23 de xuño de 2013

S. Xoán no Bueu de fai 100 anos

A festa de S. Xoán  ou festa do solsticio de verán é a festa máxica por excelencia. É a noite das bruxas e feiticeiras. A noite dos encantamentos e rituais. A noite do lume e da auga. O imaxinario popular está repleto de lendas, historias e crenzas que teñen o seu cumio ás 12 da  noite de San Xoán.
A auga:  As fontes son lugares de prodixios e sanacións. O mar lugar de purificación e rexeneración. Na Fonte dos Tornos (en Xexide) : se se collía a flor do fento aparecía unha fermosa moza de pelo louro. Encantamento tamén se dá no “Buraco da moura” en Cela-Paralaia.
O lume como elemento purificador, de conxuro, renovación, …  Na Fonte (factor auga) de San Lourenzo de Cela (factor lume) óbrase o encantamento coa “Galiña dos pitos de ouro”
Como nos di Taboada Chivite: “En moitos pobos de Galicia alcéndese lumeiradas, fogueiras, cachelas, lumes; na praza, na rúa, nunha encrucillada, no monte ou por barrios. Báilase arredor e chóutase por cima delas con fins catárticos e propiciatorios, ás veces cun conxuro: Salto por riba do lume de San Xoán / para que non me morda nin cobra nin can.”
Como recordo do que foron as festas de S. Xoán citar o poema de Alfredo Brañas titulado:
Lembranzas!
Quén pode esquencer de vello
Os seus tempos de rapás?
Quén pode esquencer a noite,
A noitiña de San Xoán,
C’o seu séquito de bruxas,
Fogueiras, baños de mar,
Augas de rosas,parrandas,
 Troulas, bailes y aínda mais?
….
Para lembrar, lembrar como nolo presentaba a prensa local, a festa de San Juan en Bueu hai 100 anos (Transcribo o artigo traducido):
A festa do precursor San Xoán Bautista, foi este ano dobre; pois uns celebrárona o 22, segundo disposición recente de S.S. [papa Pío X] e outros, como antigamente, o 24. Nós non quitamos nin pomos festa, pero parécenos que nisto como en todo, hai que obedecer a quen manda e máxime se este é infalible.
As fogueiras, como sempre. Hóuboas na praia de Beluso , na de Bueu e rúa de Vincenti e montes circundantes ofrecendo fantástico aspecto e queimándose barrís e madeiras inservibles; para San Pedro tamén as haberá e acabaranse de queimar todos as cousas vellas que estorben.
Diante da fábrica de don Juan Tapias [onde están actualmente os pisos de Alonso en Pescadoira],  houbo, como todos os anos, verbena con fogos artificiais e baile, terminándose ás doce da noite.

14 de xuño de 2013

O alcalde prohibe andar polas rúas de Bueu desde as 10 da noite

Iso é do que acusa ao alcalde Miguel Nogueira Fraguas un xornalista na páxina 2 do Semanario republicano El Combate no inicio do verán do 1899. Con grande ironía, como pode verse no texto, expón unha serie de preguntas retóricas e á vez cargadas de veladas acusacións de intereses máis ou menos espurios. Para que non haxa malas interpretacións transcribo, traducido, o texto...

UN ALCALDE DESAFOGADO
É certo que V. Sr. Alcalde de Bueu, quere ser émulo do de Móstoles no das decisións enérxicas, xa que tanto se lle parece no da monteira e polaina, prohibindo aos seus conveciños paseen polas rúas despois das dez da noite?
Cre V. evitar desa maneira que o pobo indignado córtelle as cepas da súa propiedade, co que haberá menos viño e diminuirán as utilidades do imposto de consumos, no que todo o mundo sabe que ten V. intereses que defender como bo Alcalde?
É natural que trate vostede de velar polos súas viñas; o que non é natural é que os seus conveciños non saiban agradecerlle o interese que por eles se toma, Ingratos!
Continuaremos, Sr. Alcalde, continuaremos co das viñas.

