15 de set. de 2015

Festa dos mozos en Beluso

Tal como recolle La Correspondencia Gallega do 26 de setembro de 1907 na súa páx. 2  houbera, o domingo 22 dese mes unha festa cívico relixiosa, baixo a advocación da Virxe do Carme. Hai unha descrición a polo miúdo o que nos serve para ter unha idea do transcorrer dese evento:
Houbo bo fogo de artificio e de aire confeccionado polo pirotécnico Iglesias de Bueu; as vésperas estiveron moi animadas e concorridas, amenizando as festas as músicas de “La Lira” de Ribadavia y el “Eco de Moaña”; dúas bandas mellores que a mellor charanga ben organizada”. Logo fala da misa solemne con orquestras e coros e do sermón do P.Silos, Capuchino do convento de Vigo.
O artigo remata comentando o “tráxico remate” destas festas cun “homicidio frustrado dun mozo de Cela, ocorrido ás dúas da madrugada do luns na taberna coñecida co nome de ‘Pepa Sabela’ establecemento no que víñanse celebrando os bailes dominicais, con que os xoves obsequiaban ás familias e cuxos produtos constituían uns dos emolumentos para sufragar as dúas ou tres mil pesetas que lle custan estas celebérrimas festas”.  

1 de set. de 2015

O pobo de Bueu non ten aceite

Ante a carencia absoluta de aceite por parte da poboación civil do concello de Bueu a Alcaldía-Delegación local pide á casa “Massó Hermanos S.A.”, fabricantes de conservas, o faciliten para repartir entre os conveciños.
Atendendo á petición dun dos seus membros[1] a familia Massó fai entrega ao concello, o catro de abril de 1951, da cantidade de 2.500 kg de aceite de oliva.
Desta entrega hai constancia posterior nunha certificación asinada polo tenente de alcalde do concello bueuense.


Nota: Grazas a Manuel Aldao por facilitar a información.



[1] Alcalde José Mª Massó García

22 de ago. de 2015

Procesión marítima na illa de Ons - 1930

Hoxe e mañá están a celebrarse as na Illa de Ons as festas na honra de San Xoaquín. Vou a pór o cartel anunciador das mesmas para facilitar ao que desexe achegarse ata a illa este fin de semana o faga coñecendo algunhas das actividades que se realizaran nestas festas 2015.
O domingo, día 23 hai unha misa cantada pola Coral Polifónica de Beluso e  procesión ao peirao.

A raíz disto que lembrar que noutros tempos, anos trinta do século pasado, a procesión tamén era marítima.  Constancia gráfica disto o temos, da man do fotógrafo Ocaña, na hemeroteca de El Pueblo Gallego do venres 22 de agosto de 1930 na súa páxina 8.


13 de ago. de 2015

Biblioteca O Progreso -1938

A Sociedade de Agricultores de Beluso solicitou a o Patronato das Misíons Pedagóxicas unha Biblioteca. Para que sexa informado polo concellos a Inspección de 1ª Ensinaza solicita un informe á Xunta Local de Educación de Bueu. Esta informa favorablemente “fundándose en que concedéndolle a dita Biblioteca poderá difundir a cultura entre os seus asociados e servirá para levar o mellor termo moitos dos actos culturais que nela se organizan”.

4 de ago. de 2015

A festa dos mozos, Bueu 1905

As festas dos mozos[1] de Bueu non foron patrimonio das nosas parroquias xa que noutras da contorna tamén víñanse a celebrar e ata perduraron máis no tempo. A data exacta do inicio da Festa dos Mozos en Bueu non consta documentalmente pero si pode dicirse que foi entre 1888 e 1895 cando se puxeron de acordo, para tratar de unir ás súas mocidades, os curas de Bueu e Beluso, D. Cándido Alvarellos Arjomil[2] e José Antonio Ferro Baliño[3].
Por sorte, para documentar estas autorías quedounos un artigo de Luís Dueñas no diario pontevedrés La Correspondencia Gallega  no setembro do 1905 que a continuación transcribo:         
“A festa dos mozos”
“Así se chama a que, a inspiracións dos Curas párrocos de Bueu e Beluso, Sres. Alvarellos, de grata memoria, e Ferro, de xerais simpatías, fundouse hai algúns anos nestas parroquias, e que agora, despois dunha curta, inxustificada interrupción, volve celebrarse nesta vila, con maior animación e entusiasmo, grazas á actividade dos mozos solteiros, á cooperación do Liceo de Artesáns, e á subscrición popular, xenerosamente apoiada por estes veciños.
Estas festas de Xullo, como o dixo La Correspondencia Galega, foron fermosas manifestacións de entusiasmo popular e social, con esfumados perfís, de movemento relixioso, a animación non decaeu un momento durante o tres días; e de todos os números do festival, como se dicía antigamente, foi admirablemente cumprido o das regatas marítimas, sorprendente espectáculo, que deixará indeleble recordo e grata memoria neste país. Eu que afago probar coa infalible estatística do número, tomei ao oído a cifra de catro mil pesetas,  que se gastaron nestas festas, é dicir; tanto como en Vigo e Pontevedra nas do Cristo ou da Peregrina.
 Podemos asegurar, e desde logo predicímolo, que a mocidade e o Liceo de Artesáns de Bueu sinalarán con pedra branca, como fausto acontecemento, este ensaio de rexeneración no fermoso chan que encerran e dominan os montes de Udra, A Esculca e Liboreiro.



