1 de out. de 2020

O misterio do bueués Ramón Miranda Pérez como xogador do F.C. Barcelona

 Hai pouco máis dun mes, Fernando Miranda púxome en coñecemento dun ‘suposto’ xogador do C. F. Barcelona no primeiro terzo do século XX, e que curiosamente era de Bueu. E de ser así, como se apelidaba ‘Miranda’, ata cabía a posibilidade de ser un familiar seu...

O bueués Amador Lorenzo Lemos foi o xogador de Bueu que acadou os máis altos niveis no fútbol español e o fixo porteiro no Barcelona, Real Madrid, Hercules C.F. e Real Murcia...

O raro do caso era que ninguén mencionara nunca outro veciño coma xogador dos grandes equipos da primeira liña da liga española.

Por suposto que sería, de ser certo, unha noticia moi interesante para compartir neste blog. Por todo o cal decidín recompilar toda a información que puidera sobre a personaxe e sobre a súa actividade partindo da ficha que na historia do F. C. Barcelona (no blog https://www.bdfutbol.com/es/j/j11530.html ) puña del na tempada 1932-33. Busquei máis pistas para analizar e nomes de familiares a quen preguntar.

A raíz disto conseguín un pequeno conxunto de documentos extraídos, case todos, de hemerotecas de xornais como El Correo Gallego, La Noche, etc. polos que puiden facer un seguimento da súa actividade como xogador, entrenador, masaxista, etc. coincidentes en parte coa ficha mencionada.

Pero o que quería confirmar en primeiro lugar era se existía ou existira unha persoa de Bueu con ese nome e que as datas de nacemento e defunción foran as mesmas.

Efectivamente houbo un tal RAMÓN MIRANDA PÉREZ nado en Bueu o 27-12-1908 (non no 7-11-1909 da ficha) e que morrera na mesma data que indicaba a ficha. A pesar de que eran moi significativas as coincidencias eu non podía dar por válida a noticia xa que na documentación manexada atopei indicios que me chamaron á atención que reforzada a teoría de que o bueués e o xogador eran dúas persoas distintas.


As pescudas, logo de artellar unha especie de árbore xenealóxica, leváronme a dar con familiares directos do Ramón Miranda de Bueu e un dos fillos deste confirmou que non fora xogador senón, toda a súa vida, mariñeiro.

O misterio fora resolto: eran dúas persoas co mesmo nome e apelidos e, por algún erro, alguén dou as datas e referencias de Bueu...cando o que tiña que poñer a orixe asturiana e non galega do xogador/adestrador.

1 de set. de 2020

Bueu reinou nas festas da Peregrina

 Este ano sen festas polo COVID-19 danos tempo a retomar a mirada ao pasado e fixarnos no anecdotario...

Se nos remontamos aos primeiros días do mes de xuño de 1967, atopariámonos coa comisión de festas da Peregrina de Pontevedra, presidida por Antonio Hereder Solla, traballando sen descanso ao fin de ultimar o programa de festexos dese ano.


Entre as actividades  a incluír no programa estaban os xogos florais e, na “Exaltación da muller galega”,  a elección da Raíña das Rías Baixas que, tal como se acordara o ano precedente, sería designado anualmente polos concellos das Rías Baixas, seguindo orde alfabética. E no 1967, tocáralle a Bueu.

Para cumprir o requisito a comisión dirixiuse ao concello de Bueu para que designase a raíña e ás seis señoritas que integrarían a súa corte de honra, e que os representaría nestas festas.

A elección sería en plenas festas da Peregrina (o 19-08-1967) para poder participar nese mesmo día na Batalla de Flores,  subidas na carroza da Comisión de Festas.

Percorreron as rúas 11 carrozas (4 de Vigo e 7 de Pontevedra) e a participación foi tan numerosa que  algúns xornais da época a cuantificaron en 25.000 persoas atraídos polas carrozas e polos desfiles de coches que con elas ían. As categorías eran varias: coches antigos, coches con motivos humorísticos e coches descapotables con parella, que se repartían cuantiosos premios en diñeiro, ata 1000 pesetas por categoría, e en obxectos de prata.

