Amosando publicacións coa etiqueta 1928. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1928. Amosar todas as publicacións

13 de feb. de 2025

Atopar grandes e pequenos tesouros

Fai uns días estabamos un grupo de amigos a falar de arqueoloxía, de como os romanos procesaban os minerais e modelaban a paisaxe (como nas Médulas)... Todo un batiburrillo arredor do tema... Quizais polo do ouro apareceu “a  fibela previsigótica” achada en Bueu, e ata acudimos á entrada do meu blog (1) para vela fotografía e comentar algunha cousa máis do tema.
Esa conversa levoume a pensar noutros achados relevantes, eses que un pequeno grupo coñece pero do que “ninguén sabe nada...” Estou a falar, por exemplo, do pote con moedas de ouro que atopou na veiga que tiña en Bueu B.B.M. e que “un de Beluso” que tiña un barco que traballaba na costa portuguesa foi o encargado de vendelas no pais veciño pouco a pouco (2).

Pote xerado por ChatGPT


O espolio non se cinguiu ao mencionado pote, e por citar algún máis nomearei, de forma xenérica, os achados nas veigas que noutros tempos foran poboados castrexos ou lugares de enterramento (mámoas). Estou a pensar polo Beluso, Cela, Cividade...  e facendo caso aos “disque” (como aquel que toca de oído e quere chegar a músico virtuoso...)

Imos darlle unha reviravolta ao tema, polo que porei telegraficamente uns exemplos sinxelos, pero documentados (3), de atopar “pequenos tesouros” en forma de cartos e, cumprindo coa lei, seren entregados ás autoridades.

  Achado de 20 pesetas – 1925 (4)

En outubro de 1925 un neno da Graña atopa na Banda do Río 20ptas (tres billetes de 5 pesetas, dous  de dúas e un dunha peseta). O rapaz entregoulle á súa nai  o diñeiro e esta fixo o mesmo na alcaldía (5) que emitiu un bando do achado. Apareceu unha veciña da Banda do Río, Lorenza Agulla, xustificando seren a propietaria polo o que alcalde lle devolveu os cartos alí depositados.

Achado dun billete do Banco de España (de  25 pesetas )– 1926 (6) 

En marzo de 1926 un neno de 7 anos atopou na rúa Montero Ríos un billete do Banco de España (25ptas) e que logo llo quitou unha veciña dándolle en compensación unha “perra chica” (1 céntimo). Coñecido isto pola nai do rapaz foi a pola muller e comezou con ela unha discusión subida de ton na que tivo que intervir o garda municipal, Manuel Palmeiro que se fixo co billete ata que a alcaldía resolvese o litixio.

O alcalde, Camilo Davila,  interrogou a todos os implicados e ao non poder clarexar a pertenza do billete mandoullo entregar á nai do rapaz que o atopara.

Achado de 10 pesetas  - 1928 (7)

En outubro de 1928 o fillo dun carabineiro do posto de Bueu encontrou 10ptas en metálico nunha rúa. Cantidade que, ao ser publicada pola alcaldía, foi reclamada por unha muller do Valado indicando que era o xornal que cobrara da fábrica de Massó e que que perdera facía cinco días. Todas as explicacións eran coincidentes: data de cobro e perda, posición e dobrado dos billetes, distribución das moedas (unha de cinco pesetas, outra de dúas pesetas e tres dunha pesetas) e características e defectos que tiña o sobre (xa que lle faltaba a parte superior).  

    Estando todo tan claro, o alcalde Camilo Davila mandou entregarlle as 10 pesetas a María Reimúndez, que así se chamaba a dona.

Achado dun billete de 50 pesetas – 1930 (8)
En xullo de 1930, sendo alcalde Francisco Domínguez Cabanillas, unha rapaza de Beluso, atopou na rúa E. Vincenti (fronte ao concello) un billete de 50ptas. Este quedou en depósito  e foi anunciado (9)  segundo a lei (Código civil, artigo 615).

Pasados case dous anos, no mes de decembro de 1932 e non ter aparecido o dono do billete, nai e filla reclaman que cumpridos os trámites agora son elas as verdadeiras propietarias da 50ptas.

Efectivamente o alcalde, Luís Prieto manda se lle entreguen.
 

Cartos nun paquete de tabaco  ± 1960 

Certo amigo meu, sendo rapaz moi novo andaba a gandulear polo peirao de Bueu (10) cando viu flotando no mar un paquete de tabaco de cor vermello da marca Jean. Cun pau logrou atraelo ás escaleiras do peirao e cal sería a súa sorpresa que tiña cartos en papel dobrados dentro. Todo contento levounos para casa e entregoullos á súa nai. Esta o que fixo foi darlle una berradura porque sabe deus onde atoparía o paquete... Non soubo que se fixo cos cartos e nunca preguntou...

  **********

Quizais haxa máis casos agochados polos andares do novo Arquivo ou pola memoria da xente, pero iso o deixamos para outras posibles entradas...
Non quero rematar sen facer referencia, e amosar o meu agradecemento (creo que compartido con moitos) ás persoas que atoparon cousas que son patrimonio de todos e o entregaron con xenerosidade: As columnas da domus romana que entregou Pin Cabanillas,  os elementos do 1º forno e alfar de Pescadoira por Manuel Vázquez Vázquez (11), aras romanas de Sabarigo e Meiro etc.   

 1-Entrada do 24 de febreiro do 2013 no blog  https://acidras.blogspot.com/ .
  2-Cunha comisión e polo peso en ouro…
  3-Para iso Bueu ten o privilexio de custodiar un Arquivo amplo no contido e xeneroso na custodia.
  4-Arquivo Municipal de Bueu (AMB). Carpeta 2609/20
  5-Nese momento estaba o tenente de alcalde Francisco Miranda era o alcalde en funcións
6- AMB Carpeta 2609/21
  7-AMB Carpeta 2609/22
  8-AMB Carpeta 2609/27
  9- No taboleiro de anuncios do concello e logo no mes de novembro no Faro de Vigo
10-Sempre gustou do mundo do mar e do ambiente mariñeiro. 
11-Que non só entregou ao Museo de Pontevedra senón que el e Pedro Díaz estudaron e publicaron no folleto: Noticia preliminar del primer horno y alfar de ánforas gallegas, 1988

8 de maio de 2020

Outras enfermidades endémicas no Bueu da 1ª metade s. XX – Epidemia VIII


Por fin chega o remate da ‘desescalada’ anunciada na Entrada anterior ... O que ía ser unha visión monográfica das enfermidade epidémicas/endémicas en Bueu (meninxites, do aparato dixestivo, do corazón ou cerebrais), non tratadas ata agora, compartirán espazo e as simplificarei poñendo de cada unha delas uns pequenos apuntes e unhas gráficas[1] que porán de manifesto o seu influxo real en Bueu ao longo de medio século.
Comezaremos desde as de maior a menor incidencia numérica na poboación e para non estendernos agrupareinas por aparato ou órgano principal atacado.
Penso que o relevantes sería non só coñecer de que enfermidades se morría senón tamén o porque da mesma: se se dá a consecuencia dunha forma de transmisión difícil de atacar, se se debe a una insuficiencia alimentaria, carencias hixiénicas, etc. Cando vexamos en que consiste a enfermidade e as gráficas de cada unha ao longo do tempo, poderíamos estar en condicións de entender ou contestar a algunhas desas cuestións coa axuda que nos pode aportar a historia dos nosos pobos.

Gastroenterite, Enterite, Entrecolite, gastrite, etc.:
Definir cada unha delas sería ser longo e non propio dunhas anotacións nun blog coma este.
Máis simplificando, poderíamos dicir que estas se dan pola inflamación da mucosa do estómago (Gastrite), do intestino (Enterite), dos dous (Gastroenterite),... Case sempre hai unha causa infecciosa, inxestión de alimentos contaminados ou, como no caso das gastrites crónicas  pode ser por a bacteria Helicobacter pylori, etc. 
Estas enfermidades, con distintas patoloxías e orixe supoñen o maior índice de mortalidade en Bueu nos 50 anos estudados. Concretamente 277 falecementos por estas causas, o que supoñen un 21,2 % do total das enfermidades rexistradas no período estudado. Coa mirada no pasado houbo anos como os datos que recolle José Mª Estévez para 1864/68 que “unha praga de enterite, disentería, etc. Sobre un total de 260 defuncións, foron nenos, nada menos que 136 nas tres parroquias 
Hay períodos, por ejemplo 1940/46, en los que la cuarta parte das gastroenteritis están certificadas como “Gastroenterite coleriforme” lo que añade un elemento más de preocupación a la debilitada salud social de Bueu en esos momentos.
Na evolución da gráfica vense os picos en momentos históricos complicados, así como o grande descenso da incidencia na poboación durante a alcaldía de José Rodríguez Estévez (1914-18)[2] e, nunha segunda fase, cando se comezou a despegar da “época da fame” da posguerra, a partires dos 50s.


 Pneumonía, Bronquite, Broncopneumonía, Conxestión pulmonar, etc.:
Aquí, nas enfermidades relacionadas co pulmón non contabilicei as Tuberculoses pulmonares por ter sido xa tratadas monograficamente na Entrada anterior do blog.
As enfermidades que tiven en conta neste apartado afectan ao sistema respiratorio e case sempre por causas infecciosas tanto bacterianas, como neumococo, legionella, etc., como por virus ou por fungos.
Simplificando, chámase Pneumonía cando a infección dáse no tecido pulmonar; se é nos bronquios, Bronquite; se se localiza na zona máis distal ou afastada das vías aéreas e nos pulmóns, Broncopneumonía; se hai acumulación de líquidos e inflamación dos pulmóns fálase de Conxestión pulmonar; etc.
Estas afeccións do sistema respiratorio ocupan o segundo lugar nesta macabra clasificación cun 17,6% das mortes[3]; cun total de 231.
Na gráfica non hai dúbida da tendencia ascendente e de que o pico coincide coa década dos 30s. Puxen na gráfica con cor laranxa os datos que corresponden ás enfermidades citadas neste parágrafo e, en azul, o que sería a suma de todas estas cos datos da Tuberculose pulmonar. Como se ve seguen a mesma tendencia polo que é previsible que as causas sexan parellas. Polo que se coñece da época, a falta axeitada de habitabilidade nas vivendas sumada aos períodos de escaseza no mundo do mar, alimentación precaria, etc. propiciaron este tipo de decesos.


Sistema nervioso central , S. cardiovascular e Meninxite:
Estes tres grandes grupos de enfermidades moi diversas acapararon do total, pola mesma orde, o 13,4%, 10,1% e no caso da Meninxite un 3,7%.
Entre outras moitas cousas que se observan nas gráficas é o incremento das enfermidades cardiovasculares (Cousa da modernidade!, diría a miña avoa) e unha tendencia á baixa, con alzas puntuais (1946), froito do coñecemento das enfermidades, ás menciñas nova e, en definitiva, á profilaxe en xeral.  





Quixera rematar poñendo de releve a idea, estes días xeneralizada, de que o medo é o máis infeccioso das epidemias e quizais o peor deste é cando o “contaxio social é bastante xeral e pode usarse para moitos propósitos, como a propagación de rumores, modas, pánicos, innovacións e moitos outros tipos de trazos culturais[4] que nos levarían a unha saída sen camiño de retorno.

[1] A metodoloxía empregada, como xa indicara na Entrada anterior, foi elixir ao chou un ano, saíu o 1904, e un número do 1 ao 10, saíu o 6.  O que fixen a continuación foi, partindo do ano 1904, ir anotando das enfermidades o número de falecidos en cada unha delas. Repetindo este procedemento en cada un dos anos, de seis en seis, e a un universo que abarcou a totalidade dos 1.309 falecidos neses anos.
[2] Aínda que o número de pobres seguía a ser elevado, as salgas e as fábricas de conservas traballaban a todo ritmo, entre outras para fornecer ás tropas contendentes na I Guerra Mundial.
[3] Ascendería a un 23,8% do total se sumáramos as Pneumonías, bronquites,... co a Tuberculose pulmonar.

[4] Frase que tomei prestada a Peter Turchin do seu libro Ages of Discord, cando está explicando o seu Modelo de  dinámica de contaxio social.

4 de maio de 2020

A Tuberculose en Bueu - 1ª metade s. XX – Epidemia VII


Xa imos comezar coa ‘desescalada’ deste longo confinamento a causa da pandemia do COVID-19. Isto dáme pé para, usando termos do momento, “desescalar en dúas fases” e así poñer remate, cando menos por agora, ás Entradas do blog dedicadas a enfermidades epidémicas ou  endémicas en Bueu.
Esta primeira a faremos coa Tuberculose, tamén coñecida de antigo coma ‘tises’. É unha enfermidade bacteriana (Mycobacterium tuberculosis ou bacilo de Koch) que ataca na maioría dos casos aos pulmóns pero pode facelo destruíndo ou deformando as células doutros órganos coma intestino, riles, osos, etc.   
A incidencia xeral desta enfermidade no Bueu da primeira metade do século XX foi relativamente pequena, xa que causou un 7,5% das mortes. Se cuantitativamente era pouco relevante o impacto social foi moi alto, dado o grao de contaxio e o medo que esta enfermidade provocaba.
Non era de estrañar que se demandasen publicamente medidas para a prevencións de contaxios desta enfermidade como a da revista inglesa ‘Hospital’ (1903)[1] que propuña tres: Obriga do médico de informar dos casos detectados, illamento dos enfermos avanzados e “facer comprender ao público en xeral, a idea de que dito mal é infeccioso”. Ideas que calaron nas autoridades da época ata tal punto que vemos no Boletín Oficial, Gaceta de Galicia (6-10-1903), como se lle daba un prazo de 15 días para que as Xuntas Locais de 1ª Ensinanza mercasen carteis contra a tuberculose para repartir polas escolas.
En canto á incidencia máis forte da tuberculose no concello de Bueu, no período estudado, a temos no inicio do segundo terzo que pode chegar ata o 12% do total de enfermidades.  Serán os anos 1916/1922 os picos da curva que podemos ver na gráfica[2].
En canto aos tipos de tuberculose, para o caso de Bueu habería que considerar como media un 76,3% para a chamada Tuberculose pulmonar, un 18% para T. intestinal, un 2,6% para T. larínxea e un 3,1% para outras, ou non especificadas.
Para o tratamento destes enfermos no 1º decenio do s. XX iniciáronse adaptacións ou novas construcións de centros en lugares onde tiveran características especiais de salubridade como a pureza do aire, a facilidade de tomar o sol, o aire/auga do mar, etc. Na nosa contorna tiñamos o Sanatorio Marítimo de A Lanzada onde o tratamento principal era o heliomarino (sol e mar). A moitos dos pacientes que non tiñan recursos económicos se lles facilitaba o acceso a estas terapias coas axudas, principalmente da Deputación a proposta dos concellos nos que estes residían. O filtro de entrada para recibir tratamento heliomarino era dado polo Director do centro aducindo criterios médicos. Exemplo disto no que se vira involucrada unha persoa de Bueu o temos reflectido na Acta da sesión do 22 de xaneiro de 1943 onde constátase o acordo do ente provincial co Director do centro da Lanzada polo que este acepta a 6 enfermos e denega a outros tres, entre os que estaba a bueuesa María Mxxxxx Gxxxxx, por padecer, curiosamente, “un proceso  tuberculoso de pulmón[3].  
 Aínda que foi no 1944 cando Waksman descubriu o antibiótico coñecido como estreptomicina, primeiro gran aliado para axudar a combater a terrible enfermidade, non sería ata o 1951 cando se empezara a utilizar en España e polo tanto a baixar o número de falecidos a números pouco significativos.
Co paso do tempo xeralizáronse na poboación probas de sangue ou, a máis común, “probas cutáneas da tuberculina ou Mantoux” que deron tamén un grande golpe á Tuberculose ao ser un marcador moi útil para detectar previamente se se está infectado da mesma (de forma latente ou padecéndoa) ou que sexa probable que non o estea. Está proba realizábase en moitos centros de traballo (grandes empresas) e nos centros de Ensino. En Bueu realizouse por última vez a finais dos anos noventa do século pasado.
Queda no recordo dos nosos maiores o medo “do pulmón”, expresión que facía referencia á Tuberculose pulmonar, e ao seu contaxio que ao igual que outras epidemias na casa que entraba, segaba moitas vidas. Tamén se lembran que os nenos sans eran separados dos seus familiares enfermos e de que as vivendas eran desinfectadas tralo parte do médico comunicando a defunción á alcaldía. Disto temos constancia, no soamente nos casos de Tuberculose, senón tamén por outras enfermidades infecciosas como o coqueluche, xarampón, ... Como exemplo para Bueu, o oficio que o Xefe de Inspección de Sanidade Provincial, 25 de xuño de 1928, manda ao concello indicándolles a remesa polo coche de liña dun caixón con desinfectantes e o fai co compromiso de se se necesitasen máis o expediría o máis axiña posible.


[1] Publicado polo xornal lugués La idea moderna o 19 de maio de 1898.
[2] A metodoloxía empregada foi elixir ao chou un ano, saíu o 1904, e un número do 1 ao 10, saíu o 6.  O que fixen foi partindo do ano 1904 ir anotando o número de falecidos por esta enfermidade. Repetindo este procedemento en cada un dos anos, de seis en seis, e a un universo que abarca a totalidade dos 1.309 falecidos neses anos.
[3] Recollían aos que tiñan posibilidade de curación polo que se a fase do padecemento da enfermidade era avanzado se rexeitaba ao paciente.