[1] Esclarecedor, documentado, complementario e imprescindíbel para entender estas festas é o artigo “As festas dos mozos na parroquia de Bueu” de Xosé Manuel Cerviño Meira na revista Pontenova nº 3, páxinas 11-20, editada pola Deputación de Pontevedra no 1998.
[2] De 1884 ata decembro de 1896.  O 14-4-1988 foi nomeado alcipreste interino do partido do Morrazo. No 1896 marcha para Betanzos. O motivo do seu concurso para outra parroquia foi o forte enfrontamento cós mozos da parroquia pola organización da festa da xuventude. A división no pobo foi moi grande que se viu reflectida na petición ao Arcebispo, por parte do concello, para que non o trasladara.
[3] Natural de Cesures. Estivo en Beluso do 1-6-1888 ata o seu falecemento, o 17-1-1917.

25 de xul. de 2015

Nace en Bueu o equipo Corredoiras F. C.

O día de Santiago do ano 1929 xógase o partido-presentación, no campo do BUEU F.C., do novo equipo infantil de Bueu: o CORREDOIRAS F. C. Partido que o enfronta ao PETIS F.C.
O seus comezos tiveron acollida na prensa, como no caso do xornal El Pueblo Gallego, que ata pon a aliñación dos “futuros ases”:
Teodoro, Javier, Cubano, Pico, Pedro, Pandilla, Quico, Chuco, Borete, Félix e Tomás.

Moitos deles seguiron a despuntar e chegaron a xogar no club dos maiores, o Bueu F.C.

19 de xul. de 2015

Clases de comercio e idiomas no Bueu de 1902

No 1902 houbo unha subscrición de a 25 pesetas/acción para montar un centro de ensinanza para clases de Comercio e Idiomas.
A idea xurdiu “dalgúns entusiastas fillos do país” relacionados cos curas párrocos de Bueu, Beluso e Cela. Para falar diso convocouse unha “reunión a todos os que representan algo en Bueu”. Feita esta todos os asistentes aprobaron unha serie de bases do proxecto (expostas por Martínez Casamande, cura de Bueu) e, para levala a cabo, nomeouse unha “xunta provisional ou comisión xestora presidida polo médico Sr. Massó e composta  dos Sres. Dr. Riobó, farmacéutico Prieto, Garrido, Lago e o Sr. Sánchez, párroco de Cela, coma secretario levando a presidencia de honra o veterano médico titular querido no país señor Pérez Lapido”.
Como tantos e tantos proxectos deste nunca máis se soubo.
La Correspondencia Gallega 29-11-1922 páx. 2


1 de xul. de 2015

Biblioteca Popular - III

A Biblioteca Popular de Bueu dende aquel 7 de outubro do 1927 que comezou a súa andaina nos baixos do concello recibiu, sobre todo nos primeiros anos, grandes aportacións de material bibliográfico, e doutro tipo, de persoas “desexosas de fomentar o poderoso medio da cultura que as Bibliotecas populares representan” para un achegamento desta ao pobo.

