Amosando publicacións coa etiqueta Ons. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ons. Amosar todas as publicacións

4 de mar. de 2023

Ons. Serían capadores?

Os tempos políticos a mediados do século XIX estaban a pasar momentos convulsos onde, aos problemas sucesorios (sobre todo cos sectores carlistas) sumábanselle o enfrontamento por manter ou non o Antigo Réxime e as loitas entre os partidos dominantes que deron pé a novas formacións, como foi o Partido Progresista Demócrata[1].

Todos vían inimigos en todas partes. Os mandados, por parte dos Xefes Políticos, de extremar a vixilancia nas distintas demarcacións eran constantes.

Arquivo M.Bueu-Correspondencia Ca. 135/1
Por partir dun exemplo, o alcalde de Bueu recibe un oficio con esa fin do Xefe Político da

Provincia, 16 de novembro de 1849, ao que resposta co seguinte texto: “para que se exerza activa vixilancia nos puntos da costa pr se a elas arribasen o buque de vapor el Henriette, e o Bergantín Goleta ambos pintados de negro qe conducen equipaxes pa algúns miles de homes; de cuxas disposiciós pra impedir o seu desembarco quedo decatado e redobro a vixilancia nos puntos do meu distrito...”

Con este tipo de teimas, dáse unha rocambolesca situación na que o alcalde, o 8 de marzo seguinte, escribe ao Xefe Político:

Arquivo M.Bueu-Correspondencia Ca. 135/1
Habendo tido pr noticia qe no día de onte pasaran á Illa de Ons dous homes descoñecidos e de carácter sospeitoso, e ignorando o obxecto qe a aquel punto podían levar, mandei inmediatamte varios homes veciños nunha lancha pa qe auxiliándose do mordomo e máis indo restes naquela Illa se apoderasen das persoas dos primeiros, e mos presentasen  cal en efecto así cumprido na noite de hoxe noto qe cada un deles me presenta un pase, os mesmos qe con as súas persoas remito a V. pr ser máis distancia qe as oito legs do punto de onde sonan residtes; e ademais parecen algo inverosímil de qe pasaron a aquela Illa co só obxecto segundo din, de exercitar o seu oficio de Capadores; con obxecto sen embargo de qe aclarados estes inconvtes dispoña V.. o qe vexa oportuno.

A dubida que algúns teñen é se os pobres capadores ían armados cunha navalla a dar un golpe de estado tomando a Illa como refén ou simplemente a traballar no seu oficio. Porque o de capar a alguén na Illa de Ons nin se contempla, sería suicida...

De asasinatos, de e por capadores, tamén temos en Bueu, pero será outra historia.

[1] Escisión do Partido Progresista que solicitaba ir moito máis aló nos dereitos e liberdades cidadás, ampliación das medidas de desamortización, sufraxio universal etc.

 

16 de xan. de 2019

A Illa de Ons aluméase con catro farois de acetileno de refugallo

Se nos achegamos á sesión plenaria do 21 de febreiro de 1924 que «A proposta da presidencia e en atención ao citado deterioro no que están os once farois do antigo alumeado por acetileno propiedade deste Concello, que están depositados na Consistorial, a Corporación acorda proceder á súa adxudicación mediante concurso..
Anunciado oportunamente durante un período de quince días só se recibe no Concello unha solicitude para facerse cos farois, e non por todos senón por catro. A petición ven dende a Illa de Ons, da man de Didio Riobó Bustelo, xestor e fillo do dono da mesma. Didio oferta pagar por cada un dos farois 4 pesetas.
O 20 de marzo de 1924 o alcalde Jesús Prieto tramita, á proposta da Corporación, o expediente de adxudicación de «farois deteriorados» ao único que participou na poxa, Dídio Riobó Bustelo.
E así é como os farois foron a parar á casa-almacén que a familia Riobó posuía na súa illa, Ons.
Pero se seguimos o rastro deses farois retrocedendo no tempo chegaríamos a xaneiro do ano 1906 en que no segundo pleno[1] despois de tomar posesión da alcaldía de Bueu, Laureano Piñeiro Domínguez[2] expón a petición dos veciños do Príncipe (actual rúa Eduardo Vincenti) para que se poñan uns farois na súa rúa e o fixeron nos seguintes termos: «... interesando da Corporación que tendo en conta a necesidade que se sinte duns farois na dita rúa e a precaria situación do erario público municipal, se instale por conta dos fondos seis farois cos seus depósitos para producir gas acetileno[3] ofrecéndose os reclamantes a soster o alumeado durante o ano actual...».
Farola na Praia de Beluso
Na sesión plenaria do 20 de xaneiro dáse conta, na mesma liña, de dúas instancias de veciños da praia de Beluso e da Ribeira (actual Montero Ríos) que desexan farois como os da rúa do Príncipe.
O Concello encarga á mesma comisión que tiña que resolver a necesidade dos puntos de luz no Príncipe, incorporando ao salgadoiro Clemente Lago, o faga tamén para Beluso e na Ribeira.
Aínda que na sesión ordinaria do 4 de febreiro de 1906 a Corporación informouse dunha comunicación do Gobernador Civil de que non procedía a concesión de transferencia de crédito para os seis farois que o concello pensaba mercar para a rúa do Príncipe, non será ata o día 12 dese mesmo mes cando se trate do ditame da comisión encargada sobre os farois incluíndo os 5 a poñer na Banda do Río, Ribeira e Praia de Figueirón. O «Concello resolveu que se adquiriran os nove farois de que se trata con todos os seus accesorios e se coloquen nos lugares designados satisfacéndose todos os gastos que con tal motivo se orixinen con cargo ao capíto de Inconvenientes; en cuxo acordo non conveu o 1º Tenente D. Tomás García por non haber cantidade sinalada para este fin no presuposto e necesitarase para outros Inconvenientes».
Como pode comprobarse que non foron 5, nin 6 nin 9 os farois que tiveron algunhas rúas e lugares de Bueu, senón 11.


