11 de mar. de 2021

Día internacional da muller. Cousas polas que loitar.

Comezarei a entrada de hoxe por considerar os feitos que nela mostrarei cos cualificativos máis negativos e reprobacións máis enérxicas, como algo ferinte á condición humana. E senón lean e xulguen vostedes mesmos:

16 de novembro de 1934: Un tal Manuel.........., mariñeiro de 50 anos, compadece ante o 1º tenente de alcalde, en funcións de alcalde, Luís Jesús Prieto García, asistido do Secretario Municipal, para manifestarlle que a súa muller .................... “marcháralle” da casa conxugal a casa dunha familiar no barrio das Castiñáns. Que fora “na súa busca negándoselle a seguilo ao domicilio conxugal.

Como queira que non ten medios para obrigala a cumprir seus deberes como tal muller casada, senón as que autorizan as leis, interesa da Autoridade municipal dispoña que polos axentes a súas ordes ou Garda Civil sexa retida e se me entregue.

O alcalde en funcións resposta o mesmo día que como non ten gardas municipais oficioulle ao comandante do posto da Garda Civil para que practique o servizo.

Dous días despois, logo de ser entregada pola garda civil, o mesmo alcalde fixo entrega da esposa ao reclamante Manuel........ Este faise cargo dela e asina co alcalde a entrega.

Nota: Quixera que tiveran en consideración que ocorre o narrado en novembro do 1934 cando se levaba, na política española, case un ano no período coñecido por Bienio Negro ou Conservador da 2ª República. Simplificando, dicir que nestas datas chegaran ao poder o parido de Alejandro Lerroux (apoiado, entre outros, pola CEDA e Partido agrario -integrado por propietarios expropiados) polo que supuxo un freo, cando non un retroceso, para a todos os cambios que ían emanando da Constitución, que España se dera no 1º período da 2ª República, coñecido como Reformista. Nela atopábanse innovacións que nos achegaban á Europa máis avanzada: como a división de poderes, separación igrexa-estado, liberdades individuais (de conciencia, prensa, movementos, etc.),... e dos que emanaron leis como a Lei de divorcio,... e Reformas como a agraria, relixiosa, etc. 




1 de mar. de 2021

A traxedia na costa portuguesa chegou a Bueu

Nestes tempos de confinamento moitos botan de menos un paseo polas vilas da irmá Portugal. Dende aquí, un saúdo e os mellores desexos aos amigos portugueses.

Certo é que estes días, de finais de febreiro, véñenme a memoria os preciosos azulexos de Póvoa de Varzim nos que algunhas das composicións reflicten o que sería a segunda das maiores traxedias da pesca no mar do litoral portugués[1]. E Bueu, porto mariñeiro agochado nunha ría, que está lonxe do cotiá das embarcacións de baixura portuguesa, unhas 68 millas náuticas, que ten que ver con esta desgraza? Pois moito, e na súa mellor carta de presentación, como porto de acollida. Pero non adiantemos acontecementos, e fagamos un pequeno resumo do acontecido...


Fixo antonte 192 anos, o 27 de febreiro de 1892 “ficará dolorosamente assignada para as populações marítimas da Povoa de Varzim e da Affurada, pela horrorosa hecatombe que se deu em resultado da tempestade que se desencadeou n’aquelle día e que causou a morte a dezenas de pescadores, que tinham ido procurar na labutação do mar, o sustento dos seus[2]

A descricións na prensa escrita desta terrible traxedia están cargadas de palabras de prantos, salaios, queixumes e de moita dor reflexo do vivido por aqueles días nas praias desta costa portuguesa lugares dende onde se podía observar a desesperación das tripulacións por chegar a lugar seguro e aos que o mar ía engulindo. “A desolação é indescriptivel. Aos rugidos do temporal ouvem-se os gritos afflictivos das mulheres que se reuniram na praia... [...] Dos quarenta barcos que sahiram da Póvoa e dos seis que partiram da Affuradanaufragaron nove cun total de 105 tripulantes afogados (“mais 3 em resultado dos ferimentos que receberam”). O resto das embarcacións arribaron cara a distintos portos portugueses (Vila do Conde, Leixões, Viana e Esposende) ou galegos como Vigo (3), Baiona (4), A Garda (1) e BUEU (5)

Como poden ler “chegaron a BUEU” 5 embarcacións (6, di algunha revistas portuguesas da época)[3].

 Tal e como lemos no diario de Lugo, El regional que á súa vez recolle do Diario de Pontevedra dando o nome de cinco patróns dos barcos portugueses (“Juan Praga, Joaquin Mitra, Juan Lima, Manuel Mayo Nobo y Manuel Reigosa”) e indicando que o número de tripulantes eran 111.

Como non podía ser doutro xeito todos foron aloxados e coidados polos nosos veciños, logo telegrafiaron ás súas familias e ao cónsul portugués en Vigo. Cando mellorou o tempo puideron regresar ao seu país e o fixeron por terra. E que pasou coas embarcacións? Segundo recolle o Diario de Avisos de la Coruña veu un remolcador portugués ata Vigo para recollelas e trasladalas ata Póvoa de Varzim.