Aos cincocentos volumes iniciais logo sumáronselle moitos máis da man de donantes como Manuel A. Bares[1] e Erasmo Buceta… aos que habería que engadirlles algúns máis entre os que destacan os mestres Higinio Pérez García que doou máis de 150 libros (Unha enormidade para a época!) ou José Monje Otero; José Martínez Pastoriza[2], Sofía Gómez Buceta[3], Julia Adelaida Carrillo[4], Rafael Areses[5], tamén a familia Massó da man de Gaspar Massó García que amén dunha “máquina de contar… doa mesa e cadeira para ela”, dun Diccionario Enciclopédico Hispano-Americano[6] e doa tamén un “rótulo de azulexo, orixinal de Manises, cun coste de 240 ptas, sen portes, que se destina á Biblioteca Popular” que aínda figura no lateral do concello.
  Ante a gran demanda para utilizar a biblioteca por parte das xentes de Bueu  o alcalde en 1929 era aínda Camilo Davila presenta o nove de setembro dese mesmo ano a necesidade de crear un posto fixo para a Biblioteca Popular. Pero non será ata a sesión do 23 de febreiro de 1931, baixo a presidencia de Perfecto García Nogueira, cando se decida contratar como encargada de todos os servicios da biblioteca a Sofía Gómez Buceta por 2,50 ptas de xornal (pagaranlle por trimestre). Sofía sería a única bibliotecaria que tería a Biblioteca Popular xa que coa súa xubilación non se cobriría esa praza.

[1] Dos seus libros: Delenda est Germania!, “La nación española y el nacionalismo vasco” e unha subscrición á revista arxentina “El hogar”.
[2] Un exemplar da novela “El triunfo de la vida”
[3] Un exemplar de “La hermana San Sulpicio”
[4] Tres tomos de “La vie des animaus”
[5] Seis folletos escritos por el de “Los incendios en los montes públicos”
[6] E por coincidir o día da inauguración coa Festa do Libro doa 4º exemplares da obra “El alma de Cervantes” para distribuír entre as escolas do concello para que premien ao alumnado máis aplicado.

28 de xuño de 2015

San Pedro, patrón do barrio de Petís

Moitos de vostedes estrañaranse do titular pero está documentado que no lugar de Petís celebráronse verbenas ao longo de moitos anos na honra do seu patrón, San Pedro. Isto está constatado no primeiro cuarto do século XX.
Transcrición dunha desas noticias...
El pueblo gallego_14_06_1925 páx. 13
La verbena de Petis.- Promete sobreponerse a la de todos los años, esta tradicional y sin par verbena, a juzgar por el entusiasmo existente por parte de la comisión encargada de la organización de la misma, así como también el decidido apoyo de aquel simpático vecindario.
Oportunamente daremos a conocer el programa completo de las fiestas que en honor de su Patrono, San Pedro celebrará el barrio de Petis”

Como xa citei na entrada do 23 de xuño do 2013 titulado “San Xoán en Bueu fai 100 anos” no barrio de Petís, “diante da fábrica de don Juan Tapias [donde están actualmente los pisos de Alonso en Pescadoira], houbo, como todos os anos, verbena con fogos artificiais e baile...”
Contrastando estas e outras informacións ao respecto non é moi erróneo pensar que a noticia de San Pedro coma Patrono de Petís é un “lapsus” do correspondente do xornal. E o que si é certo que durante un tempo houbo verbena en Pescadoira que tiña a súa orixe e ata no ser costeada na súa máis grande parte polo industrial conserveiro anteriormente citado, Juan Tapias, que así viña a celebrar o seu santo[1] e que, por inercia, esta perdurou unha década máis nos días das “fogueiras”.




[1] Ata un deses anos chegou a doar “unha das lanchas grandes do arte, que a pesares de ter anos, aínda serviría para traballar”. Tapias morreu en Pescadoira o 16 de novembro do 1919

20 de xuño de 2015

Procesión de Corpus 1937

Con esta entrada vou rematar coa documentación do Corpus no Bueu do 1937 por que así complementa ás dúas de anos anteriores por estas datas. Non vou abondar moito na descrición xa que esta está publicada. Agora amosar o documento que o cura de Bueu, Don Ángel Rama Lestón, elaborara para organizar a procesión.

Nota: A letra está refeita co mesma cor para a súa mellor lectura.

