25 de abr. de 2016

Padroado San Xosé – III

O obxectivo dalgúns destacados bueuense, de acadar a construción dunha capela e escolas para os fillos dos mariñeiros en Bueu víase lonxe, e mesmo utópico. Os proxectos estaban estancados e para comezar tiveron que buscar acubillo; e este atopouse provisionalmente, grazas á xenerosidade dos propietarios Dn. Antonio Nores e Dna Carmen de la Rúa, na ‘capela vella”.
Por iso e coa intención de  promover os traballos precisos para chegar conseguir unha gran ‘Capela-escola’ que Bueu precisaba, creouse o antigo Padroado San Xosé para xestionar este patrimonio. As actividades funcionaban con múltiples carencias de espazo, hixiene, etc., que polo 1946 víase agravado pola existencia no baixo da Escola dun taller de mecánica ou carpintaría polo que “resultaron sempre dificultosos e ata irrespectuosos ambos servicios da fundación”.

Entre os vogais que se foron incorporando estaba Gaspar Massó que no verán de 1946 decidiu tomar as rendas ao ver que o Padroado carecía da autoridade necesaria para o labor, que con urxencia precisábase, de tentar construír dunha vez por todas un centro educativo e unha capela. Para o cal decidiron refúndanse como Padroado e dando entrada a un representante do concello, outro da casa Massó Hermanos e outro en representación da mecenas Carmen de la Rúa Catani[1], ademais do que designaran o Arcebispo e o Instituto Social da Mariña (ISM).
Os medios económicos cos que contaban para presentarse ante os posíbeis Patróns da nova Fundación (7-10-1946), eran:

  • Os fondos pro-capela na casa Massó Hnos.
  •  Os fondos da  manda testamentaria de Dª Visitación Estrada (viúva de Galup) en poder do Arcebispo.
  • Os da Fundación Manuela Fraguas.
  • Doazón de Massó Hnos: Importe da cesión da fábrica “Roiba” á dirección de Turismo[2].
  • Segunda doazón de Massó Hnos de dar froito a operación anterior.
  • A disposición dos actuais propietarios dos terreos, Dª Carmen de la Rúa Catani e o seu esposo D. José Mª Mora Ruíz, de doar os terreos precisos para o emprazamento.
  •  Compromiso da Casa Massó dunha subvención anual de 6.000 pesetas para o sostemento, a partires da inauguración da obra.
  • (E como suxestión ao Concello) Todas as mostras de peixe poxado na Lonxa pasase a beneficiar á comunidade relixiosa[3] que se fixera cargo da ensinanza

  Días despois desta proposta (24-10-1946), na sesión do Concello valoraron positivamente o labor realizada, o estado dos traballos, ofrecemento obtidos,... pídese á Comisión de facenda informe para constituír un novo Padroado no que podería entrar o Concello. A resposta afirmativa darase na sesión Plenaria do 12-12-1946.
O proxecto era ambicioso xa que constaba dun novo edificio de capela, vivendas para unha Comunidade relixiosa, habitacións para o capelán e aulas para 500 nenos pobres, fillos de pescadores ou de xente modesta.
Con data de 26 de decembro de 1946 o Alcalde de Bueu, José Mª Massó, e demais membros da Corporación cursaron un oficio-invitación ao Arcebispo, Instituto Social da Mariña (ISM), Dna Carmen de la Rúa e a outras entidades sociais dándolles a coñecer os proxectos desta Fundación e indicándolles que sinalaran un representante propio para formar parte do novo Padroado. De todos recibiuse contestacións favorables.
Chegados a este punto constituíuse oficialmente o novo Padroado ‘Pro capela-escola San José’ o 29 de xullo de 1947 quedando como segue:
Presidente: José Mª Massó García, alcalde de Bueu
Vicepresidente: Ángel Rama Lestón[4], cura párroco de Bueu
Tesoreiro: Gaspar Massó García (membro da antiga comisión)
Vogais: Gonzalo Torrente Piñón (Axudante militar de Mariña); Américo Otero Enero, 2º Tenente de Alcalde
Secretario: José Cerqueiro Malvido, Oficial Maior do concello e membro da antiga comisión