1 de xuño de 2013

O Corpus en Bueu fai 100 anos

Xa estamos outra vez nas festas de Corpus, unha festa na que, coa excepción do aspecto relixioso, non sempre se manifestou de igual forma e localización. Coas súas épocas de esplendor e recesión…
 Fai hoxe 100 anos o xornal El Adelanto descríbenos con grande entusiasmo e grandilocuencia como se desenvolveu o Corpus de 1913.
Destacar que a espadana era, como ata non hai moitos anos a raíña do manto vexetal que servía de alfombras na procesión.
Vou a transcribir o artigo para que sirva de testemuña desta festa… 
O CORPUS EN BUEU
A festa por excelencia dos crentes que na Sacra Forma admiran a Deus vivo, reviste inusitado esplendor nesta fervente España que conserva, a través dos tempos e das innumerables revoltas, a fe dos seus maiores.
Flores, incensos, espadanas, son finos aromas que arrouban o espírito cara a Deus. Música e gaitas, fogos de artificio, volteo de campás son explosións de vivido entusiasmo polo amor dos amores, nos que, os ollos da fe, renden acatamento ao Pai Celestial.
Pasa a procesión solemne, maxestosa e ante a custodia todos descóbrense, todos inclínanse e axeonllan; uns con amor forte, profundo, arraigado na alma, outros con respecto.
Saudemos ao Rei de reis, exposto no sagrado viril, á adoración dos fieis, polos séculos dos séculos...
A función relixiosa foi solemne, predicando o párroco Martínez Casamande, que levaba o Santísimo na procesión e deu a bendición ao pobo.
Tivo tamén os seus encantos a festa profana; no entanto amencer un día de brumas e néboas, fóronse disipando e luciu o sol, espléndido, a súa luz cegadora e refulxente que dá vida e animación aos mortais, devandito sexa isto, con permiso dos partidarios das brumas e néboas, dos días sen sol, propios para nostálxicos, soñadores e poetas...
No atrio da igrexa houbo, pola tarde, moita animación, bailando a xente moza no eirado, deleitándose coas fermosas pezas interpretadas por unha sección da afinada música de Moaña. Tamén na reitoral festexábase o solemne día, ouvíndose desde a rúa belas cancións galegas entoadas por voz forte e ben timbrada.
Houbo no "Liceo Casino" unha petit soiree na honra da señorita Josefina Losada Caeiro, bela irmá do noso mozo amigo don Pascual, que pasaron o día coa moi estimada familia de D. Joaquín Domínguez.
E para que nada faltase ese día, estivo en Bueu (…) o vapor "Pepita Arminda" (…) con moitos excursionistas de Marín (…) desembarcaron todos dirixíndose ao "Liceo Casino" onde se bailou un bo intre…
Como se ve foi un día de Corpus ben aproveitado e a última hora, mellor dito, xa de madrugada, aínda había xente de humor cantando pola rúa.

20 de maio de 2013

Club Deportivo Bueu...

Enterado de que o Club Deportivo Bueu certificou onte o seu ascenso de categoría (regresa á Segunda Autonómica) e aínda que “por defecto” eu non son futboleiro si me alegro por un Clube con 86 anos de historia e polo pobo que lle da nome.
 Coma homenaxe pola miña banda achegar a información aparecida na revista Vida Gallega nº 385 do ano 1928.
Como pode verse nela aparece o equipo do Bueu C.F. nun partido de entrenamento, Lolita Pais vestida de cupletista nunha función a beneficio do club e unha fotografía co equipo de gala coa alineación. Todo un luxo para época e toda unha profusión gráfica!
Felicitacións aos xogadores, equipo técnico e directivo!




Lola Pais no cuplé “Julián” na función a beneficio do Bueu F.C

10 de maio de 2013

UN AVIÓN MISTERIOSO... EN ONS

Ao longos dos anos escoitei falar a illeiros rapaces, e non tan rapaces, de fenómenos estraños relacionados con luces que se movían na contorna de Illa de Ons que habían visto  tanto dende terra como dende embarcacións. E case sempre acababan desaparecendo no mar. Os interlocutores sempre o relacionaban co fenómeno OVNI. Dicir que os xornais, revistas e ata algún programa de TV1 daban nesa época pulo a estes fenómenos.

Pero as noticias sobre fenómenos estraños no ceo de Ons remóntanse no tempo aínda que non sempre se relacionaron coa ufoloxía. Ese é o caso saído en “El Compostelano”, no 1930, citando ao correspondente do “Faro de Vigo”  que indicaba que os veciños do Ons lle habían manifestado o seu desacougo pola presenza dun avión cada catro ou cinco noites dende hai un mes.

“... aparece no horizonte, a gran altura, un potente reflector que se achega rapidamente a terra, procedente do mar, rumbo de Oeste a Leste.
Cando o aparello chega, sempre voando alto, ás proximidades de Ons, o reflector apágase.
Durante uns minutos vibra no aire o tremer do motor ou motores do “velívolo”; pero a altura en que este navega no espazo faio invisible para os habitantes da illa.
A persistencia e a periodicidade nas súas visitas do aparello aéreo ten en tensión os nervios dos veciños de Ons, que non saben a que atribuír a presenza do avión que elixe as noites para os seus voos e que se rodea de misterio para achegarse á desembocadura das rías de Vigo e Marín.”

... e nestes tempos ata aparecen vídeos por internet como este no que se pode observar a caída dun suposto OVNI preto da illa de Ons.
Poderíamos rematar coa adaptación ao tema da ambigua, antitética e popular frase de “Eu non creo nos Ovnis, máis habelos, hainos
------------

1
.- Era a época na que “especialistas” como, por por un exemplo significativo,  Fernando Jiménez del Oso divulgaban os enigmas ao través de programas de TV como “Más allá”, “La puerta del misterio”, etc. Ou publicacións periódicas como “Más allá de la Ciencia”, “Universo Oculto”,...  Persoas coma el, que utilizaron a proxección mediática dos medios de comunicación e as súas dotes de comunicador e divulgador para “colarnos” algunhas noticias e feitos de dubidosa factura científica.
 