 

Nota: Cando pasedes pola vila de Póvoa de Varzim acercádevos á entrada do Porto de mar (fronte ao Casino) a contemplar o mural de azulexos e buscade os que se refiren a esta traxedia pero tamén podedes mirar a igrexa de Nossa Senhora da Lapa que está, fronte ao mesmo porto, a uns 700 metros en dirección a Vila do Conde e nela o peculiar faro testeiro da igrexa e un panel conmemorativo a este evento.

... e lembrade que chegaron a Bueu...



[1] A maior deuse na rexión de Matosinhos/Leixões, o 2 de decembro de 1947, onde houbo un grande temporal que colleu á flota de traíñas no mar e afundiu algunhas delas, perecendo 152 mariñeiros. Número grande pero alonxado aos 322 náufragos na galerna que no Cantábrico se deu no “Sábado de Gloria” do 1878.

[3] Sinalar que o xornal A Independencia de Póvoa de Varzim do 6-3-1892 informa como poboación de acollida Vilagarcía de Arousa e ata nomea ao patrón Juan Praga. Esta noticia fixo que nos actos de conmemoración do centenario da evocación da traxedia estivesen unidas Póvoa de Varzim e Vilagarcía de Arousa. Incompresiblemente non houbo, que eu saiba, referencia alguhna aos pobos receptores mencionados nos xornais españois e portugueses. Curioso que se poña, no folleto anunciador da homenaxe, a portada (e non o texto) da revista ilustrada portuguesa “Occidente” que cubriu monográficamente a noticia e non cita para nada a Vilagarcía (nin Vilanova), e sí ás demáis, Bueu, Vigo, A Garda e Baiona.



1 de xan. de 2021

Enterro do dono do pazo dos Picos: José Joaquín de Aldao e Sarmiento

Salvador Avilleira Estévez de Cela, pero domiciliado na Graña, achégase ben cedo, ás sete da mañá do día 7 de maio de 1895, ao xulgado municipal para manifestar que o seu veciño, dono da Casa do Casal, Don José Joaquín de Aldao e Sarmiento[1], falecera ás catro da mañá a consecuencia dunha nefrite,  á idade de 64 anos. E o cemiterio onde ía ser enterrado sería o civil da cidade de Pontevedra de onde era natural.

O finado, fillo de D. Esteban de Aldao e Aymerich e a súa segunda muller, Rita Sarmiento e Salazar tamén era tío avó do polígrafo Víctor Saiz Armesto...

Ata aquí todo sería un deceso normal sen máis relevancia que a dor dos seus achegados e amigos. Pero moitas veces os ‘salvapatrias’ poñen por diante das Liberdades ou da capacidade que temos as persoas de decidir aquilo que nos é propio, os seus credos que aínda que respectables, son os seus.

Sen querer entrar en disquisicións, lean o que do enterro do veciño de Bueu, José Joaquín de Aldao publicou o xornal pontevedrés «La Lealtad Gallega» (8-5-1895 p.3), que se definía como “tradicionalista e órgano do partido carlista da provincia”:   

La Lealtad Gallega -8-5-1895 p.3


[1] Para coñecer máis deste personaxe podedes acceder ao libro e anexo, “De los Aldao a los Nuño” que sobre a familia dos Aldao están publicados na miña web ( https://descubrobueu.wixsite.com/bueu/nnunhomiguel ) polo autor Miguel Ángel Nuño Vázquez-Garza, que é tamén descendente de Joaquín Aldao Sarmiento. Dicir que na actualidade ten inéditos outros volumes que amplían a historia familiar.

Denuncias por festas ‘ilegais’

 Nestes tempos, observamos que repetidamente os medios de comunicación poñen o punto de mira nas festas ilegais que proliferan por toda a xeografía do noso país como unha causa máis, das relevantes, que permiten transmitir o virus que a un grande número de cidadáns lles sega a vida.

Sen entrar, polo de agora, en disquisicións nin polémicas ateigadas de racionalidade ou, polo contrario, de impulsos viscerais só se me ocorre unha palabra: Sentidiño!

Para relaxar un pouco a crispación a que estas actitudes dan orixe vou abrir a espita da historia e tratar de atopar no Bueu do pasado algún “cabreo” por  festas “non autorizadas”...

Nos dous testemuños que atopo coinciden  que están impregnados de moralidade inoportuna, superficial e inexacta. Poderíase seguir cualificándoos en función dos feitos, dos protagonistas. etc. pero deixemos que se esquezan do dito e cada lector saque as súas conclusións:

O luns 8 de decembro de 1924, día da Inmaculada Concepción, celébrase o fin dos traballos co liño, ‘o fiado’; atrás quedara  a sementeira, o ripado, mazado, espadelado, etc. e aínda faltará o ensarillado, o devanado e o tecido.

O fiado era unha operación esperada no traballo co liño que facían as mulleres coa roca e o fuso pois era momento de xuntanza e alegría a onde acudían tamén os mozos na procura de noiva. Era ocasión para as bromas, contos, chistes, cancións, bailes,... dependendo do lugar da fiada e da xuventude dos protagonistas da mesma.

