25 de set. de 2016

Intento de formar Banda de Música 1951

Cando escribo isto comezou o novo curso escolar de música da Banda de Bueu e, ao acompañar a miña neta a unha das actividades, pareime, unha vez máis, a ler o que na porta de entrada da CASA DE MÚSICA MANUEL OMIL pon do mestre, compañeiro, confidente e amigo Manolo, ou como moita xente o coñecía “Don Manuel  O Pirigallo”.
De Manolo podería comentar moitas cousas como persoa, como mestre ou músico (ou como reza no texto citado, polo “seu amor pola música”) pero non o vou a facer agora. O que si quero é incidir nun feito puntual, para min relevante: O intento de D. Manuel Omil de formar unha banda de música.
Tal como acorrera no ano 1923 que houbo un primeiro intento de formar unha Banda Municipal en Bueu e a tal fin anunciarase que se daban clases de solfexo e música nos baixos do Concello, por D. Miguel Paratcha.
Algo semellante quixo facer Manuel Omil o 2 de agosto de 1951 senón vexan o oficio que lle enviou ao Sr. Alcalde Presidente do Concello de Bueu:
Moi Sr. meu: Permítome molestar a súa atención para darlle conta de que desde fai varios meses, veño dando clases de solfexo a un nutrido grupo de rapaces desta vila, co propósito de formar no seu día unha banda de música. Non necesito poñer de releve ante Vd. os beneficios que elo reportaría moral e materialmente a este pobo. Dáse sen embargo, a circunstancia de que a case totalidade destes xoves, carecen dos medios económicos suficientes para adquirir o instrumento axeitado. Por elo atrévome a suplicarlle dígnese dar conta do particular á Corporación que tan acertadamente preside, a fin de que se fora factible, concedese a subvención necesaria para facer realidade tan anhelado propósito.
Co maior respecto saúdalle
F/Manuel Omil  Estévez


A resposta por parte do concello foi favorábel xa desde o primeiro informe da Comisión de Facenda:
Examinada a petición de D. Manuel Omil Estévez e considerando que toda axuda que se preste á educación dos nenos, en calquera aspecto que sexa, sempre será beneficiosa, esta Comisión decídese a propoñer que o presuposto do inmediato ano de 1952, figure unha consignación non inferior a 1000 pesetas que sirva para subvencionar a formación de masas corais ou bandas de música, cando poida apreciarse a utilidade destas organizacións, podendo  tamén ser invertido o crédito que se abra en instrumental, locais, uniformes ou exixencias análogas.
Non obstante a Permanente acordará o que estime máis acertado.
Bueu a 15 de outubro de 1951

O que foi aprobado pola Comisión Municipal Permanente do 17 de outubro de 1951.

Pero tal como pode lerse no texto da porta, anteriormente mencionado: “…pero este proxecto non chegou a bo porto polas circunstancias da época".

19 de set. de 2016

O concello de Bueu premiou con diñeiro por matar alimañas

Dende mediados do século XIX moitos concellos deron en premiar a eliminación de bichos prexudiciais ou potencialmente daniños para os cultivos, os cidadáns ou os seus animais.
Polo cal non é raro observar nos libros de Intervención da Secretaría dalgúns concello, como o de Bueu, listados mensuais con bastantes apuntes ao respecto.
Por poñer un exemplo, fixarémonos no ano 1867, e vemos que o rango de maior a menor relevancia é:
Raposo adulto.....  2 escudos
Raposo pequeno.  1 escudo
Teixugo...............  1 escudo
Garduña..............  1 escudo
Marta..................  1 escudo
Para que sirva de referencia dicir que a un mestre polo semestre de casa lle pagaban 5 escudos. Ou o aluguer dunha escola/vivenda uns 6 escudos e 600 céntimos de escudo cada mes.