1 de maio de 2013

Bandidos no monte Borrallido

O xornal El Español do 10 de maio de 1837, na súa páxina 2, danos a noticia de que uns días antes, 22 de abril, avistándose un grupo de xente armada no monte de Borrallido, o alcalde pedáneo con dez ou doce veciños “honrados”, atacáronos armados con fouciñas e unha soa arma de fogo. E aínda que algún sufriu na defensa obrigáronos a fuxir.  Na fuxida abandonaron dúas fusiles, dous paquetes de cartuchos, unha machada e outros efectos de pouco valor.
Logo os alcaldes de Bueu e Cangas fixeron, cos veciños repectivos, unha batida que non dou resultado algún.
Pénsase que Borrallído sería punto de reunión da banda para facer algún roubo.
A noticia remata dicindo que se tomaron medidas para evitar os roubos …  

26 de abr. de 2013

Casa Silveiras - II

Xa cando falamos da fibela de ouro previsigótica mencionamos que “ O lugar do achado parece que foi ao construír (1921) Don Salvador Massó Ferrer e Julia Bolíbar Galup a casa “Silveiras” na rúa Montero Ríos para as súas fillas Mercedes e Teresa”.
Polo relevante para a vida industrial e arquitectónica da provincia dicir que:
  • Julio Barreras Massó (1879 / +7-9-1951). Casado con Mercedes Massó Bolíbar (“Memé”). Tivo coma fillos a Alfonso, Rafael, Salvador, Julia (“Julita”) e Margarita (“Margot”). Forxado no mundo dos negocios no seo familiar e nas súas estancias no estranxeiro (Hannover, Bruxelas,…). Dentro do entramado industrial da empresa familiar D. Julio ocúpase dos negocios conserveiros. Xunto aos seus irmáns (José e Federico) constituen en 1907 a sociedade Hijos de J. Barreras. Vicecónsul de Finlandia en Vigo. Rosa Blanca da dita nación. Medalla do Mérito ao Traballo…

  • Jacobo Esténs Romero (1880-1959). Casado con Teresa Dolores Massó Bolíbar (“Teté”). Un dos tres arquitectos que había na cidade de Vigo no 1920. Nos primeiros anos do s. XX segue a tendencia “academicismo clasicista renovado”, que a partires dos anos vinte dese século tende á monumentalidade de obra polas maiores alturas dos conxuntos arquitectónicos. A súa actividade non só se cinguíu a súa profesión coma arquitecto senón que estivo ligada á docencia na Escola Industrial de Vigo,  
 A relación coas familias Massó e Bolíbar no só se circunscriben ao familiar senón ten derivas económicas que podemos resumir en tres actuacións relevantes:
- Ata o 1928 posuía J. Barreras unha participación do 50% na fábrica que en Menduíña tiña a familia Bolíbar.
- Julio Barreras, a traves da empresa Hijos de J. Barreras, e o seu cuñado, o arquitecto Jacobo Esténs, colaboran para edificar a “fábrica nova de Massó” en Bueu que se inagura no 1926.
      - Jacobo Esténs é o arquitécto que leva a cabo o proxecto de Tomás Bolíbar Sequeiros na  construción da nova factoría dos Massó en Cangas.

10 de abr. de 2013

Case 150 anos da Panadaría A Bicha

Hoxe dentro da campaña "A semana do teu comercio. Unha semana, un comercio, unha historia" que impusa a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia haberá un acto para renderlle unha homenaxe á Panadaría A BICHA como “o negocio asociado máis antigo de Bueu” .
E tal como recolle a prensa local, por exemplo Faro de Vigo, “Cinco generaciones entre la harina”. Nun artigo, asinado por un excelente periodista como é David García, fai unha descrición da historia da dita panadaría. Pouco ou nada que obxectar. Máis por lo cariño que lles profeso quixera aportar algún dato que se sume aos expresados:
·        A primeira panadaría que se ten referencia en Bueu é no contorno de 1834 no lugar da Praia (zona de Pescadoira). Onde estaba situada edificouse logo unha salgadeira e xa no 1904 había unha fábrica de conservas (1)
·        Fálase de “Cinco generaciones…” eu diría, alomenos, “Seis xeracións…” xa que:
1.      primeiro panadeiro desta estirpe datado era Benito Pousada Barreiro (2) e a súa muller Josefa Lijó. (3)
2.      Estes foron pais de Florentina Pousada (4) Lijó que ao casar en 1883 con Francisco Lorenzo Lorenzo traballaron na panadaría e logo quedaron co negocio.  
3.      No 1884 naceu Francisco Lorenzo Pousada que casou con Carmen Santos. Estes continuaron co negocio pero alugando un novo local na rúa do Principe (Eduardo Vincenti) na casa do Sr. Camilo, fronte ao actual restaurante Quintela. Máis tarde trasladáronse ao lado do actual Hotel Incamar, onde tiveron forno e co paso do tempo ao inagurar as actual instalacións (1953) quedou coma “despacho de pan” ata hai poucos anos.  
4.      Seguiron co negocio seus fillos Amador Lorenzo Santos e José Guillermo Lorenzo Santos (Xeso). Continuou na panadaría a viúva de José: Dolores (Lola) del Río Freire xa que os herdeiros de Amador montaron outra panadaría en A Graña.
5.      Digna Catalina Lorenzo e irmáns
6.      Sobriños e fillo de Digna

