6 de abr. de 2020

A “Gripe Española” en Bueu -1918 - Epidemia III


Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace para que poidan verse ás imaxe e o artigo en Faro de Vigo: 

A triste realidade que coa que o COVID-19 golpea a nosa sociedade nestes días faime volver a mirada atrás a aquela outra grande pandemia, ocorrida entre 1918-1920, que se levou por diante varias decenas de millóns de persoas en todo o mundo. Foi a mal chamada “Gripe española”, precisamente por ser este país o que lle puxo cara á enfermidade xa que a orixe ou os primeiros casos estiveron, probablemente, en Kansas (Estados Unidos).
 En canto á incidencia da mesma na nosa provincia serviranos de referencia unha nota aparecida en El Díario de Pontevedra do 5 de outubro de 1918 titulada “La salud pública en Galicia” onde daba o dato dos vinte tres concellos que xa a padecían, entre eles Bueu, e dá recomendacións e ordes das que recollo algunhas para comparar coa nosa situación actual co COVID-19.
-          Como por esas datas na capital aínda había poucos casos de gripe e estes eran benignos aconsellaban: “... Non hai, por tanto, que alarmarse; ao contrario, non debe terse medo porque este ao deprimir o ánimo predispón a adquirir a enfermidade. Procuremos todos combater a epidemia desinfectando coidadosamente as casas, executar unha limpeza persoal exaxerada, e desta forma verémonos seguramente libres do mal que noutros pobos tantas vítimas produce.
-          Non había confinamento pero...: “Tamén oficiou o Sr. Vieira (alcalde) aos propietarios de cafés, cines e teatros, aos curas párrocos e presidentes de sociedades de recreo para que o barrido se faga con serraduras humedecidas cunha disolución antiséptica.
-          E isto parece que nos sona de algo hoxe: “... e aínda cando a maioría dos casos son de carácter benigno os que adquiren bronconeumónico son de funestas consecuencias.

-          O señor Gobernador civil recordou ás Alcaldías o contido do artigo 155 da Instrución xeneral de Sanidade que lles faculta para dispoñer dos servizos de cantos exerzan profesións sanitarias, en casos de epidemias...
E cando máis forte atacaba a enfermidade o gobernador enviou a todas as Alcaldías o seguinte telegrama: “Reitero a miña orde de absoluta prohibición de acompañamentos fúnebres civís nos enterros epidémicos quedando cominada esa Alcaldía coa multa de 500 pesetas conforme artigo 204 Instrución Sanidade sen prexuízo de máis correctivos a que se refire, se non os impedise aplicando artigo 3º lei 15 de xuño de 1880 e notificando desde logo aos directores periódicos se absteñan de inserir en notas mortuorias a invitación acompañamentos que son reunións públicas non autorizadas por motivos de defensa sanitaria.

Se nos cinguimos a Bueu, observaremos que ao longo dos oito primeiros meses do ano danse episodios de gripe común cun número baixo de contaxios, aínda que a consecuencia desta morren catro persoas: unha muller de 57 anos a primeiros de marzo na Cividade, un meniño de só un ano de idade en xuño en Beluso, outra de 80 anos en Bueu en xullo e unha de 76 anos no Viso-Cela en agosto.
Chegada a segunda metade de setembro, sobre todo na parroquia de Beluso en lugares como Bon, Montemogos ou A Rosa, aparece un brote infeccioso da “gripe española” moi relevante que afecta a un cento de persoas das que nos primeiros días de outubro contabilízanse cinco falecementos.
Será a partires do 3 de outubro cando a enfermidade comeza a segar vidas de xeito cruel con certificados médicos como ‘pneumonía gripal’, ‘bronco-pneumonía gripal’, ‘gripe e tuberculose’, ‘febres gripais’ etc. morrendo a diario un, dúas, tres, catro ou cinco persoas de tódalas franxas de idade, pero principalmente mozos (a media de idade é de 27,1 anos). Soamente nove persoas superaban os 50 anos e 16 eran menores de 10 anos.
Como podemos ver nas gráficas os picos máis grandes déronse no último domingo de outubro e o primeiro de novembro. É o punto de inflexión desta enfermidade, xa que a partires de aquí comeza a remitir o número de mortes ata desaparecer totalmente o domingo 8 de decembro, polo que é a data na que se pode dar por superada esta gripe no concello de Bueu.