[1] Sesión ordinaria do día 14 de xaneiro de 1906.
[2] Tomou posesión o 1 de xaneiro de 1906.
[3] Xerado a partires de carburo calcio.

18 de out. de 2018

O poema da igrexa nova de Ons

Dende hai moitos anos o segredo da igrexa nova da illa de Ons non é segredo, cando menos para un reducido grupo de persoas. Parte do mesmo apareceu publicado nunha páxina de Facebook[1] pero non tivo a repercusión que penso que debería ter.
Unha visita ás illas fai poucos días rachou o silencio que ao longo dos anos impuña a ‘modestia’ do protagonista deste segredo e da igrexa nova: A autoría do poema que pode lerse no fronte da capela.
 Sen mencionar o nome do autor, voulles comentar algunha cousa arredor do poema e de como este chegou alí.
Autor ante a obra
A mediado dos anos sesenta do século pasado, cando a igrexa e o poboado de Curro en Ons eran algo máis que proxecto do Instituto de Colonización, propuxéronlle ao profesorado de Bueu que fixeran un especie de concurso de poesía sobre a illa de Ons. Os rapaces, sen saber a finalidade do mesmo, levaron o labor coma tarefa para casa sendo a entrega do mesma voluntaria. O noso protagonista escribiu un pequeno poema pero logo decidiu non entregalo pois, por ser moi esixente consigo mesmo, non lle parecía de calidade. Mais a casualidade fixo que llo ensinara a un amigo a quen lle gustou tanto que o estivo animando durante un tempo para que o entregara, como así o fixo ao mestre Manuel Omil. Nos días seguintes á entrega os rapaces estaban á espera dalgún tipo de recoñecemento ou premio pero pasou o tempo e nunca máis volveuse a falar dos poemas e pronto todos esquecéronse dos mesmos.
Bastantes anos despois, e co motivo dunha visita de lecer á illa de Ons, o noso protagonista quedou pasmado ante algo que fixera na súa adolescencia e que estaba impreso en cerámica e, para maior ‘vergoña’, exposto ás miradas de todos. Unha mestura de sensacións encontradas o perseguiu durante moito tempo. Era o mesmo poema cunha soa palabra cambiada: onde el escribira ‘isliña’ agora era ‘illiña’. Decidiu non contarllo a ninguén que non foran da súa familia ou amigos moi achegados. Foi un segredo que ao longo dos anos todos gardamos por expreso desexo do autor. Aínda que pareza paradoxo eu sigo a respectar os desexos do amigo pero tamén creo que é relevante que se saiba quen escribiu algo que miles de persoas leron dende hai algo máis de cincuenta anos.


      SANTO
      San Xaquinciño da Illa                Esta illiña gallega
      dainos un ventiño en popa         defensa da nosa Ría
      pra chegar o a noso porto          e devota a San Xaquín
      que temos a vela rota                 o pai da Virxen María.

[1] De ‘... o Morrazo’ nunha entrada do 9 de maio do 2013.