 NOTAS:
(1)  Ver entrada deste blog do 1/03/2013 ou premendo aquí
(2)  Benito Pousada Barreiro era fillo de Domingo (zapateiro) e Benita Barreiro
(3)  No ano 1879-1882 había como panadeiros de Bueu: Alejandro Rodríguez, Francisco Ferradás e Benito Pousada. E como Panadeiros de Beluso: Juan García
No 1883-85 estaban como panadeiros de Bueu: Salvador Ferradás e Benito Pousada. E de Beluso: Manuel Regueira (nos Anuarios non aparece Juan García)
No 1888 seguen en Bueu: Salvador Ferradás e Benito Pousada. E en Beluso,  Juan García
(4) Noutros documentros poñen “Parada”

1 de abr. de 2013

Casa Silveiras - I

Párome unha vez máis a falar da “Casa Silveiras” para amplificar  aspectos que poden se considerados coma relevantes tanto do paso da historia (1), como os cruces de propietarios (mercar e vender) de familas vencelladas á industria salgadeira e as fidalgas e, por último, con familias claramente entroncadas co mundo do mar, da docencia ou do mundo da empresa (isto verémolo máis afondo na entrada: Casa Silveiras-II).

Aquí partinemos de documentación e/ou apuntes feito por Narciso Galup con respecto ás pertenzas súas ou de familiares na zona de Pescadoira e, sobre todo porei onde esta a  citada casa “Silveiras” e como esta chegou a mans dos Massó.

 “La heredad nombrada Silveira, sembradura 10 ferrados poco mas o menos en mitad con mi tío D. Tomás Galup segun escritura (…) con la pension de 200 reales al Sr Pimentel sobre soforo y 16 concas de mediado al Sr. Montenegro y ___________  concas de mediado al Sr. de Lago cada un año. Los 200 rs de soforo se redimiran 100 a D. Pedro Pimentel según escrituras nº (...) y los otros 100 a D. Manuel Salgado por poder de su mujer Dna oncepción Pimentel según escritura nº 3"

 (Nº 3) 
“Copia de la escritura de conbenio del prado de Silveiras con María Teresa y Jaime(2) y Escriturado. Y escritura de redención de bienes de saforo hecha esta en 23 de mayo de 1846 por Manuel Rodal escribano de Cangas. Esta escritura la llevó D. Gaspar Masso que fue quien compró la parte nuestra del prado ó mejor dicho se la compró una parte a Gumersindo Meira por habersela dejado Magdalena al Meira ó a su hijo arrimar á la casa del finado padre que se la vendió entiendase del prado todo la mitad hera de mi señora madre y la otra mitad de Bolibar la mitad de mi señor padre correspondía o hera desde el medio del pasado en línea recta de norte a sur todo lo que correspondía arrimado (incluso las casas) al almacén del dicho D. Salvador Gil Gelabert de alto arriba y la otra más para el naciente a D. Jaime. También con sus cuatro casas es para el naciente al D. Jaime tambien con sus cuatro casas es decir estaba dividido entre mi padre y Bolibart y mitad cada uno. Yo Narciso [Galup] digo esto para aclarar las cosas.

  “Convenio de las aguas del Prado que caen del Almacén de Gelabert. Llevó esta escritura D. Salvador Massó por haberle comprado la parte del prado con la casa fincaba al almacén á los herederos de Magdalena Galuo (3) que  fue quien le tocó en partija. La escritura la llevó en 10 de diciembre 1917- y llevó otra escritura de compraventa del prado D. Salvador Massó se la entregué yo Narciso en 1921. mes de mayo – la escritura rezaba como compradores D. Narciso Galup y D. Tomás Galup.”

(1) Ver a entrada do blog “Unha fibela de ouro do século V en Bueu
(2) Para entender un pouco este “popurrí” de nomes dicir que a Mª Teresa [Galup Moreu] estaba casada con Jaime Bolibar Bonell, era filla de Tomás Galup (irmán de Narciso Galup Vergés)
(3) Filla de Narciso Galup Vergés

