Amosando publicacións coa etiqueta 1946. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1946. Amosar todas as publicacións

1 de set. de 2023

Preguntas con respostas... Dorna, escudo...


Xa chegou setembro e comeza a preparación do curso escolar para os
nosos cativos (e non tan cativos…). Vexo a uns nenos xogando na fonte que hai entre a praza de abastos e o Centro Social. Seus país que deben estar pola zona pero non se mira a ninguén que os atenda. O máis pequeno agárranse á dorna con forza pois estivo a piques de caer... 

Poño a mirada no neno e na dorna... e tamén respiro tranquilo. Pero a imaxinación voa e miro a dorna nun pedestal máis alto, onde non lle chegaría o neno. Case á vez xórdenme dúas preguntas, das que resulta que tamén me saen as respostas que pensaba tiña esquecidas. Quen puxo a dorna aí? Cando? E sen pararme máis deixei que os nenos seguiran navegando na dorna emulando ao apóstolo Santiago.

 Nota: Por se alguén non se acorda ou non o sabe a dorna está aí dende o 11 de novembro, día de San Martiño de 1945 e foi unha doazón persoal do por aquel entón (e moitos anos máis...) era alcalde de Bueu, José Mª Massó.

Como xustificación poño o anaco de acta da sesión do 13 de decembro de 1945 onde nolo aclara.

E xa postos, con preguntas e respostas, subindo polas escalas aos andares altos do concello hai un escudo de Bueu de madeira que ten na súa extrema inferior a data de 1838. Quen o puxo? Cando? Estivo sempre aí? Por que esa data?

Respostas: O mandou poñer o mesmo alcalde antes citado (Massó) pero pagouno o concello de Bueu. A data exacta de colocación non a sabemos pero si que se acordou encargalo na sesión do 12 de setembro de 1946 e que era para pór na sala de sesións do concello.


 O do número 1838 é un erro pois sempre houbo a crenza de que o concello tal como o coñecemos comezou nese ano con Salvador Marty como alcalde (así aparece nos listados municipais). Máis a realidade é que tería que pór 1836 e, como primeiro alcalde, a Juan Fontenla Sotelo xa que foi comisionado para o cargo o 8 de decembro dese ano.

 

Nota:

Por se algún desexa entreterse, pode buscar as moitas diferencias entre as fotografías das dornas. Seguro que pasará un rato entretido e sacará unha reflexión interesante…

 

8 de maio de 2020

Outras enfermidades endémicas no Bueu da 1ª metade s. XX – Epidemia VIII


Por fin chega o remate da ‘desescalada’ anunciada na Entrada anterior ... O que ía ser unha visión monográfica das enfermidade epidémicas/endémicas en Bueu (meninxites, do aparato dixestivo, do corazón ou cerebrais), non tratadas ata agora, compartirán espazo e as simplificarei poñendo de cada unha delas uns pequenos apuntes e unhas gráficas[1] que porán de manifesto o seu influxo real en Bueu ao longo de medio século.
Comezaremos desde as de maior a menor incidencia numérica na poboación e para non estendernos agrupareinas por aparato ou órgano principal atacado.
Penso que o relevantes sería non só coñecer de que enfermidades se morría senón tamén o porque da mesma: se se dá a consecuencia dunha forma de transmisión difícil de atacar, se se debe a una insuficiencia alimentaria, carencias hixiénicas, etc. Cando vexamos en que consiste a enfermidade e as gráficas de cada unha ao longo do tempo, poderíamos estar en condicións de entender ou contestar a algunhas desas cuestións coa axuda que nos pode aportar a historia dos nosos pobos.