(Continuará)

[1] Sobriña e herdeira do Sr. Antonio Nores. Gaspar Massó foi o primeiro en solicitarlles a cesións duns terreos como algo fundamental para facer realidade o proxecto Capela-Escola. Dixeron que si e que xa o habían proposto eles con anterioridade.
[2] Expediente en trámite polo Ministerio de Gobernación
[3] A familia Massó tiña en mente a creación dun centro xestionado por relixiosas. Cando isto non foi posíbel eles o propiciaron facilitando instalación e financiación do que co tempo xermolaría no actual Colexio Virxe Milagrosa de Bueu.
[4] O 4 de xullo de 1947 é nomeado, polo arcebispo Fernando Quiroga Palacios, como delegado seu no Padroado.

10 de abr. de 2016

Lembrando a uns veciños de Bueu...

Por pensar en socialismo ou por militar en organizacións mariñeiras quitóuselle a libreta de pesca[1]. E, entre outras cousas, non podía traballar no mar, fonte do sustento familiar. Non é de estrañar que se lle agreara o carácter...
Á muller, costureira, por facer unhas camisas de encargo foi seriamente amoestada e estivo  a piques de ser rapada... Esquecíame, as camisas eran da cor das xuventudes socialistas.
E a pesar de todo...
Agochada detrás dun cadro no que os avós, coma mudos notarios, levitaban coa mirada perdida no recordo estaba a imaxe mais prezada. Imaxe que representaba liberdade. Unha liberade que lles custara moitos sufrimentos a eles e aos seus fillos. Transixiu en moito pero non se desfixo da foto pois servíalle de ancora e facho de dignidade. O risco valía a pena!
Nin cando chegou a “democracia” os medos deixaron vela faciana da ‘República’. A dor e o segredo perdéronse na memoria e leváronse á tumba.
Tempo despois foi rescatada pola man amiga da familia. Pero xa non di nada, ou, se o di, non se entende, fala noutra linguaxe. Unha linguaxe cicelada polo medo onde as palabras modificaron o seu significado como: a “liberdade de expresión” que trocou a “Pasou a censura”; onde “república de “cousa ou interese público dunha comunidade” cambia, ironicamente, a “lugar onde reina o desorde”; “anarquía” pasa de “doutrina que propugna a supresión do estado” a “desconcerto, incoherencia, barullo”,  etc.
Non sei se me gusta que a xente se envolva en bandeiras pero respecto se o fan. Por iso desempoo a mesma foto que iste veciño tiña agochada para que recupere a liberdade e a luz. E grite, se así o dexesa, o que gustaba de pensar ao seu dono, e que ten gravado ao pé coma lema: Viva España! Viva a República! 


[1] Tras un tempo puido recuperala grazas á amizade con Gaspar Massó.

1 de abr. de 2016

Padroado San Xosé – II / Unha Escola, un médico e unha capelanía eclesiástica para Meiro