21 de mar. de 2013

Hai quen soñou… que Bueu

    • Estaba no  mapa dos pobos “preciosos”  de España. So facía falta que no seu momento se houbera posto en valor o que ía aparecendo ou se coñecía.
    • Que as estradas que sacaron do illamento ao Morrazo foran ríos apousados de persoas ávidas da beleza e da cultura.
  • Todo quédase  escuro … comezaron a camiñar e… nada máis baixar por Xoalde sorprendeulles as vistas dos areais dunares de Portomaior e Agrelo cun pano de fondo das illas de Tambo, Ons e Sálvora. Tentados pola natureza virxe fixeron a súa primeira parada para sentir nas propias carnes o masaxeante pracer da area ou simplemente para contemplar a escasos metros os areais sucados por pequenos ríos que dende os montes de Cela se achegan a “morrer no mar”. Pero seguen o camiño cara Bueu e sen perder de vista o mar, pois non hai nada que llo impida, ven a estrutura, agora reformada en Casa Rural, da salgadeira de Fazzina. Tras un pequeno paseo polo cantil en volta aparece unha enseada que amosa a terra con máis dun quilómetro de praia bicada polo mar e bordeada por arranxadas casas mariñeiras.
    Na baixada a Pescadoira comeza a entrada nun mundo de soño de mar e praia. Segundo o “libro guía” que todos levan: á dereita está a salgadeira de Francisco Rúa hoxe convertida nunha pequena e coqueta casa-museo cunha ampla sala que serve de entrada e de exposición con paneis explicativos de todo o proceso da salga comezando polo método tradicional galego de "moura" ou “escochado”. No primeiro andar a recreación da casa-fábrica coa lareira e todos os útiles da vivenda. Na parte de atrás, no patio da casa a salga de fusos colgantes tal e como foi construida no seu momento. Dende aquí podería accederse á primeira salgadeira dun “patriano”: A salgadeira de Vicente Freire (1806) situada na coñecida Casa de Pin Cabanillas. Salga de fusos ancorados no chan. A casa convertida en casa rural para unha familia con estancias museables como casa nobre.
    Dende unha das ventás, nun abrir e pechar de ollos dáse conta de que é ao comezo desa praia onde atópase coa contorna do mundo romano dos primeiros séculos da era Cristiá. Ao carón norte iniciase uns muros que de forma case paralela ao mar ten continuidade co complexo romano no que pode apreciarse: unha pequena vila romana, casa con tres habitacións, forno ou olaría, salgadeira,… exposición con pedras de prensado, muíños de man, moedas, … e centos e centos de fragmentos de cerámicas, cristais, etc. atopados no berce da terra e postos en valor. Parecese transportado a un mundo único onde as pezas dan mostra de singularidade son únicas no finis terrae peninsular: coitelo con mango, tapón cerámico con rosca,…  
    Alguén con roupa estraña lle di que pouco máis de cen metros cara o centro urbano podería contemplarse outra olaría con exposición de ánforas de distintas tipoloxías, algunha delas que poderíamos chamar “tipo Bueu”. Con só pensalo xa se atopaba na olaría. Na parcela do lado un conxunto de paneis onde se visualizaba a entrada de pobos xermánicos, o asentamento xeográfico na costa galega do pobo suevo, e dun grande panel da fibela aurea do s. V atopada uns anos antes no lugar. Aínda se ven, protexidas, as lousa de perpiaño e nichos do pequeño cemiterio suevo…
    Non da crédito a tanta cousa e tanta beleza… e iso que acaba de entrar no pobo… Vai pasando as páxinas da Guía como se fora unha baralla de naipes e na súa retina lle van quedando imaxes mesturadas con frases….
    Illa de Ons: Para gozar do pracer da paisaxe insular, das súas praias, gastronomía … coa visita cultural á súa salgadeira e mosaico romano,... aos seus castros, petroglifos, laxe do Crego,…
    Cela … románica… do campo … e Ermelo co seu mosteiro…. Igrexa de Bueu… pequenas capelas que a desfeita dos tempos (1104 e 1865) desvirtuaron os seus modestos inicios.
    …dende a Praia pódese ir camiñando cara o sur seguindo o curso do río ata o lugar coñecido como Paraiso que onde o Abade/Canudo se xuntan co Portela para darlle nome de Bispo… chegamos a Meiro onde podemos ver o peto de San Antonio de Meiro … polos restos da Vía Per loca Marítima (camiño Real ou Brea) ….  aos muíños do alto do Canudo e facer a baixada …
     
    Pero que pasa?… a Guía de Bueu comeza a desaparecerlle das mans. A beleza das casas mariñeiras comeza a elevarse e desfigurarse,... o mar e a praia comenzan a afastarse e ata desaparecer… Un pesadelo fai que o que mira apenas teña identidade co seu pasado, que as súas xentes tampouco se identifiquen con este, que a uniformidade faga medrar as vivendas… que a Praia non sexa o eixo, que… que…
    A dor e tan grande que esperto e atópome con Bueu … ese Bueu que cada ano mudou con estilos que non identifican… un Bueu onde a sinal fabril dou paso a “outras cousas”… Nin mellor nin peor. É outro  Bueu que nos volve facer ensoñar e engaiolar cando miramos cara o mar e o seu horizonte…  cando tratamos cás súas xentes… ou cando coñecemos e respectamos o seu pasado.