Algún dos agraciados destes premios  facíanse con algún dos animais case que todos os meses o que supuña un sobresoldo ou ás veces a única fonte de ingresos. Tal é o caso de José Mariño que nalgún mes gañou ata 9 escudos por matar catro raposos e unha garduña ou Domingo Portela, 11 escudos, por catro raposos adultos e tres xoves.
Nota: Dende os anos vinte do século pasado esta práctica foi substituída por agasallos e recoñecemento por parte dos veciños por onde se paseaba o 'botín'.

4 de set. de 2016

Primeira ‘fotografía’ de Bueu

Unha cousa é imaxinar a paisaxe ao través da documentación e outra velo co realismo dos ollos dun fotógrafo, pintor ou debuxante. E se esa mirada ten case que 150 anos e, aínda por riba, coincide coa percepción que un tiña da época non pode ser máis gratificante.
Algo así ocorre coa contemplación do Bueu do 1868. Unha primeira ‘fotografía’ que non ven da man da Cámara escura[1] nin tampouco do Daguerrotipo nin da primeira foto en cor como a de J. Clerk Maxwell aparecida na mesma década.
A primeira[2] ‘fotografía’ de Bueu é unha “Panorámica Xeral de Bueu”, en cor, dende a Praia de Beluso. É unha ‘foto’ ou ‘case foto’ pintada ao óleo, por encargo do concello, no maio de 1868 por Federico Guisasola Lasala (Madrid 1830-Pontevedra 1882)[3]. É un fermoso e pouco coñecido cadro polo que se pagaron 60 escudos isabelinos[4].
 Algúns datos e curiosidades do cadro:

-         As medidas do cadro: Lenzo-óleo enmarcado en madeira de 100 x 80 centímetros
-         O cadro estivo colgado na sala capitular moitos anos ata que por mor dunhas obras no concello foi depositado no faiado[5].
-         Ante o seu abandono e deterioro un concelleiro, Pin Cabanillas, reclama sexa restaurado e a Comisión de Cultura do concello faise eco desta proposta en maio de 1985 e, días despois, a Comisión Municipal Permanente faculta á de Cultura para levar a cabo as xestións oportunas. Ao mes seguinte preséntase un presuposto do Padroado do Museo de Pontevedra –Taller de restauracións- por un importe total de 73.000 pesetas. A mesma Comisión de Cultura di: “...estimamos que debe ser aceptado este presuposto por considerar que esta obra é digna desta restauración, dado o seu valor pictórico e sentimental”. Foi aceptada a suxestión e aprobada pola Comisión Permanente.
-         Cambióuselle o marco e como síntese dos tratamentos que se lle fixeron ao cadro temos:
o   Limpeza
o   Reentelado
o   Montaxe en novo bastidor
o   Fixóuselle a capa pictórica
o   Reintegración
o   Protección final
-         Moitos dos que repararon nel no pasado coñecíano como o “Cadro da vaca” polo animal que aparece en primeiro plano.
-         A pesar de ser unha Vista Xeral, se facemos unha ampliación, atopámonos unha primeira e fermosa ‘fotografía’ do pobo de Bueu: con precisión no detalle, cun Bueu casa por casa e, por estar, ata se aprecian os secadoiros de redes.

-         O cadro leva uns anos colgado nun despacho do concello. Atópase en boas condicións se exceptuamos unhas faltas no óleo froito dalgún despiste, mala manipulación, do tempo...

Por pedir, pediría que se coñeza o cadro e coñecéndoo valórese e presérvese do esquecemento e do deterioro.