13 de xuño de 2015

Maruja Mallo fala dos "mártires" de Bueu

O 26 de agosto de 1938 sae no xornal La Vanguardia a cuarta e última entrega do artigo “Relato veraz de la realidad de Galicia” no que a pintora Maruja Mallo[1]unha artista ilustre, unha muller de orixinal sensibilidade, revela así a traxedia da súa patria”.
Entre dos asasinados ou perseguidos polos falanxistas, militares, carlistas,…fala de tres persoas de Bueu nos seguintes termos:

       “Falarei daqueles que coñecín persoalmente, xa que o número de vítimas é incalculable.
        Juan Caballeira, alcalde de Bueu desde o triunfo da Fronte Popular, detido con dezaoito máis, foi conducido á illa de San Simón. Cando foron a buscalo, a Falanxe aseguroulle: "Sabemos que non fixo nada que é vostede un cabaleiro". "Eu non son un cabaleiro, son un home", contestoulles. O delito que cometera foi conseguir que o cesto mínimo da cesta de sardiñas fóra de 15 pesetas, e facer a defensa da cultura e dos traballadores galegos en "El Pueblo Gallego" (diario de Vigo). Na illa de San Simón, cando o cárcere está repleta, atan os corpos dos presos de cinco en cinco e arróxanos ao mar. Alí[2], no lazareto, quitáronlle a vida a Caballeira, gran xornalista, home sen tacha e de valor probado.
        Didio Riobó, propietario da illa de Ons, situada preto das illas de Cíes, perseguido como masón, aforcouse na illa da que era propietario; non puido soportar o derrame de tanto sangue, a veloz desaparición de tantas vítimas. Deixou sete cartas escritas aos verdugos de Bueu.
[...] José da Torre, secretario do Partido Comunista de Bueu; a última vez que o atopamos díxonos: "Eu non fuxirei ás montañas. Eu quero a vitoria ou o cemiterio. O triunfo será noso". Uns días máis tarde era conducido ao Concello de Bueu para encarceralo. Cando foron a buscalo cinco falanxistas armados con cristos e pistolas, gritáronlle: "Covarde, es ti o que onte proclamabas a liberdade?". "Dádeme un fusil e veredes se son valente", contestou. Como se negou a saír de alí porque sabía onde levábano, abalanzouse sobre un dos falanxistas e cos dentes lle desgarrou media cara. Os falanxistas asestáronlle dezasete puñaladas e arroxárono á rúa por un balcón dun Concello. Así lle arrincaron a vida a J. da Torre, carpinteiro, construtor de barcas e bo mariñeiro.”


[1] Teño que confesar que ata o ano 1979 apenas oíra falar de Maruja Mallo. Dela faloume un amigo que atopei en Barcelona cando estaba cunha excursión do colexio de Legazpi. Tamén comentoume uns artigos desta pintora relacionados con xentes da miña zona. E ante a miña curiosidade envioume un mes despois a transcrición dos mesmos. Máis de trinta anos despois aparecían no Faro de Vigo dous magníficos artigos do xornalista bueuense Salvador Rodríguez. Un deles titulado “Maruja Mallo, testigo de cargo” “rescataba” o mesmo texto que anos atrás recibira de Cataluña. Sempre tiven gañas de dalo a coñecer aos meus alumnos. Máis non atopaba ocasión propicia e cando a atopaba sempre había “algo” que podería desfigurar a mensaxe e volvía a quedar no tinteiro. Agora dous meses despois de cando lle puxera data de publicación sae case que tal cal a noticia.
[2] Aínda que é certo que estivo en San Simón, foi fusilado en Pontevedra.

28 de maio de 2015

Carballeira máis eu falamos de Filgueira Valverde

Neste ano no que o Día das Letras Galegas estivo dedicado ao D. José Filgueira Valverde. Agora que pasou o vórtice de actividades, loas, deostamentos,... quero poñer dúas pinceladas relacionadas co “vello profesor” que sirvan soamente como pequenos recordos.
Carballeira fixo unha pequena recensión do seu libro “O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco” que Filgueira escribira con Fernández Ojea. A dito fascículo o cataloga dun “fondo valor pedagóxico”. E remata dicindo que serve para mostrar fora de Galicia que aquí temos xente que se preocupa por estudar “o que somos e o que temos na nosa terra.
Parécenos este labor fundamental para botar raíces dunha nova Galicia, porque un pobo comeza por asentarse historicamente cando discorre o seu pensamento cientificamente, sobre o camiño da razón, onde as cousas son tal como son e sábese por que.
Os señores Filgueira e Fernández Ojea puxeron coa súa obra un fito máis na nosa nova cultura”   
-------
A D. José Filgueira o lembro como profesor na súa etapa de Procurador en Cortes. Cito isto último porque na ousadía rebelde cando mozo recrimineillo sutilmente para, rapidamente e ante a súa reacción nerviosa, tornalo en xustificacións de utopías persoais que lle agradaron máis do previsto e me valeron un recoñecemento inmerecido ao longo da miña etapa no instituto. Froito desa consideración foi que habendo rexeitado a súa proposta de ser Estrepsíades ou Sócrates,  na obra As nubes de Aristófanes, non o puiden facer co papel do “Racionamento Xusto” o que me permitiu coñecer a unha persoa, que con todas as súas contradicións, tomou o rol de profesor-guía que, á vez, imbuía dunha cultura sen fronteiras. 

