6 de nov. de 2020

A LEPRA EN ONS – Epidemia IX

 Dende a antigüidade a lepra (gafura, laceira) é unha enfermidade que estigmatizaba e condenaba a aqueles que a padecían. Ata a primeira parte do século XX prevalecía, incluso nos medios médicos, a crenza hereditaria da mesma[1].

Hoxe en día coñecemos que a causante desa enfermidade infecciosa que se caracteriza polas úlceras na pel e mucosas, danos neurolóxicos, etc., é causada por un bacilo (ou bacteria con forma de bastón) chamada Mycobacterum leprae.

Pero o aquí quero poñer de manifesto é a incidencia histórica desta enfermidade coa illa de Ons. Dende que a poboación da illa foi aumentando as condicións de hixiene e alimentación desta comunidade, a causa das súas limitacións sociais, laborais e de colonato, foron deteriorándose ata situacións extremas. Isto foi o caldo de cultivo para que esta enfermidade se asentase de forma endémica no lugar. Ase mesmo o condicionante espacial reducido, polo illamento, permitiu que de forma recorrente aparecesen máis casos que noutras poboacións próximas[2].
En El Pueblo Gallego do 12 de febreiro de 1933 temos a primeira das referencias claras á lepra na Illa. É nun artigo de Álvaro de las Casas facendo un in memoriam de Antonio Bruno, no que dicía: ”Naquela illa vergoñosa, sen médico, nin cura, nin botica; naquela illa con máis de trescentos veciños que non teñen un palmo de terra, nin un libro, nin un periódico, que en tanto por cento elevadísimo agonizan sumidos pola lepra, sen man piadosa que lles axude…”

Algunha que outra vez deron en aproveitar esas circunstancias de necesidade e enfermidade dende o mundo da política. Porei dous exemplos de distinto signo e intencionalidade.

En 1934 o deputado a Cortes por Lugo, Manuel Becerra, do partido Republicano Radical como subsecretario de obras públicas pasou de inspección polo faro de Ons e “puido apreciar persoalmente as pésimas condicións sanitarias nas que se atopan os habitantes da citada illa, moitos deles atacados de lepra e carecendo de asistencia facultativa...”.  Falou co ministro de Traballo, Sanidade e Previsión Social e este transmitiu ordes “ao inspector provincial de Sanidade de Pontevedra para estudie a maneira de subsanar esas deficiencias sanitarias, atendendo con elo a tan xustos e humanitarios desexos”. Polo que sabemos todo quedou igual.

Baixo o lema “Ons as illas esquecidas” desembarcan a primeiros de xullo de 1938 un grupo de Falanxe ás ordes do Xefe Provincial, Jesús Suevos, ao que acompañaba un amplo cadro de especialistas e directivos da organización.  Reflectida esta visita en El Pueblo gallego cun amplo artigo, coa reportaxe gráfica de Valin[3] (que é a causa desta entrada no blog).

No que respecta aos habitantes da Illa di: “Depauperados fisioloxicamente. Non hai servizos sanitarios nin espirituais. As enfermidades da pel constitúen unha estatística aterradora, fomentadas polo xénero de comidas e pola [..] consanguinidade. A lepra cravou tamén a súa garras naquela terra ingrata, sen que non se fixera nada por aqueles desgraciados”.

 


 NOTA: Coa entrada neste Blog, do 8 de maio deste ano, que tiña por título “Outras enfermidades endémicas no Bueu da 1ª metade s. XX - Epidemia VIII” ía deixar por concluído o capítulo das enfermidades epidémica e/ou endémicas. Consciente de que quedaban outras, coa fin da desescalada do confinamento prefirín non abordar.

Hoxe retornei ao tema coa intención de completar, divulgar e poñer en valor a entrada que o día 23 de outubro deste ano puxeron no Facebook os do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (Entradas que aconsello seguir polo seu interese documental) co títuloLEPRA NA ILLA DE ONS” :



[1] Quizais influídos polos textos bíblicos coma “… a lepra de Naamán pegaráseche a ti  e á túa descendencia para sempre…” (Reyes II 5-27)

[2] Enfermidade que se daba tamén en moitos pobos galegos, o que fixo que en novembro de 1907 o ministerio de Instrución enviara a Santiago, en comisión de servizos, ao Catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Sevilla, para que estudiara a lepra en Galicia.

[3] Fotógrafo establecido en Vigo que se formara no estudo de Ksado.

1 de nov. de 2020

O alcalde de Bueu detido en Pontevedra

Comezar dicindo que as motivacións da detención do alcalde son estritamente políticas. Son momentos convulsos da política nacional onde a inestabilidade social, económica e de goberno  manifestase sen pudor na represión do contrincante ou adversario.

A alternancia, e ata cohabitación, entre políticos de distintas sensibilidades é unha constante o que, con outros ingredientes da época, levounos a exercer unha represión “rotativa” entre os dirixentes e partidarios das tendencias liberais dominantes (moderados e progresistas).