[1] A primeira fotografía que puido contemplarse: “Vista desde a ventá en Le Gras” (1826)
[2] Con anterioridade, 1849, había un debuxo titulado “Praia de Bueu” (Pescadoira), do grande paisaxista romántico Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854):  http://acidras.blogspot.com.es/search/label/Pérez Villaamil
[3] Discípulo da Escola de Madrazo. Aínda mozo abriu en Vigo una escola de pintura. No verán de 1958 coincidiu co alcalde bueuense, Agustín Plá Aballe, na Exposición Agrícola e Industrial e Artística de Galicia celebrada en Santiago de Compostela. Ase mesmo na entrega de medalla xa ambos levaron unha de cobre; o Agustín por ‘trigos e centeos’ e Guisasola, por un cadro de ‘cabeza de estudio orixinal’. Logo pasou a residir en Pontevedra, no curso 1862-63, para facerse cargo da praza de interino de “Debuxo lineal de figura e de adorno” no Instituto desta cidade. Nesta época fixo viaxes por Galicia tomando apuntes que lle serviron na súa obra posterior.  Meses despois de pintar o cadro, iniciouse a coñecida coma ‘Revolución de setembro’ ou ‘A Gloriosa’ marchou a Madrid e logo a Salamanca. De volta a Madrid pasa grandes penurias económicas das que sae grazas a unha serie de encargos de retratos, portadas de publicacións. No 1872 regresa a Galicia traballando coma debuxante e acuarelista. Colaborou, con fermosas litografías, nas revistas Ilustración Española y Americana, e en I. Gallega e na I. Asturiana nas que poden verse interesantes e moi coñecidas litografías como as da serie Tipos populares de Galicia: Patrón dunha lancha pescadora de Beluso” (1880)”
[4] Uns meses antes, no agosto de 1867, hai un cargo nas contas do concello de Bueu de dous escudos con e catrocentas milésimas a favor de “D. Francisco Piqué por un cadro no que contén o retrato do bizarro xeneral Dn Casto Méndez Núñez”
[5] A principio dos oitenta do século pasado estaba colgado no salón de plenos xunto coa Virxe do Carme que José Benito Otero Baena lle doara á Confraría. Cadro que posteriormente foi reclamado pola confraría e hoxe pende nas súas oficinas.

30 de ago. de 2016

Festa do Pescador humilde de Ons-1952

Hai uns meses escribín un artigo para a revista Aunios nº 21[1] co título “Apuntamentos da illa de Ons e a Falanxe” onde facía unha recolleita de datos, dende 1938 a 1950, que puña, entre outras cousas, de manifesto a utilización das penurias dos habitantes de Ons por parte de institucións de Beneficencia ou mesmo gobernativas.
Remataba o artigo dicindo: “Uns anos despois, 1949-1950, Ons vai caendo no esquecemento para as institución de Beneficencia e Axuda. Así pódese constatar que nas relacións de Familias Pobres do concello de Bueu ás que se lle adxudican vales de Nadal para artigos de alimentación non aparecen ningunha da illa de Ons.
Polo visto esquecín algún “acto”[2] a partir desas datas como o que está reflectido que transcribo a continuación[3]: Con motivo da festa do pescador humilde que se celebraría o próximo domingo día 3 [de agosto] na illa de Ons, o Excmo. señor gobernador civil da provincia Dr. Palao Martialay, fixo entrega ao Gremio de Mareantes encargado da organización daquela simpática festa, de tres canistreis de roupa confeccionada pola Sección Feminina de Falanxe Española con destino a outras tantas familias de mareantes humildes.
O Gremio de Mareantes expresa a súa gratitude sinxela á primeira autoridade civil da provincia por este risco de xenerosidade co pobre home do mar.”
Queda dito!



[1] Enlace ao artigo Aunios 21: https://db.tt/7xdbF73e
[2] Aínda que non houbera moitos.
[3] Do xornal La Noche do 30 de xullo de 1952 páx.1