19 de mar. de 2013

Bueu percibe un 300 % de aumento nas aportacións do estado

Na prensa madrileña sae a noticia de que Bueu, con outros 6 concellos da provincia, percibe un 300 % de aumento nas aportacións do estado.
Claro que isto ocorre de forma puntual no ano 1882. Como estaría a cousa que ata haiprovincias tan castigadas, que solicitan do goberno como un favor o de ser equiparadas ás de Galicia”.
Alomenos expresar o desexo de que esta suba nas aportacións do estado se volvera a repetir pois…tal e como están agora as arcas do estado… recorte e máis recortes… din que non hai “un peso” (outros un “can”). Sexa o que sexa todos “os do común” o estamos a notar e tamén as institucións soportes do noso benestar: sanidade, educación, concello,… Os que levan as rendas municipais ven como se incrementan as cargas e como ao tempo decrecen os ingresos…
O que máis me sorprende é que a culpa a teñen o “ladrillo” ou “burbulla inmobiliaria”, os “mercados”,  ataques ao “euro”… e así ata máis dunha ducia de obxectos materiais ou conceptos inmateriais.
Pero os culpables, que están fóra e dentro do país,  teñen nome e apelido. Seus nomes deberían causar arrepío e repudio en calquera lugar da Terra no que se atoparan… e, por seguir desexando… normas universais de forzado cumprimento que puxeran freo á miseria e desigualdade,  poñendo lindes ás súas  riquezas… e …. e …

Outras 300%….
  • … e hai quen pretendía gañar un 300%  se a nosa economía afundíase máis e tiña que pedir o rescate a Europa. Así o fixeron compañías especuladoras comprando seguros de impago de crédito ou Credit Default Swaps (CDS) e logo “intoxicando”…
  • A deuda española supera o 300% do PIB (uns din o 368% outros 268%) o que fai que sexamos o terceiro país máis endeudado do mundo. Pero se alguén se quere consolar que consulte o informe Funcas (Fundación de las Cajas de Ahorro) que desmitifica estes datos…
  • España sancionada pola Comisión Europea por excederse nun 300% na pesca da cabala no 2009…
  • As multinacionais aceleran as súas desinversións en empresas españolas. Relevante é que a desinversión vía ETVE -especie de sociedades holding por motivos fiscales- incrementouse uns 300%, mentras que a desinversión en actividades productivas (non ETVE) disminúe un 26,5%.
  • Se sumamos o desemprego máis a inflación daranos o que se coñece coma “Índice de miseria”. Neste índice de miseria superamos un 300% aos Estados Unidos...
  • Paro aquí  pois as bágoas tamén subiron máis dun 300% con respecto ao ano anterior…

1 de mar. de 2013

Primeira información arqueolóxica en Bueu 1834

Fixo onte 109 anos que saía á luz pública a primeira información de achados arqueolóxicos  na praia de Pescadoira en Bueu. Aparecía esta nun xornal con só catorce días de vida “LA VOZ DE BUEU” no seu número tres de 1904.  Máis o achado habíase producido facía uns 70 anos  (no 1834) e estaba descrito nun segundo artigo titulado “De Bueu” nos seguintes termos:
Haberá como uos setenta anos, edificouse nesta rúa da Praia unha casiña de cortas dimensións para establecer unha panadería. Ao abrirse os cimentos, atopouse un muro de pedra, como de perpiaño, dunhas cinco ou seis varas de largo, por dúas de alto cunha pequena ventá de curtas dimensións, e ao seu pé unha porción de residuos de carbón de pedra. Dita casiña, despois de servir ao seu dono, pasou ao dominio doutro, quen edificou nela unha fábrica de salgadeira, transformada hoxe en conserva, e, ao ensanchar os seus cimentos descubrieronse barreños, fontes, pratos e tazas de barro vermello, dando a entender este achado, que alí houbo anteriormente habitantes a quen o mar debeu cubrir na súa violenta invasión. Varios capitáns e buques e ainda simples mariñeiros sondearon os espazos que median entre a illa de Sálvora, Ons, Cies e a punta de Baiona e afirmaron que existía unha restinga de bastante elevación para sospeitar que as ditas illas estiveron unidas en antigos tempos, …
Todo isto quedou na memoria de algúns pero o tempo encargouse de borralo e non sería ata case trinta anos máis tarde cando a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e, sobre todo, persoas inquedas como Álvarez  Limeses, Xurxo Lorenzo, Álvaro das Casas, C. Sampedro, García Alén, Filgueira Valverde... e os bueuense Gaspar Massó, Jorge Santos, Enrique Massó, etc. os que comezaron a dar a coñecer o noso patrimonio máis antigo.