A raíz da carta enviada polo Alcalde de Bueu, Luís Jesús Prieto García, á Secretaría do arcebispo de Santiago dando queixas do párroco de Cela pola denuncia desa fiada na que... Pero mellor transcribo a carta na que lle resposta a Secretaría arcebispal, que é clariña:


La Exma. Ilma Prma. el Arzobispo, mi Señor ha recibido la atenta comunicación del día 17 del corriente en que V.S. ser ha servido darme quejas del proceder observado por el Pbro. D. Juan Paz con motivo de la celebración de la “hilada” que tuvo lugar la noche del 8 de diciembre último en un local de la parroquia de Sta. María de Cela, y bien informado acerca de lo ocurrido, me mandó contestarle diciéndole que el denunciado, lejos de merecer reprensión, es digno de alabanza, pues el hecho de haber sido clausurado dicho local por orden del Ilmo. Sr. Gobernador de la provincia con imposición de multa pecuniaria demuestra palmariamente que las protestas del Sr. Paz contra las reuniones y bailes inmorales que allí se celebraban, no eran exaltación nerviosa, sino solícita defensa de la moral ofendida de palabra y de hecho por los concurrentes a aquellas reuniones.”

A outra das festas denunciadas é na parroquia de Aldán, concello de Bueu, dado que é en decembro de 1839. Ao igual que a anterior vou transcribir a carta, xa que é bastante clara como para non apuntar máis explicacións, que do Goberno político de Pontevedra lle envían ao alcalde de Bueu, Manuel González Plá:

“En vista de cuanto V. me ha manifestado el 21 de noviembre último acerca de la resistencia de una de las hijas de Dn Pedro Bermúdez á concurrir a la casa de su párroco que la mandaba llamar para darle una corrección fraternal para evitar que se repitiese en la de su padre el escandaloso porte de incomodar al vecindario con el bullicio de bailes hasta horas muy altas de la noche, he resuelto que para castigo de la indicada desobediencia imponga V. y exija al D. Pedro Bermúdez la multa de ocho ducados que V. hará efectiva en la comisión pagaduría de este Gobierno político, apercibiéndole que si en lo sucesivo permite reuniones en su casa a deshoras de la noche será penado con mayor seguridad; y a V. prevengo preste el correspondiente auxilio al párroco y autoridades eclesiásticas cuando lo imploren para el desempeño de sus atribuciones.”

1 de dec. de 2020

Cando a salga vai mal

No maxín de moitos está que a industria da salga foi durante anos unha industria florecente na que o traballo non faltaba, tanto na terra como no mar. A idealización deste tipo de actividade ven dada pola grande cantidade de xente que empregaba directa e indirectamente, polas salgas e outras construcións de tipo suntuario  e, sobre todo, polo estilo de vida e status social dos seus propietarios.

A realidade foi máis diversa, e houbo de todo en todas as épocas onde era habitual esta actividade (s. XVIII ao XX). A dependencia da presencia ou non do peixe, fundamentalmente da sardiña, na nosa costa; a liberdade de movemento do transporte marítimo, dificultado polas guerras ou pola actividade corsaria, ou pola irrupción de novas técnicas de conservación dos produtos farán máis visibles eses altibaixos.

A Roiba-1920

Por mencionar dificultades no mundo da salga en Bueu porei, a modo de mostra, tres exemplos:

-          Juan Domenech, para facer fronte aos gastos ocasionados pola fábrica de salga que posuía no Porto de Figueirón (Beluso) ten que pedir un crédito hipotecario  de 7.500 pesetas á sociedade “Salvador Massó e Hijos”. Ao non podelo satisfacer queda sen a salga, ano de 1888.

-          Tomás e Narciso Galup con varias salgas en Bueu e Beluso precisan un préstamo hipotecario sobre o almacén na praia de Bueu (Pescadoira) ante Ramón de Castro e Josefa Patiño da parroquia de Alba. Ao non redimilo quedaron sen el, ano de 1845. No 1850 pasaría, por venda dos Castro Patiño, a mans de Francisco Tapias.

-         


Escribán Benito de Aris

   Pedro Pastoriza, construtor da Roiba, xa comezara con mal pé a obra desta fábrica de salga pois fora denunciado (1811) ao considerar os veciños que edificara parte da mesma en monte comunal. Para sobrevivir, por causas das perdas, a partir de 1814 ten que alugala. Pero en 1817 os seus empregados de terra (salga) e de mar (lanchas da arte) preitean no xulgado Ordinario de Cangas para reclamarlle os xornais que lle deben. Anulado ese xulgado temos, en Xulgados de Pontevedra, aos traballadores en 1821 coas mesmas reclamacións dos seus salarios de 1817. De cobrar, o cobrarían avogados e xuíces?.  No poder que os traballadores lle dan a uns procuradores para que os representen no xulgado, acalaranlles que de gañar o xuízo cobrarían 1/3 do reclamado e no caso de perdelo, nada.