13 de ago. de 2016

Castelao e Bueu - 2

Relido o artigo Castelao en Beluso  escrito por Miguel García García no seu blog Aernobriga volvo a quedar de novo impresionado pola claridade, precisión ou ‘rigor histórico’ é polo aire de frescura que reflicte nos seus escritos. E co ánimo de aportar algo máis da figura de Castelao e Bueu, que desexo se siga a incrementar no futuro,  e polo que engado o apunte seguinte:
O 20 de xullo de 1935 o alcalde de Bueu, Ramón Domínguez Ferradás, recibe un telegrama do Gobernador Civil no que lle da conta da solicitude do Presidente do Partido Galeguista en Pontevedra, Víctor Casas, para celebrar un mitin no domingo 21 ás catro da tarde no que tomarían parte, o solicitante, Gerardo Álvarez Gallego, Alejandro Bóveda, Alfonso R. Castelao e Manuel Gómez Román. Para isto doulle autorización coas seguintes condicións: Que o mitin tivera lugar nun local pechado e que a alcaldía designara un Delegado “que asista ao acto e adoptar as medidas convenientes orde” e que lle deran conta ao gobernador.
O día 22 de xullo o alcalde remítelle un telegrama ao Goberno Civil co seguinte texto. “En cumprimento comentado por Vd. en telegrama do día 20, debo participarlle que non se celebrou no día de onte mitin algún de propaganda galeguista, e só tivo lugar un xantar na carballeira de Sanamedio a onde concorreron un pequeno grupo de afeccionados a dito partido ou simpatizantes co mesmo.”
O por que non se celebrou o mitin con esas persoas relevantes do Partido Galeguista  descoñecémolo pero o que si se pode aportar é que Castelao nesas datas non podía vir a Bueu xa que seguía confinado en Badaxoz (estivo ata o 6 de setembro que puido saír grazas ás xestións do, daquela ministro de Gobernación, Manuel Portela Valladares).
Como podedes ver no artigo de Aernobriga o 6 de outubro dese ano de 1935 tamén convocouse un novo mitin que non puido celebrarse por desautorización do Gobernador Civil.

1 de ago. de 2016

A música en Bueu: NEMETON

Nemeton / Arquivo Agulla
Esta fin de semana coa organización, entre outros,  de dous festivais de música tradicional e folclórica (Festival Recordos, o venres; e o sábado do Festival Alborada), festivais no Aturuxo[1], da actuación de Carlos Núñez e o seu grupo e, o vindeiro fin de semana, coa volta do SonRías Baixas fan que Bueu rezoume música por todos os recunchos.
Isto, e que acabo de chegar dunha magnífica actuación na Igrexa, fanme cambiar a Entrada do blog prevista e elixir outra que nin pensaba...
Neste caso dar a coñecer[2] un pouco máis a un Grupo folk Nemeton fundado en Bueu por tres mozos desta vila aló polo ano 1976 (actuaron ata o 1978):
Emilio Rodríguez Miranda (Voz, guitarra acústica e española, frauta doce)
Miguel Agustín Pouseu Loira ‘Tinso’ (Zanfoña, guitarra acústica e española)
Isidro Cortizo del Río (Voz, guitarra acústica e española e pandeiro)
e algunha vez acompañounos Fito (Adolfo ‘O Chino’)
Nemeton / Arquivo Agulla
“O nome do grupo fai referencia a un recinto sagrado nun claro da fraga onde ofrecíanse sacrificios  aos deuses. Neste caso, ao deus celta NETON”
Actuaron nunha chea de lugares e escenarios: foron teloneiros de Fuxan os Ventos nas festas da Banda do Río, así como en Cela e no Paraninfo do Instituto Sánchez Cantón en Pontevedra; tamén con Amancio Prada no cine Veiga de Moaña, na Carballeira de Bronlle; tamén de Suso Vaamonde, etc. Actuaron na Casa do Mar en Bueu, acompañados por Antonio Cerviño Loira (hoxe profesor de piano no conservatorio da Estrada), na que tocaron e cantaron unha Cantiga de Alfonso X o Sabio; actuaron da man da Asociación Cultural Liboreiro, etc.

Grupo Nemeton por Agustín Pouseu
Sempre acompañábanos Pepe, o irmán de Tisno que, por certo, como bo carpinteiro (coma seu pai) fixo esa zanfona que aparece na foto cuspidiña a unha que figura no museo Provincial de Pontevedra.