1 de maio de 2018

Botiquín para a Illa de Ons

Dende hai moitísimas décadas reivindicouse a presenza médica permanente na illa de Ons. Mais agora, nos últimos meses, vólvese a falar diso na prensa, nos despachos dos distintos organismos oficiais e nas persoas e Asociacións relacionadas coa illa.
Estes últimos de forma expresa, senón que llo pregunten a Celestino Pardellas, están a solicitar polo menos dúas cousas relacionadas con isto:   
·         Que no PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia) queden claras as competencias de cada organismo na Illa de Ons.
·         E que nas Illas de Cíes e Ons haxa xa a partires deste verán un Servizo Permanente de Primeiros Auxilios. 
Quixera ao respecto lembrar o papel dos mestres-sanitaros para o que recomendaría ler de novo o artigo: “Ons, o meu paraíso de onte (VI) ¿Mestre ou sanitario?” do mestre  Julio Santos Pena aparecido na revista Aunios nº 7.[1]
Máis nesta entrada quero aportar a información da solicitude en 1947, por parte da Rexidora Provincial de Divulgación da Sección Feminina, dun Botiquín para que a mestra da Illa de Ons puidera atender as urxencias facendo curas, poñendo inxeccións, etc.  
O curioso é que nestas datas non era o Xefe de Sanidade o que tiña que autorizalo senón que era o Gobernador Civil, a proposta dos concellos.
A continuación póñolles o oficio de solicitude deste trámite, ao alcalde de Bueu:



[1] Aunios nº 7 páx. 64-66 á que podedes acceder directamente neste enlace https://bit.ly/2JItBtK

1 de nov. de 2017

A Illa de Ons punto de encontro internacional na Guerra de Independencia

Juan José Caamaño Pardo
O día 1 de marzo de 1809, vinte sete días antes da liberación de Vigo do exército francés, o Conde de Maceda, Juan José Caamaño Pardo[1], reúnese co comandante inglés Jorge Me Kinley en augas de Ons. O fixeron a bordo da fragata Lively[2] que levaba un tempo nas augas insulares á espera de obter información da actividade da resistencia galega contra as tropas francesas.  
E segundo recolle a acta da reunión esta foi moi esclarecedora para o goberno inglés xa que recibían de primeira man información da situación e intencións do exercito que tentaba Reconquistar o Reino de Galicia. Consecuencia desta xuntanza foi a correspondencia e intercambio dunha constante información entre ambos exércitos.


Certificado orixinal, e Copia de tradución ao idioma español, do documento honorífico, do Comandante da Fragata de S. M. Británica Lively á favor de S.E. o Conde de Maceda, na gloriosa causa de S. M. o Señor D. Fernando VII, e Reconquista do Reino de Galicia. Maio 19 de 1809.
Tradución dun Certificado en Inglés entregado á S. E. o Conde de Maceda polo honorable Jorge Mª Kinley Comandante da Fragata de S. M. B. Lively, estando fondeada no Porto de Vigo desde a reconquista de dita Praza[3], e seus Castelos, polas armas de S. M. o Señor D. Fernando VII, e é do tenor seguinte:
Fragata S.M. Británica Lively fronte a Ons
No primeiro día de Marzo de 1809 veu á bordo da Fragata de S. M. B. Lively baixo meu mando na Illa de Ons; a súa Excelencia o Señor Don Juan Josef Caamaño, Conde de Maceda cos planos de operacións para a dirección dos Patriotas Galegos, os que, en varios lugares, alzaran as armas contra a opresión dos franceses, que posuían as principais Cidades e Fortalezas do Reino, e foi S. E. o Sr. Conde de Maceda a Primeira Persoa que me deu as mellores informacións de todo o Estado dos Pobos, de maneira que foi tan celoso na causa de Fernando VII, que foi o móbil de liberar o seu País del xugo do vil usurpador Bonaparte; que inmediatamente mandei pregos para meu Goberno, e tiven a honra de continuar a corresponderme desde entón coa S. E.; do cal resultou que a causa Patriótica foi en aumento: estou tamén certo por meu propio coñecemento que nin fatiga de corpo, nin de espírito foi omitida en moitas críticas, e perigosas situacións que rodearon á S. E. na causa gloriosa.= Dado da miña man e selo a bordo da Fragata de S. M. B. Lively.= Vigo 19 de Maio de 1809.= Jorge Me Kinley.



[1] Juan José Caamaño Pardo (Ferrol 1761-Madrid 1819). Membro da Xunta de Defensa do chamado “Reyno de Galicia”. Defensor destacado das ideas e institucións do Antigo Réxime. Belixerante contra as tropas francesas, contra os “afrancesados” e contra os liberais...
[2] Este mesmo barco, na compañía doutros tres, atacaron o 5 de outubro de 1804 a unha pequena escuadra de catro embarcacións españolas que viñan cargadas de ouro e prata de terras americanas. Curiosamente por esas datas as mariñas inglesa e española non estaban en guerra. Consecuencia deste ataque afundiuse unha fragata española (Mercedes) fronte ao Cabo de Stª María (Portugal) e as outras tres foron apresadas.
[3] 28 de marzo de 1809 día en que derrotados os franceses abandonan pola Porta de Gamboa a cidade de Vigo.