Se vemos o gráfico de anos inmediatamente anteriores e posteriores e comparamos o total de mortes vemos que o 1918 supera con moito a mortaldade. O saldo total de mortes certificadas pola gripe en Bueu foi de 78 persoas: 40 en Bueu, 18 en Cela, 15 en Beluso e 5 na Illa de Ons. Aínda que en realidade quizais foran bastantes máis, pois houbo outras 62 mortes relacionadas con pneumonías e outros problemas pulmonares (Case todas as mortes certificadas de gripe eran por “pneumonía gripal”).
Entre o persoal médico que atendía aos pacientes na vila, estaba en Cela o Dr. José García Santaclara, tamén natural do lugar de A Torre-Cela. Tras case un mes de atención a un grande número de casos de gripe, acabou contaxiándose e falecendo a consecuencia dos efectos máis severos desta enfermidade.  Ademáis de médico exerceu como xuíz municipal ata o 9 de outubro de 1918. Sendo relevado por Tomás Bolíbar Massó o 11 de outubro. Poucos días despois García Santaclara finou por mor desta doenza.
Co medo a quedar desamparados de todo coidado ante a epidemia, moitos veciños desta parroquia asinaron un documento solicitándolle ao alcalde, tamén de Cela, José García Parada, para lle adxudicase a praza vacante ao médico de Bueu Ignacio Lis Lombos.
Tamén hai que dicir que os gastos desta epidemia, para as pobres arcas municipais, foron cuantiosas, sobre todo na adquisición e emprego de desinfectantes, así como a necesidade de facerse o concello con padiolas para o transporte dos cadáveres ao cemiterio.

Así como estes días miramos que había en Madrid, e noutras localidades, problemas para a cremación da inxente cantidade de cadáveres, en Bueu tamén houbo dificultades de espazo no cemiterio polo que tiveron que habilitar para enterramento os camiños do paseo central, os dous da parte superior, etc. que levou a queixarse aos propietarios que tiñan dominio de nichos por non ser respectados seus dereitos. Dende estas datas formuláronse reiteradamente alternativas dun novo e máis amplo cemiterio que se nun principio ía ser na Chadiza, co paso do tempo rematou sendo realidade no actual de Castiñeiras.  Aínda houbo que esperar 46 anos, ata 1964.
 En calquera epidemia ou simple enfermidade hai dous heroes que se complementan, o que a sufre e loita con ela e o profesional sanitario que lle axuda na batalla. Aquí xa nomeamos a dous dos médicos, o de Cela, ‘caído en combate’, e o de Bueu. Faltaba por citar ao de Beluso, o Dr. Rogelio Val Barros, ao que dous anos despois se lle recoñeceron os “abnegados e humanitarios servizos prestados con motivo da epidemia gripal” coa cruz de 1ª clase de Beneficencia con distintivo morado. Hai que ter en conta que o núcleo duro da pandemia de “Gripe española” focalízase no tempo entre 1918-1920.
Para rematar este pequeno apunte sobre a Gripe en Bueu, dicir que o medo á mesma perdurou moitos anos na poboación e púñase de manifesto en solicitar aclaracións na prensa, concellos, etc.
Así nos atopamos que o 19 de marzo de 1927 aparece una nota de Bueu en El Pueblo Gallego na que se dá conta dun comunicado do Dr. Ignacio Lis Lombos na que di:”… que é unha lamentable fantasía o cualificar de epidemia gripal o que soamente se reduce a algún arrefriado ocasionado polos cambios bruscos do tempo que estamos padecendo, sen que de ningunha maneira poida dárselles o nome de epidemia gripal, e que seus compañeiros de profesión nada lle comunicaron tampouco sobre asistencia a casos de gripe estes últimos días”.

O que agora estamos a padecer é serio, polo que desexo que esta mirada ao pasado nos axude a vela saída. 
Unha vez máis, no espello da historia miramos que si nos xogamos a vida. Polo que temos que seguir a ser responsables!
Xa queda menos para saír deste pesadelo!
Ánimo!

3 de abr. de 2020

Crises médicas en xeral. Illa de Ons - 1884-87 - Epidemia-II

Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace de Facebook  para que, o que o desexe, poida ver as imaxes: 

Nesta II Entrada seguirei sen falar das enfermidades en si, senón dos aspectos xerais sobre a chegada das mesmas, e para iso comezarei transcribindo unha pequena nota aparecida no xornal Diario de avisos de La Coruña, o 27 de setembro de 1884 páxina 3 que nos da unha primeira idea ante a chegada dunha enfermidade descoñecida: “Hai quen afirma que a enfermidade que hoxe angustia en Francia, Italia, España e que ameaza por estenderse á Portugal, no é o cólera senón unha epidemia completamente descoñecida en Europa e que presenta os mesmos síntomas que aquel, se ben non é tan mortal. Os que tal din baséanse na razón lóxica de que o hospede asiático non avanzaría con tanta lentitude causando tan poucas vítimas e corroboran seu aserto cos exemplos que o pasado lles brinda.”
 A historia ensínanos que enfrontar crises médicas deste tipo é unha tarefa bastante difícil. Moitas veces as epidemias dobregaron aos pobos que as padeceron. Tanto é así que non é raro que a impotencia ante a adversidade, ou as crenzas, leven a algúns a invocar ao divino ou a algún santo protector:  Varias señoras desta cidade proxectan a celebración dunha novena a S. Roque, para que coa súa intercesión nos vexamos libres da epidemia.[1]
Outros, máis que poñer remedios abondosos, o que fan é mitigar un pouco as carencias que lle deron pulo á enfermidade como ocorreu na epidemia tífica de 1887 na illa de Ons: “... o tifos causa horrorosas vítimas nos humildes habitantes da illa de Ons, habendo elevado estes ao Gobernador unha instancia en solicitude de facultativo, medicinas e roupas. O Gobernador Sr. Fragoso ordenou, vaia a dito punto un médico da capital que estudie as causas do mal e propoña as medidas hixiénicas que poidan contribuír a cortalo[2]. E en contestación a este reclamo a actuación do poder central é a de: “Polo Ministerio da Gobernación, foron concedidas 1500 pesetas para remediar en parte a aflitiva situación dos habitantes da illa de Ons[3].

Descoñezo ao médico que foi enviado a Ons. Anos despois, primeiros do s. XX, outra vez por tifos lle foi pedido que acudise á illa, ao que co tempo sería dono de Ons, o Dr. Manuel Riobó, recen chegado de Filipinas onde durante un par de décadas fixo fronte con éxito a distintas epidemias (disentería, variólica, febres palúdicas, etc.). Aquí en Ons, xa dobregada a enfermidade, recibiu unha carta de recoñecemento do alcalde de Bueu e os parabén dos seus veciños.



[1] Na epidemia de cólera en Vigo. Diario de avisos de La Coruña do 12 de setembro de 1884.
[2] El lucense do 5 setembro de 1887.  
[3] Crónica de Pontevedra do 8 outubro de 1887.

30 de mar. de 2020

Que pasa en Bueu? - 1924 - Epidemia-I

Inicio con esta, unha serie de Entradas no blog relacionadas coa historia das epidemias que golpearon á poboación, coa mirada de Bueu.
O percorrido non será cronolóxico senón máis ben ecléctico pero que servirá para amosar as enfermidades infecciosas máis comúns que tiveron pegada no noso territorio e, sobre todo, nas nosas xentes.


Para contestar a esa pregunta, Que pasa en Bueu?, remontarémonos a 1924 onde na páxina 2 do 9 de outubro, o xornal El progreso que se cualificaba como ‘semanario independente’ facíalle esta mesma pregunta á Inspección Sanitaria Provincial. Traduzo e transcribo o texto: 
Fai algúns días que ouvimos alarmadas noticias referentes a unha estraña enfermidade que viña producindo vítimas entre os veciños do fermoso pobo costeiro. 
Estes rumores, difusos nun principio, foron tomando corpo a medida que os días transcorren.
Moradores de Bueu afirmaron ante nós, que o número de atacados pola enfermidade reinante é con toda seguridade superior a sesenta e que os falecementos destes días exceden con moito ao triplo da mortalidade habitual.
Os modestos veciños de Bueu pregúntanse á hora de agora se o seu pobo pertencerá á provincia e se é certo que existen autoridades sanitarias chamadas como é presumible pensar a actuar en casos como este. Unha inspección local, outra inspección sanitaria provincial. Para cando reservan os seus bos oficios?
Realmente resulta estraño que cando en todo o pobo se fala diso con certa alarma, as autoridades competentes atópanse cos brazos cruzados e deixando aos pobos inertes ante a temida epidemia.
Diriximos estas liñas ao Sr. Inspector de Sanidade coa evidencia de que saberá acoller o noso aldrabada con aquela dilixencia que entendemos se merece, perseguindo, si é que o houbo, ocultación de casos sospeitosos de contaxio. En materia sanitaria, ata Marrocos está á nosa altura.
Non acudo a este artigo para, salvando as distancias, facer paralelismos cos momentos que estamos a vivir. Aínda que me sirve para poñer de manifesto que ‘Non hai nada novo baixo o sol’ (Nihil sub sole novum) e que a pesar das melloras históricas no sistema de saúde sempre hai e haberá moitas cousas que reclamar. E dende aquí reclamo todo o preciso para a seguridade de TODOS aqueles que arriscan as súas vidas para que outros poidamos vivir. Ase mesmo pido todo o que sexa preciso para aqueles que tratan de gañarlle o pulso ao COVID-19 e escapar da sega que este comezou.

Seguimos en Estado de Alarma por causa sanitaria, nada que ver co Estado de Alarma de Zapatero e lonxe daqueles decretos que substituían ao Estado de Guerra no 1934[1] e 1935[2] de Niceto Alcalá-Zamora, etc. Esta vez si nos xogamos a vida co mesmo. Polo que temos que seguir a ser responsables! 
Xa queda menos para saír deste pesadelo!
Ánimo!   


[1] Gaceta do 26-4-1934  no Artigo único “Declárase en todo o territorio nacional, incluso nos de Soberanía, o Estado de Alarma….”
[2] O 6 de febreiro de 1935 prorroga 30 días o Estado de Guerra, pero en certas zonas do país. Noutras séguese co Estado de Alarma declarado o 23 de xaneiro de 1935.