[1] “Tales of Monkeys e The Dragon Wave  (xoves 28) e “El Gueto con Botas” (domingo 31)
[2] Está xa incluído, dende hai uns días, na edición dixital da Revista o Candíl nº 18 “A música en Bueu no correr dos tempos” que está nas miñas webs. Que tamén podedes baixar (páx. 36) neste enderezo: https://db.tt/QtOmcddR

25 de xul. de 2016

De Carballeira a Castelao - Conflito do mar

No marzo de 1936 foi o mes no que en Bueu toma posesión como Alcalde José Gómez de la Cueva (Johán Carballeira)[1] e en Madrid tamén toman posesión dos seus cargos coma deputados[2] Castelao, Santiago Casares Quiroga, Armando Peñamaría, Ramón Suárez Picallo, etc.

Neses mesmos meses o panorama político e económico anda revolto. O mesmo ocorre co mar e no só polo rebulir da abundancia de sardiña senón, e tamén, polo baixos prezos da mesma; así como pola loita fratricida que estes prezos, baixo o control arbitrario da industria conserveira, provocan entre mariñeiros e armadores. Consecuencia de todo isto a flota está en terra e os mariñeiros en paro. E a fame aniñaba en moitas familias da beiramar o que non é de estrañar que as primeiras propostas que Carballeira fai como alcalde[3] son para abrir unha subscrición pública para axudar ás familias necesitadas aportando, por parte do concello, 1000 pesetas; negociar cos panadeiros unha baixada do prezo do pan; e o que era relevante para axudar a solucionar o conflito da pesca, negociar que se contratasen as caixas de medida do peixe cun prezo unitario mínimo así como que houbera un soldo mínimo para o traballo no mar que compensara tanto aos mariñeiros coma armadores.
Nunha editorial de El Pueblo Gallego[4] titulada “O concello de Bueu acorda dirixirse ao goberno” da conta das xestións, a petición do sindicato de mariñeiros e do alcalde, directamente realizadas ante o goberno e parlamentarios en Madrid. Pon a transcrición do texto que coincide exactamente coa nota para o telegrama enviado a Castelao e que reproducimos na fotografía.
“Paro absoluto flota pesqueira este porto e demais rías galegas a causa depreciación sardiña, urxe celebración asemblea pesca para volta normalidade e mentres tanto indispensábel declarar subsistente pacto fabricantes e mariñeiros, finalizado 5 actual. Encarézolle active xestión vitalísima cuestión que afecta importantísimo número familias ameazadas miseria. Saúdalle, alcalde, Carballeira.”




[1] Na sesión do 10 de marzo de 1936.
[2] No que sería o último Congreso de Deputados anterior á Guerra Civil.
[3] Na sesión do 21-3-1936.
[4] El Pueblo Gallego do 12-6-1936 páx. 1