21 de maio de 2015

Carballeira xurado dun concurso de beleza

Quen o ía dicir! Carballeira formando parte dun xurado para elixir “miss modista” pero así foi. Foi nos mes de febreiro de 1930 nunha “Festa-homenaxe ás modistas viguesas” que organizaba a Sociedade “El Recreo” da cidade olívica,
A lista de persoeiros que formaban o xurado clasificador que fallou no concurso da modista estaba formado por:

Primitivo Coca, presidente do comité organizador ao que acompañaban escritores como Manuel Lustres Rivas (Redactor de “Faro de Vigo”) e Juan Carballeira (de “El Pueblo Gallego”). O debuxante marinense, Manuel Torres. Os pintores Carlos Sobrino Buhigas (de Pontevedra) e  Maximiliano Vidales Espinosa (de Vigo). O arquitecto vigués Manuel Gómez Román. 

14 de maio de 2015

Veciños de Coiro capitaneados polo cura fanse coa auga de Ermelo

Ás dificultades e penurias posteriores á Civil Española engadíuselle unha prolongada seca, a do 1949,  que fixo que a fame cebárase aínda máis na nosa contorna. Coma consecuencia directa desta seca temos a “sublevación” ocorrida na mañá do 2 de xullo dese ano “capitaneada” polo cura de Coiro e Juan C... L... que acudiron cuns 150 veciños máis (Manuel M..., José O..., Antonio C..., Ignacio L..., Ángel L..., Ángel M..., Antonio M..., José G..., José S..., Ramón Q..., …) ata Ermelo. Foron con sachos, legóns, fouciñas,… e chegados aos lagos de Compra, Fontanciña e Esperón destruíronos e así, coas augas “soltas” regaron as súas veigas de Coiro. Desta actuación queixábase o alcalde de barrio de Ermelo pois os seus veciños “non poderían estancar a auga como viñan facendo dende tempos moi afastados”. E no posterior escrito de denuncia dos feitos ao Gobernador Civil por parte do concello de Bueu o rematan dicindo “Esas augas, segundo rumores circulados pola referida Ermelo, son aproveitadas polo mencionado Sr. Cura, quen dispón das sobrantes, vendéndoas aos seus conveciños”.

3 de maio de 2015

O concello pecha a igrexa de Bueu

Ante o eminente perigo de derrube da antiga igrexa románica da parroquia de San Martiño de Bueu o concello reúnese para informar e concluír coa proposta de peche da mesma.
Transcrición da acta do Pleno do 28-3-1861
En la sala Capitular del Ayuntamiento de Bueu, a veintiocho de marzo de mil ochocientos sesenta y uno, reunidos en la misma bajo la presidencia del Sr. Alcalde Dn Ramón Plá principia la reunión pr la lectura de la anterior que fue aprobada y pr  la de los boletines y correspondencia oficial de la entonces recibida, de cuyo contenido quedaron enterados.
Visto a pesar de haberse solicitado del Sr Gobernador de la provincia de la presentación en este distrito del arquitecto de la capital para proceder a la demolición de las paredes de la Rectoral Iglesia de Bueu dejándolas a la altura que tienen sus puertas nada hasta ahora ha resuelto aqlla superior autorid como pr otra parte amenace el templo ruina temiéndose una catástrofe de día a día, y no puede tampoco sin la exposición de un gran riesgo practicaría la operación dha. en razón de que al verificarlo sería fácil se resintieren la bóvedas de la Iglesia a evitar la responsabilidad que sufre el Aymo para si descuidase toda clase de medidas reparadoras después de haber iniciado este asunto como de consecuencias fatales y haber también obtenido el competente permiso para cerrar el referido templo se acordó pr los Sres de la Corporación oficiar con el Párroco pr conducto del Sr Alcalde pr que sin pérdida de momento y bajo la responsabilidad y cargos que en su día puedan exigirse, proceda a cerrar las puertas de la citada Iglesia, sin perjuicio de que pueda tomar las disposiciones conducentes en orden al culto divino, siempre que no sean atentatorias a la vida del vecindario.
Con lo cual se levantaron los Sres de la Corporon y de todo ello yo Srio. Certifico”