Como podedes supoñer estou a falar dunha época ‘algo’ distinta á actual. Deuse na rexencia de María Cristina, e máis concretamente no ano 1839, xa cando comezaban as revoltas populares que provocarían a renuncia da Rexente e a ascensión de Espartero.

O alcalde de Bueu era dende o 3 de xaneiro, Manuel González, natural de Cela. Sabemos que estivo retido na Axudantía de Praza-Fiscalía Militar da Rúa Real nº 4 de Pontevedra o 7 de agosto de 1839 por orde do Capitán Xeneral do Exercito e Reino en Galicia, por tres oficios que o Fiscal militar de Pontevedra, Santiago Cobas lle remitiu a o Señor Rexidor 1º do concello de Bueu, D. Domingo Ferradás.

Nestes oficios reclamaba (6-8-1839) “a fin de practicarlles certas dilixencias” a presentarse na súa casa de Pontevedra a Matias Freire (Mordomo de Stª Mª de Cela) e Salvador Martí (salgadeiro en Beluso, alcalde no ano 1838 e agora concelleiro).


No segundo oficio (7-8-1839), de forma urxentísima:”Siendo las tres de este día y su tarde; sin haberse presentado en esta Matías Freire Mayordomo del Sta María de Cela y Dn Salvador Martí de Beluso, según se lo prevenía en mi oficio de ayer; y como se halle detenido en esta el Alcalde Presidente de ese Ayuntamiento, se hace indispensable que sin pérdida de momento se presenten los sujetos especificados, bajo su más estrecha responsabilidad caso de detención.

Ao parecer tras este requirimento e “chantaxe” puido saír o Alcalde libre, xa que o día 21 dese mesmo mes o cita para que o día 26 acuda na compaña de Manuel Fernández Ramos (abade de Cela) para notificarlles una Providencia.


 

1 de out. de 2020

O misterio do bueués Ramón Miranda Pérez como xogador do F.C. Barcelona

 Hai pouco máis dun mes, Fernando Miranda púxome en coñecemento dun ‘suposto’ xogador do C. F. Barcelona no primeiro terzo do século XX, e que curiosamente era de Bueu. E de ser así, como se apelidaba ‘Miranda’, ata cabía a posibilidade de ser un familiar seu...

O bueués Amador Lorenzo Lemos foi o xogador de Bueu que acadou os máis altos niveis no fútbol español e o fixo porteiro no Barcelona, Real Madrid, Hercules C.F. e Real Murcia...

O raro do caso era que ninguén mencionara nunca outro veciño coma xogador dos grandes equipos da primeira liña da liga española.

Por suposto que sería, de ser certo, unha noticia moi interesante para compartir neste blog. Por todo o cal decidín recompilar toda a información que puidera sobre a personaxe e sobre a súa actividade partindo da ficha que na historia do F. C. Barcelona (no blog https://www.bdfutbol.com/es/j/j11530.html ) puña del na tempada 1932-33. Busquei máis pistas para analizar e nomes de familiares a quen preguntar.

A raíz disto conseguín un pequeno conxunto de documentos extraídos, case todos, de hemerotecas de xornais como El Correo Gallego, La Noche, etc. polos que puiden facer un seguimento da súa actividade como xogador, entrenador, masaxista, etc. coincidentes en parte coa ficha mencionada.

Pero o que quería confirmar en primeiro lugar era se existía ou existira unha persoa de Bueu con ese nome e que as datas de nacemento e defunción foran as mesmas.

Efectivamente houbo un tal RAMÓN MIRANDA PÉREZ nado en Bueu o 27-12-1908 (non no 7-11-1909 da ficha) e que morrera na mesma data que indicaba a ficha. A pesar de que eran moi significativas as coincidencias eu non podía dar por válida a noticia xa que na documentación manexada atopei indicios que me chamaron á atención que reforzada a teoría de que o bueués e o xogador eran dúas persoas distintas.


As pescudas, logo de artellar unha especie de árbore xenealóxica, leváronme a dar con familiares directos do Ramón Miranda de Bueu e un dos fillos deste confirmou que non fora xogador senón, toda a súa vida, mariñeiro.

O misterio fora resolto: eran dúas persoas co mesmo nome e apelidos e, por algún erro, alguén dou as datas e referencias de Bueu...cando o que tiña que poñer a orixe asturiana e non galega do xogador/adestrador.

1 de set. de 2020

Bueu reinou nas festas da Peregrina

 Este ano sen festas polo COVID-19 danos tempo a retomar a mirada ao pasado e fixarnos no anecdotario...

Se nos remontamos aos primeiros días do mes de xuño de 1967, atopariámonos coa comisión de festas da Peregrina de Pontevedra, presidida por Antonio Hereder Solla, traballando sen descanso ao fin de ultimar o programa de festexos dese ano.


Entre as actividades  a incluír no programa estaban os xogos florais e, na “Exaltación da muller galega”,  a elección da Raíña das Rías Baixas que, tal como se acordara o ano precedente, sería designado anualmente polos concellos das Rías Baixas, seguindo orde alfabética. E no 1967, tocáralle a Bueu.