10 de xul. de 2016

Copa Tapias de fútbol

O mércores, día 9 de xullo de 1930 reuníronse os presidentes da ‘Cultural Plus Ultra’ de Beluso e o do ‘Bueu F. C.’ para asinar as bases que rexerán nas disputas que a partires de agora haxa entre os equipos destas dúas sociedades pola Copa Tapias. Copa de prata que foi doada polo conserveiro Juan Tapias, antigo conveciño de Pescadoira.
A transcrición das bases din:
BASES PARA O CONCURSO COPA “TAPIAS”
=======================
          A SOCIEDADE DEPORTIVA “CULTURAL PLUS ULTRA” DE BELUSO, DESEANDO FOMENTAR OL DEPORTE LOCAL E EXALTAR A AFICIÓN, E CON OBXECTO DE QUE SIRVA DE ESTÍMULO AOS XOGADORES DOS EQUIPOS DESTE DISTRITO, ACORDOU POÑER A CONCURSO A VALIOSA COPA DOADA Á “CULTURAL” POLO DISTINGUIDO E ANTIGO CONVECIÑO D. JUAN TAPIAS, A QUE SERÁ DESPUTADA EXCLUSIVAMENTE POLOS EQUIPOS DESTE MUNICIPIO, “BUEU F.C.” E “CULTURAL PLUS ULTRA” CON SUXECCIÓN ÁS SEGUINTES
======  B A S E S  =====
1.      A posesión da copa ‘Tapias’ disputarase en doce partidos durante tres anos consecutivos, celebrándose catro cada ano, dous partidos en cada campo.
2.      Os partidos celebraránse alternativamente nos campos dos respectivos clubs, e as datas serán designadas de acordo entre ambas as Sociedades, o mesmo que a hora en que han de dar comezo.
3.      A clasificación para a posesión da copa, farase por puntos, outorgándose dous en cada partido ao vencedor e un a cada equipo contendente en caso de empate.
4.      Será declarado vencedor de cada ano o equipo que á terminación dos partidos correspondentes ao mesmo, obtivese maior puntuación. No caso de que ambos equipos resultasen clasificados con igual número de puntos, celebrarase un novo partido de desempate, escolléndose campo por sorteo.
5.      O equipo vencedor en cada ano, ten dereito a gravar no trofeo, a vitoria alcanzada e a exhibilo durante quince días nun escaparate da localidade.
6.      A vitoria de cada ano non dará dereito ao equipo vencedor a reter a copa no seu poder até o terceiro ano, en que entrará en posesión definitiva dela se ao finalizar o cuarto partido do mesmo ano resultase con maior puntuación na totalidade dos partidos xogados no tres últimos anos do concurso.
7.      Durante o tempo en que se dispute este torneo. o trofeo estará en poder de don Francisco Puig Martínez, que o reterá até finalizar o concurso. Á terminación do último partido deste, seralle entregada a copa pola Presidenta do ‘Cultural’ en posesión definitiva, ao equipo que resulte vencedor do torneo.
8.      Se, iniciado  o torneo, algún dos equipos retirásese da competición ao rexeitase seguir tomando parte dela, aínda cando tivese gañado algún partido ou a totalidade dos xogados até a data da súa retirada, perderá os seus dereitos sobre a copa, sen reclamación de ningún xénero.
9.      A totalidade do ingreso en despacho de billetes, que será intervida por delegados de ambos equipos, repartirase a partes iguais entre os dous Clubs, descontados soamente os gastos que se orixinen por propaganda, se esta non se pagou antes entre ambas as Sociedades.
10. No campo de cada club terán acceso libre os socios pertencentes ao mesmo, a entrada xeral, previa presentación do recibo mensual.
11. Os equipos estarán integrados exclusivamente con xogadores naturais do concello de Bueu residan ou non neste termo municipal, ou con elementos naturais doutra localidade, pero que leven de residencia no municipio dez anos como mínimo.
12. Cada club entregará ao outro anualmente, antes do primeiro partido que se celebre, unha relación dos xogadores que o integren e asinada polos mesmos, cuxa lista non poderá ser modificada posteriormente.
13. No caso de que houbese algún xogador que figurase inscrito polos dous clubs nun mesmo ano, será eliminado, non podendo xogar por ningún dos dous equipos no devandito ano.
14. Os árbitros serán nomeados de común acordo polos directivos de ambos clubs e de non recaer acordo concreto, someteranse a sorteo os nomes das persoas designadas por aquelas, elixíndose así una das devanditas persoas para a arbitraxe.
15. Estas bases unha vez aprobadas polas directivas de ambos clubs, son inalterables e non poderán ser modificadas por ulteriores acordos das mesmas ou das que lles sucedan.

 Nota: O primeiro encontro sería no campo de Corredoiras o luns día 14 de xullo por coincidir nun dos días da festa do Carme. O segundo partido foi o día da patroa de Beluso (15 de agosto) e o Bueu, non sen polémica, gañou 2-1.
Non teño constancia de que ningún dos equipos fora posuidor da Copa Tapias.