13 de abr. de 2015

Falando da República na Cela do 1903

 
No xornal “Las Dominicales del libre pensamiento” publica unha “Curiosa conversación” o día 3/7/1903 na súa páx. 2 que polo de Curiosa imos transcibir:
“Un republicano manda á La Lucha  de Vigo este relato  da conversación mantida á porta da igrexa de Santa María de Cela, e que seica ouviu.
Falan un músico e dous mordomos da función do Corpus, e preséntase un estudante irmán dun cura, dicindo:
-Boas noites, señores. Parece que están vostedes falando da República.
Músico.- Si señor.
Estudante.-Alegraríame ouvir falar das ideas republicanas, e sinto non estar no mitin celebrado o outro día.
Músico.- Seguramente que non lle gustaría a vostede o que alí se dixo.
Estudante.Entón vostede cre que para nós é mala a República. A nós gustaríanos moito esa forma de goberno; pero antes de que iso sexa, teña vostede presente que correrá moito sangue, e aínda así non se conseguirá.
Músico.Quen sabe se se establecerá sen que se derrame nin unha pinga de sangue.
Estudante.-Non sexa vostede parvo, home. Se vostede non sabe aínda que quere dicir República.
Músico.- Non señor, non sei; pero polo que ouvín aos oradores que falaron no mitin, España podería adiantar moito dedicando a servizos verdadeiramente útiles e necesarios os miles de pesos que se gastan na Igrexa e o clero.
(Neste momento asusteime ao ver un vulto negro que se achegaba á reunión. Era o cura, que chegou feito unha fera e comezou a insultar ao músico chamándolle parvo, animaliño e outras cousas que non debían ser pronunciados por un sacerdote).
Devandito presbítero falaba con tal coraxe e en voz alta, que chamou a atención das persoas que había nas tabernas. Aquel, ao ver que se formou un grupo regular, dixo dirixíndose ao músico:
Cura.- Vaia, que non é vostede capaz de dicir Viva a República!
Músico.Non señor, porque non estou a propósito, pero se fora noutro lugar o diría cen veces.
Cura.Cale vostede torpe, que está a enganar aos meus fregueses. Amigos meus, non vos deixedes enganar, que está aquí dicindo que o clero ten a culpa do atraso de España, cando o clero non saca nada do Estado (se quería vostede que sacase máis!) Cobra só o que é seu, e aínda non lle pagan. Está o párroco de Cela gañando catro mil reais anuais, que non é nada.
- Xa lle direi eu ao señor cura de Bueu que vostede non ten relixión, que é un ateo, un herexe e un home animal sen alma.

-E vostede, debeu replicarlle o músico – non debera andar entre persoas.

1 de abr. de 2015

Abastecemento de augas en Bueu - 1885

No ano 1885 o alcalde do concello de Bueu, Jaime Bolíbar, encargou a D. Jenaro de la Fuente y Domínguez[1] un Proxecto[2] para o abastecemento de augas para o núcleo da vila. A xustificación do mesmo ven dada pola infradotación deste prezado líquido que ven a padecer este pobo xa que nese momento non posúe máis auga potábel que a subministrada por “un pequeno caudal que case que desaparece durante a estiaxe e está situado entre unhas rochas do lado Oeste da costa moi afastado, polo tanto, do núcleo de poboación por onde o aproveitamento faixe moi difícil e imposíbel durante as horas de preamar. Como consecuencia de tan deficiente situación os veciños teñen a necesidade de acudir a algún que outro propietario dun pequeno manancial ou pozo...