Para cumprir o requisito a comisión dirixiuse ao concello de Bueu para que designase a raíña e ás seis señoritas que integrarían a súa corte de honra, e que os representaría nestas festas.

A elección sería en plenas festas da Peregrina (o 19-08-1967) para poder participar nese mesmo día na Batalla de Flores,  subidas na carroza da Comisión de Festas.

Percorreron as rúas 11 carrozas (4 de Vigo e 7 de Pontevedra) e a participación foi tan numerosa que  algúns xornais da época a cuantificaron en 25.000 persoas atraídos polas carrozas e polos desfiles de coches que con elas ían. As categorías eran varias: coches antigos, coches con motivos humorísticos e coches descapotables con parella, que se repartían cuantiosos premios en diñeiro, ata 1000 pesetas por categoría, e en obxectos de prata.

Curiosamente coñecemos moitos nomes que fixeron posible estes actos, así como músicos  e agrupacións que participaron nos mesmos: Banda de Música  ‘La Artística’ de Arcade, Real coral ‘Toxos e Froles’ de Ferrol, Danza das espadas de Redondela, Os de Marín,... e, curiosamente, do que é relevante para este blog de Bueu, o nome da Raíña e das compañeiras, non temos noticias ...

Pero as redes seguen pescando no mar e cando o saiba, vós tamén o saberedes.

31 de ago. de 2020

Barcos de Bueu e Beluso con homes armados para matar arroaces

Los cetáceos de las Rías Baixas, a vista de pájaro” é o último artigo que puidemos ler esta semana na prensa de Vigo falando dos arroaces, pero houbo moitos outros: Los cetáceos de las Rías Baixas, a vista de pájaro”,  Los delfines vuelven a criar en las Rías Baixas”, “Los delfines mulares de las Rías Baixas, más ‘acróbatas’ que los de Cerdeña y el Golfo Pérsico”, Las Rías Baixas, el reino de los cetáceos”, “Los biólogos, sorprendidos ante la inusual y variada presencia de cetáceos en las Rías Baixas“, etc.  Como pode comprobarse nas hemerotecas é un tema recorrente na tempada estival.
 O amigo Miguel díxome que estando pescando hoxe por Udra mirara moitos arroaces. E falando do tema lembrouse que cando neno ía co seu pai no barco e as veces escoitaba o son das bufas e sabía que “as bufas non fan dano nos aparellos como os arroases”.
E así falamos de cousas relacionadas con este tema, como da actividade lúdica como “as corridas de arroaces polas festas da Peregrina en Pontevedra”, do mandado do P. Sarmiento ao seu irmán para que dese a orde de que se verificase se os arroaces quedaban cegos en maio e xuño, etc. Logo apareceron nomes coma Martín Sarmiento, Calo Lourido[1], Felipe Valdés[2], etc. e, como non podía ser doutra forma, tamén Bueu e os arroaces...
Ao longo dos últimos séculos falar na costa galega de arroaces, botos, bufas, golfiños, toniñas, marsopas, touliñas, etc. era falar de cetáceos e dentro destes de diversas familias, como a dos delfínidos e case sempre coa mirada posta máis ben no mundo da pesca e non tanto da bioloxía dos mesmos. Unha mirada un tanto torcida pois, a maioría das veces, eran considerados polos mariñeiros, sobre todo xeiteiros, inimigos dende antigo.
O arroaz ou delfín mular pode verse polas nosas rías sobre todo pola tempada de verán tras os cardumes de sardiña.
El pensamiento gallego-23_03_1897
A súa presenza é aproveitada por uns ao servirlle de guía para saber onde se atopa o banco de peixe, que dirección toma ou facilitando o agrupamento deste. Para outros unha verdadeira desgraza, pois ao querer estes alimentarse da sardiña mallada rachaban os aparellos causando un prexuízo pola perda de tempo, ausencia de capturas, reparación das redes, etc. que se traducía nun gravísimo custe económico.
O mundo do mar moitas das veces tomou decisións inclementes con respecto a estes delfínidos, actitude que case sempre os levaba a solicitar ao goberno de que se autorizasen e se puxesen medios para a total erradicación dos mesmos. Estas medidas, poucas veces concedidas ían dende a recomendación de batidas, colocación de redes, presenza de lanchas con tiradores, gardacostas con artillería pesada etc. e, por pedir ata que interviñese a aviación lanzándolles bombas.
Exemplo dunha reunión para acordar cousas deste tipo a temos nunha celebrada en Marín, a finais de marzo de 1897, con representación de todos os portos da Ría onde se acordou contratar 10 embarcacións con dous mariñeiros e dous tiradores cada unha “en persecución constante dos delfíns, ata extirpalos”.
A Bueu e Beluso, xunto con Ardán lle correspondían 2 barcos.


[2] Cuadernos de estudios Gallegos, Tomo LI:”El problema pesquero con los delfines y su persecución en Galicia (siglos XIII al XX)”