Amosando publicacións coa etiqueta 1889. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1889. Amosar todas as publicacións

8 de maio de 2016

127 anos do xornal El Relámpago

O día 7 de maio de 1889 D. Salvador Avilleira[1] Estévez, natural de Cela, lle escribe un oficio ao alcalde de Bueu, Manuel González Plá, indicándolle que a partires do día 12 dese mesmo “mes comezará baixo a súa dirección a publicación dun xornal titulado El Relámpagoo cal defenderá os intereses da provincia e moi especialmente os desta Vila”. Na mesma lle pide que avise ao Gobernador Civil e que ordene o selo autorización da alcaldía nos dous números que marca a lei.
O alcalde remite o oficio ao Gobernador civil para que este lle indique as normas que debe seguir para autorizar a publicación do xornal. Este o remite á Gaceta do 30 de xullo de 1883[2].
Seis días despois (21-5-1889) Salvador Avilleira particípalle ao alcalde que o “vindeiro domingo 26 do que rexe [maio] mirará a luz pública neste pobo un xornal semanal domingueiro, titulado ‘El Relámpago’  do que son dono e director, e o cal só defenderá os intereses xerais da provincia e moi especialmente os desta vila: alleo por completo a toda clase de política”. Tamén lle notifica, axuntándolle un recibo da contribución, que se imprimirá no establecemento tipográfico de D. Luís Carragal.
 Nota: Só editou o primeiro exemplar polo que o seu nome da fe do seu paso efémero polo mundo da prensa. Que saibamos non se conserva ningún orixinal.


[1] Outras referencias que temos del: Nado en Murráns-Cela o 1-4-1865. Fillo de Manuel Avilleira Freire e Josefa Estévez Guimeráns. Seu pai era practicante. El, coma cirurxián en Cela, notifica ao Rexistro do Xulgado o falecemento de José Joaquín Aldao y Sarmiento o 6 de maio de 1896.  O 13 de agosto de 1897 coma Síndico do concello de Bueu acompaña ao alcalde Miguel Nogueira e a os tenentes, Narciso Galup e Tomás García comisionados polo concello nos funerais polo Señor Cánovas na cidade de Pontevedra…
[2] Refírese á Lei de Imprenta do Ministerio da Gobernación, que apareceu publicada na Gaceta de Madrid nº 211 nás páx. 189-190. Pode lerse en https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1883/211/A00189-00190.pdf

29 de dec. de 2013

Concelleiro de Bueu analfabeto e non paga impostos

Como é lóxico pensar non se trata de ningún dos concelleiros habidos no último século. Resaltar que durante este tempo accederon ao noso concello, de forma electa, persoas cada vez mellor preparadas.
Con todo o xornal A Unión Católica do 14/12/1889 na súa páxina 3 citando ao O Anunciador, de Pontevedra dá a noticia da existencia dun concelleiro de Bueu que, a parte de ser analfabeto, non paga os impostos a Facenda. Faio nos seguintes termos:

Di  El Anunciador, de Pontevedra, que en Bueu, hai un concelleiro que non sabe ler nin escribir, que asiste puntualmente ás sesións nos dous anos que é concelleiro e que non paga contribución algunha ao Estado, faltándolle aínda dous anos para cesar no seu cargo”.

8 de dec. de 2012

A Biblioteca Popular de Bueu

No xornal decenal “Gaceta de la Instrucción Pública” de 15 de xuño do 1889 aparece a noticia da concesión de varias Bibliotecas Populares, entre elas a que correspondía á Escola Pública de Bueu. Biblioteca que co paso do tempo sería a semente da actual Biblioteca Municipal e lugar “fonte de cultura” por onde pasaron moitos rapaces e e persoas de Bueu e onde deixaron a súa pegada como doantes de libros persoeiros como Manuel Antonio Bares Giráldez  (aínda hai o libro asinado por el “La nación española y el nacionalismo vasco”1922), Erasmo Buceta García (profesor de literatura  na Universidade de California e correspondente da Real Academia Española), etc.