Que foi da escola, do facultativo ou da capelanía Eclesiástica para Meiro que deixaba no seu testamento Esteban Antonio del Río Estévez?
Os tempos na xustiza sábese que van para largo e así o corrobora o dito castelán ”Las cosas de palacio van despacio”. Isto é o que pasou tamén coa execución testamentaria do benfeitor Esteban A. del Río. Terían que pasar máis de trinta anos do seu falecemento para ver os froitos das xestións e unha mínima, e provisional, realización dos mesmos, víranse reflectidos. Mais non en Meiro, como fora o seu desexo, senón en Bueu.
E todo comezaría en novembro de 1905 no que, nunha campaña para contrarrestar os avances dos “protestantes ingleses”, o Cardeal Arcebispo Martín de Herrera funda e sostén centros educativos en Marín[1].
Capela Vella
Oratorio Capela Vella
E, aínda que non é máis cunha idea, publicase que o mesmo cardeal dispón en Bueu[2]dunha considerábel extensión de terreo, en lugar céntrico e hixiénico, onde proponse edificar un magnífico local de escola, rodeado de amplo campo escolar. Este local escolar terá , no fondo do mesmo (un dos lados menores do paralelogramo)[3], un pequeno departamento, convenientemente separado, onde instalarase un altar para a celebración do santo Sacrificio os domingos e demais días de festa. [...] Ao fronte desta escola-capela pensa o Emmo. Prelado poñer un sacerdote-mestre, o cal, á vez que desempeñe cumpridamente o espiñento e nobilísimo cargo de mestre de escola, diga tamén, os días de festa, a santa Misa no referido altar...”.
Pasados uns anos (1909), e á espera de que esa idea se fixera realidade, abriu ás súas portas como escola-capela no lugar de Pescadoira, propiedade do Sr. Antonio Nores, que sería coñecida como “Capela-escola de S. Xosé da praia de Bueu” ou, co paso do tempo, como “Capela vella”. As instalacións estaban no primeiro andar do inmoble ao que se acedía por un patín ou escalas exteriores. Constaba dunha estancia con espazo amplo para escola e “apartado no mesmo para oratorio”.   Na primeira época o capelán era o que exercía de mestre como Francisco Canosa (1912), Antonio Sueiro (1913), Jesús Suárez (1930). etc.
Jesús Suárez - 1930
Nese mesmo ano constituíuse un Padroado, que levaba en xestación dende o 1905, o compuñan algúns veciños, como José López Díaz, José Cerqueiro Malvido, Antonio Nores, etc. que baixo a denominación de “Padroado pro-Capela-Escola de S. Xosé” mandaron proxectar uns primeiros planos dunha Capela-escola. Planos que nunca tomaron forma real por considerar os patróns que se quedaban curtos para as necesidades reais e por mor das dificultades económicas que suporía afrontar as obras e as xa necesarias ampliacións.
E así foi pasando o tempo e o que se pensaba que sería unha solución temporal durou corenta anos. O Padroado esmoreceu co tempo pero sen chegar a desaparecer de todo íase renovando nalgún dos seus membro de cando en vez.
Unha desas novas incorporacións sería a de Gaspar Massó que...
(Continuará)

Fontes: Arquivo Municipal de Bueu, Párroco Ángel Rama Lestón e
conversas con amigos como Manuel Gutiérrez, Mª Eugenia Bolíbar,...



[1] De niveis de párvulos, elemental e superior. Tamén pretende ampliar estes centros cun de adultos.
[2] Aproveitando a disposición do concello polo legado de Esteban A. del Río e onde hai grupos anglicanos con actividade significativa, sobre todo en Cela.
[3] Por esta e outras razóns que trataremos no seu momento o lugar ‘pensado’ era no que agora coñecemos coma Parque do Ramal dos Galos ou da Biblioteca.

21 de mar. de 2016

Anúlase o decreto de cambio de hora

Estes días onde a actividade política está algo ‘movida’ co proceso da investidura ou non á presidencia do goberno hai algo no que puxeron o punto de mira as noticias da maioría dos medios de comunicación, principalmente escritos nos primeiros días: o punto  do documento pactado por PSOE e Ciudadanos  que recolle a posibilidade de que se sae adiante a investidura, vólvase a adoptar o fuso horario de Greenwich (GMT +0) como xa se fixera, por vez primeira, no noso país o 1 de xaneiro de 1901[1]. De darse o cambio poríanos na hora de Portugal e Canarias, ou sexa, unha hora menos da que temos agora (GMT +1).
Se isto é bo ou malo depende de que Comunidade. Galicia sería unha das máis beneficiadas pola súa posición xeográfica con respecto ao meridiano.
 Quero poñer en consideración o paralelismo do que pode pasar nun futuro próximo co que pasou na España ou no Bueu de 1931: 
   En España: Tralo Real Decreto do 9-3-1931 do almirante Aznar no que se anunciaba a implantación da hora de verán, celébranse as eleccións[2] coa vitoria republicana que provoca, dous días despois, a proclamación da República. No primeiro Consello de ministros do goberno provisional presidido por Niceto Alcalá Zamora hai unha serie de Decretos como o de Indultos xeneralizados, disolución dos Milicias,... e o de Derrogación do Decreto que dispón o cambio de hora.

Isto foi o punto de saída para que en moitos concellos de toda España houbera bandos ou proclamas na contra do Cambio Horario.
En Bueu: A raíz dos resultados das elección tomou posesión como alcalde da nova Corporación Municipal, Ramón Domínguez Ferradás e nomeáronse coma vogais Riobó, Pimentel, Vidal e García. E os primeiros bandos desa Alcaldía son: un relativo á asistencia médico-farmacéutica aos enfermos pobres e outro facendo saber a anulación do decreto sobre o adianto da hora.
Dicir que non pasou nada é dicir que: os trens chegaron, coma sempre chegaban, a deshora[3]; os reloxos do concello marcaba a mesma hora oficial[4] e o Sr. Alcalde non tivo que ordenar a ningún cura a cambiar o reloxo da igrexa[5] por carecer estas del.


E mentres non se aclare o panorama lembrade que na noite do vindeiro sábado ao domingo (do 26 ao 27) temos que adiantar os reloxos unha hora. Ás dúas da mañá pasan a ser as tres.
E se chegáramos ao cambio de GTM, aconsellaría aos “hipocondríacos horario” prevéñanse contra a disritmia circadiana, síndrome dos fusos horarios ou  descompensación horaria (para os máis anglófilos “jet lag”) cunhas cantas doses de “Bicheiro” para mitigar, con humor, os síntomas (vixilia, fatiga, irritabilidade, etc.) ata a total adaptación do noso reloxo interno co novo horario.


[1] Real Decreto de 26 de xullo de 1900. Con isto evitábase tamén o de que distintas provincias tiveran hora diferente.
[2] 12 de abril de 1931.
[3] E non descarrilaron como lle ocorrera a un tren de mercadorías por un erro do cambio de hora no reloxo da estación de Avila (1926).
[4] O de Bueu non porque aínda non existía. Pero tampouco propoñíanse cousas como os obreiros de Vigo: “que o reloxo da poboación volvera a separarse da hora oficial” (1904).
[5] Como tiña que facer o alcalde de Santiago co Cabido da catedral para que adiantase o  reloxo unha hora (1918).

10 de mar. de 2016

Padroado San Xosé – I / Unha Escola, un médico e unha capelanía eclesiástica para Meiro

Un once de maio de mil oitocentos trinta un bueuense que fixera fortuna na emigración asinaba o Testamento ante o escribán Marcos Leonardo Agrelo da cidade de Bos Aires: 
Esteban Antonio del Río Estévez natural de Meiro Parroquia de San Martíño de Bueu, Xurisdición de Cangas, Arcebispado de Santiago, Provincia de Galicia no Reino de España, fillo lexítimo dos Finados D. José del Río e Dª Francisca Estévez, e veciño desta Cidade achándome en pé aínda que algo achacoso pola miña avanzada idade, pero nos meus cinco sentidos e potencias cumpridas [...]. Declaro que son de estado solteiro que non posúo herdeiros forzosos ascendentes nin descendentes. Así mesmo  declaro que os meus bens consisten na Casa Quinta a miña Evitación noutra sen casa que está no fronte, outra máis ao Oeste a dúas cuadras de distancia tamén sen Casa. En dúas casas situadas en Pueblo, unha detrás das monxas Catelinas e outra ás inmediacións do parque de Artillería [...]. Declaro ser a miña vontade que os meus dous Escravos José e María queden libres despois do meu falecemento [...] ... dende agora dono ao meu Sobriño José Antonio del Río a casa que teño en Pueblo [...]. É a miña vontade que o meu Testamenteiro Reducindo todo a moeda Metálica estableza e funde con todas as seguridades que esixe a LeiEu quero tres Establecementos a perpetuidade no lugar de meu nacemento A Aldea de Meiro sendo o principal unha Escola de primeiras Letras; En segundo un facultativo Médico para asistir de gratis a todos os enfermos pobres da Freguesía e ademais que esixan a súa existencia, e o terceiro unha capelanía Eclesiástica coa pensión de dicir unha Misa rezada todos os días festivos e de misa. A cuxas institucións Meu Testamenteiro  Aplicará os fondos que crea suficientes para encher a cada unha delas as Esixencias da Institución [...] Nomeo polo meu Testamentario en primeiro Lugar a D. José Antª Lagos e en Segundo a D. Manuel Miñán...”
Case que trinta e oito anos despois, un 10-2-1868, reúnense na Casa Consistorial de Bueu, baixo a presidencia do alcalde D. Manuel González Plá, algúns concelleiros, os “maior número de Contribuíntes” e o cura párroco de Bueu para asinar un poder a favor de Juan Benito del Río Rosales (de Domaio). Este, dende facía dous anos, que falecera D. Esteban Antonio del Río Estévez, estaba a reclamar en Bos Aires a herdanza a favor de Ignacio del Ríos Santos (de Moaña) como herdeiro do testador, Dn Esteban.
O poder outorgado é para que os represente ante os Tribunais da República Arxentina para conseguir “o cumprimento do que este ordenou en xunto á escola, Facultativo e Capelanía”.
Aclárase que o terá que facer sen “esixir dos outorgantes, por razón de gastos nin por concepto algún a menor cantidade”.
   
 

  Serviron para algo as xestións? E se serviron, Que foi da escola, do facultativo, da capelanía ou dos cartos?          
(Continuará)

Fontes: Arquivo Provincial Pontevedra. Sección Protocolos Notariais. Escr. Manuel Rodal

Arquivo Municipal de Bueu

1 de mar. de 2016

Matilde Bares na Arxentina-1906

Matilde Bares Giráldez, mestra dun grande número de bueuenses que tiveron que optar pola emigración ten, en recoñecemento ao seu labor coma docente e animadora da cultura, unha rúa en Bueu e ponse baixo o paraugas da figura desta mestra a celebración do día Internacional da Muller traballadora (e ata tivo un certame que levaba o seu nome).
Irmá de Manuel Antonio Bares, tamén mestres, escritor, home de negocios e emigrante na Arxentina. Manuel Antonio foi fundador e presidente do Banco de Galicia. Precisamente nesta labor de xerente do banco foi homenaxeado, coas familias dos directores do Banco por outro próspero emigrante galego, Vicente Ramos que entre outros negocios posuía os principais teatros porteños como o “Cómico”, o “Comedia” e o “Colón”. E precisamente nesta festa, marzo de 1906, é onde vemos reflectida a presenza de Matilde Bares na Arxentina. Unha reportaxe na revista “Caras y caretas” dan testemuña gráfica. Este sería a súa única viaxe a terras americanas. Seu irmá sería o que viría un par de veces máis por Bueu.


Na fotografía Manuel Antonio Bares é, dos que están de pé, o terceiro pola dereita. As dúas mulleres que están sentadas diante del son: a que ten vestido claro é a súa dona, Francisca Peralta de Ares de Parga  e a de vestido escuro é a súa irmá, Dona Matilde Bares.

21 de feb. de 2016

Entroido: Telegrama Gobernador civil a alcaldes

Aínda que non estaba previsto, e dado que o Entroido foi prorrogado por mor do mal tempo e agora estou a espera de que os netos veñan a disfrazarse para saír nel vou pór o texto do telegrama que o alcalde de Bueu, ao igual que o resto dos alcaldes da provincia, recibiu do Goberno Civil no febreiro de 1935. Esta documentación transcrita tamén sérvenos para entender mellor a entrada do blog anterior aínda que sexa outro ano:

“Próximas festas entroido, non se permitirá circulen polas rúas máscaras con anteface nin de noite nin de día, pudendo soamente nos bailes de Sociedade e demais Centros, coas garantías necesarias esixindo todos medios cumprimento esta orde . En canto a comparsas, estudantinas, murgas, etc. así como coplas que se propoñan, cantar ou dicir, é facultade desa alcaldía autorizalas tendo en conta sempre estado excepcional alarma y circunstancias localidade que terá moi presentes se entendera conveniente e oportuno prohibir batallas serpentinas e conffety.”