Do manancial atopado “no extremo recto do camiño de entrada á Vila que forma unha verdadeira e ben aliñada rúa e que haxa necesidade de percorrer para ir á igrexa”. Fala da rúa Canibelos onde a poucos metros do actual Ramal dos Galos estaba a “Boca da mina”. Proxecta a ampliación e perforación da mesma nuns 100 metros (de 0,70 x 1,20 m.) cunha estimación de aproveitamento dun caudal de 1.028,57 l/h. Onde a lonxitude da canalización sería de 341,5 metros e o importe de toda a obra ascendería a  8.160 pesetas.
Na memoria da obra xógase co número de habitantes de Bueu (1620 h.), dos veciños afectados (697) e poboación residente na praia (127) para facerlles corresponder aos futuros usuarios a 32 litros/persoa. Para o cal á veciñanza da praia abasteceríase dunha monumental fonte proxectada na rúa Montero Ríos fronte á Eduado Vincenti (Preto da actual Praza de Abastos) que se elevaría “nunha especie de praciña  ou explanada” .
Dita fonte non se fixo nunca e a obra tardou anos en ser de novo licitada.


[1] D. Jenaro de la Fuente y Domínguez (1851-1922), valisoletano que exerceu como “mestre de obras” nunha grande cantidade de proxectos que se realizaron na súa época na capital olívica e en concellos limítrofes. Foi Director Facultativo da Obras municipais de Vigo así como profesor de debuxo, etc.
No debemos confundilo co seu fillo, Jenaro de la Fuente y Álvarez, arquitecto que construíu o estadio de Balaídos.
[2] Logo ratificado polo arquitecto Antonio Crespo.

21 de mar. de 2015

A festa de San Xosé no Bueu de 1917

Que o Día de San Xosé en Bueu sempre tivo predicamento o demostran as comidas dos “Pepes”,  a advocación da “Capela” que se levantou nos terreos da praia de Pescadoira e posteriormente na igrexa do que foran escolas de Orientación Marítimo Pesquera, despois Escola Náutica... ao inicio da rúa Pazos Fontenla.


Non é de estrañar o énfases que o correspondente en Bueu do xornal La Provincia para describir a celebración destas festas. Así o podemos ler na transcrición das celebradas no 1917:

Todo canto puidésemos dicir para relatar o éxito dos festexos que o 18 e 19 tiveron lugar na vila, sería pouco comparado coa realidade.
A brillantez do día coroou os esforzos dos animosos mozos que integraban a comisión das festas e unido a isto os moitos forasteiros que vimos durante eses días, con razón pode dicirse o arriba exposto.
A banda dos exploradores gustou moito, tributándoselle repetidos aplausos, sendo obsequiados os mozos músicos nas Sociedades “Liceo Casino” e “Círculo Mercantil” por ambas directivas. O seu director, o simpático mestre Serrano, recibiu moitas felicitacións.
Moi ben a carreira de bicicletas na que tomaron parte nove corredores; o primeiro premio, consistente nunha fermosa figura de arte, adxudicóuselle ao mozo de Cangas Remigio Rodal, e o segundo, unha cigarreira de prata, ao noso amigo Attilio Gaggero.
A procesión.
Digna de toda encomio foi a procesión de San Xosé na tarde dese día.
Xamais puidemos crer resultase tan solemne e concorrida e así en efecto, ao seis da tarde era de todo imposíbel dar un paso na praia, punto onde se levanta a capela do santo patriarca.
Alí miramos dúas longuísimas filas de homes e mulleres, o máis distinguido deste pobo, con velas acesas. O fermoso estandarte do adiñeirado propietario señor Nores, era levado polo noso digno párroco D. Juan M. Casanade e os cordóns polos Sres. Nores e Nogueira.
Seis mozos distinguidos, Pepe Madrigal, Pepe Cerqueiro, Pepe López, Pepe Rodríguez, Pepe Lago e Pepe Prieto, eran portadores do anda coa imaxe de San Xosé, agasallo do cabaleiroso Sr. D. Gerónimo Bolívar, sendo escoltada por seis gardas do corpo de Carabineiros.
Pechaba a marcha o clero destas parroquias e detrás unha multitude numerosa ávida de presenciar o sublime acto relixioso desta tarde, cuxo recordo quedará sempre nos fillos desta vila.

11 de mar. de 2015

Bueu gañadora no Concurso Nacional de Coros e Danzas

O día 4 de decembro do 1956 rematou en Madrid o Concurso nacional de Coros e Danzas da Sección Feminina. Participaban todas as provincias españolas con aqueles grupos que foran seleccionados entre os mellores.