26 de feb. de 2013

Unha fibela de ouro do século V en Bueu

Que nos primeiros séculos da era cristiá a actividade industrial, sobre todo romana, era relevante na parte norte da praia de Bueu está cada vez máis evidenciada polos miles de grandes e pequenos achados nas puntuais “actuación de urxencia"[1] ordenadas por quenes tiñan que velar polo noso patrimonio. Pero isto será a letra doutra canción…

Foto: Fibela de Bueu. Museo Pontevedra
O que quero poñer en valor para que coñezades e esteades orgullosos do voso é que en Bueu tense atopado unha das poucas fibelas[2] de ouro previsigóticas.  Ou como dicía no Anuario de prehistoria madrileña de 1933-35 o profesor Hans Zeiss da Universidade de Munich  ao recoller coma relevante o “tipo característico das sepulturas dos primeiros invasores (“previsigodos”) da península os achados de pequenas fibelas de ouro coma as de Beja (Portugal),  de Bueu (Pontevedra), Instituto de Valencia de Don Juan e outras de localidades descoñecidas. A excepcionalidade das fibelas de ouro atopadas, cinco, falan da súa importancia.[3] (…) Nos enterramentos visigóticos da peninsula era costume poñer aos mortos útiles da vida diaria: vestidos, fíbulas, coitelos...  

 Outras referencias  da fibela de ouro atopada en Bueu:
Os datos do achado son moi parcos, pouco precisos e con erros, non todo imputábel á Sociedad Arqueológica de Pontevedra e si aos métodos utilizados nesa época. Filgueira Valverde/García Alén na “Carta Aqueológica” (1953. páx. 195) din "Al construirse la fábrica de conservas de Barreras[4], se encontró una pequeña hebilla de oro, sin decoración. Con ella se hallaron tégulas romanas y apareció una construcción de "perpiaño" (sic), con nichos[5]. Se conserva en nuestro Museo [de Pontevedra] la hebilla, Cat. Núm. 2890".

En referencias posteriores como as de Álvaro Rodríguez Resino ou Pérez Rodríguez Aragón datan a fibela como do primeiro tercio do século V.  A parte de describila como “unha fibela aúrea de aro circular e agulla cónica, adelgazada e curvada no extremo, sobre o borde do aro. O seu diámetro é 2,7 cm. (…) A peza de Bueu pode asociarse coa presencia de vándalos ou alanos[6]”. Pero dado que a parte occidental da Gallaecia estivo ocupada polos suevos “a fibela circular de ouro con agulla habría que atribuila, por localización xeográfica” aos suevos”.

[1] “Mirame, colle o que poidas e deixame tranquilo”
[2] Broche antigo que se usaba para suxeitar as prendas de vestir
[3] Pola súa importancia esta fibela foi cedida polo Museo de Pontevedra á exposición “Hispania Gothorum. San Ildefonso y el reino visigodo de Toledo” no Museo de Santa Cruz (Toledo) no 2007.
[4] A familia Barreras non tivo fábrica nesta zona de Bueu. O lugar do achado parece que foi ao construír (1921) Don Salvador Massó Ferrer e Julia Bolíbar Galup a casa “Silveiras” sita en Montero Ríos para as súas fillas Mercedes, casada con Julio Barreras, e Teresa, casada co arquitecto Jacobo Esténs Romero.
[5] Estas fíbelas case sempre se atopan en “enxovals funerarios”. Non se descarta pola descrición que houbera xunto ao asentamento romano un cemiterio suevo.
[6] Estes pobos xunto cos suevos forman parte dos grupos xermánicos que chegaron a Gallaecia a partires do ano 411. Os únicos que quedaron de forma estable ata o s. VI, logo incorporados ao reino visigótico de Toledo, foron os suevos.

15 de feb. de 2013

Membros dunha comparsa detidos pola Garda Civil

Chegada a época do Entroido vemos que algunhas das letras das comparsas non gusten aos políticos cando os poñen a eles ou as súas políticas no punto de mira é comprensíbel… pero non o é cando estes fan uso do seu poder para tratar de calar críticas e parodias, moitas veces transgresoras, que son a esencia do Entroido. Esta actitude vémola no xornal El Progreso de Pontevedra no Entroido do 1933 na nota do Goberno Civil que dí:

COMPARSA ESCANDALOSA

A requerimento do alcalde de Bueu, a garda civil deste porto detivo aos veciños da parroquia de Cela, Agustín Loira Pastoriza, Manuel Cendón Cortizo, José Rodríguez Chapela, os cales formaban parte dunha comparsa titulada “Los Campesinos”, que cantaban coplas alusivas á política local.

Enterados diso dez comparsistas máis, solidarizáronse cos seus compañeiros, manifestando que desexaban correr a mesma sorte, polo cal motivo tamén fóron detidos.

Nota: O alcalde era Luis Jesús Prieto García. A letra e música da comparsa era de José Diz Paz ”Pepe Diz” e probablemente a letra pola que foron detidos era:
                                     
Vals

De la justicia en esta Villa,
faltos estamos, siendo bien triste;
y caminamos a la deriva

sin darnos cuenta de lo que existe.
Es don «Verzotas» inteligente
y «Alvarito» cuco rapaz;
los dos «aplican» la ley vigente

de «chupar» mucho sin trabajar.

Si una denuncia ven
en su jurisdicción
enjuician y preveen
la cuestión.
El formulario es
de esta redacción

que dice al revés la razón:

Considerando que don «Lucido»
tiene pesetas, que es lo mejor:
Considerando que ha prometido

cincuenta duros si es triunfador.