Gastroenterite, Enterite, Entrecolite, gastrite, etc.:
Definir cada unha delas sería ser longo e non propio dunhas anotacións nun blog coma este.
Máis simplificando, poderíamos dicir que estas se dan pola inflamación da mucosa do estómago (Gastrite), do intestino (Enterite), dos dous (Gastroenterite),... Case sempre hai unha causa infecciosa, inxestión de alimentos contaminados ou, como no caso das gastrites crónicas  pode ser por a bacteria Helicobacter pylori, etc. 
Estas enfermidades, con distintas patoloxías e orixe supoñen o maior índice de mortalidade en Bueu nos 50 anos estudados. Concretamente 277 falecementos por estas causas, o que supoñen un 21,2 % do total das enfermidades rexistradas no período estudado. Coa mirada no pasado houbo anos como os datos que recolle José Mª Estévez para 1864/68 que “unha praga de enterite, disentería, etc. Sobre un total de 260 defuncións, foron nenos, nada menos que 136 nas tres parroquias 
Hay períodos, por ejemplo 1940/46, en los que la cuarta parte das gastroenteritis están certificadas como “Gastroenterite coleriforme” lo que añade un elemento más de preocupación a la debilitada salud social de Bueu en esos momentos.
Na evolución da gráfica vense os picos en momentos históricos complicados, así como o grande descenso da incidencia na poboación durante a alcaldía de José Rodríguez Estévez (1914-18)[2] e, nunha segunda fase, cando se comezou a despegar da “época da fame” da posguerra, a partires dos 50s.


 Pneumonía, Bronquite, Broncopneumonía, Conxestión pulmonar, etc.:
Aquí, nas enfermidades relacionadas co pulmón non contabilicei as Tuberculoses pulmonares por ter sido xa tratadas monograficamente na Entrada anterior do blog.
As enfermidades que tiven en conta neste apartado afectan ao sistema respiratorio e case sempre por causas infecciosas tanto bacterianas, como neumococo, legionella, etc., como por virus ou por fungos.
Simplificando, chámase Pneumonía cando a infección dáse no tecido pulmonar; se é nos bronquios, Bronquite; se se localiza na zona máis distal ou afastada das vías aéreas e nos pulmóns, Broncopneumonía; se hai acumulación de líquidos e inflamación dos pulmóns fálase de Conxestión pulmonar; etc.
Estas afeccións do sistema respiratorio ocupan o segundo lugar nesta macabra clasificación cun 17,6% das mortes[3]; cun total de 231.
Na gráfica non hai dúbida da tendencia ascendente e de que o pico coincide coa década dos 30s. Puxen na gráfica con cor laranxa os datos que corresponden ás enfermidades citadas neste parágrafo e, en azul, o que sería a suma de todas estas cos datos da Tuberculose pulmonar. Como se ve seguen a mesma tendencia polo que é previsible que as causas sexan parellas. Polo que se coñece da época, a falta axeitada de habitabilidade nas vivendas sumada aos períodos de escaseza no mundo do mar, alimentación precaria, etc. propiciaron este tipo de decesos.


Sistema nervioso central , S. cardiovascular e Meninxite:
Estes tres grandes grupos de enfermidades moi diversas acapararon do total, pola mesma orde, o 13,4%, 10,1% e no caso da Meninxite un 3,7%.
Entre outras moitas cousas que se observan nas gráficas é o incremento das enfermidades cardiovasculares (Cousa da modernidade!, diría a miña avoa) e unha tendencia á baixa, con alzas puntuais (1946), froito do coñecemento das enfermidades, ás menciñas nova e, en definitiva, á profilaxe en xeral.  





Quixera rematar poñendo de releve a idea, estes días xeneralizada, de que o medo é o máis infeccioso das epidemias e quizais o peor deste é cando o “contaxio social é bastante xeral e pode usarse para moitos propósitos, como a propagación de rumores, modas, pánicos, innovacións e moitos outros tipos de trazos culturais[4] que nos levarían a unha saída sen camiño de retorno.

[1] A metodoloxía empregada, como xa indicara na Entrada anterior, foi elixir ao chou un ano, saíu o 1904, e un número do 1 ao 10, saíu o 6.  O que fixen a continuación foi, partindo do ano 1904, ir anotando das enfermidades o número de falecidos en cada unha delas. Repetindo este procedemento en cada un dos anos, de seis en seis, e a un universo que abarcou a totalidade dos 1.309 falecidos neses anos.
[2] Aínda que o número de pobres seguía a ser elevado, as salgas e as fábricas de conservas traballaban a todo ritmo, entre outras para fornecer ás tropas contendentes na I Guerra Mundial.
[3] Ascendería a un 23,8% do total se sumáramos as Pneumonías, bronquites,... co a Tuberculose pulmonar.

[4] Frase que tomei prestada a Peter Turchin do seu libro Ages of Discord, cando está explicando o seu Modelo de  dinámica de contaxio social.