Había participación nas seguintes especialidades:
  • Coros de xuventudes, neste caso gañou os representantes de Córdoba.
  • Coros de Sección Feminina, primeiro premio para os de Alberique (Valencia).
  • Danzas de xuventudes, gañaron os de Proaza (Asturias).
  • Danzas da Sección Feminina, levou o premio extraordinario os representantes ibicencos.
  • Grupos mixtos de coros y danzas, que gañou Astorga (León).
  • E no Grupo de Sindicadas, gañou o grupo que ía de Bueu. (Neste apartado había un único gañador)

Compoñentes do grupo:
Teresa  Portela Bravo, Celsita Chaves, Carmen Medraño, Marina Barreiro, Josefa Santos, Josefa “Palomita”, Rosa “Barrabasa”, Ana Mª Lis Bueno, Carmen “Pardela”, Rosita “Rata”, Carmiña “Barrabasa”, Mercedes “Salera”, Lito Estévez. Os gaiteiros era os Irmáns Barros.

Con anterioridade, o 18 de setembro de 1956, deran unha exhibición na illa de Ons na clausura do Curso Cátedra organizado pola Sección Femenina


O grupo de danza de Bueu, instruido por Ana María Bueno presentouse no “Festival Folklórico Galego” de Vigo o día 25 de xullo de 1958 onde presentou bailes na súa máis elemental autenticidade, pero provistos dun sentido plástico e coreográfico”

24 de feb. de 2015

Cinzarrada ou chocallada en Beluso

El Liberal (14-1-1908 páx. 4)
Dende o medievo e ao longo de toda a xeografía peninsular había por costume, principalmente nos pobos pequenos e aldeas, que cando un vello casaba cunha moza ou unha  vella cun mozo, ou cando un dos contraentes era viúvo ou os dous eran moi vellos,  que o contraente fora forasteiro,…facerlles na noite de vodas un rito nupcial moi especial, que podía repetirse ata nove noites seguidas. Consistía en que as xente, principalmente os mozos, do lugar molestaban aos recen casados có que se deu en chamar chocalladas ou cinzarradas pois producían ruídos cal música desapracible utilizando chocas, chocallos, cornos,  tixolas, ferrallas, cornetas, pandeiros, etc. Máis no caso que estes houberan feito unha festa na que estivera invitada toda a xente do lugar case sempre desactivaban esta “cerimonia”.
A explicación sociolóxica vai da man da non aceptación de tal unión por entrar en conflito coas “normas” ou valores do grupo social ao que pertencen.
As veces o escarnio e prexuízo era tal que eran censurados e castigados os participantes da mesma.
As veces o escarnio e prexuízo era tal que eran censurados e castigados os participantes da mesma.
Na nosa vila aínda que estaban explicitamente prohibidas[1] por bandos municipais, estes non eran impedimento para que esta costume estivera moi arraigada na xentes. Para mostra, o exemplo posto arriba de Beluso que, polo acontecido en 1908, transcendeu aos xornais.


[1] A Igrexa tamén o prohibiu xa dende o s. XII, pero sería o Concilio de Turín no mediado do s. XV cando o fixo explicitamente. Moitos gobernos tamén o prohibían como o caso de Carlos II onde se penaba con multa e cárcere.

12 de feb. de 2015

O alcalde prohibe a letra e cartel dunha comparsa

O 12 de febreiro de 1931, compadeceu M. V. F. casada e veciña desta vila dicindo que unha comparsa que ía actuar no Entroido canta un romance e mostrará un cartel explicativo que alude a feitos privados da denunciante que considera a todas luces calumniosas e que redundan en prexuízo da súa fama. Polo que se pide prohiba que se cante á letra e se poida mostrar o dito cartel.
Ese mesmo día Amando A. E. presenta ante a alcaldía tres exemplares dos “cantares” cun cartel demostrativo das mesmas pertencente á comparsa intitulada “Las Mormuradoras”.
A resposta do alcalde Perfecto García Nogueira a estas peticións foi “denegar la autorización que solicita o Sr. Ave para cambiar dita letra, prohibíndolle así mesmo, que exhiba o cartel demostrativo”, sobre todo polo cantable “Cantigas do Cego”, “cuxa letra ademais de ser contraria á decencia e ás boas costumes, pode molestar a persoa determinada desta veciñanza”.
Logo do Entroido, o 24 de abril, o responsábel da comparsa achégase ao concello para “pasadas as circunstancias que motivaron a incautación referida” reclamar o cartel. O novo alcalde Ramón Domínguez Ferradás entrégallo persoalmente.


Letra da comparsa que motivou á prohibición: