8 de abr. de 2020

A Coqueluche en Beluso – Epidemia IV


Falar de A Coqueluche ao longo do tempo era falar dalgo que se identificaba cunha enfermidade infecciosa que afectaba, sobre todo, aos lactantes. Pero que é A Coqueluche e como a coñecemos na actualidade?
Para dar resposta a iso, e sen caer en explicacións amplas imos tomar ao Instituto Pasteur,  e ao seu departamento de referencia para a enfermidade, coma guía.
A Coqueluche tamén denominada como tosferina ou tose compulsiva[1] é unha enfermidade infecciosa de tipo bacteriano (Bordetella pertussis) que se pode dar en calquera tramo de idade pero afecta de forma máis frecuente e grave aos infantes e persoas que teñan certas patoloxías. O grao que ten de contaxio é moi alto.
Pareceranos que hoxe está erradicada, por non saír nos medios de comunicación ou por posuír potente medicación para facerlle fronte. Moi ao contrario pois aínda segue a bater anualmente a uns 24 millóns de nenos menores de 5 anos, dos que morren máis de 150.000. Unha barbaridade! Verdade? Pero como dáse en países pouco desenvolvidos, do chamado terceiro mundo, ... Unha mágoa!
En España a incidencia da enfermidade ao longo do s. XX non foi moita se exceptuamos pequenos brotes epidémicos que nalgunhas cidades como Oviedo chegaron a 700 casos nun so mes (1928) e con pouca mortalidade.
Se nos achegamos máis a nós, veremos que  na provincia de Pontevedra ese mesmo ano de 1928 o mes, xaneiro, no que máis atacados houbo con 80 e 2 falecidos. Sen embargo sería en marzo do ano seguinte o que máis contabilizou en valor absoluto, con 155 coa enfermidade dos que 6 morreron.
En Bueu o número exacto de coqueluchosos descoñécese, aínda que si se pode afirmar que os mortos foron moi poucos (1 cada dous ou tres anos) a pesar de que de vez en cando había un número nunca moi grande que a padecía.   
Vou poñer un par de oficios que fan referencia a esta enfermidade na parroquia de Beluso. O primeiro é do 4 de maio de 1928 no que o Inspector Municipal de Sanidade, Dr. Ignacio Lis Lombos, comunica ao alcalde, Camilo Davila Davila, do informe que lle envía ao Inspector Provincial de Sanidade sobre o estado sanitario en Bueu:

“Con esta data recibo comunicación do Médico de Beluso D. Rogelio Val Barros, que copiada di:
‘Estou asistindo fai días, a varios nenos que presentan os síntomas típicos de coqueluche e segundo puiden observar existe dita enfermidade en forma epidémica nos barrios de Ruanova, Cabalo, Praia, Sar e Montemogos, quedando indemnes por agora os barrios de Bon e Vilar’”.

Na seguinte comunicación, cinco días despois, se di :


“Teño o honor de comunicar a V.S. que no día da data, recibín comunicacións de todos os médicos do distrito os que me din, que non prestan asistencia médica a ningún caso de enfermidade infecto contaxiosa a excepción do Sr. Rogelio Val, médico de Beluso que me participa que a epidemia de tosferina segue en aumento e sen complicación de importancia”.


Por sorte, e grazas ás vacinas, hoxe non estamos a sufrir en forma epidémica esta enfermidade. Sigamos así!



[1] Houbo autores quen lle chamaban ‘bronquites epidémica’.

6 de abr. de 2020

A “Gripe Española” en Bueu -1918 - Epidemia III


Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace para que poidan verse ás imaxe e o artigo en Faro de Vigo: 

A triste realidade que coa que o COVID-19 golpea a nosa sociedade nestes días faime volver a mirada atrás a aquela outra grande pandemia, ocorrida entre 1918-1920, que se levou por diante varias decenas de millóns de persoas en todo o mundo. Foi a mal chamada “Gripe española”, precisamente por ser este país o que lle puxo cara á enfermidade xa que a orixe ou os primeiros casos estiveron, probablemente, en Kansas (Estados Unidos).
 En canto á incidencia da mesma na nosa provincia serviranos de referencia unha nota aparecida en El Díario de Pontevedra do 5 de outubro de 1918 titulada “La salud pública en Galicia” onde daba o dato dos vinte tres concellos que xa a padecían, entre eles Bueu, e dá recomendacións e ordes das que recollo algunhas para comparar coa nosa situación actual co COVID-19.
-          Como por esas datas na capital aínda había poucos casos de gripe e estes eran benignos aconsellaban: “... Non hai, por tanto, que alarmarse; ao contrario, non debe terse medo porque este ao deprimir o ánimo predispón a adquirir a enfermidade. Procuremos todos combater a epidemia desinfectando coidadosamente as casas, executar unha limpeza persoal exaxerada, e desta forma verémonos seguramente libres do mal que noutros pobos tantas vítimas produce.”
-          Non había confinamento pero...: “Tamén oficiou o Sr. Vieira (alcalde) aos propietarios de cafés, cines e teatros, aos curas párrocos e presidentes de sociedades de recreo para que o barrido se faga con serraduras humedecidas cunha disolución antiséptica.”
-          E isto parece que nos sona de algo hoxe: “... e aínda cando a maioría dos casos son de carácter benigno os que adquiren bronconeumónico son de funestas consecuencias.”

-          “O señor Gobernador civil recordou ás Alcaldías o contido do artigo 155 da Instrución xeneral de Sanidade que lles faculta para dispoñer dos servizos de cantos exerzan profesións sanitarias, en casos de epidemias...”
E cando máis forte atacaba a enfermidade o gobernador enviou a todas as Alcaldías o seguinte telegrama: “Reitero a miña orde de absoluta prohibición de acompañamentos fúnebres civís nos enterros epidémicos quedando cominada esa Alcaldía coa multa de 500 pesetas conforme artigo 204 Instrución Sanidade sen prexuízo de máis correctivos a que se refire, se non os impedise aplicando artigo 3º lei 15 de xuño de 1880 e notificando desde logo aos directores periódicos se absteñan de inserir en notas mortuorias a invitación acompañamentos que son reunións públicas non autorizadas por motivos de defensa sanitaria.”

Se nos cinguimos a Bueu, observaremos que ao longo dos oito primeiros meses do ano danse episodios de gripe común cun número baixo de contaxios, aínda que a consecuencia desta morren catro persoas: unha muller de 57 anos a primeiros de marzo na Cividade, un meniño de só un ano de idade en xuño en Beluso, outra de 80 anos en Bueu en xullo e unha de 76 anos no Viso-Cela en agosto.
Chegada a segunda metade de setembro, sobre todo na parroquia de Beluso en lugares como Bon, Montemogos ou A Rosa, aparece un brote infeccioso da “gripe española” moi relevante que afecta a un cento de persoas das que nos primeiros días de outubro contabilízanse cinco falecementos.
Será a partires do 3 de outubro cando a enfermidade comeza a segar vidas de xeito cruel con certificados médicos como ‘pneumonía gripal’, ‘bronco-pneumonía gripal’, ‘gripe e tuberculose’, ‘febres gripais’ etc. morrendo a diario un, dúas, tres, catro ou cinco persoas de tódalas franxas de idade, pero principalmente mozos (a media de idade é de 27,1 anos). Soamente nove persoas superaban os 50 anos e 16 eran menores de 10 anos.
Como podemos ver nas gráficas os picos máis grandes déronse no último domingo de outubro e o primeiro de novembro. É o punto de inflexión desta enfermidade, xa que a partires de aquí comeza a remitir o número de mortes ata desaparecer totalmente o domingo 8 de decembro, polo que é a data na que se pode dar por superada esta gripe no concello de Bueu.

Se vemos o gráfico de anos inmediatamente anteriores e posteriores e comparamos o total de mortes vemos que o 1918 supera con moito a mortaldade. O saldo total de mortes certificadas pola gripe en Bueu foi de 78 persoas: 40 en Bueu, 18 en Cela, 15 en Beluso e 5 na Illa de Ons. Aínda que en realidade quizais foran bastantes máis, pois houbo outras 62 mortes relacionadas con pneumonías e outros problemas pulmonares (Case todas as mortes certificadas de gripe eran por “pneumonía gripal”).
Entre o persoal médico que atendía aos pacientes na vila, estaba en Cela o Dr. José García Santaclara, tamén natural do lugar de A Torre-Cela. Tras case un mes de atención a un grande número de casos de gripe, acabou contaxiándose e falecendo a consecuencia dos efectos máis severos desta enfermidade.  Ademáis de médico exerceu como xuíz municipal ata o 9 de outubro de 1918. Sendo relevado por Tomás Bolíbar Massó o 11 de outubro. Poucos días despois García Santaclara finou por mor desta doenza.
Co medo a quedar desamparados de todo coidado ante a epidemia, moitos veciños desta parroquia asinaron un documento solicitándolle ao alcalde, tamén de Cela, José García Parada, para lle adxudicase a praza vacante ao médico de Bueu Ignacio Lis Lombos.
Tamén hai que dicir que os gastos desta epidemia, para as pobres arcas municipais, foron cuantiosas, sobre todo na adquisición e emprego de desinfectantes, así como a necesidade de facerse o concello con padiolas para o transporte dos cadáveres ao cemiterio.

Así como estes días miramos que había en Madrid, e noutras localidades, problemas para a cremación da inxente cantidade de cadáveres, en Bueu tamén houbo dificultades de espazo no cemiterio polo que tiveron que habilitar para enterramento os camiños do paseo central, os dous da parte superior, etc. que levou a queixarse aos propietarios que tiñan dominio de nichos por non ser respectados seus dereitos. Dende estas datas formuláronse reiteradamente alternativas dun novo e máis amplo cemiterio que se nun principio ía ser na Chadiza, co paso do tempo rematou sendo realidade no actual de Castiñeiras.  Aínda houbo que esperar 46 anos, ata 1964.
 En calquera epidemia ou simple enfermidade hai dous heroes que se complementan, o que a sufre e loita con ela e o profesional sanitario que lle axuda na batalla. Aquí xa nomeamos a dous dos médicos, o de Cela, ‘caído en combate’, e o de Bueu. Faltaba por citar ao de Beluso, o Dr. Rogelio Val Barros, ao que dous anos despois se lle recoñeceron os “abnegados e humanitarios servizos prestados con motivo da epidemia gripal” coa cruz de 1ª clase de Beneficencia con distintivo morado. Hai que ter en conta que o núcleo duro da pandemia de “Gripe española” focalízase no tempo entre 1918-1920.
Para rematar este pequeno apunte sobre a Gripe en Bueu, dicir que o medo á mesma perdurou moitos anos na poboación e púñase de manifesto en solicitar aclaracións na prensa, concellos, etc.
Así nos atopamos que o 19 de marzo de 1927 aparece una nota de Bueu en El Pueblo Gallego na que se dá conta dun comunicado do Dr. Ignacio Lis Lombos na que di:”… que é unha lamentable fantasía o cualificar de epidemia gripal o que soamente se reduce a algún arrefriado ocasionado polos cambios bruscos do tempo que estamos padecendo, sen que de ningunha maneira poida dárselles o nome de epidemia gripal, e que seus compañeiros de profesión nada lle comunicaron tampouco sobre asistencia a casos de gripe estes últimos días”.

O que agora estamos a padecer é serio, polo que desexo que esta mirada ao pasado nos axude a vela saída. 
Unha vez máis, no espello da historia miramos que si nos xogamos a vida. Polo que temos que seguir a ser responsables!
Xa queda menos para saír deste pesadelo!
Ánimo!

3 de abr. de 2020

Crises médicas en xeral. Illa de Ons - 1884-87 - Epidemia-II

Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace de Facebook  para que, o que o desexe, poida ver as imaxes: 

Nesta II Entrada seguirei sen falar das enfermidades en si, senón dos aspectos xerais sobre a chegada das mesmas, e para iso comezarei transcribindo unha pequena nota aparecida no xornal Diario de avisos de La Coruña, o 27 de setembro de 1884 páxina 3 que nos da unha primeira idea ante a chegada dunha enfermidade descoñecida: “Hai quen afirma que a enfermidade que hoxe angustia en Francia, Italia, España e que ameaza por estenderse á Portugal, no é o cólera senón unha epidemia completamente descoñecida en Europa e que presenta os mesmos síntomas que aquel, se ben non é tan mortal. Os que tal din baséanse na razón lóxica de que o hospede asiático non avanzaría con tanta lentitude causando tan poucas vítimas e corroboran seu aserto cos exemplos que o pasado lles brinda.”
 A historia ensínanos que enfrontar crises médicas deste tipo é unha tarefa bastante difícil. Moitas veces as epidemias dobregaron aos pobos que as padeceron. Tanto é así que non é raro que a impotencia ante a adversidade, ou as crenzas, leven a algúns a invocar ao divino ou a algún santo protector:  “Varias señoras desta cidade proxectan a celebración dunha novena a S. Roque, para que coa súa intercesión nos vexamos libres da epidemia.”[1]
Outros, máis que poñer remedios abondosos, o que fan é mitigar un pouco as carencias que lle deron pulo á enfermidade como ocorreu na epidemia tífica de 1887 na illa de Ons: “... o tifos causa horrorosas vítimas nos humildes habitantes da illa de Ons, habendo elevado estes ao Gobernador unha instancia en solicitude de facultativo, medicinas e roupas. O Gobernador Sr. Fragoso ordenou, vaia a dito punto un médico da capital que estudie as causas do mal e propoña as medidas hixiénicas que poidan contribuír a cortalo”[2]. E en contestación a este reclamo a actuación do poder central é a de: “Polo Ministerio da Gobernación, foron concedidas 1500 pesetas para remediar en parte a aflitiva situación dos habitantes da illa de Ons”[3].

Descoñezo ao médico que foi enviado a Ons. Anos despois, primeiros do s. XX, outra vez por tifos lle foi pedido que acudise á illa, ao que co tempo sería dono de Ons, o Dr. Manuel Riobó, recen chegado de Filipinas onde durante un par de décadas fixo fronte con éxito a distintas epidemias (disentería, variólica, febres palúdicas, etc.). Aquí en Ons, xa dobregada a enfermidade, recibiu unha carta de recoñecemento do alcalde de Bueu e os parabén dos seus veciños.



[1] Na epidemia de cólera en Vigo. Diario de avisos de La Coruña do 12 de setembro de 1884.
[2] El lucense do 5 setembro de 1887.  
[3] Crónica de Pontevedra do 8 outubro de 1887.