Curiosamente coñecemos moitos nomes que fixeron posible estes actos, así como músicos  e agrupacións que participaron nos mesmos: Banda de Música  ‘La Artística’ de Arcade, Real coral ‘Toxos e Froles’ de Ferrol, Danza das espadas de Redondela, Os de Marín,... e, curiosamente, do que é relevante para este blog de Bueu, o nome da Raíña e das compañeiras, non temos noticias ...

Pero as redes seguen pescando no mar e cando o saiba, vós tamén o saberedes.

31 de ago. de 2020

Barcos de Bueu e Beluso con homes armados para matar arroaces

Los cetáceos de las Rías Baixas, a vista de pájaro” é o último artigo que puidemos ler esta semana na prensa de Vigo falando dos arroaces, pero houbo moitos outros: Los cetáceos de las Rías Baixas, a vista de pájaro”,  Los delfines vuelven a criar en las Rías Baixas”, “Los delfines mulares de las Rías Baixas, más ‘acróbatas’ que los de Cerdeña y el Golfo Pérsico”, Las Rías Baixas, el reino de los cetáceos”, “Los biólogos, sorprendidos ante la inusual y variada presencia de cetáceos en las Rías Baixas“, etc.  Como pode comprobarse nas hemerotecas é un tema recorrente na tempada estival.
 O amigo Miguel díxome que estando pescando hoxe por Udra mirara moitos arroaces. E falando do tema lembrouse que cando neno ía co seu pai no barco e as veces escoitaba o son das bufas e sabía que “as bufas non fan dano nos aparellos como os arroases”.
E así falamos de cousas relacionadas con este tema, como da actividade lúdica como “as corridas de arroaces polas festas da Peregrina en Pontevedra”, do mandado do P. Sarmiento ao seu irmán para que dese a orde de que se verificase se os arroaces quedaban cegos en maio e xuño, etc. Logo apareceron nomes coma Martín Sarmiento, Calo Lourido[1], Felipe Valdés[2], etc. e, como non podía ser doutra forma, tamén Bueu e os arroaces...
Ao longo dos últimos séculos falar na costa galega de arroaces, botos, bufas, golfiños, toniñas, marsopas, touliñas, etc. era falar de cetáceos e dentro destes de diversas familias, como a dos delfínidos e case sempre coa mirada posta máis ben no mundo da pesca e non tanto da bioloxía dos mesmos. Unha mirada un tanto torcida pois, a maioría das veces, eran considerados polos mariñeiros, sobre todo xeiteiros, inimigos dende antigo.
O arroaz ou delfín mular pode verse polas nosas rías sobre todo pola tempada de verán tras os cardumes de sardiña.
El pensamiento gallego-23_03_1897
A súa presenza é aproveitada por uns ao servirlle de guía para saber onde se atopa o banco de peixe, que dirección toma ou facilitando o agrupamento deste. Para outros unha verdadeira desgraza, pois ao querer estes alimentarse da sardiña mallada rachaban os aparellos causando un prexuízo pola perda de tempo, ausencia de capturas, reparación das redes, etc. que se traducía nun gravísimo custe económico.
O mundo do mar moitas das veces tomou decisións inclementes con respecto a estes delfínidos, actitude que case sempre os levaba a solicitar ao goberno de que se autorizasen e se puxesen medios para a total erradicación dos mesmos. Estas medidas, poucas veces concedidas ían dende a recomendación de batidas, colocación de redes, presenza de lanchas con tiradores, gardacostas con artillería pesada etc. e, por pedir ata que interviñese a aviación lanzándolles bombas.
Exemplo dunha reunión para acordar cousas deste tipo a temos nunha celebrada en Marín, a finais de marzo de 1897, con representación de todos os portos da Ría onde se acordou contratar 10 embarcacións con dous mariñeiros e dous tiradores cada unha “en persecución constante dos delfíns, ata extirpalos”.
A Bueu e Beluso, xunto con Ardán lle correspondían 2 barcos.