6 de feb. de 2016

O alcalde de Bueu prohíbe levar a cara tapada no Entroido

BANDO
 O ALCALDE DE BUEU
FAI SABER: que en cumprimento de disposicións vixentes, entre elas o artigo 16 das Ordenanzas municipais, acordei previr.
1º Que durante os días de Entroido non se permitirá a circulación polas rúas de persoas con disfraces que leven a cara tapada.
2º Prohíbese así mesmo o uso de traxes que simbolicen institucións o membros da mesma e todos os que estean determinados para as distintas autoridades.
3º As persoas que se disfracen e queiran cubrir o rostro con anteface, durante o día, solicitarán desta alcaldía a correspondente licencia e unha vez obtida haberán de levar un número en sitio ben visible do disfrace.
Para o cumprimento do exposto encarezo a todo cidadán, amante da orde, ase mesmo aos dependentes da miña autoridade e demais Axentes da mesma, deteñan e poñan á miña disposición ao contraventor deste bando.
Bueu 6 de febreiro de 1932

Asina o Alcalde: Jesús Prieto

1 de feb. de 2016

O alcalde de Bueu traslada o mercado de domingo ao luns

En gran parte do século XIX os días de mercado en Bueu –non de feira- eran os xoves e domingos. Mais un 9 de novembro de 1898 o Alcalde Presidente do Concello de Bueu Miguel Nogueira edita un bando no que :
Fago saber: que o concello da miña presidencia, atendendo ás moitas e repetidas queixas da veciñanza contra a instalación do mercado dominical, por ser un móbil de retraemento dos fieis en cumprir cós Sagrados deberes que a nosa Santa Relixión Católica impóñenos, en Sesión do sete do corrente acordo trasladar dito mercado para os luns de cada semana.
E a fin de que se observe ase por todos os meus administrados, faise público”.


19 de xan. de 2016

Suspendido o partido de fútbol entre Bueu e Beluso

A rivalidade interparroquial foi unha evidencia ao longo do tempo en moitos dos concellos. E como non, no noso tamén. Rivalidade que tiña, sobre todo, o seu afloramento máis negativo nas festas[1] e competicións deportivas.
No tempo houbo competicións de fútbol ex profeso para enfrontarse equipos como os de Bueu e Beluso para así irmandarse xogadores e afeccións.
As veces eses intentos quedaron desbaratados polos mesmos rexedores dos clubs tal como ocorreu o domingo 16 de setembro de 1928 no que se ía disputar “o anunciado partido das medallas ‘Paraíso’ entre os equipos de Bueu e Beluso” e que non puido celebrarse “motivado a sensibles desavinzas entre as directivas de ambos clubs”.  
Diario de Pontevedra 18-09-1928 p. 2

6 de xan. de 2016

O alcalde de Bueu prohibe “aprender a montar en bicicleta”...



Rapaces! Sabede que se os Reis Magos, Papa Noel ou os pais regaláronvos unha bicicleta ou unha pelota teredes que ir ao monte ou a algún sitio afastado para poder aprender a montar nela ou xogar co balón. Senón mirade o Bando-Aviso que promulgou o alcalde de Bueu no 1929:
 Que eu saiba aínda non está derrogado. As veces habería que aplicar aos políticos aquel slogan do maio do 1968 “Prohibido prohibir”. Pero non todo é negativo pois a intención e a finalidade do mesmo creo que todos poderíamos subscribilo xa que o respecto aos demais é fundamento de convivencia:” [evitar] realizar calquera clase de actos que dificulten a circulación ou cause molestias aos veciños ou transeúntes”. 
Hoxe, gozade dos agasallos e mantede a ilusión que ninguén vos dirá nada...