentes do Morrazo que acudiran a un día de feira en Pontevedra. Pon en boca do cura de Cela o contar das últimas novidades acontecidas na parroquia de Cela: a morte do Sr. Ramón o ferrador e de Manuel o serrador, que se perdera a colleita da froita de oso e diminuíra moito a do millo, etc. Tamén describe a paisaxe e a posta do sol por Ons.
Pero o que agora quero resaltar é a mención que fai de “Benito, tecelán de Cela, o ladino filósofo rústico, amigo de don Ramón del Valle Inclán, xa non tecía na súa vetusta tecedora, porque as mozas e as vellas tampouco fiaban o branco liño caseiro coas súas pulidas rocas de buxo”.

[1] Nado en Pontevedra e “neto do maiorazgo de Ardán”. Xornalista afamado. Corresponsal do xornal La nación entre outros.