1 de xul. de 2016

Campo Militar de Tiro en Ermelo

Sesión Ordinaria do Pleno do concello de Bueu o 6-1-1902
Don José Plácido Lino González Secretario do Concello de Bueu
Certifico que na acta levantada con motivo da sesión ordinaria celebrada o día seis dos correntes por este Concello, aparece entre outros o acordo que copiado á letra di:
“Visto que polo Excmo. Sr. Gobernador Militar desta provincia Praza de Vigo interésase que por esta Corporación se leve a cabo a promesa feita da cesión dos montes comunais do Distrito para Campo de tiro segundo acordo tomado en sesión ordinaria de oito de outubro do ano pasado de mil novecentos a mesma acordou que unha Concesión do seu seno composta dos Srs. Don Daniel García Lis e o Sr. Alcalde presidente pasen á dita cidade de Vigo e outorgue a concesión de referencia  salvando sempre o dereito da veciñanza ao toxo e máis esquilmos que poidan producir ditos montes, así como o dos donos das propiedades particulares que se atopan nos seus intermedios e confines para evitar confusións.
E que conste expido a presente visada polo Sr. Alcalde na Consistorial de Bueu á nove de xaneiro de mil novecentos dous.
Reunión de mandos militares co alcalde de Bueu para falar dun campo de tiro, manobras e atrincheiramento
O día 30 de xaneiro de 1902 celébrase unha reunión onde membros da Xunta de Armamento[1] encabezada polo Xeneral Gobernador Militar da Provincia, Enrique Hore e Agraz e polo concello de Bueu o seu alcalde D. José Rodríguez para tratar da Real Orde de 17 de setembro de 1901 na que se dispuña “que, para o establecemento dun campo de tiro, atrincheirado e de manobras na península do Morrazo, tómese posesión dos ofrecidos polos concellos de Moaña, Bueu, Marín, Vilaboa, Pontevedra e Cangas, nas partes dela comprendida dentro do polígono que se sinala con liñas encamadas no plano”.
O señor alcalde deixou constancia que a extensión de parte do polígono, uns 6.747.600 m2, pertencen ao concello de Bueu e que só polo S. e E. Lindan co de Marín e Moaña.  Ase mesmo de que hai un grande inconveniente xa que a parte do mapa “raiada con trazas negras pertencen a particulares, cuxo número é tan considerábel que se lle fai moi difícil, se non imposíbel obter deles un acordo de cesión; que o resto, ou sexan tres pequenas parcelas cuxa extensión de 814.310 m2 é de aproveitamento comunal” cede e entrega gratuitamente[2] pero “coa condición de que se permita neles apacentar gando e aproveitar os seu recursos en canto non se entorpezan as operacións que levaranse alí a cabo ou obras que queiran executarse; debendo quedar de propiedade exclusiva do Estado, todos os edificios e fortificacións de carácter permanentes que se constrúan e unha zona de illamento de 30 metros para os primeiros e de 100 para os segundos, igualmente todos os camiños que se constrúan incluso as ladeiras e taludos dos desmontes e terrapléns e as súas obras de arte”.
O Sr. Alcalde de Bueu, en cumprimento da Real Orde está de acordo e subscribe a escritura de cesión.


[1] A parte do Gobernador Militar estaban o Tenente Coronel de Enxeñeiros, Florencio Limeses de Castro, e o Comandante de Artillería, Tomás Pérez Griñón.
[2] Xa que a Corporación tomara este acordo o 8 de outubro de 1900, sendo alcalde Miguel Nogueira Fraguas,  e que ratifican na sesión ordinaria do día de Reis de 1902 dicindo que se cumpra a promesa feita no seu día de que, como representantes municipais, os “Sres. Don Daniel García Lis e o Sr. Alcalde presidente pasen á dita cidade de Vigo e outorgue a concesión de referencia salvando sempre o dereito da veciñanza ao toxo e máis esquilmos que poidan producir ditos montes, así como o dos donos das propiedades particulares que se atopan nos seus intermedios e confíns para evitar confusións”.