[2] Cuadernos de estudios Gallegos, Tomo LI:”El problema pesquero con los delfines y su persecución en Galicia (siglos XIII al XX)”

1 de xul. de 2020

Bueu: As oblatas nas parroquias


Un feito puntual relacionado coa investigación da salga ponme en contacto cun nome que ata hai pouco descoñecía: Francisco González Garay, alcalde de Marín no 1869 e de 1883-1885. E resulta que me decato de que era o avó materno de miña avoa materna. Ata aquí case todo quedaría no anecdotario persoal de non ser que xa pasado máis dun ano decido ver se atopo algo dese tataravó e o primeiro que vexo é un Bando promulgado por el prohibindo, entre outros, o pago de ofrendas e oblatas aos curas. E era o ano de 1869! Sorprendeume que desde un concello se lexislase, e con tanta claridade, nese sentido.
Acendéronseme as luces e lembreime dunha noticia de Bueu sobre o mesmo tema que tiña agochado por algún lado e que ía pór nunha Entrada cando marcharon as monxas de Santa Clara, grandes receptoras de ovos por parte fregueses das comarcas da contorna pontevedresa, pero que nunca chegou a ver a luz neste blog e que aproveito agora para transcribir: “Onde está a conciencia dos que a claman? – Aínda que non somos partidarios de meternos onde non nos chaman, non podemos tolerar feitos que están pasando e que seguirán ocorrendo, se non se trata de obstaculizar certos abusos cometidos en varias parroquias, onde a ignorancia duns e o absurdo temor doutros, son os principais factores que se aproveitan para obter pingües beneficios.
Na parroquia de Cela -citamos esta porque en Bueu e Beluso xa vai derrocada a abusiva costume- seguen o bochornoso hábito de levar ao párroco unha ducia de ovos por matrimonio e media ducia aos viúvos.
Este tributo é imprescindible para quedar anotado no libro como “bo católico” e para logo, se necesitan apadriñar algunha criatura, non ser rexeitados por “herexes”, ou en caso de morte, ser sepultados no cemiterio católico.
Vemos familias que, a pesar de carecer de medios económicos para levar o indispensable pan os seus fillos, acoden -senón os teñen llos piden aos veciños- coa súa ducia. E, por se foran poucos os gravames doutras ordes que soportamos!...
Saben que hai tantas necesidades e miserias, e sen embargo reciben as esmolas dos desgraciados.
E agora un pequeno cálculo. Supoñamos que na citada parroquia hai 500 matrimonios. (Hai moitos máis -non contamos viúvos-; pero que sexan eses os que “contribúen”). Cincocentas ducias de ovos a dúas pesetas, como actualmente se cotizan, (se non levan estes abónase o importe en metálico), fan mil pesetas. E pensar que hai tantas calamidades a que atender sen que ninguén se interese por elas!
Por que razón ten que cobrar un señor sen traballo algún, mil e pico de pesetas, habendo tantas familias morréndose  de miseria e de quen nin uns nin outros se preocupan para vergoña de todos? Por que non damos ao veciño máis necesitado o que regalamos a xente que lle fai menos falta? Onde está a conciencia e amor ao próximo?
Pensen os labregos. Poñan a vista nos fogares de seus irmáns os desherdados e logo obren segundo lles diten seus sentimentos. Non lles pido máis.” 
El pueblo gallego 22-2-1930 páxina 8
 Certo! Este dato é do 1930 pero ese “costume” durou en algunhas parroquias do Morrazo ata non hai tantos anos.
Hai quen di, e con razón, que é un acto “voluntario”. E se non cumpres con esa “voluntariedade”?. Ao respecto algo está dito no artigo transcrito. Pero todo dependía da actitude de cada párroco. Ata podía dirimirse xudicialmente. Así se fixo nas dúas sentencias que teño a man, das que porei unha nota dos “Considerando”, do “Resultando” e do “Fallo”.
O primeiro exemplo dun xuízo é de Sta. María de Oza (1906) onde o cura denunciou a uns fregueses por non pagar reiteradamente os ferrados de trigo e millos, ovos,... da oblata. O xuíz entre moitas alusións xustifica a obrigatoriedade en base a unha morea de disposición leagais, concilios, etc. e como resultado condenados a pagar...


Outro sería o xuízo contra o cura demandado polos seus fregueses, por obrigalos ao pago das ofrendas e que se celebrou en A Coruña (1915) e cun resultado semellante ao anterior.



Alguén podería pensar que era “voluntario”... cando se pagaba, pero “obrigatorio” cando non se satisfacía.

Nota: Si se queren ler as sentencias completas, pois dan unha idea clara dos argumentos das partes e da autoridade xudicial,  premer nos seguintes enlaces: Sta. María de Oza (1906) no Boletín Oficial do Arcebispado ou o de A Coruña (1915) no xornal El Correo de Galicia do 7-8-1915 páx. 1-2