Considerando que don «Tancrédo»

nada ofreció y tiene razón...

Fallamos «justo» y «sin enredo»

contra «Tancredo» por... infracción.

Todo sigue igual;
vampiros existen
carentes de moral,

que «embisten».

La ley del embudo
si husmean «parné»
la aplican,seguro,
a cualquier...

Para ler as demáis letras das comparsa podedes ver a páx. 36 da revista O Candil ou simplemente premer aquí.

9 de feb. de 2013

O Entroido en Bueu fai un século




Fai hoxe 100 anos El Adelanto describíanos o ENTROIDO EN BUEU tal como transcribo a continuación:
Ninguén sería capaz de asegurar, ni a apostar un céntimo se atrevería, que despois dun sábado turbulento completamente desabrido, frío, tristón, chuvioso, de pleno vendaval, de inverno cru, había de vir un domingo primaveral case de verán, claro, de luz refulxente, de sol, brindando ao pracer e á alegría, deíxándonos gozar un pouco que vai quedando destas festas de carnestolendas, que paulatinamente van languidecendo.
Los de antes
O domingo cedo vimos pasar a comparsa de Bueu chamada "Los de Antes", que (…) dirixíanse á casa do seu presidente honorario noso querido amigo D. Ventura García, a buscar a súa bandeira e saír a saudar autoridades e pobo (…)
Entresacamos algunhas estrofas das de máis ensulla
En el nuevo presupuesto
los arbitrios municipales
está muy cara la tarifa
de las plazas y rodajes
que los pobres marineros
hoy tenemos que pagar
dos pesetas por barril
de raba para pescar.
Dicen que en este pueblo
se va hacer una alameda
a la orilla del mar
por el medio de la arena.
Hay un señor en el pueblo
que tiene interés verdad
que la comparsa no salga
a la calle en carnaval.
Déjese usted de esas cosas
no forme usted ilusiones
porque tiene en su cabeza
muchísimos gorriones
aquí estamos
Los de antes
muy cansados de pedir
un muelle para Bueu
sin poderlo conseguir
Marín ten obras de puerto
Sanxexo vaille igualando
Moaña e Cangas tamén
Bueu atrás vai quedando.
Pola tarde estivo esta comparsa no Liceo-Casino onde cantou todo o repertorio … Despois estivieron no Recreo Artístico, ...
Pola noite a comparsa dividiuse en dúas para asistir por mitade a os dous bailes que pola súa conta se celebran un en Pescadoira e outro na Graña, que estiveron moi concurridos e remataron arredor das dúas (…)
O luns saíu a comparsa para Marín nun vapor (…)
La Banda Española
Outra comparsa nobilísima foi a de "La Banda Española", organizada na veciña parroquia de Beluso… dirixidos polo noso estimado amigo D, Francisco Paz Ramos… e levando ao frente unha fermosa bandeira de seda, primorosamente pintada, regalo da súa belísima presidenta a simpática Srta. Marina Davila (…)
Como ten moita miga, damos a continuación algunhas estrofas das que cantaron:
Al extremo de una calle
la más central de esta villa
hay una hermosa columna
toda de hierro fundida
es tan fuerte y elegante
que más de cuatro infelices
contra ella muchas veces
se dejaron las narices.
Se hizo un famoso proyecto
para hacer una alameda
con deliciosos jardines
rodeados de palmeras.
Quiera Dios que se ralice
y no sea un sueño más
como las obras de puerto
que aun están por empezar.
Adelante las reformas
que el pueblo desea tanto
adelante todo aquello
que signifique adelanto
y adelante los que escriben
el periódico local
que adelantando se avanza
hacia la prosperidad.
 (…) E basta de Entroido ata outro ano, que este menos mal, o tempo sobre todo espléndido.

1 de feb. de 2013

Federico Ribas Presidente Honorario dunha Asociación bueuense na Arxentina

Moita xente de Bueu oíu falar de Federico Ribas Montenegro. Uns poucos, cada vez menos,  lémbranse da súa estancia en Bueu. Algúns amigos me falaban, con simpatía e sempre esbozando un sorriso un tanto pícaro, cando veu cunha amiga francesa chamada “Giorgina” á que inmortalizou como modelo na propaganda de Massó.
Persoa alegre e namorado deste pobo e de súas xentes. Coñecido coma publicista e debuxante. Todos os que temos certa idade nos lembramos da súa
G de Gal ou mellor, e con máis agarimo, da súa M de Massó. Pero o que case ninguén sabía era que Federico Ribas foi Presidente Honorario da instituciónLos Unidos del Ayuntamiento de Bueue algunha vez ilustrou a portada do folleto, que co gallo das festas patronais de San Martiño, servía de invitación para a comida de confraternidade e  lembranza do “terruño” alá pola terras arxentinas.

Portada con debuxo de Federico Ribas  e  F. Ribas Presidente honorario 1938