20 de nov. de 2016

20 novembro

Por se alguén non se decatou hoxe é 20 de novembro. Día sinalado por algúns no panorama político do pasado onde uns lembran a morte de Franco (1975), outros a de José Antonio (1936), outros a do político anarquista Buenaventura Durruti (1936), etc. e outros exixen que se aplique a Lei de la Memoria Histórica (Lei 52/2007).
Máis o que eu quero, sen esquecer o pasado, é resaltar neste aniversario outra cousas como é felicitar a Nacións Unidas xa que tal día como hoxe no 1959 se aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno. Parabéns asociados á reclamación dun seguimento máis firme para evitar a violación sistemática contra eses dereitos que, 57 anos despois, aínda se dan no mundo.
E no ámbito de Bueu parabéns para o noso concello xa que se cumpren 172 anos da pertenza da Illas de Ons ao territorio municipal. Tal día coma hoxe de 1844 por Real Orde aceptouse a solicitude do Marqués de Valadares propietario da Illa de Ons, pola súa dona, de que se segregasen do concello de Sanxenxo (ao que pertencían dende 1837) e se adscribise ao de Bueu esgrimindo entre outras razóns: “por ser o Continente máis próximo”. Estes mesmos razoamentos foran utilizadas para unilas ao concello de Sanxenxo 7 anos antes. 
Tamén. e referido ao noso concello. un 20 de novembro de 1930 publicítase en Vida Gallega a constitución dunha sociedade recreativa en Bueu:
E xa postos a felicitar, facelo aos case que noventa nacidos neste día dende que Ons é buenense. Parabéns a todos! Dende Carmen Piñeiro E. (1844) pasando polo amigo Miguel (1954), Cesáreo (2010), etc.

30 de ago. de 2016

Festa do Pescador humilde de Ons-1952

Hai uns meses escribín un artigo para a revista Aunios nº 21[1] co título “Apuntamentos da illa de Ons e a Falanxe” onde facía unha recolleita de datos, dende 1938 a 1950, que puña, entre outras cousas, de manifesto a utilización das penurias dos habitantes de Ons por parte de institucións de Beneficencia ou mesmo gobernativas.
Remataba o artigo dicindo: “Uns anos despois, 1949-1950, Ons vai caendo no esquecemento para as institución de Beneficencia e Axuda. Así pódese constatar que nas relacións de Familias Pobres do concello de Bueu ás que se lle adxudican vales de Nadal para artigos de alimentación non aparecen ningunha da illa de Ons.
Polo visto esquecín algún “acto”[2] a partir desas datas como o que está reflectido que transcribo a continuación[3]: Con motivo da festa do pescador humilde que se celebraría o próximo domingo día 3 [de agosto] na illa de Ons, o Excmo. señor gobernador civil da provincia Dr. Palao Martialay, fixo entrega ao Gremio de Mareantes encargado da organización daquela simpática festa, de tres canistreis de roupa confeccionada pola Sección Feminina de Falanxe Española con destino a outras tantas familias de mareantes humildes.
O Gremio de Mareantes expresa a súa gratitude sinxela á primeira autoridade civil da provincia por este risco de xenerosidade co pobre home do mar.”
Queda dito!



[1] Enlace ao artigo Aunios 21: https://db.tt/7xdbF73e
[2] Aínda que non houbera moitos.
[3] Do xornal La Noche do 30 de xullo de 1952 páx.1

12 de out. de 2013

San Xoaquín, patrón de Ons por...


Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 

  
[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

12 de xul. de 2013

O capelán de Ons, nunha dorna, rescata tres náufragos

Tal e como reflicten os xornais: El Combate, Diario de Pontevedra, El Estandarte Católico,... dando a noticia "Sinistro en Marín", "Un naufragio en Marín", "Dez afogados",... 
Eran case ás 21 horas do luns tres de xuño de 1899 cando á altura da illa de Ons un refacho de vento do Norte fixo naufragar á lancha de Marín “Flor de María” na que ían 13 mariñeiros ás ordes do patrón Antonio Rodríguez Veiga. O patrón e nove mariñeiros máis lanzáronse ao mar tentando alcanzar terra. Mais despois dunha longa loita co embravecido mar foron desaparecendo un tras outro. O mesmo patrón morreu abrazado ao seu irmán Clemente. Os outros tres, que non sabían nadar, agarráronse á quilla da lancha ata que unha dorna que conducía ao capelán de Ons viu aos tres mariñeiros sobre a quilla nunha situación desesperada. Achegouse a eles e con grande traballo, recolleunos e levounos a unha praia da illa onde foron embarcados nun vapor que acababa de prestar servizo no faro, o “ Riotesa”, que os trasladou ata Marín.